5/28/2013

Antes aquí fabricaban aceiro


Unha furia estratéxica
"Grecia". Das Kapital.

Antes aquí fabricaban aceiro, dille con melancolía afectada un dos sicarios do Grego ao sindicalista Sobotka mentres ollan —este si saudoso do pasado— o que queda dunha fábrica fumegante ao outro lado da baía. O polaco, líder do sindicato de estibadores, resístese a facer a vista gorda, en troca dun bo feixe de dólares, con outro contedor cheo de carga ilegal; pero esa frase recórdalle que os bos tempos nos que o traballo sobraba xa pasaron.
Dificilmente se pode retratar con máis precisión e economía de imaxes e palabras —como o fai esta escea da serie The Wire— toda unha época que viu como os países centrais do sistema-mundo pasaban do capitalismo de base industrial ao capitalismo financeiro. Unha época, tamén, que asistiu á desactivación do movemento obreiro e ao seu esfarelamento como colectivo organizado de xeito autónomo.
Pasada a belle epoque do benestar a crédito, co que hoxe nos atopamos é cunha resaca de proporcións fenomenais. No noso país, e segundo o informe de Cáritas Interparroquial de Santiago, Na procura de alternativas (II), isto se traduce en 650 000 persoas en situación de exclusión social, das cales 120 000 están en situación de pobreza severa, un desemprego de case 300 000 persoas, un 22%, e crónicas frecuentes nos medios de comunicación sobre a afluencia nunca vista nas últimas décadas a comedores sociais e de caridade. Se a isto sumamos ás clases medias en risco de desclasamento que fan equilibrios por non baixar nos postos de clasificación socioeconómica tapando como poden as débedas contraídas durante o tempo das hipotecas regaladas cuns salarios á baixa e unha chantaxe continua nos seus postos de traballo para aceptaren o inaceptable e unha mocidade mantida ao abeiro da familia que se ve abocada ben a prolongar o seu período de formación indefinidamente, ben a ingresar nun magro mercado de traballo hiperprecarizado, ben procurar a vida noutro país, o resultado do fresco é calquera cousa menos edificante.
Con este panorama como pano de fondo, ben poderiamos subscribir a cita dun historiador inglés que introduce E.P Thompson en "A formación da clase obreira en Inglaterra" e que di: "Un novo mestre está a traballar entre as masas: a escasez". Porén, e como o propio E.P. Thompson tiña ben claro, ese traballo que fai a escasez non ten porque dar un resultado único; de feito, ben pode dar como resultado, a historia xa o ensinou, a barbarie. De aí que o autor de "A formación..." se molestase en demostrar que a clase obreira inglesa non é o produto dunha situación dada de xeito estrutural senón que é un proceso de autocreación baseado na propia praxe das xentes de abaixo. 
Non é gratuíto regresar a Thompson e ao seu libro precisamente neste momento. Un ten a impresión de que, en certa forma e se se me permite o que esta comparación poida ter de abuso volvemos estar nun estadio semellante ao que se describe nas páxinas de "A formación...". Isto é, no inicio —iso quere pensar o meu optimismo da vontade— da creación dun novo suxeito transformador. 
De igual xeito que sucedía con aquelas "Sociedades de Correspondencia" —grupos de persoas espalladas por toda Inglaterra que, mediante cartas, comezaban a tecer as súas propias redes de activistas no século XVIII— dá a impresión de que tamén hoxe estamos nese estadio larvario e inarticulado dun Movemento Democrático que, polo de agora, só é comunicación e intercambio de experiencias —desta volta botando moita man da Internet— sen concreción organizativa de certa entidade na vida cotiá. 
Outras teorizacións como a de Acumulación por desposesión de David Harvey —que viría ser algo así como a reedición no presente da Acumulación orixinaria de capital da que fala Marx para os comezos da revolución industrial— parecen confabularse con esta idea de estarmos, novamente, nun intre fundacional. Unha terra ignota que en Europa e EUA deixa atrás o pacto social da fin da segunda guerra mundial. Nun cambio de época no que as clases populares deben recomezar, practicamente, de cero. Para Harvey, o capitalismo está a sobrevivir mediante a súa extensión a ámbitos que tiña vedados como a sanidade ou a educación e a base dun novo “cercamento” e privatización de bens comúns aínda non explotados (materias primas, recursos enerxéticos, terras para a produción de alimentos, etc.). 
No caso galego esta idea é tan evidente (subvención pública do ensino privado, Hospital privado de Vigo, megaminería expoliadora no 62% do territorio galego, barra libre ao fracking, expropiación de montes en mancomún como o de Cabral para construír novos centros comerciais nunha área saturada deles, etc.) que fai do noso país un exemplo tan paradigmático do que sinala Harvey como calquera outro lugar do globo. 
É moi probable que esta nova Acumulación por desposesión se estea a levar a cabo sen ningún tipo de barreira de contención debido ao total desarme ideolóxico e organizativo das clases populares —tras o fracaso do socialismo real e o consecuente fracaso dunha socialdemocracia de elites sen base social— e pola dexeneración das vellas formas organizativas: o partido e o sindicato. Unhas fórmulas organizativas que, perdido hai tempo o seu papel de vertebradoras —de creadoras mediante a propia actividade cotiá dos seus militantes de cultura e de valores— transformáronse en partido-representante —cada día máis sen representados— e en sindicato-xestor —cada día máis sen afiliación e, sobre todo, sen afiliación autónoma dos valores, expectativas e modos de vida dominantes. 
Como no paradoxo do ovo e a galiña a causa é consecuencia e a consecuencia é causa. O desartellamento social provoca máis desposesión, a cal, á súa vez, provoca máis desartellamento. Nalgún momento terá que rachar este círculo infernal no que nos atopamos pero polo de agora parece que o intre en que as clases populares se reinventen, en tanto que suxeito consciente e suxeito creador (ou actualizador) dos seus propios instrumentos de loita e emancipación, tardará de vez.
Nos debates que todo isto introduce —ou debería introducir— nos partidos políticos e sindicatos concretos existentes, a demanda de democracia interna é só a punta do iceberg. A democracia interna quere ser a pica que escache a dura pedra conformada polos que sempre estiveron aos mandos das organizacóns, unha dura pedra sedimentada a través de anos de inercia, comodidade e falta de atención á realidade —isto no mellor dos casos— ou de malas prácticas, de actitudes hipócritas e de aproveitamentos pouco éticos da organización —no peor.
En verdade, esta demanda de democracia interna que permita cuestionalo todo e cuestionar a tod@s é só a pulsión aínda existente dentro das organizacións clásicas da esquerda para que “o recomenzar” non parta absolutamente de cero. É a teima aínda viva dentro das organizacións de pensar que se está a tempo de construír a partir dos cascotes existentes. De crer que as vellas organizacións aínda poden servir como trampolín para crear nova praxe que rearme a autoorganización das clases populares. 
Porén, o fracaso destes procesos democratizadores no seo das organizacións actualmente existentes non significará o fracaso daqueles que propugnan a democratización. Antes ben, significará o fracaso, por man interposta de quen por acción ou omisión seguen a gobernalas con man de ferro e cegueira proverbial, das propias organizacións.



5/14/2013

Sostén Xavier Vence


Na entrevista con Xavier Vence que hoxe publica Praza afírmanse un par de cousas sobre Anova das que me gustaría facer algún comentario. Sostén Xavier Vence que:

"Anova ten que aclarar cara a onde quere bascular de forma máis clara. Eu teño claro, pola información que vou tendo, que aí dentro hai diferentes sensiblidades e apostas estratéxicas." 

Correcto. Ten toda a razón Xavier Vence. Esa é exactamente a tesitura na que se atopa neste momento Anova.

Sostén Xavier Vence:

"Hai algunhas persoas que apostan máis claramente por manter un perfil nacionalista e outras que apostan por construír unha alianza moi estable con Esquerda Unida."

Incorrecto. Non ten razón Xavier Vence. No plano electoral hai persoas que fan súa a idea forza coa que naceu Anova, e que foi abalada pola cidadanía nas eleccións, de traballar por unha Fronte Ampla que pivote na esquerda. Partindo disto Esquerda Unida foi, entre outras forzas coma Espazo Ecosocialista ou Equo, quen entendeu que por aí se abría unha vía na que era posible traballar conxuntamente. O BNG, doido de máis no seu orgullo, desprezou esta idea. 
Porén, a nivel estratéxico, hai máis diferenzas entre os dous polos. Así, o que unha parte da militancia de Anova está a demandar é un tipo de organización menos centrada na mera representación nas institucións e máis volcada na creación dun movemento contrahexemónico que utilice á organización partidaria como simple ferramenta e non coma fin en si mesmo; xa que aquí o dilema é se compre construír unha organización dedicada unicamente a representar –representar, por certo, a quen? Quen é o suxeito político a representar? Existe ese suxeito político, en tanto que colectivo organizado de xeito autónomo, cando un par de titulares da prensa sistémica é capaz de marcar a axenda de calquera partidiño da esquerda que xoga nas institucións e de condicionar o voto da súa base electoral?– ou compre dedicar os esforzos a organizar o tecido social, co que isto conleva de cesión de protagonismo e poder, a dar músculo á sociedade civil, a construír ese movemento que se supón que se pretende representar?
Enfrontado a este sector de Anova, existe outro que dá por feito que si existe un suxeito que representar (non teño claro se ese suxeito é a caricatura que hoxe queda do movemento obreiro doutrora, o precariado alienado pola cultura de clase media ou, como suxería a compañeira de Xavier Vence, Ana Pontón, nun debate recente: a nación galega que non hai que construír porque, ao igual que as ideas platónicas, existen eternamente per se) que polo tanto non compre dedicar enerxías ao traballo na sociedade civil e si ás institucións e ás eleccións e que pretende un tipo de organización non moi diferente do BNG ou de calquera partido clásico, isto é, un partido hipertrofiado arredor do traballo institucional e organizado xerarquicamente que desenvolva a retórica revolucionaria que o momento histórico parece demandar pero que finalmente non pase da práctica socialdemócrata (e iso se lle deixan pois, en canto tenten levar a cabo o programa e os poderes fácticos lles paren os pés, atoparanse sen ningún tipo de contrapoder na sociedade civil para amortiguar o golpe e, eventualmente, devolvelo). 
Naturalmente, este sector actuou cunha irresponsabilidade incrible ao arriscar a única ferramenta partidaria que existía nas institucións –o BNG– unicamente por unha cuestión de cambio de cadeiras nas posicións de poder. O outro sector (ou cando menos aqueles dese sector que procedían do BNG), en cambio, partía de que o Bloque era unha ferramenta esgotada de aí que, ao abandonalo e ao apostar por algo totalmente diferente, fosen coherentes co que pensaban.

Independentemente de que sector consiga levar a cabo a súa estratexia despois da AN de xuño, Anova ten un futuro inmediato prometedor. A fachada está limpa e aínda vai ser, durante bastante tempo, un produto vendible no mercado electoral. Pero cunha sociedade civil articulada, ideoloxizada e disciplinada pola dereita os seus pés, se só se dedica ao mercadeo electoral, serán de barro. 

Claro que é tamén moi probable que eu, que son un simple pelanas e un diletante, estea totalmente equivocado en todo o que veño de dicir.

5/12/2013

Textos escollidos para ler o presente (XIII)


Pois agora que semella que no interior de Anova a "rebelión cínica" leva varios corpos de vantaxe á "rebelión cívica", é dicir, cando é evidente e sabido que dentro de Anova hai, como pouco, dúas Anovas, con dous proxectos moi diferentes entre si, é ben preguntarse se a que se erixe como alternativa está disposta a pasar da teoría á práctica ou se simplemente optará por un deixarse matar con tanta docilidade como é de grande o seu medo a matar ao pai. 
Vén a conto de todo isto o texto de Gramsci que reproduzo a seguir e que pertence a Os intelectuais e as clases subalternas. Nel recórdasenos que non hai gran político que non sexa un gran organizador. Que non hai líderes simbólicos se estes non queren baixar ao lameiro e pelexar. E que non hai gran teoría, nin grandes ideas, por máis xustas e fermosas que sexan, se non se poñen en acción os músculos que as leven a cabo. Compre aclarar canto antes se contamos con este tipo de líderes entre nós ou se mellor nos dedicamos aos nosos praceres privados.


As grandes ideas e as fórmulas vagas.

As ideas son grandes na medida en que son realizables, é dicir, na medida en que aclaran unha relación real que é inmanente á situación, e aclárana porque mostran concretamente o proceso de actos a través dos cales unha vontade colectiva organizada enxendra esa relación (créaa) ou, unha vez manifestada, destrúea por substitución. Os grandes proxectistas charlatáns son tais precisamente porque na "gran idea" expresada non saben distinguir os vencellos que ten coa realidade concreta, non saben establecer o proceso real de actuación. O estadista de altura intúe simultaneamente a idea e o proceso real de actuación: elabora o proxecto canda o "reglamento" que o ha executar. O proxectista charlatán procede "tentando e volvendo a tentar"; é o clásico "tecer e destecer". Que significa que "teoricamente" o proxecto debe vincularse co reglamento? Quere dicir que o proxecto ten que ser comprendido por todo aquel elemento que interveña, de tal modo que vexa cal debe ser a súa tarefa na realización e actuación; que o proxecto, ao suxerir un acto, permita prever as súas consecuencias positivas e negativas, de adhesión e reacción, contendo en si mesmo as respostas a esas adhesións ou reaccións; que ofreza, en suma, un campo organizativo. Este é un aspecto da unidade da teoría e a práctica.
Corolario: todo gran político necesariamente ha de ser tamén un gran administrador; todo gran estratega, un gran táctico; todo gran doutrinario un gran organizador. Este pode ser incluso un criterio de valoración: xúlgase ao teórico, ao planificador, polas súas cualidades como administrador, e administrar significa prever as accións e as operacións, incluso as "moleculares" (e as máis complexas tamén, por suposto) necesarias para executar o plan.

5/06/2013

Dominó


Transcrición da miña sétima (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Poderase escoitar aquí (a partir do min. 8`34``). Música de fondo : New Coat de Come.

Que facían os vellos nas ruídosas timbas de dominó das tascas entre partida e partida? Darlle a volta a todas as fichas enriba da mesa, remover ben e iniciar un novo reparto para unha nova contenda. Nun momento semellante a ese un fundido en negro entre secuencia e secuencia no que o escuro revés de todas as fichas se dispoñen de xeito caótico á vista de todos é no que nós estamos agora a todos os niveis.

Antes de entrarmos neste limbo a doxa oficial aseguraba que viviamos na era da fin das grandes narracións. Ao tempo, unha única narración de dimensións xigantescas ocupaba todo o espazo do políticamente posible. Baixo esa narración, que auguraba a extensión da opulencia a todos os recantos do planeta a base de dar renda solta aos mercados e á súa lóxica os grandes organismos como a OTAN, a OMC ou o FMI construíron un mundo unipolar e unidimensional que baseaba o seu funcionamento nun sistema de crecemento piramidal.

Baixo esa gran narración o Estado Español tentou homologarse aos países ao norte dos Pirineos entregándose a un europeísmo paifoco que só un territorio en permanente terapia psicanalítica coma este e cunha intelectualidade que tan pouca xustiza fai a ese nome podería asumir de xeito tan acrítico. Esa sorte de Cuéntame como pasó –segundo o cal manterse na estreita liña dos "grandes consensos", sempre ameazada polos estremos, aseguraba un progresivo benestar e unha progresiva modenización é o que agora rematou.

Durante as últimas décadas, o PSOE identificouse coma ningún outro partido do estado con esa idea de consenso permanente con final feliz. De aí que hoxe sexa ese partido o gran damnificado polo ocaso cultural do neoliberalismo, pola aplicación ao paciente das inxección de cabalo sen anestesia e sen palabras tranquilizadoras ningunhas que o convenzan de que ha saír do quirófano mellor do que entrou. De aí tamén, que os chamamentos aos máis variopintos pactos de Estado que cada poucos días lanza Rubalcaba ao Partido Popular pasen, para a cidadanía outrora afecta ao PSOE, sen pena nin gloria.

Dos resultados do último barómetro do CIS do mes de abril podemos sacar, como mínimo, un par de conclusións. A primeira é que o PSOE é unha metonimia do Reino de España. Se o electorado do PP é un bloque pétreo de lentas e sempre suaves reaccións ao entorno, o do PSOE é o termómetro de precisión do clima social xeral. O esboroamento do voto socialista é a proba de que as grandes narracións que mantiñan a cohesión ideolóxica xa non funcionan. O que acabe sucedendo nese partido será un adianto do que acabe sucedendo en todo o Estado Español. Se o PSOE –como tal ou cando menos o que representa sobrevive, poderemos dicir que o transformismo volveu trunfar como na Transición e as elites actuais terán conseguido darlle unha patada á pelota para adiante mediante unha nova narración de certa verosimilitude. Se o PSOE continúa a súa decadencia ábrese a posibilidade de que a partida do dominó na política partidaria sexa radicalmente diferente á de agora. Diferente e aberta. Non necesariamente mellor pero tampouco necesariamente peor.

A segunda conclusión é que, malia que a polémica mediática se situou arredor de se o CIS preguntaría ou non pola monarquía –institución, por certo, que vive o seu propio fundido en negro a verdadeira clave de bóveda do que está a suceder e do que se poida ou non facer no futuro en canto á aplicación de políticas alternativas radica no que aconteza coa Unión Europea. Se cadra por iso non aparece en todo o barómetro pregunta ningunha sobre a pertinencia de permanecer ou non na UE ou sobre a necesidade de recuperar a emisión de moeda para que a devaluación poida ser monetaria en lugar de social. Que este debate non constitúa o cerne do CIS é bastante comprensible. Que tampouco apareza coa entidade que merece no seo dunha esquerda medosa de falar claro á cidadanía sobre o papel da Unión Europea é bastante máis preocupante.