10/26/2012

Sobre o partido-movemento


É duro dicilo, pero parece que a ultradereita grega comprendeu mellor a Gramsci que a maior parte da esquerda europea. Unha crónica publicada recentemente mostraba á Aurora Dourada como un "Estado dentro do Estado". Escribía a xornalista:

Aurora Dourada preséntase como capaz de encher os ocos deixados polo Estado. Na páxina web oficial e nas dos grupos locais anúncianse distribucións de comidas, servizos de asesoramento para a procura de traballo, visitas a residencias de anciáns ou fábricas en crise.

Sabido é que finalmente este movemento cumprirá a función que historicamente cumpre sempre o fascismo en tempos de crise: disciplinar ás poboacións para aceptaren as políticas autoritarias que precisa o sistema económico cando non ten máis remedio que mudar o goberno en dominación. Pero, é certo, e ben triste, que neste proceso de fascistización do Estado, algunhas das prácticas organizativas da estrema dereita sexan o máis parecido a aquela concepción gramsciana do cidadán subalterno en tanto que "funcionario" dun novo Estado que está xa a nacer dentro do Estado existente.
 
A fórmula "conquista do Estado" debe ser entendida neste sentido: creación dun novo tipo de estado, orixinado na experiencia asociativa da clase proletaria, e substitución por este do estado democrático-parlamentario." [Antonio Gramsci, Escritos políticos (1917-1933)]

Cando dicimos que Anova (ou AGE?) debería ser un partido-movemento, deberiamos ter na cabeza este tipo de praxe, análoga á doutros movementos que actúan na capilaridade social (como as grandes igrexas evanxélicas de norte e sudamérica) 
que nada teñen que ver coa esquerda pero que non só son quen de dar asistencia material senón tamén pisocolóxica e afectiva ás maiores vítimas da desestruturación e da atomización social; e que conseguen levar a cabo aquilo que Manuel Martínez Barreiro propuña no segundo debate de #GalizaAnoCero celebrado hai uns días na Coruña: a creación de comunidade. Así era, por certo, a esquerda de principios do século XX, cando esta verdadeiramente representaba algo, e cando os seus líderes intelectuais non se atopaban separados organicamente do movemento.
Como ben di Perry Anderson en Consideracións sobre o marxismo occidental, foi precisamente Antonio Gramsci o derradeiro dos líderes intelectuais da esquerda que desenvolveron o seu traballo no seo do movemento. Depois del, a intelligentsia da esquerda iríase recluíndo cada vez máis na universidade, afastando as súas achegas intelectuais da práctica real das clases populares e dexenerando nunha escolástica académica cada vez máis abstracta e teórica.
Que a "esquerda occidental" leve décadas sen ser capaz (ou sen vontade) de facer algo tan sinxelo como un comedor popular di moito do acomodamento da súa militancia e da pouca vontade de se mesturar cos sempre incómodos e pouco interesantes "pobres reais". Pero a depauperación social ameaza con estenderse cada vez máis, ao tempo que as funcións asistenciais do Estado son eliminadas sen contemplacións. Ante esta situación, na que o risco de exclusión pendura sobre as cabezas de segmentos cada vez maiores da sociedade e na que a marxe de manobra para facer política de xestión nas institucións oficiais do Estado é cada vez máis pequena, semella que os esforzos organizativos dunha esquerda que se conciba a si mesma como algo máis ca unha maquinaria para posicionarse electoralmente deberían ir non tanto cara á formación dun simple partido político ao uso, senón de todo un entramado social incardinado na vida cotiá das clases populares.
E non debemos esquecer que, mesmo alá onde as clases poderosas teñen un maior control do Estado e son capaces de condicionar máis a lóxica deste en beneficio dos seus intereses, esas mesmas clases poderosas seguen a manter tamén o máis parecido a un "Estado dentro do Estado": o mundo da empresa e os medios de comunicación de masas. As empresas son ese lugar da sociedade civil no que as clases poderosas conseguen que a filosofía igualitarista que impregna toda a narración da democracia liberal se manteña en estado de excepción e no que rixa, de facto, a desigualdade, a xerarquía e a arbitrariedade. Así mesmo, os medios de comunicación son ese outro lugar que, presentándose como neutral, actúa como parte, e que ten unha capacidade desorbitada de influencia sobre a teórica posición equidistante do Estado a respecto dos intereses dos diversos grupos sociais. Fronte estes dous exemplos, as clases populares organizadas arredor da esquerda non contan con ningún tipo de contrapeso (o maís parecido era o sindicalismo que, co tempo, dexenerou en xestoría e nun piar máis do mundo da empresa) que se poida homologar a eses dous "Estados dentro do Estado" sostidos polas clases poderosas.
Non será nos Parlamentos senón neste baixar á rúa (entendido isto como algo diferente aos episodios fugaces de protesta) e en organizar de xeito duradoiro no tempo novas formas de institucionalidade, onde se poida desputar, cun mínimo de opcións de pintar algo, a hexemonía a aqueles que agora mesmo non teñen adversarios dignos de tal nome.

10/23/2012

Notas postelectorais



Transcrición da miña segunda (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 36`17``). Música de fondo: Red sleeping beauty de McCarthy.


Primeira nota: dicían os republicanos clásicos que non hai liberdade sen que haxa previamente condicións materiais para ser libres; é dicir, ninguén dependente, cautivo de determinados líderes locais ou sen alternativas laborais na súa contorna pode ser verdadeiramente libre. Nas eleccións galegas celebradas onte volvemos presenciar como na maior parte de Galicia, especialmente nas zonas deprimidas do interior rural, as condicións para que haxa liberdade están lonxe de seren as óptimas. Algo diferente, tampouco moito, é a realidade nas zonas costeiras atlánticas onde a forte penetración da Alternativa Galega de Esquerdas lembra poderosamente os bos tempos do BNG nos que esa forza calaba fondo na mocidade urbana e ben preparada; é dicir, no pequeno motor que aínda tira da vitalidade deste minguado país. As maiores diferenzas entre hoxe e os noventa estriban en que o PP consegue manter, leis electorais mediante, a súa hexemonía nun momento de crise económica brutal e que a coalición que se ofrece como alternativa sostén o seu éxito nos ombreiros dun home xenial e carismático pero vello.

Segunda nota: a diferenza de lecturas feita polo entorno do BNG e do que actualmente conforma a Alternativa Galega de Esquerdas da emerxencia de movementos como o 15M e das súas secuelas é toda unha metáfora da capacidade de conexión social dunha e doutra forza coa xente farta do estado actual de cousas. Mentres o primeiro siga considerándose a si mesmo como algo dado independentemente da dialéctica social e siga calificando a todo o que xurda na sociedade como epifenómenos de contubernios do poder, pouco futuro pode agardar máis que ir caendo na marxinalidade paulatina.

Terceira nota: hai un utopismo de esquerdas e hai tamén un utopismo de centro. A diferenza dun e doutro é que o primeiro sabe que se move no mundo dos desexos, non das realidades. O problema do segundo é que sendo utópico se ten a si mesmo por pragmático, realista e ponderado. Os pobres resultados de Compromiso por Galicia confirman, unha vez máis, que a teima en que o noso país demanda unha forza equiparable ao PNV ou a CIU é unha manifestación clara dese tipo de utopismo que, o é máis, canto máis se reivindica como realista e chantado cos pés na terra.

Cuarta nota: cuestiona a vitoria de Feijóo a hipótese que moitos sostiñamos de que o réxime saído da Transición está ferido de morte? Na miña opinión non. O esboroamento do PSdG, unido ao do PSE en Euskadi e ao previsible do PSC nas vindeiras eleccións catalanas, indican que, malia que o PP poida resistir tras o alivio das eleccións galegas, o sistema bipartidista que actuaba como armazón político institucional vai camiño de ser disfuncional. O cal só pode conducir a que o divorcio da cidadanía coas institucións aumente aínda máis.

10/01/2012

Equilibrio inestable


Transcrición da miña primeira (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 5`16``). Música de fondo: Capitalism stole my virginity de The International Noise Conspiracy.

Equilibrio inestable. Como o das solainas que a duras penas se sosteñen nas vellas casas de aldea e ás que un refacho de vento un pouco forte ou o a simple acción dunha pisada poden convertelas no feixe de madeira podre que de facto son, así é tamén a situación actual do Estado Español.

Tal como sostiña o vilipendiado Carlos Marx que agora volve ocupar os andeis das librerías, tras a entrada en barrena da base económica tanto o aparello institucional como a narración ideolóxica que o sostiña, aquilo que Gramsci chamou hexemonía, entraron tamén en colapso. Así, daquel milagre español, un milagre falso como todos os milagres, construído a base da entrada de capitais especulativos extranxeiros dispostos a inflar até o infarto a burbulla inmobiliaria e que foi erixido sobre o consenso arredor da monarquía e do café para todos autonómico e vernizado a través do discurso da modernización e da utopía europea, hoxe só queda o lameiro da falta dun modelo de desenvolvemento para un estado que sacrificou moitos sectores industriais da economía real, sacrificio que no caso galego foi especialmente virulento e destrutivo en forma de reconversións, desguace de frota pesqueira e exterminio do sector agrogandeiro.

E como sucede sempre cos traumas reprimidos o trauma nacional regresa tamén en forma de choque de lexitimidades e nun intento desesperado por parte da esquerda española, especialmente do PSOE, de recurrir ao federalismo como solución de emerxencia despois de décadas sen atender ao necesario para que o federalismo calle: a creación dunha cultura federal.

Non se trata de repetir agora aquilo de socialismo ou barbarie (ou se cadra si), pero si parece cada vez máis claro que o estado español se enfronta a unha situación na que ou ben se consegue unha acumulación de forzas á esquerda que poidan reverter a política de feitos consumados da troika ao tempo que se procura unha solución democrática á cuestión nacional ou o que se enxerga no horizonte é a volta da España eterna, autoritaria e desigual, ben que posta ao día a base de cinismo ultraliberal e neolingua. Isto é, o que se enxerga é a barbarie.

Nos comezos daquela Trasición/traición Alfonso Guerra dixera aquilo de que a España non a ía coñecer nin a nai que a pariu. Todo parece indicar que aquela frase respondía máis ao gusto pola hipérbole de Guerra que a unha realidade constatable. E porén o que neste momento se está a ventilar é que aquela hipérbole poida ser levada a cabo. Se a primeira transición non foi quen de mudar o rostro deste Estado cansado de ser, unha segunda transición que aposte pola creba democrática, desprezada na primeira transición, será o paso necesario para arranxar agora o que non se arranxou a finais dos setenta. Porque é iso, ou a barbarie.