11/29/2011

Soberanía


Pois, aínda que non están os tempos para andar a citar a un nazi, o certo é que o xurista alemán Carl Schmitt deu unha definición do concepto de sobernía do máis acaído: "soberano é aquel con capacidade para ditar o estado de excepción". Que quere dicir isto? Quere dicir que o verdadeiro soberano é aquel con poder suficiente para suspender a legalidade vixente e que —nun acto que en termos do Derrida de Forza de lei está alén do legal ou do ilegal— establece unha nova legalidade autofundada chamada a substituír á vella. Esta substitución dun estado de cousas por outro sería, nos termos de Jacques Rancière, a substitución da mera orde do existente (que el denomina "policía") por unha nova orde que atenda ao principio da igualdade. Esta loita entre policía e igualdade é o que para Rancière merece o nome de "política".

O que propoño, de feito, é opor dúas opcións. A noción de "policía", entendida non só no sentido de represión, de control social, senón de actividade que organiza a reunión dos seres humanos nunha comunidade e que ordena a sociedade en termos de funcións, de lugares e títulos que se deben ocupar. E hai, despois, outro proceso, o da igualdade. Este consiste no xogo de prácticas guiadas pola presuposición da igualdade de calquera e pola preocupación de o verificar: o nome máis propio para o designar é o de "emancipación". O que chamamos política é, de feito, o enfrontamento constante destes dous procesos, unha loita para dicir que cousa é a situación mesma.
[El tiempo de la igualdad. Diálogos sobre política y estética. Barcelona, 2011]

Así, o réxime democrático-liberal no que vivimos nos últimos 40 anos, sería, aplicando a terminoloxía de Rancière, a nosa policía. No momento presente, en que este marco legal está a saltar polos aires a todos os niveis, vemos como a única política digna de tal nome de novo entendida como a irrupción, ben que desta volta nada igualitaria, que desafía á policía é a das ofensivas da banca e dos grandes operadores financeiros que actúan, no caso europeo, a través dese novo Golem chamado Merkozy. Esta política do shock, como a definiu Naomi Klein, ten as súas metástases nos países vasalos do eixo franco-alemán na periferia europea, metástase resumida, con suma claridade, por Manuel Conthe, expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, quen recomendaba a Mariano Rajoy ler a Maquiavelo e aprender do italiano que "os actos de rigor téñense que facer ao comezo e de golpe". Velaí, doutrina do shock en estado puro.
En troques, non hai, polo menos de momento, auténtica política da esquerda con capacidade para transformar a vella policía nun novo ordenamento legal. Se cadra por esta evidencia, Terry Eagleton moléstase a explicar no seu último libro titulado, ben descriptivamente, Por que Marx tiña razón, un concepto tan demodé como o de ditadura do proletariado. Escribe Eagleton:


Dificilmente haberá outra das súas coñecidas frases e expresións que provocase máis calafríos entre os seus críticos. Pero o que Marx entendía por ese termo de resonancias tan sinistras non era outra cousa que a democracia popular. A ditadura do proletariado significaba sinxelamente o goberno da maioría. Ademais, e en calquera caso, a palabra "ditadura" non suxería necesariamente o mesmo en tempos de Marx que na actualidade. Naquel entón, significaba unha contravención extralegal dunha constitución política.

Contravención extralegal dunha constitución política. É importante isto último que escribe Eagleton porque volve entroncar coa idea de política que expuña Rancière. O que Marx denominaba ditadura do proletariado non era outra cousa que a irrupción dos máis coa forza suficiente para suspender a orde legal e para instaurar unhas novas regras do xogo. Non pretendo dicir con isto que a esquerda do século XXI teña que recuperar sen máis palabras e conceptos do pasado como poida ser o de proletariado tal como era entendido na época de Marx, pero si cumpriría non perder de vista esta noción profunda do que é a política. Unha esquerda conforme coa administración do existente, cando o existente non é un campo neutro senón sesgado, é unha esquerda tolleita que nunca fará máis que colecionar derrotas. Estamos a ver como os que mandan, que si teñen un proxecto político, non amosan reparos en dinamitar o pouco de neutral que puidese aniñar aínda na democracia liberal e en deixala suspensa cada vez que o precisan, como se viu coa introdución da cláusula de déficit cero na constitución española ou como se está a ver cos sucesivos golpes de estado de salón en Grecia e Italia nos que os políticos son substituídos por tecnócratas da peor ralea que niguén escolle en eleccións e que aplican un programa político non escrutado pola cidadanía. Que eles son os únicos soberanos hoxe en día, e que os máis, ese 99% do que se fala nos EEUU, non o son demóstrao, precisamente, esa capacidade para impoñer novos marcos aos marcos legais existentes; para revolucionar, pois eles son neste momento os únicos revolucionarios, todo aquilo que se daba por sentado.
Mentres isto sucede na banda dos poderosos vemos como a maltreita socialdemocracia española (á que xa lle fago un favor de carallo tirándoa do saco dos poderosos) anda preocupada
polo nivel de casticismo que debe posuír o novo líder (no debate sobre o futuro do PSOE José Bono sostén que ese partido precisa dun líder que sexa un "español sen complexos"), como se non fosen outro tipo de atributos, e non o quilo de bandeira que carga ás costas, o que determinan, hoxe en día, que cousa é aquilo que chamabamos ser presidente electo dun estado soberano.

11/21/2011

Cinco notas sobre as eleccións


1. O PP arrasa sacando só uns 500 000 votos máis que nas eleccións que perdeu no 2008. Mellora a maioría de Aznar pero encara un panorama político-social que non terá nada que ver con 1996. Se daquela o contexto económico mundial boiante (a burbulla que agora estoupou funcionaba por entón a pleno rendemento) permitiu a Aznar forxar a súa aura de mago da economía e do emprego, os vindeiros anos a dereita española terá poucas alegrías que vender a unha poboación que, ao problema do paro, terá que engadir o desmantelamento do estado do benestar. A receita de Rajoy ante a crise social que se aveciña será, sen dúbida, envolverse na bandeira rojigualda e nos cantos patrios ao tempo que vende ao mandamáis alemán, a prezo de saldo, a pouca soberanía que lle queda ao Estado Español. Empregará moito a bandeira, tamén o código penal. Pero canto tardaremos en ver na rúa a moitos do que hoxe votaron por Rajoy crendo que un simple cambio de goberno sería suficiente para cambiar o desastroso estado da economía?
2. O PSOE esboróase até alcanzar niveis de hai 30 anos e o seu electorado se refuxia na abstención, en IU e, posiblemente, en UPyD. É pouco probable que esta debacle provoque grandes mudanzas no seu seo. O PSOE de hogano é máis parecido a un aparato do estado que a un partido vivo e cunha militancia en condicións de demandar algo da súa cúpula. Por outra banda, ante o feito de o PP gobernar case que todas as institucións, é probable que os populares precisen maquillar a súa omnipresencia dando chance ao "principal partido da oposición" pois, se convén escoller ben aos mellores amigos, máis aínda convén escoller aos inimigos. O futuro non está escrito e un nunca sabe se non terá que recurrir a un goberno de concentración nacional.
3. A irrupción de Amaiur deixa aínda máis en evidencia a escasa representatividade da configuración do parlamento vasco actual e desmonta o vello mito que dividía o País Vasco en dúas partes iguais de nacionalistas e "non nacionalistas". O abandono das armas por ETA e estes resultados electorais deberían forzar algún tipo de acordo histórico sobre o futuro do País Vasco ou a fenda entre este e España seguirá aumentando até que a froita caia polo seu propio peso.

4. Malia a clarificación do mapa político español en tres grandes dinámicas diferenciadas (a vasca, a catalá e a española), o BNG "está feliz" (Vázquez dixit) porque poderá seguir mantendo economicamente un chiringuito que é incapaz de recoller réditos dunha coxuntura na que o PSdG perde uns 300 000 votos, nas que o famoso condicionante do bipartidismo se reduciu como nunca antes e na que o noso país agoniza nas mans do exército de demolición de Feijóo que propiciou o expolio das caixas de aforro, a agresión ao idioma e á cultura propia e que, mesmo en plena campaña electoral, comezou con descaro a privatización do sistema de saúde cesando a tarxeta sanitaria a desempregados. O BNG non só non está a ser útil para ser ese dique de contención fronte a dereita do que falou Guillerme Vázquez na campaña senón que mesmo vé como o PP aumenta a súa hexemonía no noso país (especialmente humillante cando o candidato do PP era nada menos que un dos responsables da ignominia que foi a xestión da catástrofe Prestige). Asiste tamén ao espectáculo de ver como calquera tipo de alternativa viable á dereita se desdebuxa máis e máis e presencia como o país vai esmorecendo no económico e caendo na irrelevancia no institucional e simbólico.
5. De 350 escanos, só de 25 se poden dicir que corresponden a partidos de esquerdas. O que é tanto como dicir que no cómputo global a esquerda, malia subir a respecto das anteriores eleccións, segue a ser marxinal no parlamento español. Non é o dato definitivo sobre pensamento político dun país ou dun estado pero non deixa de ser un dato máis a ter en conta.

11/17/2011

15-M. O pobo indignado. Un libro de Laiovento


Estamos de noraboa. O autor deste blog colabora neste libro que acaba de saír do prelo cun texto titulado: 15-M e crise da esquerda (ou de como construírmos un arco) por iso comparto aquí o texto que preparou Laiovento para a promoción. Devezo xa por ler o resto de traballos. A lista de nomes é abraiante.

Nestes momentos de crise social, económica e política, provocada polo incremento das desigualdades sociais, o pobo, desmobilizado, desorganizado, desmoralizado..., botouse á rúa para expresar a súa indignación pola carestía da vida, pola precariedade laboral, polo desemprego, pola corrupción política..., en definitiva, pola degradación dos nosos dereitos sociais, políticos e económicos: polo secuestro da Democracia e fronte á crise do sistema. Estamos, daquela, ante unha manifestación inédita das clases populares, en tanto que explorada por primeira vez neste mes de maio.
Fronte a esta nova realidade, Edicións Laiovento non podía permanecer indiferente. Velaí a razón deste libro que tes nas túas mans: 15M: o pobo indignado, que pretende analizar a realidade do movemento 15-M dende unha óptica plural, procurando ofrecer unha visión calidoscópica do movemento que englobe a mirada analítica dun amplo grupo de persoas, procedentes de diversos campos científicos: a política, a economía, a historia, a filosofía, a socioloxía..., xunto coa mirada comprometida d@ activista e a mirada creativa d@ artista, e para iso contamos coa palabra de Alfredo Iglesias Diéguez, Xosé Manuel Beiras, Francisco Sampedro, Justo Beramendi, Xavier Vence, Teresa Moure, Fermín Bouza, Manoel Santos, Manuel Casal Lodeiro, David Rodríguez Rodríguez, Raimundo Viejo Viñas, Carlos Taibo, Roi Ribeira Bezerra, Nanina Santos, Fernanda Couñago Otero, Lupe Ces, Lídia Senra, Xoán Hermida González, Xabier Macías, Dionísio Pereira, Cláudio López Garrido, Miguel Fernández Blanco, Xosé María Álvarez Cáccamo, Margarita Ledo Andión, Diana Varela Puñal e Gustavo Pernas Cora

11/03/2011

A pregunta do momento


A pregunta do momento é esta: canto durará a agonía do binomio capitalismo-democracia? Serán necesarios anos? Décadas? Ou será, se cadra, un acontecemento catastrófico (poñamos por caso o esboroamento dese mamotreto fabricado a base de burocracia, altos soldos e sinvergoncería chamado UE) o que ha precipitar o divorcio deses dous conceptos antitéticos de raíz?
Polo pronto, que un xornal como El País, auténtico termómetro da opinión mainstream non ultramontana, escribise un editorial como o de onte a propósito do referendum que o pillabán de Papandreu di que vai convocar en Grecia, indícanos ben ás claras que cada día resulta máis insostible o gran relato (erixido como o relato campión e supervivinte á razzia lyotardiana) que retrataba como dúas caras da mesma moeda á economía de mercado e ao goberno dos máis.
Así, para El País un referendum é unha votación binaria (o bipartidismo non, obviamente), esquemática y susceptible de toda suerte de demagogias populistas (o termo populista é, para o xornal de PRISA, coma un chicle; comezaron a empregalo cos sucesivos presidentes que ían gañando as eleccións nunha Latinoamérica que fuxía do neoliberalismo coma do lobo e agora veñen estirándoo, estirándoo, até que tamén na vella Europa o perigo populista —eufemismo de popular?— anda á espreita en todas partes). Pero para El País isto é así sobre todo se o que se vota non é unha medida concreta, sino sobre dos años de sacrificios que han exasperado a la sociedad griega. É dicir, un referendum é demasiada democracia porque os cidadáns poden votar segundo os seus intereses e non segundo os intereses dos de sempre. A democracia non é aconsellable se pode prevalecer el malhumor social sobre la discusión del asunto sometido a las urnas. Para El País o "malhumor social" non forma parte do asunto sometido ás urnas, as urnas están para outras cousas, cousas útiles como refrendar as políticas decididas polas elites; se non se dedican a iso, as urnas sobran.
Non resulta, logo, moi na lóxica das cousas que na Grecia de hoxe —desventurada nación contemporánea da utopía high-tech que ía ser o século XXI e do seu Santo Estebo Protomártir aka Steve Jobs— xa se escoiten ruídos de sabres como nos bos tempos pinochetistas do barolento, cruel e agonístico século XX no que comezou a carreira a ningures neoliberal?