3/29/2011

Democracia mini


É para volver caer baixo o xugo da aristocracia dos ricos para o que se quebrou o xugo da aristocracia feudal? Escribía Maximilien de Robespierre nun discurso do ano 1791 que defendía o sufraxio universal. E engadía:

"Todos os homes nacidos e domiciliados en Francia son membros da sociedade política chamada nación francesa, é dicir, cidadáns franceses. Sono pola natureza das cousas e polos primeiros principios do dereito de xentes. Os dereitos anexos a ese título non dependen da fortuna que cada individuo posúa, nin da cantidade de impostos aos que estea sometido, porque non é o imposto o que nos fai cidadáns; a calidade de cidadán só obriga a contribuír aos gastos comúns do Estado segundo a capacidade de cada un. Agora ben, podedes dar leis aos cidadáns, pero non podedes aniquilalos.
Os partidarios das medidas que estou a criticar percibiron por si propios esa verdade, xa que, non atrevéndose a negar a calidade de cidadán a quen estaban desherdando politicamente, limitáronse a evadir o principio de igualdade que necesariamente presupón mediante a distinción entre cidadáns activos e cidadáns pasivos. Contando coa facilidade con que se governan aos homes con palabras, trataron de confundirnos proclamando con esa nova expresión a máis manifesta violación dos dereitos humanos."

E cómpre retomar os argumentos radicalmente democráticos dos revolucionarios franceses agora que a nosa democracia está a ser galvanizada diante dos nosos ollos. Nun lapso de apenas 72 horas asistimos a dous episodios máis deste claro devalar cara o neofeudalismo que tamén separa os cidadáns en activos e pasivos. O sábado, o presidente Zapatero mantiña a segunda das reunións cos "notables do reino" (a nova cámara dos Lores como a definiu Ignacio Escolar). Onte mesmo, Mariano Rajoy, nun sarao con Pymes, facía público o seu desexo de substituír a asignatura escolar de "Educación para a cidadanía" por "Fomento da actividade emprendedora" (aínda que a claridade non é a maior das virtudes de Rajoy, desta volta creo que todos comprendemos a mensaxe subliminal que se nos enviaba). Se os dous líderes do turnismo oficial deixaban ás claras a concepción aristocrática e antidemocrática da sociedade civil que lles impulsa, tamén demostraron, estes últimos días, a que políticas concretas conduce irremediablemente esa visión da sociedade: por unha banda o anuncio de Zapatero de vincular por lei, como manda o chamado "Pacto do euro", gasto público e crecemento (lei complementaria á que vinculará, salvo que UGT e CCOO nos sorprendan, produtividade e salarios). Dificilmente se pode atopar lei máis antidemocrática que aquela que impide calquera alternativa en política económica, aínda que esta non sexa máis que a vella receita do investimento contracíclico (no contexto en que nos movemos mesmo o keynesianismo é subversivo). Pola outra, a suxestión do presidente de Murcia, en presenza de Mariano Rajoy, de comezar a cobrar pola asistencia sanitaria e educativa pública. Algo especialmente desvergoñado se temos en conta que Murcia é unha das comunidades con maior número de parados —menor número, polo tanto, de xente con capacidade de pagar nada— do Estado español, por mor da súa entrega á economía do tixolo.
Será o noso estado de shock, que diría Naomi Klein, tan paralizante como para permitirmos esta involución?

3/24/2011

As verdades do bufón




BUFÓN: Se pensaramos cos pés, non poderiamos ter frieiras no cerebro?


LEAR: Claro que si.

BUFÓN: Pois fica tranquilo, que tes ti ben abrigada a cabeza.

W. Shakespeare


Nas vellas cortes medievais só o bufón podía dicir a verdade ao rei en toda a súa crueza e no noso neofeudalismo pospolítico e high-tech semella que tamén só os bufóns son quen de chamar ás cousas polo nome.

Xapón

Un bufón agudo e enxeñoso coma Slavoj Zizek dá no cravo, sen pretendelo, se pomos este texto seu, escrito hai tempo e para outros propósitos, en relación co acontecido na central nuclear xaponesa de Fukushima:

"Retrocedendo a principios do século XVII, tras o establecemento do shogunato Tokugawa Xapón adoptou colectivamente a decisión singular de illarse das culturas extranxeiras e proseguir a súa propia vía de vida restrinxida e reprodución equilibrada, centrada no refinamento cultural, evitando unha expansión salvaxe. O periodo subseguinte, que durou ata mediados do século XIX, era realmente un soño aislacionista do que Xapón se viu cruelmente despertado polo comodoro Perry ao mando da flota estadounidense? E que pasa se o verdadeiro soño é que podemos proseguir indefinidamente o noso expansionismo, e se todos temos que repetir indefinidamente, mutatis mutandis, a decisión xaponesa, e decidir colectivamente intervir no noso desenvolvemento seudonatural para mudar a súa dirección? O máis tráxico é que a propia idea de tal decisión colectiva está actualmente desacreditada."

Trátase menos de certificar a insostibilidade das centrais nucleares, que é evidente desde o mesmo momento en que os riscos inherentes ao seu mantemento son, ou deberían de ser, inasumibles e, sobre todo, que non hai solución para os seus residuos, que de decatármonos da carreira ao abismo ao que nos conduce un sistema de vida baseado en consumos de enerxía desorbitados. Consistiría, en termos Lakoffianos, de deixar de falar segundo o marco do inimigo e comezar a falar desde o marco propio. Ignoro se o Xapón do XVII tomou a decisión de se illar co acordo colectivo que describe Zizek, pero si me parece unha metáfora pertinente para ilustrar a necesidade dun reprantexamento global dun xeito de reprodución social que converte a castástrofe en parte da vida cotiá.

Libia

O segundo bufón que me gustaría citar (en realidade son dous bufóns, por certo que moito menos graciosos que Zizek) trátase de Silvio Berlusconi e o seu socio de governo Umberto Bossi. Encerra certa lóxica que alguén que exerce de cínico de garda da política mundial sexa o único que fale honestamente agora que o resto da clase política abraza sen reparos o discurso do cinismo-humanitario. "Estou magoado por Gadafi", dixo Berlusconi, encarnando así a proba incómoda das amizades perigosas que os governos "democráticos" mantiñan co ditador, proba do delito, por certo, que certa esquerda contribuíu a borrar falando das supostas bondades do réxime de Gadafi (velaquí un marco alternativo que tampouco me convence). Outras das poucas verdades coma puños que se están a dicir estes días de forzados equilibrios semánticos e malabarismos imposibles por parte dos mandatarios e escribas do reino que padecemos foi expresada por alguén, Umberto Bossi, que tamén gosta de exercer de histrión o resto do ano:

"Francia quere quedar co petróleo libio que importamos, e nós, especialistas en tomar por aquel sitio, quedarémonos con millóns de inmigrantes".

Este é o miolo do asunto. E trátase outra vez dunha cuestión de marcos. Neste caso o marco que a Otan quere que empreguemos para analizar o caso Libia. Entrar a discutir se a guerra de Libia é máis xusta que a de Iraq (acaso non reprimía brutalmente Hussein ao seu povo? non masacrou aos kurdos?), ou se é preciso "axudar" (transixir no uso deste mesmo verbo ou doutros semellantes é xa aceptar a farsa) aos libios de Bengasí (non cumpren estes o mesmo papel que cumprían os kurdos en Iraq?) indo da man da Otan é un entretemento baladí que serve para se manter ocupado unha chea de tempo lendo os litros de tinta escritos en xornais de toda pelaxe mentres a lei da pura vontade de poder campa ás súas anchas.

3/07/2011

Restauración



Nunha recensión, na London Review of Books, do libro How to change the world: Marx and Marxism 1840-2011, Terry Eagleton recolle a seguinte frase do autor do libro, Eric Hobsbawm, a propósito do de Treveris: "se un pensador deixou unha marca indeleble no século XX, ese foi el". E é que, afastados xa no tempo da debacle de 1989, mesmo visións tan pouco sospeitosas de radicalismos como a de Tony Judt no seu Posguerra —percorrido histórico pola Europa de 1945 ata a actualidade— deixan entrever, por máis atención que este historiador preste ás aberracións (reais e execrables) que se tivesen cometido na Europa do leste en nome de Marx, que a prometida felicidade universal da utopía capitalista está ben lonxe de ser unha realidade (tanto máis naqueles países ao leste do telón de aceiro que devecían por entrar no paraíso consumista) e que os logros do estado do benestar están, hoxe que o capitalismo xa non se enfronta, no chamado occidente, a ese polo de contrapoder simbólico e material que eran as esquerdas fillas do pensamento marxista, a seren desmantelados sen contemplacións. Mesmo a idea de Europa como superestrutura de gobernanza baseada na redistribución das rendas, na educación e no benestar, esa outra utopía light tan loada por Judt como horizonte ideolóxico substitutivo das vellas utopías polarizantes, está de capa caída desde o momento en que a crise económica volveu situar os intereses dos estados nación (en realidade dos poderes económicos de Alemaña) como única base territorial e humana para a toma de decisións.
Atendendo ao que sucede arredor semella que o que se está a debullar é unha grande elipse: aquela que quere borrar para sempre o século XX, un século marcado polo que Badiou chamaba a "paixón polo real", é dicir, a vontade das clases baixas de pór en práctica as ideas de xustiza social; para regresarmos, espiritual e materialmente, ao século XIX.
Acaso non regresaron ao século XIX, tanto nas súas relacións laborais coma no aspecto simbólico, os países todos do leste e especialmente a Rusia dos oligarcas? Non encaixaba perfectamente o ultraliberalismo económico coa recuperación de estandartes, brasóns e dinastías das súas respectivas aristocracias e igrexas? Se ben se podería pensar que a intención das autoridades checas de prohibir sen máis o Partido Comunista podería estar máis ou menos xustificado pola súa historia, cómpre non enganarse na profundidade e motivación auténtica deste tipo de iniciativas. Se tomamos o caso de Inglaterra que, tal como mostra Judt, foi, malia que poida abraiarnos hoxe, o país pioneiro en aplicar as políticas do estado de benestar tras a segunda guerra mundial, vemos como neste 2011 o goberno tory dos grandes recortes sociais decide, con toda coherencia, reivindicar tamén os valores... victorianos! Outro episodio da mesma serie pódese ver no que está a suceder nos estados ianquis de Winconsin e Ohio epílogo do que hai poucos anos contara Thomas Frank en Que pasa con Kansas? Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos EEUU. Tal como escribe Jeffrey Sommers en Californícate! : o plan dos irmáns Koch para destruiren os sindicatos obreiros en Wisconsin, trátase, agora que xa se eliminaron todas as políticas sociais que encirraban a relación da clase media traballadora americana cos excluídos sociais (o mito da "raiña da beneficiencia" reaganita), de inventar un novo bode expiatorio que desvíe a xenreira dos vapuleados traballadores do sector privado dos auténticos culpables das súas condicións de vida. Ese bode expiatorio non é outro que a figura do "funcionario privilexiado". A finalidade desta forma de guerra de clases alienada é obvia: suprimir o que quedaba de movemento obreiro organizado nos EEUU eliminando totalmente a existencia dos sindicatos. Esta é, en palabras de Sommers, a «vitoria final» (imposible non percibir os ecos da solución final hitleriana) das clases altas estadounidenses contra o mundo do traballo.
Se nos achegamos ao que sucede no noso país a sensación de estarmos a rebobinar no tempo é semellante. Pero no noso caso non será necesario retrotraerse ao século XIX pois as condicións sociais daquel século duraron, aquí e en todo o Estado Español, ata o final do século XX. Será polo tanto o franquismo, un réxime nacido dun golpe de estado feito para restaurar vellos privilexios, o paradigma a seguir. Esta axenda restauradora é cada día máis evidente. Que o mesmo PP que promove unha lei que converte en autoridade (non en autoritas) aos mestres aplauda coas orellas ao simpatizante, seica profesor de Ciencias Políticas, que avogaba por sacar da cabeza dos alumnos "a esquerdallada" que lles inculcan os profesores, lembra moito ao "mueran los malos intelectuales" de tempos pasados. Outro tanto se pode dicir da misa-mitin de Poio ou da insistencia na mentira dos neoseñoritos de Galicia Bilingüe en Vigo. Exemplos estes todos dos últimos días!
Esta vella/nova dereita autoritaria, hipócrita e con moito papo, lembra de máis á dereita golpista que habería restaurar a orde tras o periodo de expansión de dereitos e xustiza social da república. De feito, se un le o libro de Gonzalo Amoedo que ven de saír do prelo baixo o título A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincida de Pontevedra poderá comprobar como os apelidos son en moitos casos os mesmos (incluída algunha que outra sorpresa como a do noso alcalde seudosocialista Caballero). Entre nós, auténticas castas familiares (das cales as vinculadas á industria conserveira son paradigmáticas) ocupan postos de poder polo menos desde tempos de Alfonso XIII. Estes influentes segmentos sociais, tras un tempo de hibernación (e negocios, claro), volven saír das toupeiras para impór o modelo de sociedade que sempre lles prestou. Un modelo de sociedade que a memoria fotográfica galega mostra con todo detalle a quen o queira ver: por unha banda as humildes clases populares dos retratos de carné de Virxilio Vieitez ou das esceas de emigrantes de Manuel Ferrol, pola outra, e ben afastados dos primeiros, os escollidos "fillos de papá que se divirten" do arquivo Massó.
Cara aí imos.

3/02/2011

Hai alguén aí?




Os medios de comunicación non son o Cuarto Poder.
Son moito máis importantes: son o espazo onde se crea o poder.


Manuel Castells.
Comunicación e poder


Nunha ocasión linlle a Xosé Luís Barreiro unha reflexión que me pareceu acertada (algo, dito sexa de paso, que non me sucede a menudo co ex-conselleiro de Fraga). Dicía Barreiro que no tempo en que o franquismo comezaba a dar síntomas de esgotamento, o galeguismo, en lugar de dedicar os seus esforzos a se organizar politicamente, dedicáraos a "editar libros". Como consecuencia daquel erro histórico Galiza pagou un forte prezo nas negociacións da transición e no papel que lle habería corresponder a este país na etapa "democrática". Pero malia que hoxe observemos de maneira crítica o feito de que o piñeirismo só atendese o eido cultural deixando o aspecto da organización política ao que daba de si o entrismo nos partidos xa existentes (nomeadamente o PSOE), vemos como, nas últimas décadas, a esquerda soberanista galega volveu caer, paradoxalmente, noutro erro de igual magnitude histórica que o do piñeirismo. Así, se un repara na importancia que deron as organizacións máis grandes do movemento soberanista galego (en principio as que terían máis recursos para paliar esta eiva) á cuestión da comunicación —e dada a importancia dos media nos últimos tempos, a atención dada á batalla ideolóxica— chegará á conclusión de que nas últimas décadas padecemos unha sorte de neopiñeirismo informativo máis preocupado por ocupar espazo nos medios de comunicación existentes (como se estes non respondesen a intereses totalmente afastados do proxecto da esquerda soberanista) que por investir enerxías na creación de canles propias nas que aparecer ante a opinión pública.
Pero se isto é o que arrastramos do pasado inmediato, o momento actual non se mostra moito mellor. Se houbese que destacar algo do presente político, habería que comezar polo despiadado ataque frontal que se está a producir contra todas as conquistas sociais obtidas polas clases populares durante o século XX. A sinatura-traición por parte de CCOO e UGT do pacto mediante o cal se sube a idade de xubilación e se complica o acceso a unha pensión digna é un bo exemplo de como este ataque incide nos sistemas de protección social máis básicos. O conflito que está a ter lugar en Winconsin entre traballadores públicos e o goberno do estado é un bo exemplo de como nos EEUU se está a ensaiar (obviamente para despois exportar) o xeito de borrar do mapa, directamente, aos sindicatos e ao sistema de negociación colectiva. As ordes dadas por Merkel para controlar o déficit en toda a UE é un bo exemplo de como se pretende esganar a todo o que quede de economía non privatizada. A bancarización das caixas exemplifica como se pretende expropiar calquera resorte, por máis pequeneiro que sexa, de defensa fronte os caprichos do chamado capital internacional. A belixerancia do goberno Feijóo con todo o que cheire a cultura galega evidencia aquí como se pretende extirpar calquera atisbo de resistencia cultural fronte á "Cultura do Centro Comercial". Que esta nómina de despropósitos (e tantos outros) aparezan reflectidos nos grandes medios de comunicación só desde a perspectiva dos que obteñen algún tipo de beneficio deles proba que o regreso ao século XIX tamén se está a replicar no comportamento das principais cabeceiras informativas. Como nos mellores tempos do capitalismo manchesteriano, os media de hoxe só se poden calificar como medios de comunicación de masas pola capacidade que teñen para penetraren na vida de cantidades inxentes de persoas, pero non porque se encarguen de reflectir a realidade nin de defender os intereses desas mesmas masas ás que se dirixen.
A prensa é hoxe, o mesmo que no século da revolución industrial, cada vez máis prensa de clase.
Tres anos despois de que a crise financeira estourase no centro do sistema estamos vendo agora, na imprescindible periferia árabe, como a mestura da loita obreira coas novas formas de organización e información potenciadas por internet están permitindo que coallen en grandes revolucións o que comezara só como folgas e protestas ailladas. Pero esta nova demostración de forza dos movementos-redes sociais permite tamén enxergar algunha das súas carencias. Como puña de manifesto hai pouco James Petras, a incapacidade deses movementos para construíren a arelada alternativa despois de botar ao tirano do poder deixa ás claras que a atomización (cuxo máximo epígono é a figura do activista que usa twiter para espallar ideas) pode ser puntualmente eficaz pero é inútil (á espera sempre da evolución duns acontecementos aínda en plena efervescencia) cando do que se trata é de materializar en decisións políticas concretas as grandes correntes de cambio. Unha ensinanza esta que, no caso noso tan dado ao quixotismo e ao minifundio, non deberiamos desprezar.

Sexa como for, e posto que calquera solución será colectiva ou non será, gustaríame convidar desde aquí ao acto que o Colectivo Cultural A Nave das Ideas ten organizado para o vindeiro 25 de marzo na Casa da Cultura de Vigo e que, baixo o título Os medios de comunicación galegos a debate. Hai alguén aí? pretende dar protagonismo a un tema, o da información, no que, literalmente, vainos a vida como seres autónomos e como pobo.