7/30/2012

Homenaxe a Chris Marker


Na morte de Chris Marker recupero estes dous posts do ano 2009 nos que reflexionaba sobre imaxe e memoria partindo, entre outras cousas, dunha película súa.

A rebusca. Imaxe e memoria (I e II)

Sobre fotografía leo a diferenciación que establecía John Berger, nun artigo do ano 1978 incluído en Mirar (Editorial GG, 2001), entre o uso privado e o uso público da mesma. No privado, onde o «uso de la instantánea registrada (...) se conserva de modo que la fotografía vive en continuidad», o fotógrafo e o fotografado coñecen perfectamente quen ou que está sendo representado. No público, a fotografía separada do seu contexto, «se convierte en un objeto muerto que, precisamente porque está muerto se presta a cualquier uso arbitrario». Partindo desta distinción, Berger trata de atopar a maneira para que fotografar na época da alta tecnoloxía e dos medios de comunicación de masas siga tendo sentido. Así di: «La función de cualquier modalidad alternativa de fotografía es incorporarse a la memoria social y política, en lugar de servir de sustituto que predispone a la atrofia de esa memoria». Que debe facer pois o fotógrafo, segundo o escritor, para desenvolver este uso alternativo da fotografía? «Pensar en si mismo-a no en tanto que reportero o reportera para el resto del mundo, sino más bien en tanto que recopilador o recopiladora para aquellos que forman parte de los acontecimientos fotografiados».
Como se un destes compiladores de imaxes se tratase, Chris Marker dirixiu no ano 1992 L´tombeau de Alexandre (El último bolchevique), fita na que se reconstrúe, en boa medida con imaxes de arquivo ou pertencentes a vellos filmes do director Alexadr Ivanovich Medvedkin, a biografía deste e as vicisitudes históricas que provocaron a revolución de outubro, o estalinismo, a Perestroika e a caída do muro de Berlín. Marker recorre maioritariamente a imaxes alleas pero estructura a película en seis capítulos como seis cartas dirixidas a Medvedkin en primeira persoa. Dito doutro xeito, e por seguir aplicando a diferenciación bergiana, Marker privatiza as imaxes públicas de Medvedkin. E por que fai isto? En primeiro lugar, supoño, porque o personaxe e a súa obra lle parecen interesantes, en segundo lugar porque quere salvalo da queima á que se viu avocado ultimamente todo o que cheirase a soviético. E se ben nós (o resto do mundo) somos os únicos destinatarios desta recontextualización da figura de Medvedkin, semella que Marker tamén pretendese facer –ou así o dá a entender a voz narradora que dialoga co morto– o mesmo que os fotógrafos imaxinados por Berger: que a presenza espectral de Medvedkin, alá onde estea, actúe como recoñecedora e outorgadora de sentido ás fotografías que conforman a súa propia historia.
Pero curiosamente tamén Medvedkin parecía acreditar na teoría bergiana. Naqueles tempos entusiastas nos que os mellores artistas dun país estaban ao servizo dunha ideoloxía que prometía cambiar a face da terra para sempre, persoeiros como Dziga Vertov e o propio Alexandr haberían coincidir nun experimento único na historia: a construcción dun tren equipado cun laboratorio de revelado, de animación e de proxección e repleto de libros, discos e panfletos que percorrería toda Rusia para, a dicir de Marker, «mostrar películas hechas en la cumbre para instruír a la base e imágenes rodadas en la base para ser montadas en la cumbre». Grazas ao tren agit-prop, e segundo palabras do propio Medvedkin, «podíamos llegar a todas partes, parar el tren, rodar las películas, revelarlas allí y enseñárselas enseguida a quienes habíamos filmado». Como se varias décadas antes de Berger, aqueles homes xeniais, intuindo o perigo que suporía o divorcio da imaxe e o contexto, tamén se propuxesen actuar como compiladores das vidas dos demais.
Volvendo a Mirar, concretamente ao capítulo titulado Millet y el campesino, Berger achégase ao pintor «que percibió algo que muy pocos supieron ver en aquella época: la pobreza de la ciudad y el mercado creado por la industrialización, a la que estaba siendo sacrificado el campesinado, un día podría suponer la pérdida de todo sentido de la historia». «Para Millet» continuaba Berger «el campesino llegó a representar al hombre; por eso también, consideraba que sus cuadros cumplían una función histórica». Medvedkin, «un comunista puro en un país de comunistas que fingían serlo», «bisnieto, nieto e hijo de campesinos», pasou toda a súa vida tratando de que a súa arte tamén cumprise unha función histórica. Porén, nunca soubo explicarse por que os koljoses deseñados para o progreso labrego que tanto filmou eran un completo fracaso. N´A felicidade (1932), filme rodado cando aínda contaba co beneplácito do réxime, un xeneral zarista dá o alto aos soldados pre-revolucionarios que queren matar a Jmir, un campesiño con pouco entusiasmo colectivista que despois da revolución vivirá nun koljos tan onírico como as aldeas rusas pintadas por Chagall, dicindo: «Si el campesino muere ¿quién alimentará a Rusia?». En 1936, acusan a Medvedkin de antistalinista, polo que se lle prohíbe rodar unha película na que uns mujiks «llegan al infierno porque incluso allí se adaptan» ––era esta unha ironía demasiado intelixente para o réxime.
Na loucura da Rusia dos 30 que quería industrializarse a toda costa e na que o obreiro fabril representaba o heroe revolucionario, o campesiño era considerado, na construcción oficial, como un pequeno propietario do que cumpría desconfiar. Porén, eu teño para min que o que máis molestaba á paranoia estalinista era o feito de o campesiño representar demasiado a cordura da persoa cos pés na terra, do Sancho Panza ao que non lle convencían os castelos no aire. Caído o muro de Berlín e cando o sacrificio do campesiñado profetizado por Millet está case que consumado, non deixa de ser curioso que sexa unha organización mundial como Vía Campesina (con propostas tan interesantes como a soberanía alimentar) a que teña tomado o relevo ás grandes internacionais obreiras. Quen sabe se non é porque neste tempo de globalización e fin das ideoloxías só alguén cos sólidos alicerces do labrego pode representar, coma nos di Berger dos campesiños de Millet, o ser humano con maiúsculas que evite a perda de todo sentido da historia.

* * * * *

A diferenza de Medvedkin non son fillo de labregos, pero si neto e bisneto e entre os meus recordos de infancia gardo un que desempoei vendo o filme de Agnes Varda Les glaneurs et la glaneuse (2000). Como sucede en todo o Ribeiro, a vendima constituía na miña aldea unha época especial. Desde Vigo acudiamos a familia toda para axudar nese proceso máxico de tornar a froita en viño. Uns cortaban acios, outros carrexaban cestos e caldeiros, acugulaban outros culeiros e sacos de plástico con uva e outros máis cargaban todo nos maleteiros dos sufridos Simcas e Centovintecatros. Polo que respecta aos máis noviños, desempeñabamos, coa vantaxe da nosa pequena estatura, unha función de suma importancia dentro do proceso: dobrar o lombo, como as glaneuses do cadro de Millet que dá título ao filme de Varda, para recoller do chan as uviñas que se desprendían dos acios durante a corta. En bo galego diríase que "rebuscabamos os baghos” e noutros tempos era frecuente aleccionar os rapaces preguiceiros nesta tarefa rememorando aquela remota e improbable ocasión en que unha vella fixera cen moios de viño usando só os bagos que apañara.
Segundo o Gran Dicionario Xerais da Lingua a rebusca é, en primeiro lugar, a acción e efecto de rebuscar; tamén é o froito que queda nos agros despois das colleitas, o rebusco; tamén aquilo que sobra, que non serve ou que non se quere aproveitar, o reboutallo, o rebusco, o refugallo, o refugo e tamén o antigo uso consuetudinario que consistía en deixar que os rapaces e a xente pobre entrasen nos agros para apañar os froitos que non se aproveitaron na colleita. Rebusca é por tanto o sinónimo máis axeitado para verter ao galego o termo francés glaneur que Agnes Varda procura no dicionario ao comezo do seu filme. A directora grava os marxinais e os artistas (os glaneurs do noso tempo) que procuran no lixo xerado pola sociedade industrial e tecnificada o seu mantemento corporal e espiritual e achégase a estas vidas alleas non coma alguén que espía sen involucrarse no que ve, senón comprometéndose cos obxectos e as persoas filmadas, dialogando con elas e con nós ante a cámara até o punto de relacionarse con todas esas imaxes coa familiaridade coa que se pasan as fotografías dun álbum familiar. Do mesmo xeito que grazas ao filme A felicidade de Medvedkin soubemos que os labregos rusos empregaban, para facer a malla, manles como os que usaban os labregos galegos até non hai tanto (sobre a miña mesa unha fotografía mostra o meu avó e o meu bisavó portando manles iguais ao que usa Jmir no filme), pola película de Varda sabemos que ese dereito consuetudinario solidario que segundo a definición de rebusca forma parte da tradición galega, tamén existe no dereito consuetudinario francés (e probablemente é un elemento común á gran cultura labrega europea que un día abrangueu todo o continente desde o noso finisterre até as estepas do leste e que hoxe vemos agonizar); por iso a directora acabará recoñecéndose ela mesma unha rebuscadora de «imaxes, impresións, emocións para as que non hai lei». Unha apañadora de bagos. Unha coleccionista de «feitos, actos, obras e información». Unha construtora de contextos que pensa que «o miolo da arte é ordenar o mundo interno e externo de cada un».
Varda viaxa no asento de copiloto dun coche e filma os camións que vai adiantando. Xogando coa cámara consegue un plano no que parece atrapar coa man cada camión que vai aparecendo. Como se tamén os camións, ou as imaxes dos camións, fosen colleitados. Nunha das digresións da película coñecemos a historia de Etienne Jules Marey, outro colleitador de imaxes. Propietario de viñedos e afeccionado á fotografía, inventou, antes de que os Lumier inventasen o cinema, a cronofotografía: técnica consistente en fotografar sucesivamente o movemento dun suxeito. Mediante esta técnica, Marey conseguiu descompoñer o voo dos paxaros e fixo pequenas series fotográficas de gatos camiñando ou persoas saltando. Para conseguir as súas marabillosas instantáneas inventou unha cámara inserida na culata dunha escopeta coa que “cazaba” aos bechos que pasaban por diante do parapeto de pedra que construíu na súa casa. Como se o descubrimento de Marey tamén tivese sido conxelado pola historia, un estudoso de Medvedkin asegura en L´tombeau de Alexadre que o director ruso foi a primeira persoa que insertou unha cámara fotográfica na culata dunha escopeta. Sexa como for, que dúas persoas tan afastadas no tempo e no espazo tivesen a necesidade de crear o mesmo aparello para dispararlle máis certeiramente á fuxidía realidade (tamén eu disparei ao tempo cando recuperei a imaxe do neno que apañaba bagos) demostra que todo ser humano necesita, en maior ou menor medida, conformar a súa compilación persoal de fotografías da que falaba Berger. Para sentir que aínda é quen de dar un sentido ao que viviu. Para preservar a relación entre imaxes e memoria. Para non perder a continuidade. E porque se cadra é verdade a cita de George Steiner que encabeza a película de Chris Marker e efectivamente «non é o pasado quen nos domina –senón– as imaxes do pasado».

7/23/2012

Textos escollidos para ler o presente (V)



Que estamos nun momento —este nos que según moitos o Estado español está a piques de engrosar a lista de rogue states pola vía da intervención directa da Troika— no que se vai decidir como será a feitura deste estado para as próximas décadas, o mesmo que na chamada Transición se decidiu como habería ser o Estado español de fins do século XX, é algo que xa non nega ninguén. Que hai cada vez máis movementos que aventuran o regreso dos “grandes consensos” de elites, como a finais do franquismo, parece tamén evidente. Nos últimos días, diversos artigos, editoriais e declaracións do partido oficial da oposición así o testemuñan. Semella pois acaído lembrar un pouco como foron e para que se xestaron aqueles grandes consensos de hai corenta anos que baleiraron de contido as demandas populares do antifranquismo e que forxaron as estadas institucionais e políticas que hoxe vemos apoderecer por toda parte. Os herdeiros directos daquela operación, por máis que Felipe González queira endilgarlle todos os males que hoxe sufre o Estado español aos anos de goberno de Aznar, son a deostada casta política bipartidista que vai camiño de reeditar outra Gross Koalition de espúreos intereses. Velaí vai, logo, un estracto dese libro imprescindible de Joan E. Garcés chamado Soberanos e intervenidos. Estrategias globales, americanos y españoles.

Enumeremos algúns dos medios instrumentais da reforma política. En primeiro lugar, a reducción-recondución das pugnas socio-políticas á súa vertente parlamentaria, entre os equipos cooptados a este fin e disociando loitas políticas e dinámica social. Para isto converteuse aos equipos políticos protexidos en asociacións paraestatais distanciadas da súa base social específica, actual ou potencial. Financiados en parte desde os centros de decisión da Coalición da Guerra Fría, vía fundacións e outras mediacións económicas, e en parte desde os Orzamentos do Estado, os partidos da reforma na práctica funcionaron coma órganos do Estado.
En segundo lugar, adaptouse a experiencia da RFA posterior a 1958 (Congreso de Bad-Godesberg do Partido Socialdemócrata), e a de Italia despois de 1963 (onesto compromesso entre o Partido Socialista e a Democracia Cristiá). Os grupos que pactaron a reforma en 1976-77, en particular os que a protagnizaron
os de Fraga (AP), Suárez (CDS), González Márquez, Carrillo, nacionalistas vascos e cataláns, operaron como grupos socialmente autónomos illados en parcelas do Estado, como compoñentes sociais do mesmo con intereses e necesidades propias.
[…]
Foi un proceso denominado de consenso. Deste xeito a internacionalización do capital avanzou en España simultaneamente á súa estabilización económica, militar e política dentro das estruturas creadas durante a Guerra Fría en Europa.
En terceiro lugar, o entramado de equipos políticos consensuados actuou como órgano de conservación do statu quo socioeconómico. Son equipos que recoñecen non tanto a existencia de clases como a de individuos ou sectores sociais cuxas contradicións ou antagonismos se tapan con referencias modernizadoras, tecnocráticas, que adaptaron a experiencia da RFA que describía O.K. Fletchtheim:


«Nos últimos anos anúnciase unha transformación interna dos partidos. Parecen evolucionar por momentos do tipo de agrupación democrática de afiliados, fortemente impregnada de ideoloxía, a aquel dunha institución case estatal, dirixida en grande medida xerárquicamente, que –en forma de todo análoga ao Estado moderno en xeral- ostenta tanto os rasgos dunha organización de prestación de servizos, que trata de satisfacer diversos desexos dos consumidores, como tamén os dunha institución de dominación. Esta “obxectivación” e “desideoloxización” da política dos partidos, que moitos celebran, vai hoxe en día causalmente da man, en todos os partidos, cunha renuncia progresiva á realización de reformas estruturais profundas na sociedade e na economía.»

En cuarto lugar, en 1977 os equipos cooptados foron legalizados como partidos políticos previa garantía da súa oligarquización interna. Non xa só comprometida senón constitutivamente consolidada, requisito sine qua non para seren aceptados no consenso e percibiren a súa parte alícuota con cargo aos orzamentos do Estado. A orde cronolóxica de legalización dos equipos políticos a partir de 1976, de maior a menor protección, mostra a programación da que aqueles foron parte, até lograr que se conformara unha unidade oligárquica concentrada en torno dunha persoa con plenos poderes no seo de cada partido, que mediatizara aos seus adherentes e os convertira en instrumentos executores de plans e compromisos a miúdo secretos.
En quinto lugar, a actuación independente da cúpula de semellantes partidos respecto dos seus membros e electores facilitou a súa actuación á marxe de referencias de clase, ou de relacións de dominación socio-cultural-nacional.
En sexto lugar os equipos constituíntes de 1977-78, en particular os centrados en torno de Adolfo Suárez e Felipe González, ofreceron programas políticos só en apariencia distintos. A súa analoxía e comunidade de obxectivos fíxoos adoptar os métodos de mercadeo propios da venda de bens de consumo, a “oferta” axuntándose ás expectativas das equisas sobre a “demanda” –esta última á súa vez promovida pola publicidade-propaganda. E aínda que os partidos parecían pelexar por conquistaren posicións de poder, eran parte dunha unidade simbiótica. O partido único do réxime franquista, o Movemento Nacional –do que fora último secretario xeral precisamente Adolfo Suárez
, foi na práctica reconvertido despois de 1975 nunha versión plural dun partido dominante subxacente. A pluralidade de núcleos políticos consensuados do posfranquismo, a diferenza do que limitou á unificada Unión Patriótica durante a ditadura do xeneral Primo de Rivera (1923-1930), puido asegurarse reciprocamente o xogo electoral para distribuírse o acceso aos postos públicos –función principal para eles dunha Constitución, ao tempo que se garantizaban que quenqueira que gañase non introduciría mudanzas substanciais respectos dos outros. A lóxica de tal sistema tende á depauperación da renda política dos máis débiles ou incertos (como o Partido Comunista, ou os núcleos das nacionalidades periféricas), en proveito da concentración dos recursos nun bipartidismo imperfecto volcado sobre o “centro”, é dicir, sobre o mantemento do statu quo ante.
Por último, obxectivo capital, tratouse de agachar as contradicións entre capital e traballo mediante sindicatos integrados no sistema. Complemento indispensable da manipulación parlamentaria, en paralelo co illamento da oposición “fundamental” ao réxime franquista, a neutralización ou destrución da dimensión de clase nos sindicatos foi buscada pola vía da súa integración en pactos como o da Moncloa
1977 ou o Acordo Nacional sobre o emprego 1981. Co apoio da Patronal e do Goberno a instrumentación dos recén legalizados sindicatos perseguía arrinconar aos núcleos sindicais que con maior conciencia sobreviviron á represión da ditadura. Era o contrapunto da secuencia política que describía o deputado de González por Barcelona –Juli Busquets:

«Hoxe, grazas fundamentalmente á responsabilidade, prudencia e moderación dos socialistas, e máis concretamente de Felipe González, o PSOE […] practica unha política baseada no consenso, na concertación e no pacto social, e en consecuencia a sociedade non só non está enfrontada, senón que está cada vez máis integrada.»

7/15/2012

Breves comentarios á Asemblea Constituínte de Anova


Onte, aniversario da toma da Bastilla, constituíuse, despois dun día enteiro de esgotadores, caóticos e, por veces moi tensos debates, a nova organización política Anova. Fun moi crítico con como se levou a cabo a maior parte do proceso que desembocou na creación desta nova organización. Fun especialmente crítico co funcionamento da Asemblea de Vigo, na que participei e participo, pola súa falta de horizontalidade e a súa contínua recurrencia á "cociña creativa" previa a cada unha das asembleas. Nos días anteriores á celebración da Asemblea constituínte e nalgunha das miñas intervencións na propia Asemblea fun moi crítico co dirixismo encuberto que se percibía en numerosos momentos. Dirixismo que se sustanciaba nas accións e omisións dunha Mesa na que era evidente o pánico a perder o control da Asemblea; na ambigúidade calculada, case que até o mesmo momento de votar, no que ten que ver coas listas abertas; na falta publicidade previa das mesmas de xeito que non se puidese coñecer con antelación quen era quen entre os que se autopostulaban fóra da lista oficial; na co-existencia dunha lista oficial disfrazada de "lista de consenso" (feita pública, por certo, de xeito que non houbese tempo a articular outra lista alternativa) canda un pequeno excedente de autopostulantes aos que se lles permitiu pugnar, a título individual, en clara desigualdade de condicións; etc.
Na asemblea de onte, a fontanería, da que eu tanto refugo, funcionou no que tiña que funcionar
a aprobación da lista oficial. Agora ben, onte, nas longas horas que durou o cónclave puidemos comprobar que, por moi imperfecto que sexa, por moi manipulable que sexa, o asemblearismo é o máis parecido que existe á Democracia, así, con maiúsculas. E digo Democracia entendida como o proceso político no que a incertidume, é dicir, a emerxencia do inesperado, do non calculado, é posible. Pois por moito que se pretenda atar todo antes dunha asemblea, a propia dinámica da mesma fai que sempre se creen fendas nas que o incontrolable apareza. Na de onte, á que moita xente si foi con ganas de debater de todo, sen dar nada por suposto, e onde as votacións de non poucas enmendas evidenciaron unha aritmética variable e non o cansino rodillo que se podía experimentar noutras organizacións, mostraron que a participación en igualdade e a horizontalidade é o mellor camiño para que as costras burocráticas nunca cheguen a un grao de solidificación tal que impida a súa rexeneración. Onte foi posta unha pimeira pedra, e como é a praxe a que determina a validez ou invalidez de calquera proxecto político, deámoslle unha marxe de creto antes de sacar conclusións precipitadas. Nada me gustaría máis que ter a certeza de que estamos a acertar no reto de inventar unha nova forma de entender ás organizacións políticas e á propia política. O tempo diráo con maior claridade.

7/11/2012

Converxencia cara un novo proceso constituínte

 
En toda canta análise escribín sobre o tema 15M sempre insistín no mesmo: para que ese movemento fose aínda máis eficaz estaba abocado a converxer (e digo converxer non deixarse guiar) co movemento obreiro e coa esquerda organizada. Debe ficar no esquecemento o ocorrido nas mobilizacións do pasado 12 de marzo en Vigo, coas súas dúas manifestacións separadas por uns cantos metros (unha de traballadores do Naval e outra do 15M), como mostra do descoñecemento mutuo de dúas culturas da esquerda que máis gañarían actuando en común. O acontecido onte en Madrid co caloroso recibimento á chamada Marcha Negra de mineiros de diversos puntos do estado, despois de protagonizaren, especialmente en Asturias, auténticas batallas coa policía, está chamado a marcar un fito nese proceso de converxencia.
Que a marcha rematase nun lugar emblemático para os mobilizados arredor do 15M como é a  Porta do Sol e que durante o pasarrúas dos mineiros polo centro de Madrid os milleiros de persoas que os acompañaban entoasen, indistintamente, lemas como “que si, que si, que si nos representan” (un dos cantos por antonomasia do 15M) e “si esto no se arregla, guerra, guerra, guerra” (lema clásico onde os haxa das mobilizacións obreiras), indica que o proceso de hibridación xa está en marcha.
Que todo isto acontecese no momento en que o Estado Español era oficialmente intervido e na véspera dun anuncio de recortes brutais, privatizacións e subida do IVE tamén para os produtos básicos (unha nova aplicación da doutrina do Shock) indica que esa unidade chega no momento preciso.
As portadas dos xornais da dereita tentaban camuflar estes dous feitos con macabras portadas de pasados atentados de ETA, procurando retomar o aborrecido discurso dos tempos da euforia económica do inimigo interior e do revisionismo da organización territorial do Estado e esquecendo que a derrogación polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo da chamada Doutrina Parot (que impide a redución legal de penas para os condeados a máis de 30 anos) non é máis ca outra mostra do grao de represión excepcional alcanzado por un poder xudicial remiso, por outra banda, a permitir calquera investigación sobre o franquismo (a diferenza da Arxentina que hai uns días condeou a Videla a 50 anos de prisión).
Nestes momentos de corrupción xeralizada na monarquía (Urdangarin e Helena de Borbón), na xudicatura (Dívar), nos poderes políticos (Gürtel), empresariais (Bankia, NoCaGa), eclesiásticos (Códice Calixtino); nestes momentos en que cómpre máis falar de réxime que de democracia (o rei presidindo Consellos de ministros, a pasokización do PSOE a través da “oposición responsable” rubalcabiana); nestes momentos de auténtica putrefacción das institucións é preciso traballar no horizonte dun novo proceso constituínte.
O ciclo iniciado coa Transición do franquismo está a rematar en rotundo fracaso. Hoxe, en que seguimos claramente a senda grega de empobrecemento das clases populares pola neglixencia dun goberno de concertación vendido ao capital, é hora dunha nova Transición na que a creación dun bloque social popular integrado polo movemento 15M, o movemento obreiro, os distintos movementos que reclaman unha república española e os movementos soberanistas das nacións sen estado conformen unha única fronte común que retome o programa básico que a Transición dos anos setenta traizoou: democracia real, xustiza social e dereitos nacionais.

7/06/2012

Textos escollidos para ler o presente (IV)


O texto que colgo hoxe pertence a unha conversa privada con Joaquín Miras alguén que, na miña opinión, debulla nos seus escritos a única esquerda posible e con sentido que se pode concibir no presente. Agradézolle desde aquí que me permitise compartilo no blog. Interésame especialmente o parágrafo polas extrapolacións que se poden facer ao noso país, agora que tratamos de construír unha nova ferramenta política
Algúns insistimos, case sempre con menos fortuna da que desexariamos, na liña que aquí bosquexa Joaquín: non chega con facer un partido, non vale de nada un partido "desempotrado" (por empregar o termo que el usa) da comunidade. Só un partido creado, participado e musculado polo movemento, pola comunidade organizada que fai da súa política, política vivida cotidianamente, pode merecer os nosos esforzos. Do contrario non faremos máis que crear unha nova marca, separada daqueles que o deben nutrir, e con tendencia a perpetuarse en forma de burocracia autotélica.

«Un sindicato pode ser unha cousa tan á marxe da comunidade coma un partido, e non só iso, pode ter ademais efectos "desempotradores" na cultura popular: o debate en Kaplan, Temma: Orixes sociais do anarquismo Andaluz  entre comunistas libertarios andaluces prioridade ontolóxica da comunidade sobre o individuo- e anarco-sindicalistas salario enteiro para o traballador sen control da comunidade. [...] O comunitarismo en xeral e a idea de intelectual colectivo de Gramsci éo non separa organización de comunidade, o intelectual é o nome do organizador da comunidade, e non outra cousa, e así tamén a comunidade res-publicana e a comunidade comunista libertaria. O sindicalismo, como o partido tal como o entendemos desde 1874, é unha comunidade á marxe da comunidade, unha orde "exenta" do frixo, e ten idea de que o ser humano para controlar a súa sociedade debe organizarse, pero opta por organizar a comunidade autoconsciente e deliberante á marxe da comunidade práxica: non é unha comisión obreira que detrás ten á asemblea ou o total do activo operante, ou sexa, que dota ao activo práxico de poder de deliberación e control sobre si mesmo e a súa praxe, senón unha comunidade organizada fóra, á marxe da praxe material ou sexa, que se fai alleo á dinámica práxica. Tomo como modelo a idea de Hegel sobre a relixión: a relixión foi o pensamento que desde a desaparición da polis grega antes tamén preservou a consciencia humana de que somos un ser comunitario, que dependemos da actividade social que xera a cultura e materialidade na que vivimos, pero á hora de proporse usar esa consciencia ekklesía, asemblea en lugar de tratar de crear a comunidade autocosnciente no seo da comunidade práctica, no seo das relacións técnicas e sociais e organizacionais da praxe, na medida do posible, pois se organiza como comunidade á marxe, paralela, desempotrada, aínda que obrigue a todo o mundo a ser membro e aínda que teña grande interese por controlar o ethos desde fóra do mesmo...isto serve tanto para o sindicalismo como para o partido "exento".»