12/29/2011

Presentación de A praza é nosa



Hoxe ás 20:00h estarei na libraría Couceiro de Compostela compartindo mesa e debate con Carlos Neira e máis con Isabel Vilalba (Sindicato Labrego Galego) na presentación do libro coordinado por Marcos Pérez Pena A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? de 2.0 Editora.

12/26/2011

A praza é nosa. Un libro de 2.0 Editora


Este continúa a ser un momento produtivo para quen escribe este blog. Xa saíu do prelo A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? libro colectivo publicado por 2.0 Editora que inclúe, canda outra veintena de traballos, un artigo meu titulado A política como ruptura.
Velaquí un parágrafo —ben descriptivo do que é este libro— extraído do prólogo escrito por Manuel M. Barreiro:

A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? naceu como proxecto editorial por iniciativa de Marcos Pérez Pena co obxectivo de contribuír a enriquecer o debate sobre o movemento cidadán nacido no 15-M e enlaza voces de analistas e activistas nun diálogo aberto, e aínda inconcluso, animado polo que Mario Benedetti chamou crítica cómplice, onde uns e outros comparten as preguntas fundamentais e, mesmo desde as diferenzas, procuran de xeito mancomunado respostas practicables para a construción dunha democracia comprometida co ben común e o logro solidario dunha vida digna de liberdade, xustiza e benestar para todos e todas.

12/18/2011

A miña homenaxe ao Beiras



Díxenllo persoalmente e repítoo aquí: a homenaxe que A Nave das Ideas quixo brindar ao pintor Urbano Lugrís en Vigo o 17 de Nadal impediume estar na homenaxe cívica a Xosé Manuel Beiras en Santiago. E o Beiras non só o comprendeu senón que mesmo tivo a ben compartir conmigo aquel episodio vivido en primeira persoa co gran Urbano Lugrís na que o pintor do mar, botando unha das súas grandes mans ao pelo do entón adolescente Beiras, dixera: "velaquí a cabeza máis romántica de Galiza".
De todo o que se escribiu estes días sobre el prestoume especialmente o artigo A odisea de Beiras nun país náufrago no que Manuel Rivas calificaba ao Beiras de ser o noso "principiño". Por iso non se me ocorre mellor xeito de ilustrar este post que usando a foto que Manoel Santos tivo a xenerosidade de compartir nas redes sociais e na se ve ao Beiras, cal o principiño de Saint-Exupéry, a carón dun baobab africano.
A dicir de Rivas, Beiras era o príncipe no que se depositara a esperanza de un día bicar o noso chan e desenfeitizalo dos males causados por todos aqueles que historicamente só contribuíran ao seu atraso. Un príncipe porén, engadía Rivas, que viu como Galiza non só non espertou senón que marchou con aqueles que a haberían expoliar durante unhas cantas décadas máis.

No emocionante discurso que o noso home deu no acto da súa homenaxe destacaría moitas cousas pero, para poder comunicar o que pretendo comunicar neste artigo, resaltarei, esencialmente, dúas ideas:
1. Beiras e a súa xeración eran os depositarios dun prezado legado. Eles foron a ponte entre os seus contemporáneos e mais os vellos galeguistas e republicanos que viron as súas arelas democráticas tronzadas co golpe de estado do 36. Uns galeguistas e republicanos que, á súa vez, eran os herdeiros da tradición dos liberais do XIX (aquelas cabezas románticas) que sostiveron nestes lares o facho das ideas republicanas emanadas da revolución francesa.
2. Nin el nin a súa xeración están derrotados. Malia que Galiza non espertase ante o bico deste príncipe, Beiras non está derrotado nin pertence a unha xeración derrotada porque os seus principios seguen a estar tanto ou máis vixentes que na súa época e porque as súas análises políticas (da fraude da Transición ao fin de ciclo político e a entrada no caos sistémico pasando polas mutacións do fascismo "globalitario" segundo a feliz expresión que Antón Patiño nos descubriu na súa lembranza a Lugrís) estanse a demostrar como imprescindibles para comprender algo do que está a suceder no presente.
Ernst Kantorowic escribiu un libro titulado O dobre corpo do rei no que mostraba como a do rei, na idade media, era unha figura desdobrada: por unha banda estaba o rei en tanto que home material, concreto e mortal e pola outra o rei en tanto que símbolo —de natureza inmortal— da continuídade do poder e da soberanía. Se ben Xosé Manuel Beiras ten, desde hai bastante, sobrados méritos para ser máis un rei ca un principiño (que as súas conviccións republicanas me permitan esta licencia) o certo é que é nestes momentos cando súa figura máis claramente se está a desdobrar, como a dos vellos reis medievais, en dúas facetas independentes. Así, por unha banda, está o Beiras home, suxeito como todos os seres humanos a contradiccións, debilidades e contratempos. Pola outra o Beiras símbolo.
Sen pretender con isto pechar a Beiras nunha gaiola de ouro (ou embalsamalo cando está máis vivo do que nunca) nin, faltaría máis, desprezar nada do Beiras home; si é certo que para as xeracións máis novas que desexamos formar parte desta gran cadea de transmisión de valores e acción que é o pensamento político democrático e igualitarista das esquerdas o que nos comeza a interesar cada vez máis é como vai xestionar o Beiras a súa condición de ser desdobrado. Se Castelao foi quen resumiu na súa persoa ao conxunto do nacionalismo das tres primeiras partes do século XX, paréceme a min que non será descabellado pensar que Beiras vai resumir na súa (el mesmo é consciente ao se erixir en espello xeracional) ao conxunto do nacionalismo de finais do XX e de principios do XXI.
O futuro non está escrito. E non sabemos que fará o Beiras home en citas como a vindeira asamblea nacional do BNG de xaneiro ante a eventualidade de que nela todo mude un pouco para que todo siga igual pero si nos gustaría que o testemuño do Beiras símbolo, o Beiras que transporta na súa persoa o legado dos que nos precederon nesta teima da liberdade, a igualdade e a fraternidade, fose xestionado con intelixencia. En primeiro lugar, para que non acaben por gozar del en exclusiva aqueles que non o merecen e que farán todo o posible por diluílo. En segundo lugar para que aqueles que están dispostos a seguir a dar a batalla por este país construíndo todo desde cero se fai falta non teñan que renegar nunca da súa inmensa figura que, como o a do rei de Kantorowic, será tamén, sen dúbida, inmortal.

12/02/2011

A ruína europea


John Heartfield, o mestre da fotomontaxe dos anos trinta, nunca se cansou de facer ver aos seus contemporáneos o evidente nexo que unía á crise capitalista do vintenove co auxe do nazismo. Para a posteridade deixou unha icona que é a suma sintética desa idea: a columna vertebral de Hitler é unha ristra de moedas.
Xosé Manuel Beiras afirmaba nunha charla recente que cando pensamos no fascismo dos nosos días non debemos pensar en Le Pen, alguén que representa máis ben aquel fascismo da época de Heartfield, senón en Sarkozy, a transmutación real e moito máis perigosa do fascismo na actualidade. Onte mesmo, o presidente francés e, segundo se ve, vicepresidente non electo da Unión Europea, afirmou a necesidade de refundar Europa (que lonxe queda xa a refundación do capitalismo que propuxera Sarkozy no comezo da crise financeira mundial) a base de disciplina fiscal e vasalaxe á entente franco-alemana. Un non acaba de entender como se pode refundar algo recorrendo á mesma metodoloxía coa que ese algo foi fundado orixinalmente e que sentido ten corrixir o rumo dun monstro nado a partir dun pacto entre tecnócratas facendo outra vez exactamente o mesmo. Pero, malia o chupe de cámara de Sarkozy, sábese que esta nova ditadura do mercado (a dividadura como a chama Francisco Louçã) ten como auténtica cabeza pensante á banca alemana, beneficiaria das burbullas inmobiliarias dos PIGS, ás que alimentou con prodigalidade, e devecente por seguir a cobrar rendas das súas inversións no capitalismo de casino. Tanto é así, que non lle falta razón a Ulrich Beck cando suxire a posible mutación da Unión Europea nun Imperio Alemán; se ben alguén debería recordarlle a este pope da Terceira Vía as certeiras palabras de Francisco Louçã que reproduzo a seguir:


Foi uma amplíssima maioria de governos social-democratas que definiu o pilar fundador do euro, as regras de Maastricht (máximos permitidos de 3% de défice e de 60% de dívida e, ainda mais importante, a obrigação de uma contenção permanente da inflação a níveis insignificantes). Esses dogmas são a origem dos problemas actuais e os instrumentos da direita que governa a União Europeia. Não são precisos outros para a máquina de destruição das regras sociais do Estado-providência.

Este novo reich de prestamistas estaría a levar á práctica a teoría do Grosraum (gran espazo) do xurista nazi Carl Schmitt quen vía a Alemaña como a dominadora natural da Europa continental en loita contínua co dominio anglosaxón dos mares. Esta idea tamén parece resucitar nun recente artigo de Inmanuel Wallerstein no que se dá conta de como o eixo París-Berlín-Moscú está a transportar o gas ruso directamente a Alemaña a través do mar do norte; evitando así pagar calquera peaxe noutro territorio do norleste europeo.
Pero, que poden argumentar os antigos defensores da utopía-UE que nos pedían o voto para un parlamento sen soberanía (así como de dubidosa utilidade) e para ratificar seudoconstitucións nas que se renunciaba a calquera control sobre a economía dos países, agora que os Pétain se multiplican en toda Europa? (A este respecto compre dicir que Rajoy xa está a dar boas mostras de que fará un gran papel como virrei español da nova Vichy).
Estaba realmente xustificado tanto optimismo paneuropeo, tantos vítores a unha superestrutura burocrática que se mostraba candidamente pospolítica precisamente para ocultar o seu caracter antidemocrático? Un non pode evitar recordar a Albert Speer, o arquitecto de cámara do III Reich, quen proxectaba os seus colosais edificios tendo en conta tamén como de estéticas haberían de ser as súas ruínas pasados mil anos. Igual que Speer, é probable que os incautos defensores da UE imaxinasen que os estados-nación non serían máis que evocadores recordos do pasado cando a converxencia europea despregase todas as súas bondades. Porén, cando a dura realidade da segunda guerra mundial evaporou as ensoñacións utópicas de Speer as únicas ruínas que coñeceu o reich foron os feos cascallos de Dresde. Como de terribles serán, logo, as ruínas que deixe tras de si esta ensoñación chamada Unión Europea cando o invento remate de caer a cachos?