2/21/2013

As árbores caídas


George Berkeley foi un idealista irlandés que pensaba que as cousas existen só na medida en que son percibidas. O exemplo clásico para ilustrar esta idea é a pregunta sobre se realmente existe a árbore que cae nun bosque se non hai ninguén alí para escoitala. Berkeley parece ser tamén un referente filosófico para os líderes dos dous grandes partidos españois que, a duras penas neste momento, teiman en prolongar artificialmente os sinais de vida do réxime.

As árbores que non existen para Rajoy son tantas coma os cedros feitos achas da frase do mariscal filofascista Lyauntey que citou no seu discurso: a árbore da corrupción; a do drama dos suicidios provocados polos desafiuzamentos en cadea (o Estado da Dación parece que non lle interesa); a árbore da podredume moral da familia real; a árbore do xigantesco paro, do cal os minijobs son a constatación de que non hai unha solución que ofrecer á man de obra sobrante que non consista en abocala a vivir unha minivida, ademais de afondar, con este tipo de propostas, nesta caste de redistribución cara arriba que consiste en que a única intervención do Estado na economía admitida consista en subvencionar ás empresas que creen empregos precarios.

A grande árbore a caer que Rubalcaba non acaba de percibir é o seu propio partido. Un partido que, segundo unha enquisa de El Periódico, vería como o seu homólogo en Catalunya pasaría a ser a cuarta forza, e cuxa credibilidade está tan baixa que contaxia fracaso mesmo a aquelas que, como Beatriz Talegón, tentan emular mediaticamente algo parecido a unha militancia viva e non ensimismada.

Temos así un goberno que trata de gañar tempo facendo oposición e unha oposición que non se opón porque non quere e porque non pode. Á fronte de cada un deles dous zombis vivindo de prestado e adoptando a estratexia do arneirón: pegarse inmóbil á rocha mentres as ondas baten no lombo. Un rezando para que Bárcenas non siga venteando miserias. O outro para evitar a emerxencia de voces críticas que clamen por unha mudanza de rumo. Tanto un coma o outro fan autos de fe, mentres esperan a Godot, para que os datos económicos teñan a ben dar algunha boa nova un día destes. O primeiro para alegar que soubo dirixir o barco no medio da treboada cando se celebre o xuízo pendente pola dureza das súas políticas e polo presunto latrocinio xeralizado imperante no seu partido; o segundo para que o cabreo social, se consegue organizarse e buscar unha canle de expresión política, non o destitúa da súa posición de antagonista oficial. Ambos, para non se converteren, se todo segue como até o de agora, nas árbores caidas das que facer leña.

E mentres a rúa rabea e continúan a caer as trabes combadas e podres que sostiñan o entramado institucional do Estado Español, igual que caían as árbores no bosque malia Berkeley non as escoitar, os líderes dos dous partidos dedícanse, coma Nerón, a un duelo soporífero de rasgueos de lira retransmitido por televisión.

2/18/2013

Catro notas sobre Aurelia


Kortatu. Deste grupo vasco gústame moito unha canción titulada La línea del frente pero, sobre todo, gústanme os catro primeiros versos da letra: Siempre me ha interesado/ esa jerga que emplean los rastas/ hablan de batallas / que no puedes encontrar en los mapas. A pequena grande vitoria conseguida hoxe nunha rúa da Coruña ao deterse o desafiuzamento que se pretendía aplicar a unha muller de 85 anos, cunha pensión raquítica e que só se retrasara algún mes no pago do seu aluguer de renda baixa, é unha desas batallas que debemos situar, para recordar, no mapa particular dos de abaixo. E na súa historia. Unha historia que nada ten que ver coa dos de arriba. Nin coas batallas e os mapas que para eles son importantes. É do cúmulo destas pequenas batallas nosas que se constrúe un mundo novo.

Eichmann. Hannah Arendt, no seu Eichmann en Xerusalén. Un informe sobre a banalidade do mal, xustificou, dalgún xeito, a contribución na Solución Final do Eichmann home, por non ser este máis ca unha peza conformista do verdadeiro culpable: o nazismo en si. Nesta banalidade do mal, a banalidade da persoa concreta que encarna, nun contexto dado, unha razón de Estado superior a el é na que se escuda todo aquel que necesita sentirse inocente ao tempo que continúa colaborando, coa súa acción, a que o mecanismo burocrático que ordea algún tipo de política de dubidosa ética continúe reproducíndose imparable. Algún día teremos que recordar a todos eses policías e xuíces que non se negan a executar desafiuzamentos que non acreditamos no desdobramento entre persoa e función, nin pensamos que exista unha ética diferente para cada situación, senón que pensamos que ambas van unidas e que de ambas deben responder por igual.

Rosa Parks. Ás veces os xestos máis humildes poden provocar terremotos. A muller de Alabama que se negou a mudar de asento no autobús segregado difícilmente sabía que amplificaría a loita polos dereitos civís dos negros estadounidenses do xeito en que o fixo. Os primeiros bombeiros que acudiron á rúa Padre Feijóo e se negaron a rachar a cadea que apresaba a porta do predio no que vive Aurelia están a repetir o heroico xesto de Parks. E quen sabe se tamén se acaban convertindo nun símbolo de algo moito máis grande que o acontecido hoxe na Coruña.

Fraternidade. Os centos de persoas, os afectados pola problemática dos desafiuzamentos e, máis importante, os que non estando afectados directamente tamén se presentaron á chamada para frear esta inxustiza, entenderon ben por que fámulo, de onde provén o termo familia, significa escravo e por que, para combater esa escravitude exercida polo pater, o señor feudal, os igualmente oprimidos, os fratri, se unían e loitaban xuntos coma irmáns. A fraternidade, que é unha estratexia de guerra, acaba sendo tamén unha forma de vida e unha bola de neve que se fai máis grande canto máis se pon a rolar e que xera un ben que ningunha contabilidade consegue rexistrar: a solidariedade; que non é máis que o outro nome do Amor. Isto, hoxe, tamén  o entendeu ben Aurelia que, despois de comprobar que poderá permanecer na súa casa polo menos un día máis grazas ao apoio de tantos, afirmou: "eu pensei que tiña algo, pero tiña moito máis."

2/14/2013

Antroidadas


Como un ten parte da ascendencia do Ribeiro tamén escoitou na familia historias sobre o antroido. A máis rechamante: aquela sucedida durante unhas pequenas representacións satíricas (chamábannas entremeses) nas que o desafío á autoridade fora tan agudo que un garda civil desenfundara a pistola e soltara algúns tiros ao aire para rematar de vez con aquel mundo posto do revés no que os labregos analfabetos rían —coa bula outorgada pola maldita institución popular do carnaval a costa das forzas vivas; levando así á práctica o que Mikhail Baikhtin habería teorizar escribindo que o antroido consiste na "abolición provisional das relacións xerarquicas, privilexios, regras e tabúes". 
Seguro que por estar imbuído deste espírito o deputado de AGE, David Fernández Calviño, tivo a ocorrencia de facer escarnio, en sede parlamentar, da corrupción estrutural no seo do Partido Popular. Ocorrencia que, naturalmente, non fixo ningunha graza aos señores e señoras de dito partido e motivo polo cal David de Toén foi expulsado do sancta sanctorum da democracia por orde do vicepresidente do mesmo.
E porén, nisto dos antroidos e da función social que, en sentido amplo, cumpren as festas, hai outras interpretacións que retorcen un pouco máis as cousas. Así, di o antropólogo Manuel Delgado:

"As festas institúen unha especie de esquizofrenia social, na que a orde da comunidade que celebra imparte instrucións, a quen debe acatala, para que se encaren con ela. Esa é a clave da contradición que, a primeira vista, se percibe na dobre función da festa como mecanismo de control social e de subversión da orde (...) Un dispositivo cibernético a través do cal un determinado sistema de autoridade ponse el mesmo en crise, escenificando os seus propios contenciosos e figurando a súa falsa solución nunha catarse de liberdade e inhibición, os efectos da cal resultan ser absolutamente integradores e demostran unha virtude en derradeira instancia domesticadora."

Cando un repara un chisco neste carácter ambivalente da festa comprende moito mellor aquela frase coa que Tierno Galván conminaba aos novos, nos anos oitenta, a "se colocaren" (e de paso, como dicía o libro de Alba Rico e Fernández Liria, a "deixaren de pensar" na grande estafa que se estaba a perpetrar coa Transición). Desde aquela, podemos dicir que a política española —e a súa intrahistoria económica foi, toda ela, unha grande festa da que agora estamos a ver como aboia, en forma de quebra económica total e de corrupción xeralizada, unha magnífica resaca de dimensións antolóxicas na que aínda cae, en cantidades industriais, o confeti co que a ministra Ana Mato disque celebraba os aniversarios dos seus fillos mentres, ao lonxe, en provincias, soan melancólicas as derradeiras notas —á moda de Nino Rota— do trombón de Baltar pai.
Mesmo esa idea anexa á festa que apunta Manuel Delgado consistente en se pór un mesmo en crise para atopar unha falsa solución está a ter as súas metástases (velaí o caso do vídeo sospeitosamente publicitario da xoven rebelde Beatriz Talegón) mentres seguimos agardando polo estourido final da gran festa autoinfrinxida que rexenere a podremia do réxime a base coroar a Felipe VI e limpar un pouco os patíns dos grandes partidos tal como xa está a aconsellar o sempre cómico diario El País (no que aínda reverberan as risas causadas pola foto de Chávez que en verdade era un señor mexicano que pasaba por alí). 
Se para Von Clausewitz a guerra era a política por outros medios, para o baile de máscaras que foi a política española das últimas décadas a festa era a política por outros medios. Neste desfile de disfraces contínuo no que o compadreo entre opcións políticas e entre estas e o mundo da empresa era o pan de cada día e no que tras a representación teatral do antagonismo nos parlamentos (a festa dos maniquíes) se deseñaban, compartindo mesa e mantel detrás dalgún biombo, as decisións demandadas polo "consenso" (de Washington ou de Berlín), a mera suxestión de que alguén puidese tomar en serio a idea de que un parlamento é o lugar no que se dirimen os diversos intereses enfrontados nunha sociedade antóllaselle, ao stablishment, pouco decoroso e susceptible de se converter nun motivo para desenfundar, como o garda civil no conto familiar, metralla argumental arredor da Dignidade da Institución (sempre con maiúsculas) e outras parvadas do estilo; obviando que a dignidade dun parlamento vén dada pola capacidade que este teña para deliberar e para buscar as solucións máis xustas á contínua concorrencia de intereses sociais diverxentes e non na capacidade que teñen os deputados para reificalo, ao modo dun mausoleo, mentres confraternizan na cafetería, intercambian palmadiñas no lombo e quedan para xogar ao padel como se ocupasen ese lugar en tanto que casta con intereses corporativos compartidos e non representando a posicións políticas, na maoría dos casos, irreconciliables.
Isto é, seguramente, o que menos graza fixo aos deputados do Partido Popular do momento baikhtinián de David Fernández. Sentou mal a negativa por parte deste e, en xeral, por parte do resto de deputados da AGE, a deixárense enlear na lóxica gremial, na política de amigotes e na festa rachada da "democracia" na que o rei vai nu. 
Xa que logo, e aínda que pareza paradoxal vendo as reivindicacións antroideiras do de Toén, no que toca ao affair do parlamento, aquel que facía chances arredor dos sobres cheos de euros que circulaban con tanta fluidez polas veas e arterias do Partido Popular estaba a ser, coas prerrogativas do bufón que nos dramas de Shakespeare é quen canta as verdades, o máis serio de todos.

2/05/2013

Limiar


Transcrición da miña cuarta (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 6`38``). Música de fondo: Savory de Jawbox.

Despois de que o chamado caso Bárcenas, ese trasunto de Asasinato no Orient Express no que todos os protagonistas eran cómplices dun crime ben planeado, se unise aos demais casos de corrupción rampante que inzan as máis variadas institucións do Estado, e tamén a outros problemas tais como as graves desavinzas nunca resoltas arredor da cuestión nacional, o paro desorbitado que vai camiño de ser estrutural ou o feito de que non se enxergue idea ningunha (Eurovegas e outros puticlubs aparte) sobre en que baseará o Estado Español un novo ciclo de acumulación de capital agora que o milagre inmobiliario-financiero esvaeceu, comezan a aparecer por aquí e por alá opinións, editoriais, reflexións que chaman á visión de futuro, ao pacto de Estado, á forxa de consensos e a outros eufemismos lampedusianos. 
Parafraseando a Maximilien Robespierre, cando recriminaba aos girondinos escandalizados por algúns desmáns dos sans culottes, que aqueles querían unha revolución sen revolución, este novo exército de mediadores desexan que a resolución a este impass que vivimos sexa a da política sen política.
Se os momentos autenticamente políticos aboian xusto nos intervalos de confrontación aguda entre o poder destituínte e o constituído, o concepto do político máis habitual no stablishment español é o propio dun estado que nunca na súa historia coñeceu un auténtico episodio revulsivo, un intre de cesura, no que os que mandasen deixasen de facelo e no que os que obedecían comezasen a mandar. A revolución liberal, que noutras xeografías axitou os alicerces do antigo réxime, non tivo aquí o mesmo calado. As restauracións, as voltas á orde, sempre foron precedidas no Estado Español por destellos progresistas demasiado fugaces, e demasiado represaliados, como para imprimiren unha pegada duradoira. O último desafío a esta dinámica secular, emprendido desde a legalidade constituída durante a II República, rematou nun golpe de estado, nunha guerra e nunha ditadura feroz.
Como quer que o paso do franquismo ao café para todos bipartidista, hoxe carcomido por unha osteoporose galopante, evitou tamén calquera discontinuídade que ousase curar a enfermidade en lugar de atender só os síntomas, pouco pode estrañar que o estado español, cangado como está de vellas eivas herdadas, recaia, unha e outra vez, nun padrón traumático que o anula, cada certo tempo, como proxecto político viable.
Non podemos saber exactamente o que vai pasar no futuro pero parece bastante claro o feito de estarmos a atraversar paisaxes estrañas. Atopámonos nun limiar. Un estadio pasaxeiro que desembocará nun novo reparto do posible e do imposible até nova crise. A variante lampedusiana que agora se comeza a sondear nos medios de comunicación sistémicos apelando ás saudades pola Transición dos 70, ou cando menos pola narración amable da mesma, ben pode rematar nun novo autoritarismo salvífico que cumpra o mesmo papel que cumpriu Primo de Rivera na crise do turnismo durante o reinado de Alfonso XIII, pero revestido de tecnocracia europea e de goberno dos expertos. 
A condición de posibilidade da outra variante, a popular, depende de que se estableza a conexión entre as esquerdas non sistémicas e a indignación latente en amplas capas sociais arredor dun programa de mínimos non neoliberal, republicano, que asuma o dereito de autodeterminación das nacións do Estado e que se propoña democratizar as institucións. Tarefa ben complicada pero único camiño para que os pobos e cidadáns do estado español poidan apropiarse dos seus destinos e se sintan reflectidos nunha historia —como quería Walter Benjamin cepillada, por unha vez, a contrapelo.