Porén, non parecen nada acomplexados polo case nulo resultado empírico co que contan as súas construcións teóricas. Máis ben ao contrario, en ton bastante arrogante, consideran que se os feitos non respostan aos seus modelos, o mellor que se pode facer é mudar os feitos. Trátase, sen dúbida, dun proceder científico inusual o de pensar que cando a realidade non se axusta ao modelo, o que falla é a realidade e que, polo tanto, haberá que aplicar algún plan de axuste do FMI para corrixila.
A orde d´O capital. C. Fdez. Liria e L. Alegre Zahonero
Pedro Arias, o gurú do PP feijonita, dicíao claramente hai ben pouco: mentres que eles —a dereita, enténdese— encarnan nesta coxuntura histórica a «vangarda», a esquerda vive inmersa nun «naufraxio intelectual». E non lle faltaba parte (só parte) de razón ao personaxe. Que fose alguén coa súa biografía (comunista nos setenta, nudista posmoderno nos oitenta e neoliberal no presente) quen sacase o tema nun parlamento monitorizado polos poderes económicos (tanto dá que se trate do galego ou doutro parlamento occidental tido por máis soberano) no que as políticas de esquerda só poden estar presentes de xeito retórico e a través de partidos que demostran na súa propia estrutura e praxe, unha e outra vez, que toda aplicación desas políticas é —no estado de cousas actual — inviable, semella por si mesmo tan elocuente que non merece moito máis comentario.
Agora ben, malia recoñecer a parte de razón do deputado, cómpre tamén sinalar, en descargo da vilipendiada esquerda, algo que Pedro Arias se cadra esqueceu e que hai que lembrar: só a esquerda pode fracasar intelectualmente porque só o pensamento de esquerda é intelectual. Isto sintetizábao moi ben o defunto Vidal Beneyto cando dicía aquilo de que «ser intelectual de dereitas é un oxímoro» e calquera que se pare a pensar un pouco no fracaso que supuxeron estes últimos tres anos de crise do modelo capitalista e de rescates millonarios por parte do sector público ao privado —evidentemente os desastres son moi anteriores pero a crise económica sempre ten a triste vantaxa de facer as cousas máis diáfanas— para a narración que a teoría neoliberal se viña contando a si mesma, e en como este fracaso non afectou o máis mínimo ao discurso público de persoas como Pedro Arias, só pode chegar á conclusión de que ese tipo de pensamento —o de dereitas, enténdese—, por estar máis preocupado polo poder que pola verdade, atópase máis próximo ao marketing que á labor intelectual. É precisamente por iso que nunca se poderá dicir del que naufraga intelectualmente senón que haberá que botar man doutro adverbio para acompañar ao seu tipo particular de naufraxio.
Dito isto, e por estar a ler neste momento un libro sobre O Capital de Marx (trátase de El orden de El capital de Carlos Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero) que segue a discutir intelectualmente co pensador alemán —salvando o salvable das súas ideas e incardinándoas na tradición republicana á que pertencen— en busca da considerable porción de verdade que aínda posúe tras décadas de interpretacións mesiánicas e deterministas por parte dos exéxetas que darían soporte intelectual ao socialismo real, si sería desexable que a «vangarda» neoliberal (a escolla do termo constitúe case que un lapsus freudiano habida conta de que tratamos con conversos dunha ortodoxia a outra) comezase desde xa (algo que evidentemente nunca fará) coa moi necesaria revisión dos seus propios libros revelados (os dos Friedman, Hayek e demais) toda vez que estamos a presenciar —de xeito máis dramático segundo vai pasando o tempo— como os seus particulares mitos (equilibrio espontáneo do mercado, desprezo polo sector público, equiparación de capitalismo e democracia) veñen de facer auga por todas partes e como, fronte ao capitalismo soñado, o capitalismo real ameaza con asolagar de vez non só aos habitantes do sur mundial —as súas vítimas seculares— senón tamén á cidadanía dos outrora países privilexiados polo sistema.

