3/27/2013

Esquerda partidaria en Galiza. Un escenario aberto


A seguinte é a versión en galego dun artigo escrito a requerimento do xornal Diagonal e publicado na súa edición en papel da segunda quincena deste mes.

Na camapaña das eleccións autonómicas de 2012 Xosé Manuel Beiras, o histórico dirixente do nacionalismo galego, citaba unha e outra vez ao Castelao da Fronte Popular para xustificar a coalición que Anova —organización nacionalista de esquerdas formada polos exBNG Encontro Irmandiño e outras forzas como a independentista e comunista FPG ou Movemento pola Base— viña de selar coas franquicias galegas de Izquierda Unida e Equo así como co pequeno grupo Espazo Ecosocialista. Aludía Beiras, fronte aqueles que consideraban a aposta pola transversalidade identitaria unha deriva perigosa, á situación de excepcionalidade provocada polo novo fascismo financeiro que, a diferenza do dos anos trinta, non precisa de desfiles de masas e histrións con casaco militar para manter aos pobos subxugados senón que lle basta o control da moeda e o movemento irrestricto de capitais.
200.000 votos e a posibilidade futura de desputar ao PSdG-PSOE  o posto de principal partido da oposición parecen un  bo indicativo de que a aposta, por máis arriscada que parecese nos círculos políticos nacionalistas, foi moi ben comprendida e refrendada eleitoralmente por unha cidadanía agredida que decidiu premiar a unión de forzas ante o que consideraba un inimigo común.
E porén, non está nada claro cal pode ser a continuidade desta coalición. Se o sentido común chamaría a reeditala (se é ampliada mellor que mellor) a outras escalas territoriais como poida ser a municipal, o certo é que Anova, que celebrará a súa primeira Asemblea Nacional en xuño, aínda non se posicionou claramente, alén dalgunha que outra declaración individual, sobre o futuro da mesma. Así, a día de hoxe, pode dicirse que dentro de Anova coexisten, de maneira máis ou menos explícita, dúas visións sobre este asunto. A de aqueles que apostan por seguir explorando a vía da cooperación con forzas da esquerda estatal sempre que, desde esta, se recoñeza a realidade nacional do pobo galego e o seu carácter de suxeito político (ao cal no axudaron, certamente, as recentes declaracións de Cayo Lara nas que consideraba que na cuestión do dereito a decidir catalán tamén se debía escoitar o que ten que dicir "o resto de España") e os que seguen cun ollo posto no BNG, que celebrou a súa Asamblea Nacional  este 17 de marzo cunha renovación importante da súa executiva e coa emerxencia na mesma dalgunhas caras que poden tender pontes de diálogo con Anova.
No Parlamento galego os nove deputados da Alternativa Galega de Esquerdas están a traballar coma un grupo cohesionado e a súa presenza no mesmo supuxo a entrada dunha corrente de vento fresco que forzou ao BNG a adoptar algunhas maneiras menos domesticadas das que viña utilizando  nesa institución. Pero mentres isto sucede n´O Hórreo a recomposición de todo o mapa da esquerda partidaria galega fai que o futuro das distintas organizacións e as súas estratexias estean no aire.
Polo que respecta a Anova estase vivindo no seu interior a pugna non só pola política de alianzas senón tamén a pugna polo modelo de organización que se quere para o futuro. Así, se moitos dos militantes máis activos apostan por un modelo de partido-movemento, cunha maior participación das bases, menos rixidez xerárquica, liderados compartidos, vontade de experimentación política e relevo xeracional; outra parte da organización móstrase máis cauta á hora de probar novas fórmulas organizativas e máis en liña coas vellas formas da política partidaria institucionalizada. O posicionamiento público de Xosé Manuel Beiras, por paradoxal e incluso incoherente que resulte nunha organización que fai bandeira do horizontalismo, será decisivo á hora de aclarar se Anova será ese partido da esquerda soberanista para os próximos 25 anos que o propio Beiras dixo desexar ou se esta non pasará de ser un estadio pasaxeiro para un regreso, coma fillo pródigo, á nave nodriza do BNG, xa sexa mantendo esa marca ou con outra que no futuro se poida acuñar.
Esquerda Unida, que celebrará Asamblea Nacional en abril, xa fixo pública a vontade da súa dirección de profundizar a relación con Anova arredor da coalición AGE, algo lóxico nun partido que até este momento apenas tiña presenza institucional en Galiza. Porén, entre os retos desta organización para que AGE poida ser un proxecto con futuro está conformarse como partido nacional galego, acadando unha autonomía orgánica que hoxe aínda non ten a respecto da estrutura federal de Izquierda Unida e asumindo sen medias tintas o dereito de autodeterminación dos pobos.
En canto ao BNG é obvio que a aparición de AGE está a condicionar toda a súa acción. Desde a postulación de Xavier Vence —persoa moi crítica, por exemplo, co proceso de fusión das caixas de aforros que o BNG avalou no seu momento ao cargo de Portavoz Nacional, á reconsideración, polo menos retórica, da súa relación con movimientos sociais coma o 15M, até o de agora considerados polo Bloque pouco menos que coma metástasis españolistas e falsamente revolucionarios;  a asunción de certos prantexamentos que enarbolaba o Encontro Irmandiño cando aínda estaba integrado no BNG son indicativos de que, aínda que sexa de maneira implícita, estanse a recoñecer algúns erros. Pero ao tempo que isto sucede, a posible entrada no BNG dalgunhas forzas minoritarias independentistas coma Nós-UP  e parte do que foi Causa Galiza, ambas moi críticas con calquera tipo de colaboración con EU, parecen presaxiar o posible enroque do BNG nun soberanismo ensimismado —que xa está a provocar friccións entre aqueles que desde dentro do BNG observan esta estratexia coma o camiño máis curto á irrelevancia política  e pouco proclive a unha política de alianzas amplas co resto da esquerda. 
Tempo pois de impass o que se respira na esquerda partidaria galega nunha conxuntura política na que a excepcionalidade que Beiras describía na campaña electoral de 2012 non só segue vixente senón que probablemente se agudizará conforme o estado de putrefacción do réximen da segunda restauración borbónica siga avanzando e as exixencias da Troika continúen esganando aos pobos de Europa.

3/25/2013

Dos escraches


A delegada do goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, vén de suxerir que os participantes nos escraches organizados pola Plataforma de afectados pola hipoteca teñen vínculos terroristas o cal equivale a dicir que os participantes nas accións da PAH non son xente de ben, son elementos alleos á comunidade, corpos víricos aos que compre illar e sinalar. Pero se un se detén a pensar un pouco nos escraches logo verá que, lonxe de teren algo que ver co terrorismo ou con calquera outra práctica antisocial, estes basean a súa popularidade e eficacia xustamente no contrario. Os escraches encarnan unha afirmación moral da comunidade fronte a aqueles elementos que violan algún principio sagrado da mesma (neste caso o dereito á vivenda). 
Os escraches que está a practicar a PAH son o que Sydney G. Tarrow —autor de O poder en movemento. Os movementos sociais, a accion colectiva e a política— chama unha "práctica modular non violenta" (como a manifestación ou a sentada). Que forma parte do repertorio dos movementos sociais desde moi antigo, tanto, que o antecedente do escrache, a rough music inglesa, data nada menos que do século XVIII e consiste en humillar publicamente —concentrándose disfrazados, facendo ruídos con todo tipo de ferramentas e cantando coplas ofensivas— fronte a casa de quen violou as normas da comunidade. 
O que hoxe están a facer os da PAH é exactamente o mesmo. E se as súas accións espertan tanta adhesión popular é porque son percibidas como prácticas de afirmación moral non como prácticas destrutivas do vínculo social. Os participantes nas accións da PAH son unha metonimia da sociedade toda e a sociedade identifícase con eles porque eles fan o que todos desexamos: humillar aos que poidendo evitalo prefiren contribuír a violar o principio de economía moral popular no sentido que lle dera E.P Thompson a este termo que establece que botar a alguén da súa casa é unha das codutas máis oprobiosas que poidan existir.

3/24/2013

As falsas polarizacións


De entre as trifulcas máis recorrentes no seo do bizantinismo interno da esquerda política ningunha é tan aborrecida e habitual como aquela que establece a polarización ideolóxica dentro da organización entre unha pola gradualista socialdemócrata e outra vangardista revolucionaria. Estas foron, co permiso dos libertarios, as dúas grandes estratexias históricas da esquerda, polo menos en Europa, para transformar politicamente a realidade. 
A estratexia vangardista revolucionaria triunfou, á hora de tomar o poder e dirixir o Estado, na revolución do 1917; pero a incapacidade de levar á práctica as promesas dun mundo mellor chegaría ao paroxismo co colapso da URSS en 1989. Por outra banda, a imposibilidade de que a revolución se propagase tamén por Europa occidental demostrou, xa naquel incipiente século XX, que a experiencia rusa sería máis unha excepción ca unha norma.
A estratexia socialdemócrata conseguiu os seus propios triunfos, sobre todo despois da segunda guerra mundial e en boa medida pola existencia como ameaza xeopolítica e polo de atracción utópico para as clases traballadoras occidentais da Unión Soviética, pero este triunfo provocou a condición de posibilidade da súa propia derrota futura: a integración material e ideolóxica das clases traballadoras no capitalismo. Derrota hoxe incuestionable cando asistimos ao espectáculo patético que ofrecen uns partidos socialdemócratas impotentes para evitar o desmantelamento do estado do benestar. 
E é que como dicía o historiador Josep Fontana nunha entrevista recente:

Rematou unha época, a da vella política máis ou menos socialdemócrata, nas que as cousas se negociaban. É difícil darse de conta de ata que punto, durante 200 anos houbo efectivamente uns medos que xustificaron que quen tiñan os recursos nas súas mans aceptasen negociar. Eran uns medos irracionais. Pero eran medos. Agora, a exixencia á xente para que baixe os seus soldos estase a converter nunha cousa sistemática. Rematou negociar. Decidiron que as cousas teñen que mudar e que imos a un proceso de crecemento da desigualdade.

Pero se esas categorías que hoxe polarizan absurdamente ás esquerdas políticas non son máis ca falsas polarizacións produto da incapacidade da propia esquerda para pensarse de xeito crítico a si mesma, cales son as categorías que deberían actuar coma verdadeiros estremos polarizantes na vida interna das organizacións? Na miña opinión a polarización real no seo da esquerda política radica nestas dúas contraposicións: 
A primeira, a que se dá entre os que saben que non hai mudanza sen sociedade civil organizada e coñecedora da súa forza, é dicir, sen suxeito político consciente e articulado, e os que pensan que, sexa na modalidade reformista socialdemócrata ou sexa na modalidade vangardista revolucionaria, é posible seguir a exercer de representantes sen representados. De vangarda sen masas. De partido sen movemento.
A segunda das contraposicións é aquela que se dá entre os que apostan pola democracia radical no seo das organizacións e os que seguen a concebir estas coma coutos pechados, a modo de altos mandos militares, nos que pairan pequenos grupos dirixentes e fontaneiros de medio pelo. Nesta cuestión é especialmente absurda a contraposición entre reformistas e revolucionarios se tanto dentro dos herdeiros dunha tradición como nos da outra é posible atopar inimigos da democracia radical, dos liderados compartidos, da toma de decisións colectivas, da socialización da información e da apertura total á participación social.

3/18/2013

Apuntamento sobre a XIV A.N. do BNG


Onte celebrouse a XIV Asamblea Nacional do BNG na que unha palabra foi a grande protagonista do día: soberanía. E porén, se o discurso do recén electo Portavoz Nacional é indicativo do proxecto que se pretende poñer a andar un ten a impresión de que, malia ser a palabra soberanía citada unha e outra vez, o problema real da soberanía non se debateu a fondo preferíndose camiñar, en todo momento, pola afirmación independendista a respecto de Madrid (ante a cal quen isto escribe non ten o maior reparo, distinto será calibrar se iso é, como dicía Vence citando a Lenin, ir un pasiño por diante do pobo ou ir a un ano luz do mesmo) ao tempo que se era máis ambiguo a respecto do que o propio Vence chamou o eixe: Bruxelas-Frankfurt-Berlín. E é que malia recoñecerse que "en realidade España desapareceu coa peseta" e que "están agora entregando servilmente a capacidade de decisión a institucións para-democráticas da Eurozona" a única proposta estratéxica que se albisca na folla de rota do BNG é a confrontación Galiza-España (entendidas ambas realidades coma dous todos indivisos) deixando a cuestión europea, polo menos nese discurso do Portavoz Nacional, no limbo da indefinición cando non presentándoa, implicitamente, como a terra prometida á que están conseguindo acceder outros procesos independentistas coma o catalán, o vasco ou o escocés (nacións todas elas nas que, a diferenza da nosa, si hai burguesías autóctonas ás que o espírito neoliberal da eurozona lles puidese interesar moito). Vence relatou no seu discurso unha listaxe de agresións centralistas. Pero se un as analiza ben, pode ver que, salvo pequenas excepcións, só nas que teñen que ver co aparato institucional e coa esfera cultural non está detrás o diktat da Troika. Un aparato institucional e cultural, o da Transición, que preparou ao Estado para a financiarización, para o ingreso na UE e para a asunción de Maastricht e Lisboa, e que, agora que o sistema financeiro quebrou, entrou en crise tamén en España e está a servir para agredir, ademais de ás clases populares galegas, tamén ás clases populares españolas. 
Xusto porque neste momento a política económica xa non depende desa España que morreu coa peseta algúns pensamos que é necesaria unha estratexia política para outros niveis que sobardan o estado- nación (e non creo que isto sexa troskismo enaxenado nin toninegrismo flower power como ironizou Vence). Poderase debatir se o que compre é formular directamente a saída da eurozona con todos os males e apocalipsis que disque provocaría ou artellar unha política de alianzas para tratar de reformala. Unha eurozona, por certo, na cal o eixo esquerda-dereita tamén está fortemente imbricado no eixo centro-periferia e na que o Estado Español no seu conxunto -coma Portugal ou Grecia- é periferia; aparecendo os seu movementos emancipadores, polo tanto, máis coma potenciais aliados nesta conxuntura que coma inimigos a batir.
O que desde logo entendo que non se pode é eludir o tema dicindo que iniciar un proceso como o que está a iniciar Escocia ou Catalunya xa chega para acadar a arelada soberanía, porque a teimuda realidade estanos a dicir que iso non é certo.
Na mesma Asamblea de onte, un dos momentos máis emotivos foi o da intervención de Joana Mortágua, delegada do Bloco de Esquerdas. Polo que puiden seguir nos medios e redes sociais -non sei se antes ou despois da convidada falar- a militancia do BNG comezou a entoar o Grândola Vila Morena. Algo que debeu resultar ben emocionante. Pero para min o verdadeiramente significativo de todo o acontecido nesta intervención da dirixente do Bloco de Esquerdas foi a súa afirmación de que "Portugal é hoje um país colonizado. Nós não temos apenas uma dívida que pagar mais temos um regente, um colonizador que nos diz quando pagar essa dívida (...) e portanto o povo portugués tambem luta hoje pela sua soberania". Isto é, veu dicir Mortágua, Portugal é hoxe unha nación que, malia contar formalmente cun aparato de Estado (o mesmo ca Chipre, Grecia, España e Italia) está a ver como as súas elites desangran o país (tal como fai, por certo, CIU en Catalunya co apoio de ERC) e a comprobar que tampouco é soberana no económico; o cal, estaremos de acordo, é a cerna de calquera caste de soberanía.
Persoalmente penso que o estado das autonomías colapsou. Comprendo logo que o soberanismo (termo que prefiro con moito a nacionalismo) sexa o camiño a seguir. Pero porque entendo que o colapso é do Estado Español en conxunto considero que hai marxe de manobra para establecer alianzas coa esquerda española tanto na procura dun proceso constituínte que inclúa o dereito a decidir das nacións sen estado e que deixe aberta a forma final que democraticamente tomará ese estado (é dicir, que recupere o que era o proxecto da ruptura democrática previo á Transición), como na procura de crear un gran polo europeo antineoliberal e soberanista que ou ben reforme a eurozona -se é que esa proeza é posible- ou ben devolva aos pobos a capacidade de decisión sobre as cuestións económicas.

3/09/2013

Textos escollidos para ler o presente (XII)


En tempos de efervescencia mobilizadora e de grandes asembleas nacionais partidarias á vista ben está deterse con reflexións coma estas. O primeiro é un extracto dun texto de Antonio Gramsci pertencente a Intelectuais e clases subalternas (Caderno VI, Os intelectuais). O segundo é un texto extraído dun artigo de Néstor García Canclini titulado Gramsci con Bourdieu. Hexemonía, consumo e novas formas de organización popular
Textos, ambos, válidos como recordatorios de que aquilo contra o que loitamos -as súas maneiras, vicios e presupostos- confórmanos máis do que desexariamos. Ser conscientes deste feito ha ser bo para crear ferramentas o máis útiles posibles e o menos lixadas polo que dicimos desprezar.


Non pode existir unha asociación permanente e con capacidade de desenvolvemento que non estea suxeita a determinados principios éticos, aqueles que dita asociación impón aos seus diversos membros co propósito de adquirir a solidez interna e a homoxeneidade necesarias para alcanzar os seus fins. Isto non supón que tais principios estean desprovistos de carácter universal. Así ocorriría se a asociación se tivera a si mesma coma un fin, é dicir, se fóra unha seita ou unha asociación de delincuentes […]. Pero unha asociación normal concíbese a si propia como unha aristocracia, unha elite, unha vangarda, isto é, concíbese como ligada por millóns de fíos a un grupo social determinado e, a través deste, á humanidade toda. Polo tanto, dita asociación non se presenta de xeito definitivo e ríxido, senón como algo que tende a abarcar todo un grupo social, o cal tamén se concibe con tendencia a unificar toda a humanidade. Todas estas relacións fan que a ética de grupo teña un carácter tendencialmente universal e, á vez, debe ser concibida de xeito que poida converterse en norma de conduta da humanidade no seu conxunto. A política enténdese coma un proceso que desembocará na moral, é dicir, que tende a desembocar nunha forma de convivencia na que a política e, polo tanto, a moral serán superadas […].
Pero non se pode falar de elite-aristocracia, de vangarda, como se se tratara dunha colectividade indistinta e caótica na que, por mediación dun misterioso espírito santo ou doutra misteriosa e metafísica deidade descoñecida descendera a graza da intelixencia, da capacidade, da educación, da preparación técnica, etc. E, porén, esa maneira de pensar é común. Reflicte en pequeno o que ocorría a escala nacional, cando o Estado se entendía como algo alleo á colectividade dos cidadáns, coma un pai eterno que pensaría en todo, que provería de todo, etc.; a iso débese a falta dunha democracia real, dunha auténtica vontade colectiva nacional e, polo tanto, dada a pasividade dos individuos, niso radica a necesidade dun despotismo que está máis ou menos larvado na burocracia. A colectividade ha de entenderse como produto dunha elaboración da vontade e o pensamento colectivos, obtidos a través dun esforzo individual concreto e non por un proceso fatal alleo aos individuos; de aí, a necesidade da disciplina interior, e non só de disciplina externa e mecánica. Se debe haber polémicas e escicións, non hai que ter medo a afrontalas e superalas: son inevitables nestes procesos de desenvolvemento e evitalas só significa aplazalas para cando sexan realmente perigosas ou incluso catastróficas, etc.


*  *  *  *  *

Por outra parte, se interrelacionamos as políticas das organizacións populares coa hexemonía e o consumo, descubrimos a unilateralidade das interpretacións que só rexistran a súa resistencia ao poder, que as analizan sempre como axentes contrahexemónicos. As organizacións populares  –ademais de representar os intereses de traballadores ou consumidores– participan das relacións sociais e as regras de poder fixadas polo sistema. Os seus membros que militan en sindicatos ou partidos tamén interveñen en procesos de consumo, na competencia sexual, cultural, barrial e noutros espazos de loita material e simbólica. Esta dobre tripla ou quíntupla vinculación de cada suxeito axuda a entender as contradicións e ambigüidades das organizacións populares, dos seus líderes e militantes. Na decisión de declarar unha folga ou ocupar unha fábrica interveñen, ademais do laboral e o político, outros factores que case que nunca se nomean nas asembleas: as disputas entre faccións do sindicato, o estado das necesidades familiares e subxectivas, alianzas de parentesco e compadreo, etc. Quen loitan contra o poder desempeñan esa loita nun contexto multideterminado onde a resistencia e a impugnación coexisten coa reprodución de hábitos e relacións sociais instaurados polo sistema hexemónico.


3/06/2013

Notas urxentes sobre o Presidente Chávez



1. Chávez foi o "ditador" que máis eleccións gañou na historia, mal que lles pese a moitos. 

2. Chávez foi o líder da única esquerda, con opcións de poder, posible durante a hexemonía total do neoliberalismo. O resto das esquerdas ou eran incapaces. Ou eran socioliberais. Ou eran movementos sociais en fase de articulación.

3. Un dos grandes logros de Chávez estriba en desafiar ao Imperio, cun discurso para toda Latinoamérica, nun tempo sen contrapesos e no que a globalización arrasaba con calquera idea de soberanía. Outro dos seus grandes logros descansa nas súas políticas redistributivas. Chávez non implantou un sistema económico alternativo ao capitalismo, permitiu, sen impedir a marcha da economía de mercado, o acceso da poboación máis pobre á riqueza na que nada Venezuela por causa do petroleo. O ataque furibundo ao que foi sometido quen, en realidade, facía política económica socialdemócrata demostra ás claras o contexto no que estamos.

4. A maior debilidade do chavismo foi a incapacidade de crear liderados colectivos. A gran baza do chavismo é que o líder morreu o suficientemente cedo como para converterse no mito dunha base social que demostrou, en mobilizacións exitosas como a que impediu o golpe de estado do 2002, que existe. 

5. O que a esquerda mundial non debería aprender de Chávez é que contribuír a confundir o proxecto coa persoa pode provocar que o proxecto sexa tan efímero como o é a vida dun simple ser humano.

6. O que a esquerda mundial debe aprender de Chávez, máis agora que economicamente estamos en plena latinoamercanización do mundo, é que a esquerda pode aspirar a ser algo temido polos que mandan se abandona o consensualismo e toma partido. Isto é: se tamén se dirixe aos pobres, con discursos que entendan os pobres e que aborden o que lles interesa aos pobres. Así mesmo, algo que a esquerda mundial tamén debería aprender de Chávez é que, se nin chegando a ocupar o aparato de estado dun país é fácil mudar as cousas, pretender mudar algo tendo pánico a converterse nun poder  é sinxelamente imposible.

DEP.










3/04/2013

Ingobernabilidade


Transcrición da miña quinta (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 4`03``). Música de fondo: Especially Me de Low.

Hai apenas uns días, Oskar Lafontaine, o que fora ministro de Finanzas de Schröeder, dixo que democracia e capitalismo non son compatibles. E razón non lle falta ao alemán pois se ben é certo que o capitalismo pode convivir con certa democracia formal en épocas de expansión e hexemonía, cando advén a crise e a hexemonía comeza a mutar en dominio, a soa existencia do sufraxio universal resúltalle un auténtico gran no cu.

En 1975, nun contexto económico recesivo, a poderosa Comisión Trilateral, un lobbie financiado por David Rockefeller, presentou un informe titulado: "A crise da democracia". Nas súas conclusións, o informe apuntaba varias disfuncións (así as consideraban os autores) dos sistemas democráticos liberais como eran a crecente deslexitimación da autoridade que levaba a unha cada vez menor fe da xente no goberno, a desagregación de intereses na sociedade que levaba a un excesivo fracionamento do voto en cada vez máis partidos, e o que o informe tildaba de parroquialismo, ou a falta de altura de miras de sociedades demasiado ensimismadas no seu ámbito doméstico como para comprenderen a complexidade dos asuntos de escala internacional.

Case corenta anos despois, e cando o espellismo financeiro que tapou aquela crise de fin do século XX xa non dá máis de si, a pantasma da ingobernabilidade das democracias volve percorrer Europa, desta volta a rebufo dos resultados das últimas eleccións italianas, cuns feitíos parecidos aos intuídos pola Trilateral. 

Unhas eleccións nas que Berlusconi e o Movemento 5 Estrelas de Beppo Grillo resultaron os grandes vencedores, nas que o centro esquerda pro austeridade obtivo unha vitoria pírrica e nas que Monti, o tecnócrata avalado por Alemaña que gobernou Italia sen mandato popular ningún, obtivo só o 10% dos votos. 

A tal punto invadiu o nerviosismo ao stablishment que as primas de risco do sur europeo se dispararon e The Economist, a biblia da City londinense, ilustraba a súa portada con senllas fotografías de Grillo e Berlusconi e un titular que parecía parafrasear ao Rajoy preocupado pola emerxencia de "partidos estrafalarios". O titular dicía: "Que pasen os pallasos. Como a desastrosa elección de Italia ameaza o futuro do euro".

Desde a esquerda italiana, vendo que os exiguos resultados de Rivoluzione Civile só daban para chorar, comezaron as análises arredor da emerxencia da antipolítica personificada no crápula de Berlusconi e no confuso movemento de Grillo que, recollendo unha porcentaxe importante de voto socioloxicamente de esquerdas, presenta algúns rasgos máis reaccionarios ca progresistas.

Quen isto escribe pensa, como Arthur Rosenberg, que a democracia non é unha abstracción formal dada dunha vez para sempre senón que é un movemento político conducido polas clases populares e cunhas determinadas finalidades tendentes a acadar maior xustiza social. E malia non sentir ningunha simpatía por ningún dos dous personaxes que gañaron moralmente as eleccións italianas (aínda que xuntar moral e Silvio Berlusconi é ben chistoso) e non ver en ningún deles un movemento democrático como o que concebía Rosenberg, teño a impresión de que nos resultados desas eleccións asistimos a un paradoxo importante que se podería formular así: os italianos, decidindo, conscientemente ou non, evitar a formación de maiorías viables e premiando á antipolítica, tomaron, curiosamente, unha das decisións máis políticas das tomadas por eles e por ningún outro país europeo nos últimos anos. Isto é, cuestionar o paradigma neoliberal incrustado nunhas institucións europeas idealmente nacidas para evitar a guerra entre estados pero que de facto se dedican, desde polo menos o tratado de Maastricht, a facerlle a guerra ás clase populares deses mesmos estados.

E isto todo é, á vez, a esperanza e o drama no que andamos. A esperanza porque se percibe o fondo malestar da cidadanía sureuropea coa ideoloxía ultraliberal emanada da Troika. O drama porque este malestar, desaparecida a esquerda en tanto que movemento democrático, non consegue expresarse máis que a través de espellos deformantes. 

E é que unha mestura de drama e esperanza é ver como, de momento, os pobos meridionais europeos só están a atopar unha saída política aos dictados da Troika. Unha saída que, en termos do José Afonso, cuxo espectro volve encher os largos das cidades portuguesas, está a consistir máis en facérense ingobernables que en daren o salto cualitativo de articularse coma suxeito político consciente; para seren, de vez, quen máis ordenan.