8/23/2012

Textos escollidos para ler o presente (VI)


Extractos pertencentes ao libro de Karl Polanyi A gran transformación. As orixes políticas e económicas do noso tempo.

O laissez-faire non tiña nada de natural; os mercados libres non poderían xurdir xamais con só permitir que as cousas tomaran o seu curso. Así como as manufacturas de algodón a principal industria do libre comercio se crearon co auxilio dos aranceis protectores, os subsidios á exportación e os subsidios indirectos aos salarios, o propio laissez-faire foi imposto polo Estado. Os anos trinta e corenta [do século XIX] non presenciaron só unha avalancha de leis que repelían as regulacións restrictivas, senón tamén un incremento enorme das funcións administrativas do Estado, que agora estaba sendo dotado dunha burocracia central capacitada para realizar as tarefas fixadas polos defensores do liberalismo.
[...]
Os liberais económicos oporanse fortemente a esta concepción. Toda a súa filosofía social baséase na idea de que o laissez-faire foi un desenvolvemento natural, mentres que a subsecuente lexislación anti-laissez-faire foi o resultado dunha acción deliberada de quen se opuña aos principios liberais. Nestas duas interpretacións mutuamente excluíntes do dobre movemento está involucrada agora a verdade ou a falsidade da posición liberal.
[...]
Determinar cal destas dúas visións é a correcta constitúe se cadra o problema máis importante da historia social recente, xa que involucra nada menos que unha decisión sobre a pretensión do liberalismo económico de ser o principio de organización básico na sociedade.
[...]
O prestixio do liberalismo económico alcanzou a cúspide na década de 1920. Centos de millóns de persoas víranse aflixidas polo flaxelo da inflacción; clases sociais enteiras, nacións enteiras, foran expropiadas. A estabilización das moedas converteuse no punto focal do pensamento político de persoas e gobernos; a restauración do patrón ouro converteuse no obxectivo supremo de todo esforzo organizado no campo económico. Recoñeceuse que o pago dos préstamos externos e o retorno ás moedas estables eran as pedras de toque da racionalidade na política; e ningún sufrimento privado, ningunha infracción da soberanía, se consideraron sacrificios demasiado grandes para a recuperación da integridade monetaria. As privacións dos desempregados que perdían o seu traballo a causa da deflacción; a destitución dos empregados públicos despedidos sen indemnización; incluso a renuncia aos dereitos nacionais e a perda das liberdades constitucionais se consideraron un prezo xusto polo logro de orzamentos equilibrados e moedas sas, fundamentos do liberalismo económico. 
[...]
Nos anos trinta puxéronse en dúbida os xuizos absolutos dos anos vinte. Despois de varios anos de restauración das moedas e dos orzamentos equilibrados, os dous países máis poderosos Gran Bretaña e os Estados Unidos atopábanse en dificultades, abandoaron o patrón ouro e comezaron a administrar as súas moedas. As débedas internacionais foron repudiadas a gran escala, e os máis ricos e respectables abandoaron as crenzas do liberalismo económico.
[...]
Este é agora, certamente, o derradeiro argumento do liberalismo económico. Os seus apoloxistas están repetindo en variacións interminables que o capitalismo entregaría os bens se non se tivesen aplicado as políticas defendidas polos seus críticos; que os responsables dos nosos males non son o sistema competitivo e o mercado autorregulado senón a interferencia con ese sistema e as intervencións realizadas nese mercado. E este argumento atopa apoio non só en innumerables infraccións recentes á liberdade económica senón tamén no feito indubidable de que o movemento tendente á difusión dos mercados autorregulados atopou, na segunda metade do século XIX, cunha persistente corrente contraria que obstruía o libre funcionamento de tal economía.
[...]
Os líderes liberais non se cansan xamais de repetir que a traxedia do século XIX derivou da incapacidade do home para manterse fiel á inspiración dos primeiros liberais; que a xenerosa iniciativa dos nosos devanceiros viuse frustrada polas pasións do nacionalismo e da guerra de clases, polos intereses creados e os monopolistas e, sobre todo, pola cegueira dos traballadores ante a beneficiencia final da liberade económica irrestricta para todos os intereses humanos, incluídos os seus. Afírmase que así se frustrou un gran avance intelectual e moral polas debilidades intelectuais e morais da masa da poboación; as forzas do egoísmo destruíron o que lograra o espírito da Ilustración. En resumo, esta é a defensa do liberal económico. Se non se lle refuta, continuará ocupando o primeiro plano da contenda dos argumentos.
Precisamente a controversia. Convense que o movemento liberal, que trataba de difundir o sistema de mercado, chocou cun movemento proteccionista que tendía á súa restricción; en efecto, tal suposto atópase detrás da nosa tese do dobre movemento. Pero mentres que nós afirmamos que o absurdo inherente á idea dun sistema de mercado autorregulado destruiría á sociedade, o liberal acusa aos elementos máis variados de destruír unha gran iniciativa. Incapaz de aducir probas en favor de tal esforzo concertado para frustrar o movemento liberal, refúxiase na hipótese practicamente irrefutable da acción encuberta. Este é o mito da conspiración antiliberal que nunha forma ou noutra é común a todas as interpretacións liberais dos eventos dos decenios de 1870 e 1880. De ordinario acredítase no ascenso do nacionalismo e o socialismo o carácter de axente principal dese cambio de escenario; as asociacións de fabricantes e os monopolistas, os intereses agrarios e os sindicatos, son os viláns da obra. Así pois, na súa forma máis espiritualizada a doutrina liberal é a hipótese da operación dalgunha lei dialéctica na sociedade moderna que frustra os esforzos da razón ilustrada, mentres que na súa versión máis cruda redúcese a un ataque contra a democracia política, como a suposta orixe fundamental do intervencionismo.
Os testemuños dos feitos contradín decisivamente a tese liberal. A conspiración antiliberal é pura invención. A gran diversidade das formas nas que apareceu a contracorrente "colectivista" non se debeu a ningunha preferencia polo socialismo ou o nacionalismo entre intereses concertados, senón exclusivamente ao maior alcance dos intereses sociais vitais afectados pola expansión do mecanismo de mercado.

8/15/2012

A fin da Cultura da Transición e a emerxencia dos novos tecidos culturais



Un artiguiño escrito orixinalmente para a revista dixital Croa! da miña amiga Marta Villar.

Segundo a análise marxista clásica a superestrutura política e cultural dunha sociedade muda cando así o fai a estrutura económica. Sen entrar agora en cuestións de se isto é así de automático ou se existe unha relativa autonomía da superestrutura, podemos dicir, botando man das categorías de Marx, que hoxe, ano catro da crise económica do capitalismo mundial, e para o contexto do Estado Español, ese conglomerado ideolóxico bautizado como CT (Cultura da Transición) polos autores do recente libro colectivo CT o la Cultura de la Transición. Crítica a 35 años de cultura española, está morto. En opinión de Guillem Martínez, un dos autores do libro, a CT é

«A cultura española actual, que non debe nada á Guerra Civil e que llo debe todo á Transición. Basicamente, e explicada nun plis-plas, consiste nunha cultura vertical, na que o Estado -e en ocasións a empresa, que polo que sexa se identifica co proxecto ou os negocios do Estado- xestiona a axenda de accesos á realidade. Marca o que debe de aparecer nun artigo, nun libro, nunha peli, para ser recoñecidos como obxectos culturais e non como a obra dun colgado. É unha cultura que, basicamente, oculta todo o que sexa problemático. Ou decide o que é ou non problemático.»

E prosegue Martínez:

«Cando calquera obxecto se sae dos marcos da CT, deixa de ser percibido como obxecto cultural, para pasar a ser outra cousa. Un produto marxinal, por exemplo. O cal é para pensalo dúas veces. Os límites do posible son por outra parte máis pequenos que en calquera outra cultura europea, polo que é moi fácil saír do marco. Nese diminuto espazo do marco da CT vive o groso dos profesionais da cultura local, un colectivo obrigado a practicar un máximo común divisor das mesmas ideas, os mesmos posicionamentos, as mesmas tendencias, as mesmas opinións, nunha competencia extraordinaria sen apenas diferenzas na súa produción, o que convida a pensar que o traballo, neste tipo de traballos, é un premio. Posiblemente, máis que á obra, á conduta. É o premio a non crear problemas.»

Naturalmente a xestación deste panorama que describe o libro citado só foi posible pola peculiar historia recente do Estado Español. Un estado que, despois de corenta anos de ditadura fascista, ve como as elites deciden que é o momento de homologarse co marco político imperante no resto de Europa e comezan a trazar, co beneplácito, salvo honrosas excepcións, das organizacións de esquerdas máis importantes da época, un plan que permita modernizar epidermicamente o Estado sen que os postos de poder sufran alteracións importantes. A primeira maioría absoluta do PSOE en 1982 marcará o verdadeiro inicio desta nova cultura empeñada en crear unha España vangardista e moderna practicamente da nada. Para iso, e como apuntaba Guillem Martínez, o papel do Estado será determinante. Probablemente foi 1992, e en especial a cerimonia dos xogos olímpicos de Barcelona o cénit da CT. Antes, a pseudrotransgresión da Movida madrileña (e a súa émula viguesa). As pelis de Almodovar. A pintura potenciada polas institucións: do antecedente do grupo El Paso ao archimimado Miquel Barceló. Mariscal. A literatura tipicamente consensual editada por Alfaguara e publicitada por Babelia en El País. A febre da haute cuisine e dos cociñeiros-celebrities. Despois, o agromar de museos de arte contemporánea en cada curruncho do Estado e a crenza ilusa de que se podían indagar novas maneiras de ver o mundo (pois iso é finalmente crear arte) retomando a figura do pintor de corte propio do século XVII. Hoxe todo isto rematou, e rematou basicamente (de aí comezarmos con Marx), porque rematou o carto fácil co que a banca alemá financiou o crecemento económico experimentado polo Estado Español a través da hoxe pinchada burbulla inmobiliaria. Coa seca das billas alemás todas as industrias culturais crecidas baixo as ás do Estado, da empresa ou da obra social das extintas caixas de aforro están a morrer de inanición demostrando como de feble e artificial era todo ese sistema cultural pouco enraizado na sociedade concreta (unha sociedade, en boa medida, de albaneis e camareiros) sobre a que se edificara. Así, non é de estrañar que dun tempo a esta parte, e xa falando do noso país, Galicia, esteamos a ver, día si e día tamén, como abrollan iniciativas (a comunidade de artistas sita na parroquia viguesa de Valadares Al-Ga, o FAC-Peregrina de Compostela ou a residencia de escritores da editora Axóuxeres, por citar só algunhas), estas si creadas desde o máis abaixo da sociedade civil, que procuran tecer unha nova rede cultural menos dependente, menos artificiosa, probablemente máis pobre, pero seguro que máis creativa e libre, que o vello entramado cultural dedicado a honrar os consensos da defunta Transición que nos conduciron á desastrosa situación actual.