10/28/2010

O que se aveciña

Mañán estarei na presentación en Vigo do libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural. No blog do Cineclube Compostela pódese ler unha versión en pdf de O que se aveciña, a miña achega a ese traballo.

10/17/2010

Privatizar o público, publicitar o privado




Un elemento clave da reprodución discursiva do poder e a dominación é o acceso mesmo ao discurso e aos eventos comunicativos. Neste sentido, o discurso é semellante a outros recursos sociais estimados que forman a base do poder, o acceso aos cales está desigualmente distribuído.

Quen ten acceso á produción de novas da prensa ou aos programas de televisión e quen controla ese acceso? Quen pode organizar conferencias de prensa ás que asistirán moitos xornalistas? Que comunicados de prensa se están a ler e a publicar? A quen se está a entrevistar e a citar con frecuencia? As accións de quen se definen como noticias? A quen pertencen os artigos de opinión ou as cartas de lectores que se están a publicar? Quen pode participar nun programa de televisión? E, de maneira máis xeral, a quen corresponde a definición da situación política e social aceptada e tomada seriamente?

Discurso e poder. Teun A. van Dijk


Fedellando na miña conta de correo púxenme a repasar un feixe de artigos que alí tiña arquivados sobre Internet e o sistema de medios. A facilidade con que calquera pode facer un seguimento dun tema determinado grazas á infinidade de xornais de balde aos que se pode conectar é, sen dúbida, unha das vantaxes que ofrece o libre acceso á información. Sen entrar na necesidade de producir contrainformación e de xerar contidos propios que definan e expliquen a realidade, a mera recontextualización da información subministrada polos grandes medios é en si mesma unha potente ferramenta da que careciamos ata non hai moito tempo ou que resultaba, cando menos, inalcanzable para o común das persoas. Relacionar e vencellar a fervenza aparentemente caótica de noticias que xorden (que se fan xurdir) cada día permite transformar ese caos co que nos abouxan no ordenado e calculado plan que case sempre se agocha por tras de entrevistas, artigos e notas de prensa.Velaquí un exemplo:
O sete de maio de 2009 lía na web PrisonPlanet as seguintes declaracións do magnate da comunicación Rupert Murdoch: «
The current days of the internet will soon be over», o tempo da actual Internet pronto chegará á súa fin. A motivación destas palabras tan drásticas, explicaba o artigo, é que os sitios web non poden sobrevivir co actual modelo de negocio. Os ingresos en publicidade son baixos, o acceso libre á web está deitando ao chan as ventas en papel, etc. O artigo concluía deste xeito: «O monopolio das corporacións ten un cancro terminal e están a perder o seu poder. É por iso polo que están apoiando con tanta agresividade unha fuxida da vella Internet para reemplazala pola Internet2, un muro de Berlín electrónico altamente regulado e controlado.»
En liña con esta mudanza de estilo que se quere para a Internet, o 30 de agosto de 2010 o diario
Público (en realidade a axencia EFE) explicaba que «You tube, o portal de video propiedade de Google, está a negociar cos principais estudos de cine de Hollywood o lanzamento dun servizo de pagamento por visión de filmes e series televisivas, coa idea de se converter nun videoclube online». Así mesmo, engadía o artigo, «o proxecto de Google e Youtube ten tamén un gran potencial para lograr un acordo con Hollywood, porque os estudos de cine están á procura desde hai anos de novas fontes de ingresos que compensen as perdas sufridas polo devalar das vendas de DVD».
Pero tamén nestes pagos se estaba a producir o debate. O 30 de agosto de 2010 tamén o diario
Público se facía eco dunhas declaracións de Juan Linares, conselleiro delegado de Telefónica, nas que se sostiñan supostas insostibilidades da Internet actual con argumentos que recordaban bastante aos empregados para xustificar a aducida insostibilidade do sistema público de pensións: «En España, un 5% dos usuarios de banda larga de móbil produce o 75% do tráfico.[…] O usuario medio está a subsidiar ao usuario intensivo.[…] Estamos a favor de ofrecer tarifas planas pero adecuadas a cada tipo de cliente. Unha para os que queiran navegar, outra para os que queiran facer descargas». A redactora do artigo escribía: «Internet vai mudar radicalmente. Se as compañías de telefonía logran as súas pretensións, o acceso á rede convertirase en breve nun mundo onde calquera usuario gozará dunha calidade diferente en función de canto pague e onde se primarán uns servizos fronte a outros dependendo da tarifa do consumidor final. É, aínda que as compañías o neguen, a fin da neutralidade da rede».
Case inmediatamente a estas declaracións de Telefónica aparece en
Rebelión un artigo asinado por Mariano Amartino que comenta a reacción da Comisión do Mercado de Telecomunicacións a propósito das intencións de Telefónica. Segundo Amartino a CMT declarou que non ten nada que obxectar ao que pretende facer Telefónica salvo un «problema de índole comercial, xa que a competencia podería reaccionar». Ante isto Amartino pregúntase se a CMT non debería regular un mercado susceptible de concentración e/ou monopolio e se o estado non debería pór as condicións para asegurar o acceso en igualadade á internet. É dicir, o que Amartino se pregunta é se o Estado non debería asegurar a neutralidade da rede. (A non pronunciación da esquerda partidaria a respecto disto, por certo, mostra que ou ben aínda non se pensa o suficiente nestas cuestión como para formular alternativas no debate público ou ben que directamente existe certa inconsciencia do que moitas destas decisións implicarán nun futuro inmediato).
O 1 de setembro de 2010 volve aparecer en
Público unha nova relacionada coas declaracións de Telefónica. Segundo esta a compañía Orange nega que os usuarios máis intensivos colapsen Internet. A xornalista escribe: «Todo comezaba a cadrar no imaxinario do sector, que se puxera a seguir a Telefónica como ao frautista de Hamelin, pero onte chegou Orange España e mudoulles o conto.»
Tamén en
Rebelión Roberto Guareschi abordaba o tema da neutralidade da rede pero, desta volta, con centro nos EEUU. Un artigo referido á «ofensiva que as proveedoras de Internet lanzaron en EEU para terminar coa Internet que coñecemos: libre e igual para todos». Unha ofensiva que en palabras de Guareschi «propón darlles ás grandes corporacións da comunicación a potestade de rexeitar certos contidos, darlles paso a outros e cobrar prezos diferenciais. En suma, crear unha internet especial, veloz e cara que de feito define a outra barata e pobre». A ofensiva viría protagonizada por Google en alianza coa Comcast, primeira operadora de cable e proveedora de Internet nos EEUU.
No mes de setembro de 2010 o diario
El País publicou unha serie de entrevistas con sendos gurús do mundo da comunicación titulada «O futuro do xornalismo dixital». En case todas elas pairaba o asunto da fin da Internet libre. Así, o «ciberentusiasta» Rosental C. Alves, malia falar da nova figura do «prosumer» (produtor-consumidor de contidos) e dunha suposta nova era na que a información deixa de estar centralizada («estamos pasando dos medios de masas á masa de medios») para ser producida por un individuo que «se transforma nun microorganismo ao ter o poder de se comunicar», non pode evitar confesar a súa inquietude por certos movementos dirixidos cara o pago de contidos. «Hai un perigo —afirma Rosental— de que os anos dourados dunha web libre rematen». Outro gurú, Antonio Gutiérrez-Rubí, con, se cabe, aínda máis ciberoptimismo, afirma que «Internet será unha exixencia democrática e política reforzada polos mercados e os cidadáns» e, nun delirio de acriticismo, mesmo di que «a identidade persoal do futuro será a identidade dixital. Esquezan o curriculum vitae e preparémonos para o digital vitae», sen que lle preocupe en absoluto as consecuencias dun mundo no que a túa «reputación dixital», é dicir, o total das túas consultas e visitas na web poidan ser rastrexadas e analizadas ata o punto de consitituíren a túa propia carta de presentación, o contido do que en realidade es. Tamén segundo Gutiérrez-Rubí «o privilexio de intermediación dos medios e os xornalistas remata. Na sociedade-rede cada cidadán é un xornalista en potencia». Un xornalista en potencia ou unha unidade, ela mesma e as súas eleccións na rede, de información? A realidade parece apuntar máis ben a isto último. «A túa intimidade está en venda» dicía unha nova asinada por Daniel Basteiro no diario Público e aparecida o 21 de setembro de 2010. O autor ocupábase dun estudo presentado en Bruxelas pola patronal europea de anunciantes e polas empresas que ofrecen servizos e contidos en liña (na que por certo está incluída PRISA) co que pretendían pedir á Comisión Europea e aos países da UE «que lles permitan explotar comercialmente e sen trabas toda a información que recopilan dos internautas». Sería esta, ao parecer, unha maneira de evitar ter que cobrar polos contidos, xa que, segundo Jacques Bughin, responsable do estudo, a preocupación polo «valor dos servizos é moito máis grande que a preocupación pola privacidade». Noutro momento da entrevista de Gutiérrez-Rubí en El País aquel acuña novos termos máis cargados de ideoloxía do que parece, así, cando diferenza entre «nativos dixitais» fronte a «emigrantes dixitais» un ten a sensación de que o que se pretende é naturalizar unha nova fenda, fenda que será moi semellante a outras fendas do mundo físico: as que separan aos occidentais non dos emigrantes senón dos inmigrantes, con toda a carga semántica de marxinación e invisibilidade que esta palabra ten hoxe en día. Tamén da mesma xeira de entrevistas ofrecidas por El País, é a conversa mantida con Alan Rusbridger, director do xornal The Guardian, na que aquel se sumaba ao ciberoptimismo e explicitaba a súa aposta polos contidos abertos incluso desde o punta de vista do interese financeiro. Porén, Arthur Sulzberger, presidente e editor doutro medio de aínda maior influencia mundial, o New York Times, confirmaba, segundo a nova aparecida en Xornal o 10 de setembro de 2010, os plans da súa empresa de «deixar de ter unha edición impresa» e de comezar a cobrar polo acceso a determinados contidos da rede como sucede nos medios de Rupert Murdoch. O propio Murdoch, por certo, que en coherencia co que viña declarando desde tempo atrás, anunciaba, tamén segundo o Xornal do 6 de outubro de 2010, o lanzamento dun agregador de novas de pagamento que fará a competencia ao agregador de novas de Google.
Xa que logo, a cuestión parece clara. A teima das empresas da comunicación estriba —como apuntou algunha vez David Harvey— en facer o seu propio cercado de terras. Un cercado de terras semellante á apropiación de terras comunais que propiciou o paso da sociedade feudal á capitalista e que na teoría marxista recibe o nome de acumulación primitiva. Estariamos, logo, asistindo ao intre histórico no que se está pretendendo secuestrar unha tecnoloxía que permitiu o acceso directo de calquera —en pé de igualdade coas grandes corporacións— a publicar no ciberespazo para pasar a roturar, fragmentar e privatizar o propio ciberespazo coa finalidade de crear extensas
enclosures coas que afianzar o control social e a concentración do capital nas mesmas mans de sempre. Todo isto semella estar a facerse en base a dúas grandes estratexias: cobrar en forma de diñeiro por un mellor acceso a contidos previamente filtrados ou cobrar en forma de unidades de información privada susceptible de ser comercializada impunemente. Isto é: ou privatizar o público ou publicitar e explotar o privado.

10/02/2010

Pequeno mapa para despois dunha folga



Se cadra, perderse por completo constitúe unha experiencia máis ben rara para a maioría dos habitantes da cidade de hoxe. Apoiámonos na presenza dos demais e nos medios específicos de orientación, como mapas, rúas numeradas, sinais de rota e letreiros de autobuses. Pero se chega a producirse o percance, a sensación de ansiedade e ata de terror que o acompaña revélanos ata que punto está vinculado co sentido do equilibrio e do benestar. A mesma palabra «perdido» significa no noso idioma moito máis que a mera incertidume xeográfica; ten resoancias que connotan completo desastre.

A imaxe da cidade. Kevin Lynch

Unha nova arte política —se tal cousa fose posible— tería que arrostrar a posmodernidade en toda a súa verdade, é dicir, tería que conservar o seu obxecto fundamental —o espazo mundial do capital multinacional— e forzar ao mesmo tempo unha ruptura con el, mediante unha nova maneira de representalo que aínda non podemos imaxinar: unha maneira que nos permitiría recuperar a nosa capacidade de concibir a nosa situación como suxeitos individuais e colectivos e as nosas posibilidades de acción e loita, hoxe neutralizadas pola nosa dupla confusión espacial e social. Se algunha vez chega a existir unha forma política de posmodernismo, a súa vocación será a invención e o deseño de mapas cognitivos globais, tanto a escala social coma espacial.

O posmodernismo ou a lóxica cultural do capitalismo avanzado. Fredric Jameson


Porque, ao fin e ao cabo, un mapa que é? É unha imaxe que representa á realidade e que nos permite tomar decisións para nos mover por ela. O que os medios de comunicación producen todos os días e a todas horas son mapas. Mapas nos que trazan as pistas, camiños e rúas polas que queren que transitemos. Mapas que sobredimensionan algúns accidentes xeográficos a costa de camuflar outros e nos que se enxalzan a determinadas figuras en detrimento doutras con certeza máis merecedoras de aplauso. Se hai trinta ou corenta anos aínda era posible atopar lugares nos que os seus habitantes xeraban os seus propios mapas a partir das súas experiencias directas (pensemos nunha aldea á que non chegase o sinal da televisión ou nun barrio no que a vida, e polo tanto a comunicación, aínda transcorrese na rúa) hoxe en día non hai lugar nin segmento social que non empregue, para se guiar, os mapas producidos polos medios de comunicación.
Unha das grandes eivas da esquerda nos últimos tempos foi a incapacidade para facer chegar ás maiorías sociais os seus propios mapas, as súas propias representacións da realidade. Esta tarefa de produción alternativa da vida é tanto ou máis importante ca confección de listas electorais nas que a esquerda inviste tanto do seu tempo e das súas enerxías.
Contribuír —na medida das miñas capacidades— a tracexar un pequeno mapa do noso presente pos-folga xeral partindo do que veu sucedendo no Estado Español desde a segunda metade do século XX ata os comezos do século XXI é o motivo deste artigo. Non se trata de obtermos aquí a exhaustividade das fotografías aéreas ou das cartas de navegación, antes ben trátase de debuxar toscamente, con trazo groso e nun rústico pergameo, unha senda; artefacto suficiente, entendo eu, para non nos perder agora que semellamos estar chegando a unha sorte de mudanza de ciclo.

Cando finaliza a segunda guerra mundial e os EEUU, no apoxeo do welfare state, comezan a reconstrucción dunha Europa imprescindible como mercado para os seus produtos, o Estado Español atopábase en plena ditadura franquista. Como mostrou Berlanga, Mr. Marshall non parou por aquí, así que as bondades da economía keynesiá foron menos dadivosas cos protagonistas de Cuéntame que cos de Aqueles marabillosos anos. O máis parecido a un estado do benestar que gozou o Estado Español habería chegar coa morte de Franco e a chamada Transición. Para poder lexitimar socialmente esta continuídade de facto co réxime fascista (posto que as elites franquistas seguiron sendo as elites da democracia) foi necesario algo máis que legalizar o Partido Comunista e deixar que volvese Tarradellas: precisáronse moitos cartos. Se a Europa da altura estaba xa a abandonar o keynesianismo en favor das teorías neoliberais de Milton Friedman aplicadas por Thatcher e Reagan, o Estado Español viu como por medio dos gobernos de Felipe González se financiaban servizos públicos e pensións ao tempo que se potenciaba unha modernización cultural (Movida Madrileña e sucursais) que renovase a imaxe dun país moi atrasado en comparación co seu contorno. Este Estado do benestar tardío sería financiado en boa parte con cartos alemáns (aquí arrincaría a famosa financiarización da economía española que agora fixo augas) e combinaría o intervencionismo keynesián con políticas liberais tendentes tanto a desmantelar a industria pública (pensemos nas sucesivas reconversións que viviron os estaleiros galegos) como a vender aquela a prezo de saldo á empresa privada (pensemos en Repsol ou Telefónica).
Se os anos oitenta viron como o goberno Thatcher conseguía dobregar aos díscolos sindicatos mineiros propiciando así o lento devalar das organizacións obreiras británicas que desembocará, pasado o tempo, no desmantelamento ideolóxico do laborismo e na asunción das teses socio-liberais por parte do New Labour de Blair e a súa Terceira Vía, a proximidade no tempo da ditadura fixo que o combate ás organizacións sindicais no Estado Español non se producise tanto pola vía da confrontación e deslexitimación social como pola vía da cooptación e a suxeición económica. A paz social no Estado pos-franquista propiciou un crecemento económico que mesmo fixo falar do milagre español. A contrapartida a esta amnesia colectiva sería a destrucción do sector primario (que no caso galego é exterminio), a progresiva precarización do mercado de traballo a través das sucesivas reformas laborais do PSOE, a polarización das rendas e a emerxencia da figura dos novos millonarios españois, a transformación da economía industrial en economía de servizos e de especulación inmobiliaria así como a transformación de España, sobre todo coa adopción do euro, nun mercado comprador dos produtos fabricados nos países industriais da UE, especialmente Alemaña.
A victoria por maioría simple de José María Aznar o ano 1996 e a súa posterior maioría absoluta o 2000 marcan un punto de inflexión importante no que respecta aos cambios sociolóxicos do Estado Español. Que un representante do franquismo ideolóxico e detractor confeso da constitución de 1978 chegase a ser presidente do goberno indicaba que o proceso de amnesia colectiva iniciado tras a morte de Franco estaba a dar os seus froitos. A posterior implicación de España na guerra de Iraq e Afganistán, así como o feito de ser Madrid o escenario dun atentado do novo terrorismo global evidenciaba que o Estado Español estaba a deixar de ser un país periférico para pasar a se sincronizar perfectamente co resto de países do centro do sistema. É a partir deste cambio sociolóxico que hai que ler a recente sentenza do Tribunal Constitucional a respecto do Estatut de Cataluña, sentenza que impide seguir co proceso descentralizador iniciado en 1978, así como o regreso a concepcións unitaristas do Estado. Se cadra é tamén por causa desa consciencia da Transición ter rematado que se produciu agora o anuncio de alto o fogo definitivo por parte de ETA (o que quedaba, canda o resto da esquerda abertzale, de irredentismo rupturista organizado).
Se a socialdemocracia española nacera xa homologada ao social-liberalismo europeo, o legado de Aznar consistirá en homologar á dereita española coas dereitas do resto de Europa e dos EEUU. A partir dos gobernos de Aznar o proceso de desmantelamento ideolóxico da sociedade española será brutal. O culto ao diñeiro fácil froito da especulación e a sobredose de banalidade e estupidez televisiva transformarán aos pobos do Estado nun bloque homoxéneo de traballadores precarios durante as longas xornadas laborais e de consumidores compulsivos durante o resto do tempo. É neste panorama individualista e hipercompetitivo que o programa cultural da dereita campará ás súas anchas. O mesmo que o resto das sociedades Europeas, desde mediados dos anos 90 a sociedade española parece terse escorado en bloque a posicións reaccionarias. Medios de comunicación e comportamentos sociais retroalimentaranse para que o sentido común se sitúe un pouco máis á dereita no abano ideolóxico.
Será agora —cando a sociedade e as súas elites estean totalmente homologadas ao resto de Europa e aos EEUU— que aparecerán entre nós as mesmas estratexias e discursos que sempre vimos funcionar fóra. Do individualismo furibundo de raigaña angloamericana que inspira as leis educativas feijonitas ao ataque frontal aos sindicatos co gallo da folga xeral do pasado mércores por parte dos mass media, asistimos a unha tentativa de dar o golpe de graza ao que queda de Estado de benestar e de eliminar toda pegada de dereitos colectivos nas institucións. Desde o social-liberalismo á ultradereita a axenda semella clara: lonxe de mudar unhas políticas que privilexiaron a acumulación de capital especulativo en detrimento do investimento na economía produtiva, trátase de poder seguir bombeando diñeiro da base da sociedade á elite. Se polo camiño é necesario destruír os servizos públicos, o sistema de protección laboral ou mesmo o que queda de democracia, farase. Neste sentido, se Latinoamérica nos ensina que as poboacións sometidas á despiadada lóxica neoliberal acaban por refugaren do capitalismo e por se arrimaren a quen lle presente unha alternativa económica máis solidaria (a demonización do chavismo ou o golpe de estado en Honduras e en Ecuador só pretenden evitar que esas alternativas coallen), China nos ensina que o ultracapitalismo sen democracia non só é perfectamente viable senón que mesmo se reproduce a mellor ritmo.
Debullado a grandes rasgos o camiño percorrido ata chegar á situación presente e coa experiencia aínda fresca da folga do pasado 29 de setembro cómpre dicir, a respecto da alta participación de certos sectores sociais na mesma, polo menos tres cousas:
1. Que malia a existencia duns sindicatos cooptados e/ou influíntes unicamente no sector industrial e malia a incapacidade da esquerda para se reorganizar segundo o requiren os tempos, aínda hai unha masa importante de persoas que prefire non empregar mapas alleos para xulgar a realidade e para actuar nela.
2. Que malia a existencia dun número importante de persoas que non queren transitar polas sendas marcadas polo neoliberalismo este non ha mudar un ápice a súa axenda (o día seguinte á folga xeral a axencia Moodys rebaixaba a calificación da débeda española e pouco tempo despois Zapatero anunciaba que non ía retirar a reforma laboral) porque o seu é un proxecto totalitario e antihumano.
3. Como consecuencia dos puntos anteriores é previsible que o capitalismo neoliberal non poida seguir apropiándose do termo democracia coa facilidade con que o facía ata o de agora. Deste xeito, se a política das últimas décadas estivo condicionada pola anestesiante teoría da fin da historia, todo semella indicar que nos vindeiros anos a historia vai facer a súa reentrada baixo a forma do que si debería ser un verdadeiro choque de civilizacións. Isto é: democracia (e solidariedade) ou barbarie.