4/17/2013

Lumpen


Onte o diario El País publicaba un artigo asinado por un tal Luis Prados titulado El fin del lumpen chavista. Un texto que, máis que o neoliberalismo rampante xa habitual no que foi o xornal de referencia da progresía hispana, o que rezumaba era puro darwinismo social e puro odio de clase.
Entre outras pérolas podíanse ler cousas como que la política asistencialista del Gobierno, ejecutada con discreción política, no ha sacado a nadie realmente de pobre, pero ha ampliado el número de aquellos que se mueven con un pie fuera y otro dentro de la legalidad. Sus grandes beneficiarios han sido los malandros; ou que la "burguesía", es decir, la gente corriente que se levanta temprano para ir a trabajar, sobrevive salvando los obstáculos que el chavismo ha ido sembrando en la vida cotidiana de los venezolanos.
Así, o autor do libelo disgrega da poboación ás persoas que, segundo el, nin teñen emprego nin o queren e enfróntaos á honesta xente que se levanta todos os días a traballar. Un retrouso evocador do Sarkozy que pretendía reivindicar uns supostos valores de autoridade e  esforzo dos franceses que se levantaban cedo todos os días como cortina de fume para non atallar as causas reais dos incendios de coches na banlieu por parte da xuventude de orixe árabe estruturalmente excluída.
Tanto ten que no texto de Prados haxa contradicións flagrantes  —como cando, tras reivindicar aos bos traballadores, se dedica despois a despotricar das medidas implementadas polo chavismo a favor dos propios traballadores (indemnización dun ano de salario por despedimento)— porque do que se trata non é de ser veraz nin congruente senón de construír unha boa narración que permita reenmarcar o conflito de clase dun xeito beneficioso para a clase opulenta.
Do mesmo xeito que no antigo réxime só as clases propietarias e ben educadas podían exercer o dereito ao voto (pois se consideraba unha temeridade permitir que as masas de analfabetos pobres decidisen os destinos dun país) no novo sufraxio censitario que vén trátase de eliminar da area política a aqueles que non teñen nada máis que perder que as súas cadeas e de deixar as cuestións de "gobernanza" en mans dos grupos selectos de "expertos", que para iso son os que saben. De feito, este antigo réxime posmoderno era o que xa rexía en países como Venezuela até non hai moito, onde bolsas enteiras de poboación estaban excluídas da polis (os culebróns venezolanos coa súa presenza exclusiva de actores caucásicos son só o seu reflexo cultural) conformando no país caribeño unha sorte de casta de intocables das Indias Occidentais. O chavismo reintroduciu a esa non-xente, aos malandros, na area política. O chavismo politizou ao lumpen que, na moi democrática e europea Inglaterra, curiosamente, chaman coa palabra de orixe xitana (outros eternos excluídos) chavs. O chavismo, por poñelo en termos de Agamben, outorgou status político aos que non eran máis que carne andante, nuda vida amontoada nos ranchitos; algo, naturalmente, imperdoable.
Esta nova estratificación social de natureza mítica é debedora das que no seu momento puxeron en circulación Reagan e a recén falecida Margaret Thatcher (que o inferno lle sexa un inferno) coas súas raiñas negras da beneficiencia e os seus sindicalistas matóns e non ten máis fin ca seguir delimitando a democracia de baixísima intensidade pola que se devece, toda vez que en momentos de crise económica capitalismo e Democracia, así, con maiúsculas, son cousas incompatibles.
Ben fino estivo o recén electo presidente Maduro ao dicirlle ao ministro de asuntos exteriores español que en lugar de dedicarse a desestabilizar Venezuela dedique os seus esforzos a atender ao 25% da poboación parada do estado español. Esa altísima porcentaxe de xente sen emprego, e que segundo o propio FMI ten poucos visos de conseguilo durante bastante tempo, é a que pode acabar convertíndose no lumpen incontrolable que desafíe ás "boas xentes traballadoras" españolas (na nomenclatura de Luis Prados, a rancia burguesía de toda a vida). En coherencia con isto, e como adianto do que poderemos ver de aquí en diante, a campaña de acoso e derribo á Plataforma de Afectados pola Hipoteca é outro capítulo da mesma historia. Se só a propiedade pode outorgar status político á persoa, sexa en forma dun inexistente posto de traballo ou dunha inexistente vivenda libre de hipoteca, ten toda a lóxica que aqueles abocados a viviren debaixo dunha ponte por non poderen pagar a hipoteca ingresen na turba dos untermenchen (e aínda teñen a falta de pudor de acusalos de nazismo!). Por iso, dentro da vergonzante ignorancia de María Dolores de Cospedal, hai un momento de verdade cando afirma que "os votantes do PP antes deixan de comer que de pagar a hipoteca"; e ese momento de verdade é aquel que suxire que non pagar a hipoteca, non ter propiedade, é o equivalente a estar morto (cousa esta que lle acostuma suceder ao ser humano cando non come). Dito doutro xeito: no darwinismo social que vén esta coincidencia entre a morte política e a morte biolóxica non pode querer dicir máis que que só a vida dos politicamente activos é unha vida realmente valiosa, non excedentaria, non eliminable. Que ao defunto Chávez o alcumasen de Gorila Vermello ou que a xente da PAH, e en xeral todo aquel que se mova no estado español, sexa alcumado de Perroflauta incide nunha longa tradición, a animalización do inimigo político tipicamente fascista. É o xeito máis sinxelo de separar no imaxinario público ás persoas-persoas (os suxeitos de dereito) das non-persoas (pura vida sen status simbólico), aos humanos dos animais. Criaturas estas, os animais, que, como sabemos desde que o filósofo Toni Cantó impartira un seminario sobre o tema no congreso dos deputados, non son suxeito de dereito porque non son os nosos iguais éticos. De aí que o seu maltrato, ou o desprezo á súa vontade política, non sexa nunca un problema ético que os gobernos de expertos e tecnócratas deban considerar.



4/02/2013

Todos somos negros


Transcrición da miña sexta (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Poderase escoitar aquí (a partir do min. 0`00``). Música de fondo :Journey in Satchidananda de Alice Coltrane.

Hai tempo escoitelle ao cómico Javier Cansado algo así como que el non lía ningún libro ao que non lle tivesen pasado por riba algúns aniños. Un xeito de garantir que só se perderá enerxía lendo aquilo con capacidade de trascender o meigallo da novidade e de sobrevivir á conxuntura do presente. 

Como un fai algo semellante cos produtos televisivos, aínda estiven vendo estes días a primeira temporada de The Wire, a trama policial ambientada na cidade de Baltimore que, a dicir do seu director David Simon, tenta mostrar como "o capitalismo salvaxe e sen freos despreza aos seres humanos". 

Asistindo como espectador ao día a día da barriada afroamericana que só atopa no tráfico de drogas un xeito de integración e de ascensor social, veume á cabeza, aínda que pareza paradoxal, aquel artigo 14 da Constitución de Haiti de 1805 que proclamaba: "Todos os cidadáns, de aquí diante, serán coñecidos pola denominación xenérica de negros". 

A máxima haitiana recoñecía a cidadanía universal a base obviar os mil matices de pel e de identificar ao todo coa parte máis excluída. Na nosa época de contrarrevolución, imitar o xesto haitiano non redundará nun maior recoñecemento de dereitos pero polo menos axudará a tomar consciencia de cal é o lugar do que partimos. A ver se me explico.

Cando un ve The Wire, ten a impresión de que o modelo Baltimore, que o xeógrafo marxista David Harvey, concidadán tamén dese lugar, ten analizado nalgún dos seus libros, pode estar máis preto de nós do que pensamos. Baltimore, di Harvey, ten unhas "corenta mil casas baleiras" pero "as concentracións de persoas sen fogar, a existencia de desemprego e de pobres empregados é evidente en todas partes. As fileiras nas cociñas económicas fanse cada vez máis longas e os centros de beneficencia de moitas igrexas están sobresaturados.As desigualdades medran a pasos axigantados. Os masivos recursos educativos da cidade están vetados para os nenos que viven alí. Os colexios públicos están nun estado lamentable. A pobreza crónica e todo tipo de signos de dificultades sociais reinan á sombra dalgunhas das mellores institucións médicas e de saúde pública do mundo, que son inaccesibles para as poboacións locais." Acaso non comezan a ser todas estas cousas familiares nesta nosa Europa do sur que pouco a pouco se vai desenganchando da utopía de benestar e capitalismo domésticado que quería ser a Unión Europea? 

Pero, ademais destas condicións materiais, temos algo máis en común co Baltimore de David Harvey e de The Wire que tamén traballa a favor da consigna "Todos somos negros": hoxe que en Europa o movemento obreiro é unha caricatura do que foi, as maiorías sociais nosas teñen tan extirpadas como as clases populares norteamericanas a cultura de esquerda e as ferramentas ideolóxicas e organizativas propias daquela. Tamén neste aspecto estamos xa igualados co centro do imperio. 

En coherencia con isto, se cadra, non estaría mal revisitar, como recordou Rebeca Baceiredo recentemente, as maneiras dun movemento que tratou de ofrecer unha estratexia viable nese contexto: os Black Panthers. Se un procura na rede o nome de Emery Douglas, o seu Ministro de Cultura, vai atopar unha obra gráfica que o introducirá de xeito rápido e ameno nas cuestións a que dedicaban os seus esforzos os Panteiras Negras dentro das comunidades negras estadounidenses: crear programas de educación, de alimentación e de saúde accesibles ás clases populares. Isto é, programas encamiñados a articular unha sociedade completamente alienada e a dotarlle do Estado do Benestar que as institucións lle negaban. 

Esta é unha estratexia lóxica para quen queira crear conciencia política onde non a hai. É a estratexia seguida tanto polo chavismo como pola estrema dereita grega, dous movementos antagónicos mais con igual vontade de seren masivos. Se o tempo verifica que ese "capitalismo salvaxe e sen freos no que se despreza aos seres humanos", do que falaba David Simon, chegou aquí para ficar, a nosa esquerda patria mellor faría en ir considerando a posibilidade de aplicala.

4/01/2013

Unha foto é unha foto é unha foto


"Unha rosa é unha rosa é unha rosa", escribira Gertrude Stein querendo sinalar a potencia evocadora dunha palabra que, por si soa, traía consigo todo un mundo de ideas e sensacións táctiles, olorosas e visibles. 
Unha foto é unha foto é unha foto foi toda a explicación dada por Alberto Núñez Feijóo —ante o escándalo destapado polos xornalistas de El País Xosé Hermida e Elisa Lois— como se ese arrebato de McLuhanismo, no que o medio é toda a mensaxe, xa abondase.
Pero se algo ten a fotografía, a diferenza doutros modos de reproducir imaxes, é a extraordinaria fidelidade que existe entre a realidade e o que a fotografía reflicte. 
E é que se unha fotografía mostra ao actual Presidente da Xunta tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante é moi, moi probable que o actual presidente da Xunta estivese, efectivamente, tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante. E poderemos dar mil voltas sobre a casuística que levou a que o actual presidente da Xunta estivese tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante; aquí, Feijóo, non debería esquecer a Gertrude Stein —a poeta— e como esta nos ensinou que as palabras non son meros significantes illados no tempo e no espazo senón que están unidas por millóns de fíos invisibles a unha chea de sensacións e ideas que se disparan, de igual xeito que a rolla dunha botella de champán, nun imparable torrente proustiano de evocacións. Así, se as palabras "Presidente da Xunta" traen —ou deberían traer consigo unha certa idea de servizo público, honradez, responsabilidade, ética, etc., a palabra "Narcotraficante" trae á mente outra chea de ideas e sensacións que dificilmente casan con aquelas que emerxen ao pensarmos na que pasa por ser a principal autoridade deste país. E debería entender Alberto Núñez Feijóo que necesitemos unha explicación algo máis detallada a ser posible en sede parlamentaria e retransmitida en directo polos medios públicos que disque aínda temos que o de "unha foto é unha foto é unha foto". Porque non podemos deixar de abraiarnos ao vermos, nunha mesma imaxe, a promiscua convivencia de dous universos semánticos tan afastados como son o de "Presidente da Xunta" e o de "Narcotraficante".