11/28/2012

Textos escollidos para ler o presente (IX)


Este texto é un extracto do informe que, baixo o título A ofensiva do fascismo e as tarefas da Internacional na loita pola unidade da clase obreira contra o fascismo, presentou Georgi Dimitrov no VII Congreso Mundial da Internacional Comunista o 2 de agosto de 1935. 
Mudando todo o que haxa que mudar é innegable a actualidade do texto. E especialmente lúcido, polo extrapolable ao presente, é o recoñecemento do número moi maioritario de persoas que, vivindo o momento en que se escribiu o texto coma un tempo de intensa politización e mobilización, non se encontraban incardinadas dentro de ningunha estrutura organizativa previa (de feito esta realidade é hoxe máis sangrante que naquel momento no que aínda existían auténticos partidos de masas). Así mesmo, é de actualidade a asunción de que a profundización da unidade de acción a través da creación de estruturas conxuntas, alén dos simples comités de enlace, suporía un instrumento perfecto para converter esa politización maioritaria non organizada nalgo moito máis eficaz; unha estratexia moito máis útil que dedicarse a actuar só en clave de minifundio partidario.
 
Porén, sería insuficiente contentarse con selar un pacto sobre accións conxuntas e con crear comités de enlace entre os partidos e as organizacións enroladas na fronte única, que é, por exemplo, o que sucede en Francia. Isto non é máis ca o primeiro paso. Os pactos son medios auxiliares para a realización de accións conxuntas, pero non son aínda, por si mesmos, a fronte única. Os comités de enlace entre as direccións dos partidos comunistas e socialistas son necesarios para facilitar a realización de accións conxuntas, pero están moi lonxe de bastar por si sós para o despregue efectivo da fronte única, para conducir ás extensas masas á loita contra o fascismo.

Os comunistas e todos os obreiros revolucionarios deben esforzarse por crear órganos de clase da fronte única á marxe dos partidos elixidos; nas empresas, entre os desocupados, nos barrios obreiros, entre a xente modesta da cidade e do campo. Só estes órganos poden chegar, mediante o movemento de fronte única, até as enormes masas non organizadas dos traballadores, poden contribuír a desenvolver a iniciativa das masas na loita contra a ofensiva do capital, contra o fascismo e a reacción, a crear sobre esta base o extenso corpo de activistas obreiros da fronte única, que é indispensable, e a formar nos países capitalistas centos e miles de bolcheviques sen partido.

As accións conxuntas dos obreiros organizados son o comezo, son a base. Pero non podemos perder de vista que a aplastante maioría dos obreiros, constitúena as masas non organizadas. Así, en Francia, o total dos obreiros organizados, comunistas, socialistas e afiliados aos sindicatos de distintas tendencias, é no total aproximadamente dun millón e o censo total de obreiros ascende a once millóns. En Inglaterra, pertencen aos sindicatos e aos partidos de todas as tendencias, uns cinco millóns; pero o censo total de obreiros é de catorce millóns. Nos Estados Unidos de América, hai aproximadamente cinco millóns de obreiros organizados, pero o censo total dos obreiros de Norteamérica é de trinta e oito millóns. E a mesma relación existe máis ou menos na outra serie de países. En tempos "normais" esta masa permanece substancialmente á marxe da vida política. Pero na actualidade, esta masa xigantesca ponse cada vez máis en movemento, incorpórase á vida política, sae á palestra política.

A creación de órganos de clase á marxe dos partidos é a mellor forma de realizar, ampliar e fortalecer a fronte única na mesma base das amplas masas. Estes órganos serán tamén o mellor baluarte contra todas as tentativas dos adversarios da fronte única para rachar a unidade de acción lograda pola clase obreira.

11/15/2012

Modernizar a folga


Seica a CEOE di que hai que "modernizar" a lei de folga porque isto das folgas é cousa do franquismo. Despois de anos de lavado de cerebro a base de mito da Transición, segundo o cal o que aquí hai de democracia foi froito unicamente do pacto entre as vellas e as futuras élites (traición histórica do PCE mediante) e no que se esqueceu deliberadamente o papel que a mobilización popular, sobre todo en forma de grandes folgas obreiras, tivo en todo aquel proceso histórico, hoxe pódese soltar isto sen que ao provocador de quenda lle caia unha chuvia de tomates na cabeza.
E porén, algo está a mudar. A narración consensual vai, cada vez máis, por un lado e a dinámica social por outro. A disparidade ridícula entre o reconto de manifestantes por parte das institucións e o número real de xente mobilizada indica que neste momento os aparatos de estado e a xente do común circulan por universos paralelos. As imaxes de ciencia ficción que mostran os medios de comunicación consensuais conseguen, cada vez menos, distorsionar o que a xente ve cos seus propios ollos. A hiperrealidade de Baudrillard esfarélase como arxila mollada ante a chuvia de alfinetes de 140 caracteres que inundan as redes sociais ca súa inmediatez pedestre de información bruta, non tratada.
Pero en algo ten razón a CEOE. Con certeza que hai que modernizar, esta vez sen aspas, o artefacto de resistencia popular que é a folga de xeito que, cada vez máis, este sexa un mecanismo de mobilización xeral en todas as dimensións da vida, de apropiación absoluta do espazo urbano, de parálise completa da reprodución social e non só unha extensión do conflito corporativo entre a empresa e os traballadores nun contexto no que o paro e a precariedade son estruturais. Esa é a modernización pendiente. Pero que sen dúbida xa está en marcha.

11/12/2012

Textos escollidos para ler o presente (VIII)



Dous textiños que veñen falando diso que chamei, noutro post, o partido-movemento. O primeiro é de Joaquín Miras e pertence a unha conversa privada vía mail que tivo a xentileza de permitir publicar. O segundo é de Jacques Rancière e pertence a unha entrevista publicada pola revista arxentina Ñ.

Un problema ineludible é que hai que dicir á xente que non basta coa protesta, que hai que construír un novo estado para que non pase como no sesenta e oito. Porque aquilo non foi só culpa do "movimentismo", tamén dunha esquerda que se dedicou a "representar" ao "suxeito" deixándoo ao seu "aire" no seu facer, na súa dinámica. Unha esquerda que non é capaz de ver outra cousa que "o político" como o institucional e polo tanto non sabe ser outra cousa que "ser mediación". Se esquerda é ser "mediación", estou de acordo coa súa inutilidade. Porque creo inútil todo esforzo que se fundamente niso, non porque a palabra "esquerda" o signifique. Probemos a substituír proxecto, contido, en lugar de substituír significantes. Probemos a crear unha esquerda que en vez de proporse tarefas electorais e electivas, ou de redación de documentos ou de protesta ante as institucións, de presión da clase política, de control institucional do existente, se propoña articular movimentos sostidos que traten de crear novas formas de vida, loita contra a manipulación da vida cotiá, por dicilo coa palabra proposta xa en 1967 por Lukacs, de articulación de vida. Unha esquerda que se propoña construír un suxeito cultural novo.(...)
Será tarefa de moi longo prazo, iso se comeza xa agora. Para nunca se se segue como agora: se seguimos como o coello de Alicia no país das marabillas que xa quixera el, pobriño, meterse en fariña e entrar nestas cousas, pero -"chego tarde", "chego tarde"- sempre o último resulta serlle ineludible, fundamental, apremiante, imposible de aprazar.(...)
Todo isto que malexpreso relaciónase entre si tendo en conta que estado non é aparato político administrativo, senón ethos, cultura e todo tecido organizado que a crea e reproduce. Que "o outro nome" do "estado" non é "lei"  senón que o "outro nome" de estado é ethos, cultura material de vida. Como di Aristóteles, e Hegel, e o Marx de Guerra Civil en Francia, e Gramsci e Lukacs... [Joaquín Miras]

*  *  *  *  *

A forza política verdadeira é unha forza que ten que crear, de algun xeito, a súa propia temporalidade. A cal non é unha temporalidade do Estado ou das eleccións, senón que significa, tamén, que teña o seus propios obxectivos e idealmente o seus propios colexios, a súa propia prensa, a súa propia universidade. Máis amplamente, as súas propias formas de discusión, información e formación. O problema é armar unha forza autónoma e non ser unha especie de novo partido estrema esquerda, porque xa hai moitos. [Jacques Ranciere]

11/07/2012

As pequenas alegrías


Obama gañou as eleccións estadounidenses e o matriomonio gay foi, contra a opinión do Partido Popular, recoñecido polo Tribunal Constitucional. Dúas novas políticas de actualidade das que hai que alegrarse. A alegría pola primeira débese ao feito de que nun país coa capacidade de dictar en todo o mundo cal é o paradigma do "normal hexemónico", como son os Estados Unidos, unha persoa negra conseguise revalidar o mandato. A alegría pola segunda débese a que o modelo de parella non heterosexual adquiriu xa, de xeito indiscutible, o seu recoñecemento legal formal no ámbito do Estado Español. Ambas cuestións, a dos dereitos civís dos negros e dos homosexuais, arrancan das grandes loitas dos anos sesenta. E ambas, neste 2012, deron un paso máis para súa completa asunción social.
Porén, que estas dúas cuestións sexan as únicas vitorias que podemos celebrar nestes momentos de crise sistémica debería facernos pensar. A confirmación do acertado que estivo o  Partido Demócrata ao apostar por primeira vez por un candidato negro e o acerto do socioliberalismo español ao apostar polo pleno recoñecemento dos dereitos dos homosexuais fálanos moito do tipo de esquerda hexemónica que existe desde a caída do muro de Berlín: unha esquerda centrada na loita cultural (máis ben en certa loita cultural) e afastada por completo da loita económica.
Non quero dicir con isto que a loita cultural sexa prescindible ou innecesaria, nada máis lonxe da miña opinión. De feito, o tipo de loita cultural antisistémica (que é precisamente a que non se fai) é de vital importancia. E tampouco quero dicir que estes logros concretos constitúan algo desprezable. É innegable que a ampliación dos dereitos e das liberdades civís son motivo de alegría para calquera persoa que guste de vivir nunha sociedade composta por cidadáns emancipados (e felices). Pero deixando aparte as duras condicións en que se deron as loitas polos dereitos civís nos anos sesenta un se pregunta en que medida a consecución destes dereitos no presente é un logro da esquerda socioliberal ou canto deben á lóxica intrínseca da propia democracia liberal. Pois non debemos esquecer que, con todos os defectos que esta ten, a democracia capitalista, polo menos a baseada no consumo de masas que até o de agora rexeu en "occidente", ten propugnado e incentivado, na súa retórica e nos valores que, cara fóra, di defender tanto a normalización da cuestión homosexual como a igualación de dereitos de todas as razas (pensemos, a este respecto, nunha serie de TV mainstream como Modern family na que atopamos, sen ningún tipo de connotación negativa, tanto á parella gay con nena adoptada vietnamita como á parella interracial WASP/latina ou pensemos na gran contraposición ideolóxica entre as sociedades abertas liberais vs. o mundo medieval musulman que sustenta ideoloxicamente ao imperialismo occidental actual). Este universalismo da democracia liberal, por máis que a realidade despois responda a outras dinámicas, existe. É unha sorte de igualdade formal kantiana que o sistema potencia e contra a que os sectores do vello consevadurismo (o sector do PP que forzou o recurso contra o matrimonio homosexual, a Igrexa católica) pouco poden facer. Porén, por tratarse dunha cuestión de igualdade formal esquece toda a microfísica do poder (sobre todo os condicionantes económicos) que actúan na sociedade para impedir que a igualdade formal sexa igualdade real.
Temos, pois, que as dúas únicas alegrías que as persoas de esquerdas do mundo se poden permitir neste momento son debidas ás necesidades que tivo o tipo de capitalismo que até o de agora imperou (xa veremos se segue a ser o que impera no futuro). Dito doutro xeito: a esquerda socioliberal só consegue éxitos que a propia democracia liberal precisa para a súa reprodución.
Constituirán as sucesivas consecucións de dereitos civís ás que parece que asistimos o inicio tamén da fin de ciclo da esquerda que non quixo saber nada de economía e que se entregou aos consensos neoliberais? Haberá que velo.

11/02/2012

Textos escollidos para ler o presente (VII)



Extracto pertencente ao libro O Novo Vello Mundo, de Perry Anderson.

Polo tanto, que tipo de orde política está a tomar forma en Europa quince anos despois de Maastrich? Os pioneiros da integración europea Monnet e outros espíritos afíns imaxinaron a eventual creación dunha unión federal que se convertería un día no equivalente supranacional dos estados-nación dos que xurdira, ancorada nunha soberanía popular ampliada, baseada no sufraxio universal, cun executivo responsable ante unha asemblea lexislativa electa e cunha economía suxeita aos requisitos da responsabilidade social. Nunha palabra, unha democracia ampliada a escala semicontinental (só tiñan en mente á Europa occidental). Pero sempre existiu outra forma de entender a unificación europea, como un grupo de gobernos que poñen en común o seu poder para acadar certos fins principalmente económicos sen menoscabo da soberanía nacional entendida no sentido tradicional. Segundo esta concepción, trataríase máis ben de crear un novo marco institucional para levar a cabo unha variedade de transaccións específicas entre eles. De Gaulle foi un dos principais defensores desta visión; e Thatcher tamén. Entre a concepción federalista de Europa e a intergubernamental sempre existiu unha tensión que se prolongou até o presente.
Porén, a versión que xurdiu non se corresponde con ningunha delas. Desde o punto de vista constitucional, a UE é unha caricatura dunha federación democrática, xa que o seu Parlamento non ten poder de iniciativa, non está integrado por partidos de alcance europeo e nin siquera goza dun mínimo de credibilidade público por este organismo, senón que veu acompañado dun desinterese cada vez maior. (...)
O Parlamento Europeo é unha asemblea merovinxia. O amo do castelo é o Consello de Ministros, onde se toman as verdadeiras decisións lexislativas, encabezado polo Consello Europeo de xefes de Estado, que se reúnen cada tres meses. Porén, este sistema tampouco respecta a lóxica contraria á do federalismo, a dunha autoridade intergubernamental, xa que a Comisión
o executivo non electo da UE é o único organismo que pode propor leis sobre as cales se delibera no Consello e, en teoría, no Parlamento. A violación da división de poderes constitucional por parte desta autoridade dual unha burocracia que detenta o monopolio da iniciativa lexislativa é flagrante. Ao lado deste executivo híbrido, ademais, atópase un poder xudicial independente, a Corte Europea, con potestade para fallar as resolucións que contraveñan as leis dos gobernos nacionais.
No centro deste labirinto hai unha zona escura onde se entrelazan as instancias lexislativas rivais do Consello e a Comisión, o elemento máis inescrutable da Unión. Trátase do nexo de comités "Coreper" de Bruxelas, onde os emisarios do Consello se reúnen a porta pechada cos funcionarios da Comisión. Este organismo xera unha avalancha de directivas legalmente vencellantes, que constitúen a principal produción da UE: perto de 100.000 páxinas até a data. Este é o punto onde se concentra todo aquilo que se pode resumir coa expresión
máis típica dunha oficina de contabilidade que dun foro aberto "déficit democrático", una etiqueta que os propios funcionarios da UE condean de forma ritual. De feito, a trinidade integrada polo Consello, o Coreper e a Comisión non se caracteriza unicamente pola ausencia de democracia que a hai, senón pola atenuación de calquera tipo de política segundo a acepción convencional do termo. O efecto deste eixo é provocar curtocircuitos sobre todo no nivel crucial do Coreper nas asembleas lexislativas nacionais, que se enfrontan continuamente cun feixe de decisións que non puideron supervisar, e que non pode compensar unha explicación supranacional, dado que o Parlamento de Estrasburgo é un teatro de sombras. A farsa das consultas populares que se ignoran con regularidade non é máis que a expresión máis radical desta estrutura oligárquica que resume o resto. (...)
E que? Non escasean os apoloxistas dispostos a explicar que non só é un erro queixarse da falta de democracia, entendida nun sentido convencional, na Unión, senón que en realidade esta é a súa maior virtude. O razonamento habitual, tal como aparece formulado en publicacións como Prospect, é o seguinte. En esencia a UE encárgase de cuestións técnicas e administrativas
a competencia dos mercados, as especificacións dos produtos, a protección do consumidor e outras cuestións similares, destinadas a cumprir o obxectivo do Tratado de Roma de garantizar a libre circulación de bens, persoas e capital, pois pensan con razón que o mellor é deixalos en mans dos expertos, fóra do alcance da incompetencia dos parlamentarios. Cos burócratas de Bruxelas sucede tacitamente, en todo caso o mesmo que coa policía, os bombeiros ou os funcionarios, que non se elixen, pero que gozan da confianza unánime da cidadanía. O déficit democrático é un mito, porque as cuestións que de verdade lles preocupan aos votantes sobre todo os impostos e os servizos sociais, a verdadeira esencia da política non dependen da Unión, senón que se seguen a decidir a escala nacional a través dos mecanismos electorais tradicionais. Mentres se siga respectando a división entre estes dous escenarios e os seus respectivos métodos de decisión, e consigamos librarnos dos exercicios de populismo demagóxico é dicir, cando se deixe de consultar ás masas de problemas que non poden entender e que non deberían someterse xamais a votación, a democracia permanecerá intacta, mellorará incluso. Se se pensa friamente, todo se fai coa mellor intención na mellor das Europas posibles.