4/20/2010

Contrapesos



En
Cidadanía e democracia. Un enfoque republicano. Andrés de Francisco, outro dos conferenciantes da última Semana Galega de Filosofía, exprésase, a propósito da separación de poderes, como segue:


«A doutrina dos check and balances, dos freos e contrapesos, do equilibrio de poderes está inspirada —na tradición republicana— polo mesmo principio antitiránico [que a doutrina da brevidade e rotación forzosa dos mandatos]. Un poder sen freos e contrapesos tenderá a crecer ata acadar unha perigosa e temible hipertrofia. Agora ben, o problema é que estes mecanismos poden ter sesgos contramaioritarios ou elitistas ou poden ter sesgos contraelitistas e populistas. Ninguén pode negar a necesidade de introducir freos e contrapesos na constitución estatal; o problema é que equilibrios de poderes pretendemos conseguir con eles. Porque se analizamos os tres mecanismos básicos propostos polos pais do constitucionalismo republicano moderno (veto presidencial, bicameralismo e control xudicial das leis) o sesgo elitista e contramaioritario resulta evidente.»

E continúa:

«Os dous primeiros mecanismos de contrapeso presupoñen un marco constitucional herdeiro da tradición dos gobernos mixtos: a Presidencia unipersoal representa o elemento “monárquico” nos gobernos representativos sen rei; e o Senado representa o elemento “aristocrático” en todo goberno representativo bicameral, con ou sen rei. Porén, a xustificación que o constitucionalismo moderno fai destes dous elementos (un executivo con capacidade de veto e un Senado con capacidade de devolución das leis ao Congreso), así como do terceiro elemento alleo á tradición dos gobernos mixtos (o control xudicial das leis) é unha xustificación en termos de freo, e de contrapeso, á democracia. O equilibrio de poderes procurado é, pois, contramaioritario e oligárquico.»

Impregnada deste sesgo contramaioritario do que falaba De Francisco estaría xa, malia a súa inspiración republicana —e a dicir de Sheldon S. Wollin— a Constitución estadounidense de 1787, nai de todas as constitucións posteriores, e carta deseñada, en opinión dese teórico da democracia americano, polas elites (ben é certo que Wollin salva a Jefferson) para impedir que a plebe tivese a máis mínima capacidade de intervir politicamente. Así, en Democracia S.A., Wollin escribe:

«O elaborado sistema de controis e equilibrios, a separación de poderes, o colexio electoral para elixir presidente e logo a revisión xudicial foron pensados para facer virtualmente imposible que as maiorías populares poideran instituír políticas que foran, de feito, favorables aos intereses da maioría.»


E remacha:


«Os artífices da Constitución foron os primeiros fundadores da moderna democracia dirixida.»

Algo que corrobora Antoni Doménech cando reproduce en
O eclipse da fraternidade a seguinte cita dese redactor da carta magna norteamericana que foi Madison:


«As democracias foron sempre espectáculo de turbulencia e de desputas, sempre se consideraron incompatibles coa seguridade persoal ou cos dereitos de propiedade; e en xeral, foron de vida tan curta, como violentas na súa morte»


E cando conclúe o catalán:

«Por iso [Madison] apoiou ao principio de corazón o empeño [...] de proceder a un deseño constitucional que puxera barreiras insalvables á vontade do pobo baixo. Esas barreiras pasaban por organizar a división de poderes de modo tal, que significaran un obstáculo infranqueable para a expresión da vontade do populacho.»


E a que ven todo isto preguntarase quen por ventura tivese lido ata aquí? Naturalmente ao que está a pasar estes días na política e na xudicatura española.
Se ben na configuración institucional do Estado Español a figura do presidente non ten as prerrogativas que ten noutros países, e se ben o Senado, malia poder devolver leis, non ten a capacidade de bloqueo que pode ter, ata onde eu sei (que non é moito), nos EEUU, a xudicatura si parece que cumple, entre nós, esa función de gardiana dos intereses das elites que enunciaron os diversos autores citados.
Gerardo Pisarello e Daniel Raventós, no brillante artigo titulado Garzón, Egunkaria e o Estatut de Catalunya: a transición española no banquiño, consideran que as decisións tomadas ultimamente sobre os tres asuntos que citan
,

«
Son un reflexo bastante nítido dalgunhas das principais hipotecas dunha transición que a propaganda oficial quixo modélica: desde a impunidade dos crimes do franquismo e a ausencia dunha xenuina rexeneración do aparato xudicial herdado da ditadura, ata a falta dunha resposta adecuada á cuestión do pluralismo territorial do Estado.»


Compartindo o que se di nese artigo, o presente post pretendía apenas pór o acento na existencia dunha estrutura (o poder xudicial) pensada —o mesmo que a dos países da nosa contorna pero co agravante da perpetuación das inercias franquistas— para que a vontade dese populacho que votou en referendo o Estatut, que levantou un xornal a través da subscripción de pequenos paquetes de accións, que clama porque se faga xustiza cos seus familiares represaliados durante o franquismo, que a vontade dese populacho, digo, o teña un pouco máis difícil, se cabe, á hora de se abrir camiño.

4/12/2010

De clases, antiintelectualismo e arte africana



Na conferencia que Jacques Bidet impartiu en Pontevedra co gallo da XXVII Semana Galega de Filosofía explicou a súa revisión dalgúns conceptos da teoría marxista. Para Bidet ademais da estruturación da sociedade en clases cómpre falar do que el denomina metaestruturas. A composición en clases que propón Bidet é tripartita: por unha banda a clase propietaria, por outra a clase dirixente ou competente e por último o que el chama a clase fundamental integrada polo que comunmente se coñecen como as clases populares. As dúas primeiras son dous polos diferenciados da clase dominante, polos que, a dicir de Bidet, Marx non soubo diferenciar. En canto ás metaestruturas, Bidet distingue dúas: o mercado e a organización. Estas dúas realidades son «patrimonio da humanidade pero están apropiadas pola clase propietaria». Nas súas propias palabras: «A clase dominante domina a través do mercado e de procesos de organización» xa que,
«por exemplo a empresa, non é un mercado é unha organización». Se a clase propietaria tenderá a utilizar as dúas metaestruturas no seu proveito, a clase fundamental, na súa loita coa clase propietaria, tenderá a fomentar a metaestrutura da organización.
En canto á clase dirixente ou competente, esta é, no esquema de Bidet, unha especie de clase bisagra que, en función das alianzas que estableza, contribuirá a que a hexemonía de cada periodo histórico se decante para o lado da clase propietaria ou da clase fundamental. Durante os Trinta Gloriosos, a dicir de Bidet, produciuse a alianza entre a clase fundamental e a clase competente o cal propiciou unha época de maior redistribución económica e dun maior benestar. Co advenimento da revolución conservadora dos anos 70 e ata a actualidade a alianza entre os detentores do capital cultural e as clases populares rachou, de aí que a hexemonía da clase propietaria sexa, neste momento, esmagante.
O que eu non teño de todo claro é se a alianza rachou porque os intelectuais decidiron dedicarse a gañar diñeiro ou porque un dos maiores éxitos da revolución conservadora foi o de conseguir inocular na sociedade un certo antintelectualismo, un desprezo polo saber e por aqueles que saben, que impedise toda creación de hexemonías alternativas á súa. Como senón se pode comprender que, para o caso do estado español, o momento histórico de menor analfabetismo, de maior capacidade de acceso á información e de maior sincronía cos países máis avanzados do mundo de toda a súa historia poida coíncidir co auxe da televisión lixo, ca idolatría sen parangón das figuras do deporte e do cotilleo, cos baixos índices de lectura e co encumbramento dunha clase política gris, ignorante e sen ningún tipo de visión histórica?

* * * * *

Da crítica Historia da Unión Soviética 1917-1991 que Carlos Taibo ven de tirar do prelo en castelán, pódese colexir, entre outras cousas, que a ideoloxía que impregnaba á revolución de outubro era coincidente coa ideoloxía desenvolvementista propia das economías capitalistas contemporáneas súas. A teima maior dos dirixentes soviéticos era desenvolver aquel país de labregos a un nivel análogo ao dos países europeos que albergaran revolucións burguesas. Neste sentido, a nomenclatura había facer as veces de burguesía, ben que, e paradoxalmente, acabase por recordar de máis á vella aristocracia zarista (será por iso que p.e. un Luchino Visconti non vía contradicción ningunha entre a súa militancia comunista e a predilección polo luxo que a súa familia noble lle inculcara desde rapaz?)
Seguindo o esquema de Bidet, poderiamos dicir que na Unión Soviética a clase dos competentes conseguiu dominar por igual á clase dos propietarios e á clase fundamental. Non en van Bidet enfatizou en Pontevedra que para a clase fundamental poder pactar coa clase competente dunha maneira beneficiosa para os seus intereses, antes debería «derrotala completamente» (o que non dixo é como facelo).
Nunha cita de Lefort que se inclúe no libro de Taibo, aquel di que as armas da burocracia na Unión Soviética foron:


«a concentración da autoridade en mans dunha minoría, a exclusión do pobo, a xerarquización das funcións e a diferenciación dos salarios, e a división estricta das competencias: en poucas palabras unha organización científica da desigualdade que se convertiu nunha nova opresión.»

Do perigo de que a organización, única arma das clases baixas para mudar o estado de cousas, se convirta nunha nova opresión, tamén alertou Bidet na súa conferencia. No coloquio mantido despois da charla sintetizou de xeito claro a única fórmula viable para conxurar os perigos desa ameaza: «hai que combatir o mercado mediante a organización e a organización mediante a democracia». Pero que democracia? Cando Bidet analiza a separación do arco político entre esquerda e dereita habitual desde a revolución francesa repara en que esta responde a unha organización bipartita, e non tripartita, da sociedade. Así, ao seu modo de ver, o polo socialdemócrata que nas democracias liberais representa á esquerda non é máis ca expresión política da clase dos dirixentes e competentes, sendo a dereita a expresión da clase propietaria e quedando sen representación significativa a clase fundamental.

* * * * *

Carl Einstein responde á figura do intelectual comprometido do seu tempo. O integrante –de seguirmos co esquema de Bidet– da clase competente aliado coa clase fundamental. Finalizada a súa participación na I Guerra Mundial, afiliouse á Liga Espartaquista e ao Partido Comunista. O mesmo día que asasinaban a Rosa Luxemburg e a Karl Liebknecht, Einstein atopábase nas barricadas onde foi apresado. Co ascenso de Hitler ao poder Einstein, como tantos outros xudeus, ten que exilarse en Francia. De alí ha pasar a España onde combatirá na guerra civil alistado no Grupo Internacional da Columna Durruti. Coa derrota da república regresa, ferido, a Francia, onde será internado. Tras tentar infructuosamente emigrar a Inglaterra volverá ser internado en Burdeos. Ao saír do seu internamento tentará quitarse a vida. Atrapado entre o avance alemán e a fronteira española –o mesmo que aquel outro intelectual comprometido chamado Walter Benjamin– Einstein, o grande teórico da arte das vangardas decide, desta volta con éxito, suicidarse. No escrito de 1919 titulado Sobre a arte primitiva incluído en A arte como revolta. Escritos sobre as vangardas (1912-1933), pódese ler:

«Se facemos estourar a ideoloxía do capitalismo, baixo ela atoparemos os únicos retos valiosos do continente saltado polos aires, a condición de todo o novo, as masas populares, que aínda hoxe son vítimas do padecemento. As masas son o artista.»

Cando as vangardas artísticas coñeceron a arte africana, un novo mundo non contaminado pola civilización capitalista se abriu ante elas. Einstein interpreta a irrupción desta nova arte primitiva coma a entrada de aire fresco na atmosfera corrompida do mundo pequenoburgués europeo. Neste episodio da historia da arte europea pódense apreciar algunhas das cuestións prantexadas por Bidet na charla de Pontevedra. Por un lado evidénciase a idea exposta polo francés de que só a clase fundamental (neste caso aqueles africanos creadores de “arte primitiva”) é verdadeiramente a clase creativa; polo outro, faise patente o caracter ambiguo da clase dos competentes que, ao mesmo tempo que recoñece e enxalza as capacidades da clase fundamental («as masas son o artista») contribúe, coa súa utilización dos saberes populares (p.e. a presenza das máscaras africanas en Les Demoiselles d'Avignon), así como coa valorización daqueles (o mesmo texto de Einstein) e coa súa aceptación (a entrada no canón artístico, e no mercado, desa pintura e escultura europea influídas pola arte africana e dos propios obxectos artísticos africanos) á apropiación definitiva dos mesmos por parte da clase propietaria. Deixando claro, xa que logo, que a clase dos competentes constitúe un polo imprescindible para a reproducción da dominación.

4/06/2010

De hienas e chacais




Veño de ler o último de Cid Cabido: Unha historia que non vou contar. Novela construída ao xeito da non-fiction novel de Capote pero conducida polo mesmo tipo de protagonista canalla e trasnoitador que se pode atopar noutros traballos do autor vigués. Mediante a disección dun crime paixonal ocorrido no Vigo do tardofranquismo asistimos á radiografía de toda unha clase: a burguesía viguesa. Un colectivo tan poderoso no económico como miserento no moral. Cuxa provinciana vida social, puntualmente glosada polo Faro de Vigo,
rutilaba en resesas festas no Aeroclub, no Club Náutico ou no Mercantil. Unha casta que construía o seu imperio a través da corrupción compartida co réxime fascista e que, non só mediante o marcador social da lingua, se arredaba e desprezaba á masa de traballadores cos que compartía espazo vital. Pero, cantos dos que hoxe mesmo seguen a rexer a vida económica (e polo tanto política) desta cidade non sentirán aquel pasado que retrata Cabido como o seu propio pasado ou como o pasado dos seus propios devanceiros? Acaso non seguen no Círculo Mercantil e no Club Financeiro a organizaren conferencias nas que os herdeiros daquela burguesía cutre e corrupta esbardallan rabiosamente contra o idioma galego? Ou é que non son, este tipo de homes grises e ignorantes, tamén lexión no mesmísimo goberno da Xunta de Feijoo?

* * * * *

Nun dos mellores momentos da sublime Il Gattopardo de Luchino Visconti, o Principe de Salina mantén unha demorada conversa con Chevalley, persoeiro que o goberno liberal de Turín enviou a Sicilia para ofrecer ao aristócrata un posto no Senado. E sen ben mostrara sobradamente a súa capacidade de adaptación ás novas circunstancias, o Príncipe decide rexeitar o posto e aconsella a Chevalley un substituto: o seu consogro Don Calogero, un burgués tan rico coma vulgar que, tras as revoltas garibaldiás e o seu conseguinte termidor en forma de reinado dos Saboia, comezara a escalar postos na nova coxuntura política.


«O home que vostedes precisan –dille o Príncipe– é un home que ha acomodar o seu interese particular ao indefinido idealismo público. […] O nome de Calogero Sedara merece moito máis ca min ser elixido. Dixéronme que o seu apelido é moi antigo ou acabará por selo». E engade despois o Príncipe esta frase xenial: «ten algo máis do que vostede chama prestixio, ten poder.»

No estado español, tras aquela patética beautiful people dos oitenta crecida ao abeiro duns gobernos socialistas responsables de encetar o que hoxe se coñece como financiarización da economía, os últimos anos de burbulla inmobiliaria viron emerxer da nada a moitos Don Calogero. Esperpentos como o Juan Antonio Roca dos cuartos de baño decorados con cadros de Miró, bufóns millonarios coma o Pocero ou advenedizos horteras coma Correa, o Bigotes e Crespo cuxa andanzas comezamos a coñecer agora que o segredo de sumario da Gürtel vai ser levantado son, canda outros como os Bárcenas, os Matas, os Camps, os Fabra (e os que virán), o lado escuro -se é que había algún que non o fose- no que se sustentou o poder do que Vázquez Montalbán alcumou como a aznaridad; "réxime" que tería na voda principesca da filla do propio expresidente outro momento paradigmático para ilustrar como a burguesía, na súa teima por imitar á aristocracia, sempre remata na caricatura.
Ao final da longa conversa con Chevalley, e cando este xa estaba montado na carruaxe que o habería levar de volta a Turín, o Príncipe de Salina afirma –coa señardade do que sabe que o tempo dos «gatopardos» e dos «leóns» rematou para sempre– «quen nos substituirán serán os chacais, as hienas». Na política e na economía española actual, e polo que se sonsaca do libro de Cabido tamén nas dos últimos corenta anos, as hienas e os chacais abundan en tal cantidade que un se pregunta como pode seguir habendo ovellas suficientes para os saciaren a todos.