2/11/2011

Praza Tahrir, un novo símbolo para a humanidade



Moitas cousas teñen cambiado nos últimos tempos. Atópome na miña casa, nunha cidade pequena encravada nunha rexión europea ata non hai moito considerada como ultraperiférica. Pero hoxe, ás cinco da tarde, asisto en tempo real, grazas a Al Jazzira, ao estourido de alegría do pobo exipcio despois de que o vicepresidente do país, Suleiman, anunciase con rostro grave e de xeito lacónico que Hosni Mubarak deixaba a xefatura do estado que ocupara nas últimas e longas décadas. O exército tomará agora o poder do país e haberá que estar atentos aos movementos lampedusianos que se produzan nos vindeiros días para evitar que as mudanzas que os exipcios demandan excedan o epidérmico.
Agora ben, do acontecido nestes dezaoito días de mobilización no país norteafricano hai que sacar, polo menos, tres grandes ensinanzas:
A primeira é que a xustificación da opresión de occidente ao mundo árabe por medio dese conglomerado de ideas conformado a base de medo (ao terrorismo, ao islam) e de estupidez (a suposta incompatibilidade das sociedades árabes coa democracia), está obsoleta.
A segunda é que a hipocrisía coa que occidente potenciaba e toleraba aos pequenos tiranos do que Chomsky chamaría o patio traseiro africano para dispór ao seu antollo dos recursos enerxéticos da zona ou para manter baixo a bota israelí ao pobo palestino, vén de quedar totalmente deslixitimada (neste sentido a advertencia que Ramón Lobo daba a José Bono despois de que o político do PSOE seguise a considerar ao ditador de Guinea Ecuatorial coma socio preferente é totalmente pertinente).
A terceira é que agora que a democracia semella estar a ser dezmada en todo o globo, agora que a apelación á suposta inevitabilidade das decisións unilaterais do stablishment político é o mantra máis entoado en toda parte, agora que o desprezo ao papel da cidadanía como suxeito político é a moeda corrente tamén nos países con máis pedigrí democrático, a praza Tahrir ha quedar para a historia como outro deses lugares máxicos da xeografía da dignidade ―ao mesmo nivel que o autobús de Rosa Parks no sur racista americano ou o pazo da moeda de Chile o día que o presidente Allende se comprometeu ata a morte co mandato popular― e encarnará, a partir de hoxe, unha nova mostra de que calquera pobo mobilizado arredor dos vellos valores de liberdade, igualdade e fraternidade pode conseguir todo o que se propoña.

2/06/2011

Multiculturalism´s not dead



Angela Merkel primeiro e David Cameron onte mesmo, decretaron a fin do multiculturalismo. Como se fose verdade que algunha vez existiu unha época dourada de diálogo intercultural e de vontade de integración dos inimigrantes nas sociedades de acollida, os dous mandatarios das economías máis punteiras de Europa veñen de decretar a morte dun fenómeno que en realidade nunca existiu. Agora ben, si houbo outra cara do multiculturalismo que gozou dunha saúde excelente nos últimos anos. Aquela empeñada en fragmentar á sociedade en compartimentos estancos construídos a base de costumes idiosincrásicos e intraducibles, linguas bárbaras e inextricables e relixións fundamentalistas e incompatibles que imposibilitaban a comunicación e a asunción de calquera tipo de idea ou arela universal compartida. Esta obsesión pola catalogación culturalista resultou moi útil para disfrazar, ata mesmo conseguir facer esquecer que existía, a auténtica fenda irreductible que separa ás sociedades: a económica. Como xa escribín aquí, ao tempo que Merkel decretaba a morte do multiculturalismo, os árabes de Melilla sublevábanse contra a súa condición de cidadáns de segunda. Hoxe que esa sublevación se está a extender por todo o norte de África coma un regueiro de pólvora, un non pode deixar de pensar que a insistencia dos mandatarios occidentais en falar da morte do multiculturalismo parece agochar en si, en realidade, a intención de espallar a mensaxe contraria: que compre reavivar os medos culturais agora que os pobos árabes volven reclamar a súa independencia como nos tempos de Gamal Abdel Nasser. O multiculturalismo tipo Huntington creaba homes de palla (o fundamentalismo, o terrorismo, os odios tribais) máis facilmente batibles opóndolle o holograma da democracia e dos dereitos humanos occidentais. Este combate ficticio entre boas e malas culturas segue a rexer, entre os que hoxe din querer soterrar o multiculturalismo, cada vez que se nos propón facer excepcións coas demandas universais de liberdade e democracia exipcias ou tunecinas. Acaso non escoitamos multiculturalismo en estado puro cando Aznar "conmina" a non atender as proclamas dos miles de concentrados na praza Tahrir do Cairo por estarmos a tratar cun páis coma Exipto?
Paradoxalmente, canto máis turbias, máis cristalinas aparecen as augas do presente. Cunha orde mundial posta coas pernas para arriba, cando o caos parece pairar por todos os recantos do mundo, acontece que somos capaces de ordenar o que sucede con máis nitidez e con maior transparencia do que nunca. Desde a crise do 2007 ata o presente foi posible ver as entrañas da besta como había tempo que non se vían. A crise financeira recordounos a existencia do capitalismo; as intervencións do FMI en Grecia e Irlanda, a inexistencia da soberanía nacional; a recente auditoría de Merkel en Madrid, o auténtico papel dos distintos países no seo da UE; o xiro antisocial de ZP e a traición de UGT e CCOO, os límites do modelo social-liberal e do sindicalismo pactista; as revolucións no norte de África, a proba de que os valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade poden ser verdadeiramente universais; a reacción de Occidente a estas revoltas, que capital e democracia, na hora da verdade, son dúas realidades totalmente incompatibles. Se como parece, agora estamos nunha desas "horas da verdade", a loita pola democracia é probable que sexa a principal loita á que se terán que dedicar os pobos todos do mundo (tamén aqueles que a daban por sentada) nos vindeiros tempos. Os que estarán en fronte tratando de impedir que a democracia triunfe son os que nos últimos corenta anos se dedicaron a manosear esa palabra (e outras como liberdade, modernización ou progreso) ata deixala irrecoñecible; os mesmos tamén que hoxe resucitan o racismo multiculturalista cada vez que o matan.