1/27/2011

Folga



Que as caricaturas actuais da vella socialdemocracia europea decidan suicidárense non significa que todos nós teñamos que facer o mesmo.

1/20/2011

Coma en Letonia




As repúblicas fundadas tras o esboroamento da Unión Soviética foron, durante a belle epoque do neoliberalismo, un cabalo de troia norteamericano chamado a cercenar o sistema de protección social europeo. Durante anos, países como Polonia ou as repúblicas Bálticas eran presentadas como alumnas aventaxadas das políticas de privatización, desregulación e adelgazamento do estado. Nun artigo titulado
The Myth of the Baltic Tigers. The Death of «Social Europe», Michael Hudson e Jeffrey Sommers escribían sobre o caso concreto de Letonia. Segundo os autores, os banqueiros e a prensa financeira están conminando a distintos gobernos (Grecia, Irlanda e tamén España) a «seren como Letonia», isto é, a sacrificaren a economía para pagaren as débedas contraídas durante a burbulla financeira. Pero, a que outras razóns, ademais das económicas, pode responder que Letonia sexa un exemplo a seguir na opinión destas persoas? O motivo ben pode ser que nas eleccións do pasado outubro o presidente conseguiu saír reelixido malia ter imposto o plan de austeridade máis severo nunca aplicado nese país en tempos de paz. A explicación naif que deron os medios oficiais a propósito deste comportamento electoral é que o pobo letón se comportara de xeito «maduro» ao comprender as causas das drásticas medidas e ao dar o seu apoio a tan responsable presidente. Fronte esta versión, os autores do artigo expoñen outros motivos menos poéticos para explicar tales resultados, motivos como ser Letonia un país sen movemento sindical ademais de tradicionalmente pobre en canto a activismo social salvo polo que se refire ao tema étnico. As eleccións letoas, escriben, «xiraron en torno a cuestións étnicas, non foron un referendum sobre política económica». A maioría, de etnia letoa, votou a partidos letóns (neoliberais na súa maior parte) mentres que o trinta por cen de rusófonos votaron polo partido pro-ruso (disque máis ou menos keynesián).
É posible sacar algunha conclusión, desde este noso finisterrae suroccidental, partíndomos do que Hudson e Jefferey escriben sobre aqueloutra perifería do norte europeo?
Coa sentenza sobre o Estatut de Catalunya como pistoletazo de saída, véñense sucedendo declaracións, titulares e propostas tendentes todas elas a cuestionar o Estado das autonomías proclamado na Constitución do 1978. Do documento que a Fundación Everis presentara a Juan Carlos [o modelo vixente de España está esgotado], pasando polas declaracións dese eterno poli malo chamado Aznar [o estado das autonomías é inviable] así como do eterno candidato Rajoy [é necesaria unha lei de unidade de mercado fronte ás «17 normas distintas»] ou ás reincidentes portadas da prensa madrileña máis conservadora [ABC abría en portada co titular «Fortalecer España» estampado sobre o escudo e a bandeira nacionais], ás declaracións dalgún ministro socialista [Jáuregui cuestionando as televisións públicas autonómicas], ás do presidente do goberno cando asegurou que o goberno ha intervir se as autonomías se endebedan, panorama ao que hai que engadir todo o clima que se está a construír intencionadamente arredor da, segundo parece, inevitable bancarización das caixas de aforros, unha medida que pode deixar a Galiza aínda máis á intemperie do que xa estaba. Así, todo parece indicar que o cuestionamento da forma do estado
algúns medios xa falan dunha nova LOHAPA será un tema que encherá a axenda nos próximos tempos. Se ben non é novo que este tipo de temas colonicen os debates políticos do estado español, e posto que en tempos de crise todo se enxerga con moita máis claridade, do presente é fácil colexir o seguinte: por unha banda, que no estado español descentralización e políticas progresistas (e por extensión centralización e políticas reaccionarias) van da man xa que a descentralización, na medida en que redistribúe e achega á xente os centros de poder, tamén favorece a redistribución económica. Así mesmo, pola outra banda, a situación presente parece indicar que a solución do «café para todos» a multiplicación forzada de autonomías en lugares onde nunca foran demandadas para evitar o soberanismo daqueles outros sitios que si se caracterizaran, historicamente, por esixir o autogoberno imposta tras o golpe de estado do 23F, é a responsable tanto da proliferación de entes innecesarios en moitas das autonomías creadas como da frustración das ansias autodeterministas, especialmente en Cataluña, pero tamén nun País Vasco que pode perder unha oportunidade valiosa para a paz ou para a nosa terra, irmán pobre para a cal estes novos aires recentralizadores poden, sinxelamente, facela desaparecer do mapa transformándoa nunha provincia madrileña, nun xeriátrico ou námbalas dúas cousas.
Agora ben, malia isto ser así, a esquerda ten as de perder se permite que a cuestión territorial se deslinde do resto de asuntos políticos e económicos que a condicionan. O mesmo que en Letonia, facer fincapé ―no que atinxe á cuestión nacional española― unicamente no que esta poida ter de pura confrontación étnico-cultural fertiliza o terreo máis favorable para que triunfen as teses económicas da dereita. Nun momento en que o sistema económico semella abalar ante os nosos propios ollos e no que aparece como unha solución ideal botar as culpas da carencia de recursos aos supostos desbaldes autonómicos (véxase a barafunda arredor da interpretación das linguas estatais no senado), nesta situación, digo, entrar na contraposición cultural entre galegos, vascos, cataláns por unha banda e españois pola outra só vai contribuír a transformar aos tres primeiros nunhas eternas minorías aritméticas, ademais de converter a estas tres nacións (ou a aqueles cidadáns que as consideran como tais) nos perfectos bodes expiatorios aos que culpar de todos os males; nada mellor para unir, baixo unha mesma bandeira, a vítimas e verdugos dos auténticos desbaldes dignos de tal nome que ten habido por estes lares: falta de control aos bancos, permisividade coa burbulla inmobiliaria, rescates bancarios polo risco de quebra, endebedamento público subseguinte, entrega de soberanía aos mercados financeiros, nun primeiro momento e, previsiblemente, ao FMI no futuro, ademais de recortes salvaxes en dereitos sociais e en benestar.
Esta é, entendo eu, a lección que podemos tirar da experiencia letoa. Neste mundo ao revés no que vivimos, non se nos convida a imitar aos países que máis loitan pola súa soberanía, antes ben, son aqueles que se entregan máis mansamente ao futuro escrito polos mercados financeiros globais os que se elevan á categoría de modelos. Se para o mellor da nosa tradición política a Irlanda que loitaba denodadamente pola súa independencia de Inglaterra (nada que ver coa Irlanda con resaca neoliberal actual) representaba o exemplo de pobo a imitar, para os poderes económicos, políticos e mediáticos do presente Letonia parece ser espello no que queren que nos miremos co fin de evitar que a xenreira popular se focalice alá onde debe focalizarse: no fracaso do neoliberalismo e no inxusto da xestión da crise.
Se se me permite a brincadeira e a transgresión a conta da poesía de Alfredo Brañas que invitaba aos galegos a imitar a Irlanda («Ergue, labrego! Érguete e anda! Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!»), ocórreseme que unha posible versión neoliberalizada da mesma ben podería adquirir, hogano, estoutra fasquía: Distráete galego! Distráete e non nos fodas! Coma en Letonia! Coma en Letonia!

1/16/2011

Suicidios




Lía hai uns días que a Marvel editou, para a súa tenda dixital e para os dispositivos de Apple, un cómic gratuíto do Capitán América titulado A little help, no que o superheroe se propuña loitar contra un problema cada vez máis acuciante nos Estados Unidos: o suicidio.
Porén, estas ganas irrefreables de se sacar a vida non semellan exclusivas das cantidades inxentes de ianquis deprimidos que, segundo a nova, deciden acabar cos seus padecementos pola vía rápida. Tamén os poucos gobernos máis ou menos socialdemócratas que ían quedando en Europa, do grego ao portugués pasando polo español, parecen ter escollido como destino o suicidio político. Así, ante unha realidade tan asoballante como esta, un non deixa de se preguntar, entre inxénuo e indignado, por que? Por que, concretamente no caso español, o presidente Zapatero asume o probable descalabro electoral
(do que as eleccións catalás foron un primeiro aviso) que vaticinan as enquisas para o seu partido? Como pode ser que nun partido como o PSOE non haxa un mínimo de militancia de base que aínda crea nos postulados ideolóxicos da organización á que pertence como para se revolver, alén da mera abstención electoral, ante esta asunción das políticas neoliberais e dos seus dogmas de austeridade e de desmantelamento do Estado do Benestar? E que xa non queda, fóra dos xerarcas, cus agradecidos e demais parásitos, ningún socialista minimamente digno dese nome no outrora partido de Pablo Iglesias? Acaso confiar na posibilidade de que efectivamente haxa socialistas no Partido Socialista, un partido ao que moitísima xente vota pensando, de boa fe, que se trata dunha organización de esquerdas, é tan iluso como pensar que o Capitán América solucionará, a golpe de pinchacarneiro, o problema do suicidio entre os estadounidenses depresivos?

Esqueda derrotada, titulaba un artigo o ex-conselleiro de Presidencia José Luis Méndez Romeu, un deses curiosos militantes do PSOE que, de tan acostumados como nos tiña a revestir o seu discurso de xerga tecnócrata, funcionaril e ideoloxicamente indiscernible da retórica da dereita, consegue abraiarnos e captar a nosa atención coa mesma curiosidade coa que nola captaría o máis gris, rutineiro e insulso dos nosos veciños se de pronto descubrísemos nel, eu que sei, algún tipo de hobbie estrafalario como coleccionar arte africana ou ser un experto en astrofísica. E é que resulta tan estraño ler segundo que palabras na boca de segundo que persoas que un mesmo se ve na necesidade de volver unha e outra vez sobre a fotografía que acompaña o artigo para verificar se efectivamente estamos ante a mesma persoa. Fala o señor Romeu de profundizar os sinais de identidade da esquerda, de prescindir dun modelo de salarios baixos e de deixar de mimar aos bancos e ás empresas en detrimento dos sistemas de sanidade, educación ou pensións. E faino citando primeiro as críticas do historiador Tony Judt a figuras como Blair ou Clinton (en que partido cría que estaba Romeu todo este tempo senón nun partido pioneiro en tomar os derroteiros ideolóxicos do que despois se chamaría Terceira Vía desde tempos do flamante conselleiro de Gas Natural Felipe González?) para despois desprezar aos que chama
«compañeiros de viaxe» (sabiamos da fobia de Romeu por todo o que non sexa centralismo o que non sabiamos era que esta se extendía tamén ao ecoloxismo) en comparación co que denomina «esquerda moderna», que, entendo, non sería outra cousa que a-vella-socialdemocracia-industrialista-de-toda-a-vida. Agora ben, se un le, por exemplo, Posguerra do propio Tony Judt, verá que di, a propósito do éxito da socialdemocracia coa que, probablemente, soñe Romeu en privado (pois outra cousa foi a súa praxe como mandatario público) cousas como a que segue:

«O poder de atracción do comunismo era real. Aínda que os partidos comunistas de Italia, Francia, Bélxica (así como de Finlandia ou Islandia) formaron parte dos gobernos de coalición ata maio de 1947, a través dos seus afiliados sindicais e das manifestacións populares eran capaces de mobilizar a indignación cidadá e rendabilizar os fracasos dos seus propios gobernos.»

Lonxe da miña intención pretender suxerir, con esta cita , que nunha burda comparación entre socialdemocracia e comunismo este último viría representar, tal como era concibido na época, o «camiño verdadeiro» para a esquerda «moderna». Antes ben, o que pretendo resaltar con estas palabras de Judt é que o éxito da socialdemocracia na súa época de esplendor tras a segunda guerra mundial non se pode comprender sen ter en conta a función que cumprían outros sectores da esquerda. O feito de que os partidos comunistas que, como di Judt, gobernaban cos socialdemócratas en varios países, puidesen, ao mesmo tempo, recoller na rúa o descontento social era indicativo da potencia do entramado organizativo das esquerdas, e isto, á súa vez, contribuía a que o clima ideoloxico xeral fose favorable ao establecemento dos grandes programas asistenciais do Estado do Benestar. Esta capacidade para condicionar o goberno ao tempo que se condiciona e se lidera o que sucede fóra das institucións é precisamente o que perdeu a esquerda nos últimos corenta anos. En certo sentido vese agora a estupidez dos moitos socialdemócratas europeos que, celebrando o fracaso do socialismo real e augurando un tempo de esplendor para eles ―desde o momento en que os competidores pola esquerda estarían noqueados― foron cegos para comprender que o efímero éxito que supuxo a caída do muro de Berlín para as teses socialdemócratas traía consigo un regalo envelenado: o comezo do fracaso definitivo da propia socialdemocracia, toda vez que desarticulada a esquerda máis combativa, desacreditados os sindicatos e cuestionada desa maneira unha importante tradición da esquerda como era a comunista estábase a cavar unha gran foxa común para a esquerda no seu conxunto. Velaquí a verdadeira «derrota da esquerda», derrota á que, por certo, contribuíu coma un aunténtico campión o PSOE reinventado na chamada Transición. Tendo en conta esta derrota histórica pódense entender mellor fenómenos como o fracaso do Bipartito galego (a derrota dunha esquerda que goberna pero que non ten o poder porque non ten a hexemonía social) ou a derrota do zapaterismo á que agora asistimos (a derrota dunha esquerda que nin ten o poder, nin o quere, porque en realidade no seu transitar polas institucións perdeu calquera contacto coa realidade das bases que din representar).

En 1986 Santiago Alba Rico e Carlos Fernández Liria publicaron un libriño, case que un libelo, titulado Deixar de pensar. Eran os tempos de gloria do PSOE
un partido Frankenstein resucitado ex-profeso, nos anos 70, para impedir que a mudanza de réxime torcese demasiado pola esquerda nos que os novos aires posmodernos da Movida convivían coas reconversións industriais e unhas taxas de paro tan altas como as actuais. A unha das preguntas retóricas que se formulan no libro (Por que é verdade que o PSOE é un partido «obreiro» aínda que pareza o contrario?) os autores responden o seguinte:

«Porque é evidente que, sen atacar a economía privada, a única forma de non arruínar a vida aos obreiros é facer toda clase de concesións á Banca e ás empresas, tanto nacionais como extranxeiras. Lograr que estas non se arruínen é a única forma de que os obreiros non acaben no paro. O PSOE, por tanto, beneficia ás empresas privadas porque, sen desprivatizar esas empresas, é a mellor medida que podería tomar para os seus obreiros. De feito, os propios obreiros, con ese marabilloso instinto do que gozan as clases baixas, así deberon comprendelo en seguida, posto que case todos votaron a un partido que, sobre todo, prometía apretarlles o cinto


A clarividencia desa retranqueira e actualísima resposta dos autores é evidente. Unha esquerda unicamente xestora só poderá beneficiar ao obreiro axudando ao empresario. Unha esquerda que renunciou a pór en cuestión o sistema que xestiona é unha esquerda atada de pés e mans. Que en 2011 os dous sindicatos maioritarios do estado estean dando mostras da súa claudicación ante a reforma da idade de xubilación ou do desmantelamento do sistema público de pensións indica que a lóxica descrita no parágrafo citado continúa a actuar no presente pero cunha virulencia exponencial. Se só se trata de defender ao obreiro aceptando a definición de obreiro que nos ofrece o capital é evidente que a mellor maneira de defender ao obreiro é axeonllándose ante as exixencias do capital. «Entre suicidarse e seguir respirando ―escribía Juan Carlos Escudier no seu blog en Público a propósito da debilidade sindical― UGT e CCOO optaron polo oxíxeno, e o Goberno, tan necesitado dun pacto co que lexitimarse ante un electorado que lles espera en maio coas unllas afiadas, correu a enchufarenlles á bombona.» Agora ben, este enchufarse á bombona non é máis que unha estratexia de dilación para retrasar a morte. Que se evite o suicidio no curto prazo non significa que os sindicatos non se estean a suicidar no longo prazo; que, ao mesmo tempo, esteamos a ver como o suicidio (dos traballadores da compañía de teléfonos francesa ao electricista romanés que se guindou desde o alto do parlamento en pleno debate dos deputados) comeza a ser unha das poucas armas que lle quedan aos traballadores europeos para loitar contra as condicións de vida que lle impoñen semella a máis escabrosa das casualidades e a máis cruel das ironías.

Onde están os colectivos sociais?
titulaba Marcos Pérez Pena un interesante post no que se preguntaba por que aqueles que se mobilizaron contra o bipartito galego non se mobilizan agora contra a brigada de desmantelamento do goberno Feijóo. Ler o post de Pena fíxome pensar que as mobilizacións contra o bipartito, en lugar corroboraren o lugar común segundo o cal os movementos sociais acostuman ser inxustos cos gobernos de esquerda e brandos cos de dereitas (Fermín Bouza chamaría a este tipo de movementos sociais como a
«esquerda exquisita») o que en verdade significaban era que a sociedade aínda tiña fe no goberno PSdG/BNG. Os movementos sociais mobilizábanse contra un goberno que consideraban seu e que, por consideralo seu, confiaban en poder condicionar nas súas decisións. Cando un goberno non entende isto, cando interpreta esas mobilizacións como o resultado dunhas masas manipuladas que sen pretendelo traballan para a dereita, cando non fai caso deses sectores máis concienciados e con capacidade mobilizadora, ese goberno non só contribúe á súa propia caída senón que tamén profundiza a chamada «desafección» dos cidadáns coa política, o afastamento da sociedade civil dunhas institucións e dunhas organizacións que son percibidas como xordas e inaccesibles. Se os movementos sociais non se mobilizan contra o goberno Feijóo co mesmo ímpetu e contumacia con que o facían co goberno Touriño/Quintana é simplemente porque son conscientes da inutilidade de pretender influír nun partido como o PP ―un lobby dos poderes fácticos nas institucións― que non consideran seu, do que non esperan nada e ante o que só pretenden conservar a forza suficiente para resistir. Non hai irracionalidade nin capricho nos movementos sociais cando deciden ou non mobilizarse, hai un sentido pragmático e a noción de que cómpre dosificar as enerxías para aqueles momentos nos que estas poidan dar os seus froitos. O bipartito, o mesmo que toda a esquerda desde hai décadas, caeu porque non comprendeu o que Tony Judt escribía no seu libro sobre a posguerra europea: para que o pensamento de esquerda sexa hexemónico debe convivir a presenza da esquerda nas institucións coa presenza da esquerda na rúa. Ambas se retroalimentan e ambas conseguen que unha corrente ideolóxica favorable consiga penetrar todos os recunchos da sociedade. Se é absurdo centrar todas as enerxías na mobilización desprezando as institucións aínda é máis absurdo pensar que se poden provocar os cambios sociais exclusivamente desde as institucións deixando de lado, ou mesmo desprezando, a todo o entramado organizativo a pé de rúa (e cómpre ter en conta que cando falamos de pé de rúa hoxe en día deberiamos incluír no mesmo un constante traballo no eido da comunicación toda vez que xa non estamos nos anos 40 do século XX senón nun contexto no que os medios de comunicación teñen un poder inédito para configurar ideoloxicamente á sociedade). Unha esquerda que só pretenda ser reformista (institucional) sen, ao mesmo tempo, ser radical (mobilizadora) ou que só pretenda ser radical sen ao mesmo tempo ser reformista sempre será unha esquerda coxa. Neste sentido, pensar en como combinar a institucionalización sen perder o espírito radical (radical, porque ataca á raíz, ao marco en que nos movemos), ben podería ser un camiño a percorrer. Naturalmente conseguilo non é doado pero... é que hai algo que sexa doado cando do que falamos é de loita polo poder, de cambio social, en definitiva, de política?

1/04/2011

Carta a un morto sobre a Big Society (ou Pasolini reloaded)



Chris Hedges, querido Pier Paolo, o que fora columnista do New York Times, acaba de sacar un libro titulado The death of the liberal class. Explicando o seu contido, Hedges lembra con pesar como a xente do común que hoxe engrosa no seu país as filas do Tea Party foi traizoada unha e outra vez polo stablishment liberal (nós diríamos progresista) que orbita arredor do partido Demócrata. A incapacidade da esquerda, explica Hedges, para aplicar políticas en que as súas bases se visen reflectidas, que canalizasen no aparato estatal o descontento existente na rúa cun sistema que non vai e que destrúe todo tipo de vida comunitaria así como a renuncia a espallar os valores progresistas e a dignificar a historia dos movementos sociais transformadores está acelerando a emerxencia dunha infraclase, o subproduto dunha sociedade desestruturada e vítima dun individualismo nihilista e destrutivo, que atopa a súa vía de escape no racismo e no pensamento máxico. Escoitando as palabras de Hedges, estimado Pier Paolo, lembreime de ti. Porque, quen senón ti viu antes ca ninguén o que habería significar para as clases populares a destrución das súas culturas labrega e obreira, dos seus hábitats e das súas prácticas sociais? Ou non alertabas ti, profeticamente, de como a conversión das masas en espectadoras e consumidoras imposibilitaría calquera resistencia á lóxica da mercadoría e impediría calquera articulación social que evitase a caída no fascismo populista? Non sería por esa clarividencia, querido Pier Paolo, que os teus días remataron con violencia no anódino recanto de Ostia ao que nos levara en vespa Nanni Moretti?
Pero a historia é irónica. Pensemos no Reino Unido. Quen nos ía dicir a nós que os herdeiros da Thatcher —quen afirmara que “a sociedade non existe”— haberían presentar, en polifonía co anuncio dos maiores recortes sociais desde a gran guerra, un novo ítem —chámano Big Society— para engadir á longa lista de invencións saxoas (p.e. a ocorrencia do New Labour) que máis cedo que tarde colonizan coma pegóns de brea o léxico político de medio mundo.

O artigo completo foi publicado no número 16 do suplemento literario Protexta da revista Tempos Novos. Pódese acceder a el, en formato PDF (pax. 28), aquí.

1/01/2011

Apolo, Dionisos e a esquerda




Nun artigo de recente publicación, Terry Eagleton ocupábase da extinción programada para as humanidades na universidade actual. Disciplinas estas, as humanidades, tradicionalmente ligadas ao pensamento crítico e, polo tanto, pouco interesantes para a concepción utilitarista e filoempresarial da nova universidade á bolognesa que se pretende cociñar. Unha concepción, por certo, na que colaboran con moito fervor no noso país, a xulgar polo lido hai pouco, editorialistas como os do Faro de Vigo.


«De cando en vez ―escribía Eagleton sobre as últimas protestas dos estudantes ingleses―, como a finais dos anos 60 e nestas últimas semanas en Gran Bretaña, esa crítica lánzase á rúa, e se dedica a confrontar como é que vivimos na realidade con como poderiamos vivir.»

E porén, eu teño para min que entre as protestas actuais e as dos anos sesenta hai unha diferenza importante. A diferenza que vai dunha esquerda rebelde que devecía por pór cos pés para arriba todos os aspectos da vida e para a cal o keynesianismo sabía a pouco e outra que, por causa da vitoria absoluta do neoliberalismo, olla con nostalxia, de xeito máis ou menos explícito, aqueles marabillosos anos de paternalismo fordista, fronteiras nacionais e estabilidade económica. Non temos máis que enxergar ao noso redor para percibir como o vello inconformismo inarticulado que noutros momentos históricos nutriu de enerxías á esquerda hoxe vira cara a dereita. Que Moe Tucker, antiga baterista da Velvet undeground, confesase a súa filia polo Tea party ou que Alaska, outrora icona de modernidade xuvenil e progresismo, hoxe teña un blog en Libertad digital, ben pode ser a anécdota ilustrativa que confirme como o vello aire sesentaoitista, polo mero paso do tempo e/ou pola asunción dalgunhas das súas reivindicacións, xa é compatible coa defensa dos mercados desregulados ou co discurso antimigratorio. Con este clima cultural flotando no aire, non extraña que dos produtos publicitarios máis mainstream aos máis rancios e autoritarios columnistas dos xornais, todo o mundo reclame para si un certo espírito contracorrente, anticonvencional, punk; mentras que o discurso da esquerda parece conxugar hoxe, máis ca nunca, o verbo conservar (conservar o ambiente, conservar o Estado de benestar, conservar a diversidade cultural, conservar o control sobe os movementos de capital, etc.).
Do mesmo xeito que poida que parte da responsabilidade desta saída do armario da dereita en multiples campos sociais, esta falta de mala conciencia ou mesmo de vergonza, habitual ata non hai moito, sexa o froito que recolle a semente da contrarrevolución de finais dos 70, tamén se podería pensar que a actitude conservacionista da esquerda é, en realidade, un síntoma máis da posición á defensiva na que continúa tras décadas de derrotas implacables. E porén, isto último admite outra lectura.
Como ben explican Carlos Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero no seu, A orde d´O Capital, a tradición marxista, empeñada en desligar a Marx da tradición republicana á que pertencía propiciou unha interpretación daquel na cal todo o que sucedía na chamada superestrutura debía ser considerado un mero fenómeno secundario do capitalismo. Así, loitar contra o capitalismo implicaba tamén loitar contra a democracia "burguesa", o dereito "burgués", a cultura "burguesa", as institucións "burguesas", etc. Da aplicación a todos os aspectos da vida desta lóxica, pódese dicir que bebía, en certo modo, o vello espírito sesentaoitista. Ou non se trataba, na retórica da época, de cuestionalo todo, de desexar o imposible, de destruír o existente para recomenzar desde cero?
Din Fernández Liria e Alegre Zahonero:


«A Ilustración pediu un dereito universal e o capitalismo xeralizou o mercado. Aquí debería terse sinalado a perplexidade da gran estafa da modernidade. Porén, a tradición marxista non se sentiu moi atraída polo tema (pois decidira xa que o dereito non era máis que un epifenómeno do capitalismo). Mentres tanto, a economía entronizou este xogo de mans ata que foi posible localizar no mercado algo así coma "un dereito máis profundo ca o dereito". O que se agochaba aquí, por suposto, non era máis que a pretensión do capital de facerse dono do aparato do Estado no seu propio beneficio. Tratábase de sentar as bases teóricas para unha rendición do dereito a favor do capital.»

Que pasou nos últimos anos para que autores de tradición marxista como os escritores deste libro ou outros como o citado Terry Eagleton, estean a reivindicar o papel do dereito, ou o papel dunha institución como é a universidade? Que pasou para que os estudantes ingleses ou italianos, lonxe de soster consignas como "facédesnos envellecer", o que berren sexan cousas tan razoables como que é inxusto que o acceso ao sistema de educación dependa da disponibilidade de cartos para sufragar as taxas?
Parece que fose verdade o tópico de que os que corrían diante da policía no maio do 68 hoxe son executivos de multinacionais e que o capitalismo, nunha das súas múltiples mutacións, soubo combinar a súa inxusta e implacable lóxica no económico cun aspecto xuvenil, frívolo e mesmo liberal, nas cuestións epidérmicas. E fíxoo conseguindo convencer aos máis do anquilosamento e institucionalización da esquerda nun momento no que esta case que non está presente en ningunha institución. Tampouco parece casual que esta oda á revolución e á xuventude, esta sorte de fe dionisíaca no desbalde, no consumo, na competición, na imaxe, na guerra, no espectáculo, na banalidade, este novo nietzscheanismo cool, no que vive inmersa a sociedade levase parello un desprezo cada vez maior cara a moi plebeia democracia.
Se desde posicións que reívincan a tradición republicana se están a dedicar moitos esforzos a volver ligar á esquerda con ítems (liberdade, democracia, etc.) dos que ou ben a propia esquerda se desprendeu na deriva do socialismo real ou dos que foi alienada como consecuencia do monopolio no discurso dos aparatos ideolóxicos neoliberais, isto parece coíncidir, seguramente non por casualidade, cun momento histórico no que custa, cada vez máis, aceptar o tandem capitalismo/democracia e no que o mundo que deixa o capital globalizado é máis parecido a un remuíño de novidade constante, inestabilidade, expansión e subversión de todo presuposto que de respecto á orde e ao costume, valores vinculados, historicamente, ao pensamento conservador.
Nun despregue máis da súa capacidade para superarse a si mesmo, o capitalismo está sabendo crear a unión de contrarios (defensa do status quo no económico e da mudanza constante en todo o demais). Isto, para a esquerda, abre algunha vía transitable ao tempo que crea tamén novos riscos. A primeira consiste en entender que o ser humano e a novidade constante ou a constante inestabilidade non se levan ben. As persoas sempre desexan, no fondo, unhas condicións mínimas de estabilidade nas que desenvolver as súa vidas. A expansión do capitalismo a costa dunha desenfreada fe no espírito dionisíaco do ser humano ten, ademais dos límites impostos polo propio planeta, o límite da capacidade do propio ser humano para vivir nun estado de precariedade indefinida. En canto aos riscos que afronta unha esquerda excesivamente razoable, institucional e construtiva, unha esquerda apolinea por seguir co símil nietzscheano, atópase a perda dun patrimonio inestimable: o da xuventude e a enerxía que lle é inherente. A respecto disto non estraña que un marxista como Alex Callinicos, nun artigo sobre as protestas estudiantís inglesas, botase man dun concepto como o de élan propio dunha filosofía vitalista e irracionalista como a de Bergson e que tan próxima se atopa, en moitos aspectos, á nietzscheana:


«Unha das forzas dos movementos estudiantís é a velocidade e o elan co que enchen o buraco entre as palabras e os feitos. Isto viuse en Francia en 1968 e na Gran Bretaña de 2010.»

Como combinar a defensa das institucións co espírito rebelde, velaí o reto para unha esquerda que pretende, como nos distintos experimentos Latinoamericanos, chegar ao poder por vías democráticas, defender o estado de dereito, conquistar os aparatos todos do Estado ata facer do seu discurso o hexemónico, pero que pode perder, se non entende convenientemente a complexidade da personalidade humana, o favor da rúa; deixando de lado a valiosa e sempre conflitiva corrente de enerxía popular que se move, caoticamente, fora de todo corsé.