3/29/2012

Folga xeral



Vigo parou totalmente nesta folga xeral. A resposta nas manifestacións foi masiva e só comparable á dos grandes momentos de mobilización popular. Cantos votantes do PP habería entre os que marchaban? A rúa e o palacio continúan a se afastar a pasos axigantados. E aínda que mañán nos palacios seguirán a mandar os que mandaban faranno cun pouco menos de lexitimidade. Eles ben saben que ningún palacio pode manterse en pé moito tempo cando os adoquíns da rúa están levantados.

3/20/2012

O funambulista de Maside


O meu amigo Xurxo Martínez envioume esta marabilla de debuxo de Carlos Maside. Non podía deixar de publicalo. O mellor, a frase que inclúe: "A única lei que non se pode burlar é a lei da gravidade". Que apropiada para estes tempos escuros nos que pretenden que traguemos con rodas de muíño.

3/13/2012

Arredor do Novo Proxecto Común


Comezo a ter a estraña sensación ―lendo os debates que van xurdindo aquí e acolá sobre iso que se coñece como O novo proxecto común― de que nesta terra, mesmo en sectores considerados renovadores e modernizadores, continuamos enleados en rifas ben antigas. E é que seguir a facer a lectura da ruptura do BNG como a escisión entre comunistas e socialdemócratas é, ou ben unha caricatura (porque non outra cousa é seguir a considerar á UPG como un partido comunista ou seguir a crer que a socialdemocracia, tal como se entendía con anterioridade ao enxendro da Terceira Vía, aínda é posible e, se me apuran, mesmo desexable) ou ben unha mostra de preguiza e de cofeo na comodidade que dá seguir a pensar o mundo como se as últimas décadas non tivesen existido. Continúa a ler aquí.