10/20/2011

O difícil camiño cara a paz


«Non, o que sucedeu en realidade é que comentei o asunto co camarada Walter. Falámolo porque o camarada Walter marchaba ao extranxeiro en 1953. Díxenlle: "Cando chegues á República Popular Chinesa, debes dicirlles, pedirlles, que queremos iniciar unha loita armada e que precisamos armas", e despois eu din ese discurso [...]. Detivéronme por iso, pero seguía convencido de que era a estratexia correcta para nós. E máis tarde, desde a miña clandestinidade, falei do asunto co camarada Walter e decidimos expoñelo nunha reunión do comité de traballo. Expuxemos o asunto pero, como che dixen, rexeitaron o meu argumento sen máis porque Moses (secretario do partido e, por suposto, membro do comité de traballo do Executivo nacional) sostiña que aínda non chegara o momento para iso: "A causa das estritas medidas adoptadas polo goberno, sodes incapaces de continuar á antiga usanza. As dificultades paralizáronvos e agora queredes expresarvos nunha linguaxe revolucionaria e falar de loita armada, cando de feito, aínda ten cabida o método antigo que estamos a usar se somos o suficientemente imaxinativos e estamos o suficientemente decididos. Simplemente queredes expór á xente a masacres perpetrados polo inimigo. Nin siquera vos parastes a pensar detidamente niso". Así foi como rexeitou a miña argumentación, dixo o mínimo e todo o mundo o apoiou. Despois falei do asunto con Walter... A oposición tiña tanta forza que Walter non se atrevía sequera a dicir nada. Pero sempre foi un tipo moi diplomático, aínda que digno de confianza. Así que revisamos a cuestión, e el, que sempre fora unha persoa de recursos, dixo: "Non, convócao a soas; discúteo con el. Eu encargareime de que vaia verte (porque eu xa estaba na clandestinidade)". Así que Moses veu e pasamos xuntos todo o día. Nesta ocasión fun moi sincero e díxenlle: "Estás a facer xusto o contrario do que fixo o partido comunista en Cuba; dicían que non se deran aínda as condicións para xestar unha revolución. Seguían os antigos métodos defendidos por Stalin..., sobre como pode identificarse unha situación revolucionaria, segundo Lenin e Stalin. Neste caso temos que decidir a partir da nosa propia situación. A situación neste país é que chegou a hora de que consideremos unha revolución, unha loita armada, porque a xente xa está formando unidades militares para emprender actos violentos. E se non o facemos, van continuar. Carecen de recursos, carecen de experiencia e carecen da maquinaria política para levar a cabo esa decisión.[...]
E debes ser creativo e mudar de conducta porque a túa actitude é, en realidade, a dun home que lidera un movemento á antiga, como cando eramos legais; que non o considera liderar agora no marco da ilegalidade no que estamos a operar. Logrei ser contundente co fin de desafialo... logrei desafialo. Así que dixo: "Ben, non che prometo nada, pero volve a expoñelo". Así que fun e o expuxen, e dixo: Ben, sigo sen estar convencido, pero démoslle unha oportunidade. Deixade que expoña estas ideas ao Executivo, co noso apoio." Así que se aceptou e todo o mundo estivo dacordo. Fomos a unha reunión do Executivo nacional. Entón o xefe e outros opuxéronse firmemente. Sabiamos, por suposto, que íamos contar coa postura do xefe porque cría na non violencia por principios, mentres que nós a considerabamos unha táctica (aínda que non puideramos dicir iso diante do tribunal). Ante o tribunal, é dicir, no xuizo da traición, dixemos que críamos na non violencia como principio, porque se dixeramos que a considerabamos unha táctica, teríalle dado unha excusa á Coroa, ao Estado, para dicir que en calquera momento, cando nos convise, usariamos a violencia, e que, de feito, iso era o que estiveramos a facer. Así que o evitamos, pero só por ese motivo. Sempre crimos na non violencia como táctica. Sempre que a situación exixira que utilizaramos a non violencia, usariámola; cando a situación exixira que nos afastaramos da non violencia, fariámolo.

As palabras que veño de reproducir pertencen a alguén que dedicou a súa vida toda á loita polo recoñecemento do seu pobo. O seu legado histórico pasou de ser o dun perigoso terrorista ao dun presidente do seu país e ao dunha figura admirada en todo o mundo. O autor desas liñas chámase Nelson Mandela e o estracto está recollido do libro Conversacións conmigo mesmo. Os métodos que aquí defende Mandela con tanta claridade son os mesmos que viu empregando ETA nos últimos 40 anos. Mandela é unha figura clave do século XX. A loita armada é tamén unha táctica filla dese mesmo tempo. A comezos do século XXI ETA decide deixar atrás a violencia e o pobo vasco ve o horizonte expedito para emprender novos camiños de loita cara o seu recoñecemento. Estamos nun tempo novo e para iso son necesarias estratexias novas. Agora ben, para trazar unha rota viable cara unha paz duradoira no País Vasco cumpriría deixar as emocións a un lado e, co líder sudafricano na cabeza, non esquecer que, por moi equivocada que se xulgue a estratexia armada (e sen dúbida para a solución do conflito vasco aquela non axudaba), non se pode despachar á actividade armada catalogándoa simplemente como unha suma de feitos delictivos senón que é necesario, máis ben, enmarcala no contexto dunha loita política. Se na chamada transición á democracia a amnesia colectiva imposta axudou a que greas de franquistas puidesen vivir impunes até morrer de vellos e mesmo seguir a ocupar postos de gran relevancia política e económica, na segunda transición que a fin de ETA pode axudar a precipitar, os militantes desa organización e, en xeral, os da esquerda abertzale toda, están chamados a xogar, mal que lles pese a moitos, un papel político moi relevante. Se algo proba o caso de Nelson Mandela é que sen a existencia dese espazo aberto para a incorporación nas institucións dos que se atopaban na clandestinidade a paz terá un futuro moi difícil.

10/09/2011

Nacionalista ou nacional? Pequena contribución ao debate


Do mesmo xeito que no século XIX o movemento nacional galego pasou polo provincialismo e o rexionalismo, o nacionalismo será a nomeclatura análoga para o século XX, un século no que a dialéctica centro-periferia se cirunscribía ás relacións entre nacións sen estado vs. os estados nación. No s.XXI ou se combate a globalización sendo nacional, no sentido republicano, ou non se é nada e se deixa que gobernen os mercados. Para alguén que considere a Galiza como o seu país o Estado español sen soberanía que hoxe existe, Madrid, para entendérmonos, xa non pode ser o adversario único. Hoxe os movementos políticos deben reivindicárense nacionais polo simple feito de que os estados-nación están baleiros de contido. Estamos no neofeudalismo, hai que volver construír espazos de soberanía popular. A dialéctica centro-periferia coíncide como nunca coa dialéctica esquerda-dereita e ten a súa expresión na confrontación de mercado vs. democracia.
Se tomamos o caso da ETA, un produto crepuscular dese século XX no que a loita se daba entre as nacións subordinadas e as grandes nacions-estado imperialistas, semella que os dirixentes da banda chegaron á conclusión de que agora xa non ten sentido prolongar un antagonismo que a historia deixou caduco. É un gasto de enerxía inútil facerlle a guerra a un estado con cada vez menos soberanía. Na medida en que se desgasta a ese estado decadente tamén se desgasta o espazo exiguo de soberanía (o que queda de institucións democráticas), no que, mal que ben, as nacións sen estado aínda existen. O poder está agora fóra do Estado Nación, calquera que desexe a pervivencia da súa nación ten que focalizar a loita cara o espazo globalizado dos capitais sen control e dos conglomerados militares. Pensemos senón no expolio ao sistema financeiro galego perpetrado a través da fusión das caixas de aforro e da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular. Pódese afirmar con seriedade que todo ese aforro galego será empregado para que a nación española medre en detrimento de Galiza como se España aínda fose unha metrópole que pavimenta as súa rúas de ouro a costa da suor dos colonizados? Non será máis atinado pensar que con toda probabilidade todo ese aforro ha rematar engulido no fluxo de capitais especulativos sen patria que, por estarmos en tempo de transición, aínda responden, nominalmente, aos xentilicios dos vellos estados-nación? Todo isto abre un espazo aos movementos nacionais periféricos do Estado Español para procurar alianzas co movemento soberanista e popular que xurda na propia España (naturalmente alianza non significa fusión), toda vez que se comparte inimigo.
Nunha entrevista recente Xabier Arzalluz expresaba, coa claridade que o caracteriza, a súa visión desta encrucillada semántica do seguinte xeito: "Yo usaría nacionalista para dentro (do estado nación) y nacional para fuera (o mundo globalizado)". O cal é unha maneira gradualista de recoñecer que o termo nacionalista, tal como se entendeu no Estado durante os últimos cen anos, desaparecerá na mesma medida en que o Estado nación chamado España continúe a se desdebuxar. Esta contradición xa é perceptible nas forzas que se autodenominan nacionalistas e que teñen representación no congreso e no senado do Estado. Ao tempo que manteñen aceso o antagonismo con Madrid escenifican razoables mostras de indignación cada vez que desde o bipartidismo imperante se ignora a opinión dos cidadáns de todo o estado (como sucedeu nese golpe de estado encuberto que foi a reforma constitucional impulsada por Zapatero para instaurar a obriga das políticas de déficit cero).
Pero nada mellor que reparar en Palestina, a nación sen estado que máis globalizada ten a súa loita para concluír con esta cuestión. Alguén pensa que os palestinos se definen a si mesmos como nacionalistas? Claro que non, os palestinos chámanse a si mesmos palestinos e a consecución de institucións democráticas palestinas é o que procuran todos os seus nacionais diga o que diga a infame xeopolítica mundial.