3/06/2014

O nacionalismo galego e a relación centro-periferia na UE


Leo con atención a serie de artigos que está a publicar o economista Manuel González López en Praza sobre a economía galega . Na súa cuarta entrega o autor comeza cuestionando, por simple e determinista, a vixencia da teorización do carácter periférico de Galiza a respecto do estado español enunciada por Xosé Manuel Beiras en O atraso económico de Galiza, situando agora esa relación centro-periferia, segundo o propio Manuel González López, entre, por unha banda, un centro-norte europeo con grande capacidade de innovación tecnolóxica e, pola outra, un sur de Europa  menos innovador e de man de obra menos cualificada (salvo, segundo o autor, as capitais; aínda que no cadro que adxunta ao artigo un pode ver como os territorios vascos e cataláns estarían, na cuestión innovadora, dentro deste selecto club). Así, escribe o autor:

"[Segundo] estudos do profesor Xavier Vence e un servidor e doutros autores, o mapa económico Europeo estaría dominado por unha serie de rexións altamente desenvolvidas do centro e norte de Europa xunto coas capitais dos diferentes Estados europeos, tanto do Norte como do Sur. A verdadeira fronteira económica viría da man xa non da existencia de actividades industriais senón da capacidade innovadora dos territorios, manifestada entre outros trazos nun tecido económico onde predominan as actividades de alta intensidade en coñecemento e tecnoloxía. Pola contra, a periferia europea –na que atoparíamos a Galicia- estaría integrada por rexións con menor capacidade innovadora e onde dominan, no ámbito industrial, actividades de intensidade tecnolóxica media e baixa así como servizos pouco avanzados e intensivos en man de obra de baixa cualificación (Vence e González, 2009)."

Non deixa de ser curioso que hoxe sexa Xosé Manuel Beiras quen, na súa aposta política estratéxica, semelle comprender mellor como esa contradición centro-periferia dentro da UE fai necesario cuestionar e reformular a política de alianzas do nacionalismo galego. E é que, se Xavier Vence, en troques, pertence a un partido (BNG) que aínda facendo unha boa lectura da cuestión europea teña pánico escénico a explicitar as consecuencias estratéxicas e de alianzas que implican o recoñecemento da existencia dunha relación centro-periferia entre os países e estados do norte e do sur de Europa; Manuel González López e, en xeral, o europtimista CxG, parece aceptar como boa (ou se cadra inevitable) a existencia desa relación centro-periferia dado que, como el mesmo suxire, non cabe ser determinista a respecto da imposibilidade de un país poder subir, á contra, a corrente do río (aínda que esta corrente á contra a constitúa a fenda abisal que separa aos países e Estados da UE entre acredores e debedores, unha arquitectura institucional europea pensada para o centro e unha moeda-trampa que aboca aos países e estados periféricos á miseria).

6 comentários:

Torcinho disse...

Entón do q se trata é de estar entre os acreedores innovadores?

O Fuco disse...

E de non morrer no intento.

Torcinho disse...

Eu pensei q o q había q facer era acabar coa relación.

O Fuco disse...

Eu tamén.

The_StolenPC disse...

Con todo o respecto, creo que nin o Manolo nin o David entendedes moi ben o que significa a relación centro-periferia en termos estruturais. Desde logo, o modelo centro periferia non ven definido nin pola especialización produtiva nin pola importancia relativa das actividades terciarias, nin tan sequera das innovadoras. O problema sustantivo son as posicións de control sobre as fraccións dominantes do capital (capital financeiro, produtivo e comercial). Centro periferia é cuestión de poder e control do excedente económico, que en definitiva vai asociado ao poder político relativo de cada quen. Se queredes saber a miña opinión non a mires por referencias indirectas e terxiversadas. Permite que che recomende o meu libro Crise e fracaso da UE neoliberal, unha alternativa democrática e soberanista. Con afecto. Xavier Vence

O Fuco disse...

Pois eu creo que si entendo o que é a relación centro-periferia malia non ser economista.

En canto ao post, limiteime a citar a un economista, neste caso Manuel González, que, entendo eu, mostra como esa relación centro-periferia tamén se evidencia na cuestión da innovación. Sen eu ser economista, podo comprender perfectamente que esta cuestión da innovación non é máis que a epiderme do asunto. Sendo o importante que dentro da eurozona, Alemaña, despois de políticas de dumping salarial que arrancan dos tempos de Schroeder, ten uns superavits comerciais descomunais aos que os países do sur non poden facer fronte de ningún xeito que non sexa con devaluacións internas que os levan á miseria e que destrúen o seu tecido produtivo. E por irlle ben a Alemaña esta arquitectura da UE aquela non quere oír falar de integración fiscal ou bancaria nin de mudar o funcionamento do BCE.

En todo caso, creo que no que a Xavier Vence respecta, a miña referencia a el e ao BNG non ten nada que ver con que a relación centro-periferia veña definida pola especialización económica ou non. O que eu digo sobre o BNG é que, facendo unha lectura que comparto a respecto do papel da Unión Europa (a algún militante do BNG mesmo lle lin formular a idea dunha alianza, tipo ALBA, dos países sureuropeos, cousa que tamén me parece atractiva) ten pánico escénico a explicitar as consecuencias políticas e de alianzas que se derivan de acreditar que dentro da Unión Europea existe unha relación centro-periferia entre países e estados do norte e países e estados do sur. Saúdos.