8/25/2010

O corpo espectáculo e a guerra



Pareceume moi acertada Gabriela Cañas no artigo titulado De trapos e siliconas publicado onte por El País. A autora daba no cravo ao cuestionar a capacidade das autoridades do autoproclamado Occidente para definiren que é iso da dignidade da muller. E malia que ao editorialista dese xornal poida que non lle preste saber que un artigo publicado nas súas páxinas é útil para criticar a presenza de tropas españolas en Afganistán (especialmente pertinente hoxe que dous soldados do exército español e un intérprete morreron naquel país) o artigo de Gabriela Cañas ofrece un valioso argumento para desmontar a falsa polémica do burka á que tan obscenamente se recorre para xustificar aquela invasión e guerra —toda vez que o conto de que Bin Laden está en Afganistán xa non o cre nin o máis seareiro.
A tese que defende Cañas é que tanto no caso da interpretación fundamentalista do Corán coma no caso das hedonistas sociedades occidentais «o denominador común [...] é o corpo da muller como obxecto de desexo masculino que debe ser ocultado aos demais ou, polo contrario, exhibido como tal para deleite do gusto varonil». Cando EEUU (e aliados) invade Afganistán por cuestións xeopolíticas puras e duras —especialmente pola necesidade de controlar materias primas e fontes enerxéticas— parece non ser casual que escolla como argumento para "vender" a guerra en Occidente a cuestión do burka (algo que sendo un problema, non deixa de ser, nun país coma aquel, un problema entre miles doutros problemas máis), e non é casual porque no mesmo seo de Occidente o corpo da muller tamén é problemático. Se as sociedades Occidentais "compran" tan alegremente a mercadoría do burka afgano é porque en Occidente tamén existe a concepción do corpo da muller en tanto que problema, só que esta problematización maniféstase de maneira invertida. Cando Europa aínda non era unha sociedade secularizada a problematización do corpo da muller tiña lugar do mesmo xeito que hoxe ten lugar en Afganistán: ocultando e controlando o corpo (de feito, as monxas non deixan de seren un vestixio agonizante daquela época). Pero na Europa (e EEUU) de hoxe, en que ese control xa non se pode exercer pola vía da ocultación, exércese pola vía da conversión do corpo da muller en espectáculo, de aí a énfase na beleza feminina (cuxa máis acabada e esperpéntica substanciación son os concursos de Misses), e de aí tamén que Cañas denuncie que na TV e no cinema apenas haxa mulleres maiores; é dicir, apenas hai mulleres que expoñan o corpo tal cal é: imperfecto e perecedoiro. E é que se houbese que resumir o argumento de Cañas nunha soa frase, ben podería ser esta: tan degradante é o burka para a muller musulmá como toda a presión social que sofre o corpo da muller occidental na súa propia sociedade.
Se ben eu son o primeiro en soster que cando a esquerda abandona a loita económica pola loita cultural, é dicir, cando abandona un discurso que cuestiona as inxustizas do sistema económico no seu conxunto para se centrar exclusivamente en cuestións como a loita das mulleres, homosexuais, memoria histórica, etc., está a pórlle as cousas fáciles aos que mandan, non estou pretendendo dicir que esas loitas culturais non sexan lexítimas e necesarias. As loitas, sexan cales sexan, nunca se dan dunha vez para sempre. As conquistas dun momento histórico poden perderse. A sociedade pode retroceder no que avanzara. Por iso non se pode renunciar nunca á actualización de cada dereito acadado. De feito, o que tamén está a dicir Cañas (e eu comparto) é que é posible percibir no revival de tacóns e vestidiños que locen actualmente as rapazas máis novas un retroceso da conciencia feminista nesas mesmas rapazas (ou como escribe a propia autora: «o feminismo clásico non ten o glamour que esixen os tempos. Clamar contra as diferenzas salariais ou a trata de mulleres é coma pedir a fin da fame no mundo; carece de atractivo para os medios de masas»). E é que malia que ás adolescentes se lles esixa que «estuden como leoas» (agora que a muller pode estudar), no actual mundo rexido polo glamour, estáselles volvendo esixir, cada vez máis, que «vistan como panteiras» (ou, na versión lolita importada da cultura xaponesa, en edulcoradas bonequiñas de feminidade hipertrofiada e ridícula); é dicir, que se segue a fomentar a visión da muller como obxecto sexual do home. En definitiva, cando un se propón tirar algunha conclusión práctica da contradición loita cultural/ loita económica sempre acaba desembocando nalgo ben pouco orixinal: se na súa estrutura o sistema económico se basea na degradación duns seres humanos por outros, está na súa lóxica que esta degradación tamén se reflicta na superestrutura cultural. Combinar ambos aspectos, priorizando, cando sexa imprescinble, un ou outro segundo cada caso concreto, parece ser o único camiño transitable.
En canto á polémica do burka no interior da propia sociedade europea, dicir que esta é coherente coa súa aplicación —vía teoría do choque de civilizacións de Huntington— no exterior da mesma. Trátase, grosso modo, de potenciar os conflitos culturais para ocultar os conflitos económicos. Considero que o artigo de Gabriela Cañas é interesante precisamente porque ispe esa estratexia. Dificilmente poderemos solucionar a marxinación da muller en Afganistán, ou a maxinación das mulleres musulmás europeas, cando aínda non a demos solucionado para as mulleres occidentais. Se nun caso o control se produce mediante o burka noutro dase mediante a ditadura da beleza e da xuventude. O obxectivo final desta pseudopolémica do burka (e similares) é dupla: fóra, actuar como xustificante moral de invasións imperialistas a países ricos en recursos enerxéticos; dentro, servir para polarizar ás opinións públicas occidentais arredor de temas culturais e non arredor de cuestións económicas, ademais de contribuír a separar ás clases traballadoras autóctonas das inmigrantes, algo, por certo, no que tanto Sarkozy coma Berlusconi son expertos, por iso Francia está á vangarda na polémica do burka e na creación de novas polémicas culturais coma a dos xitanos romaneses e por iso Berlusconi sorrí encantado —máis se cabe cando a crise económica axexa— ante o respaldo que supoñen as ocorrencias do presidente galo á súa maneira fascistoide de facer política.

8/13/2010

Neoliberalismo forestal



Antes de que o goberno de destrucción masiva de Feijóo entrase en acción, comezáranse a dar algúns pasos para evitar o despoboamento do rural e para ordenar o territorio. Facer isto conleva implantar políticas, algo do que refuga a filosofía da «liberdade» do noso Presidente. Pero a que conduce a política ultraliberal feijonita? A que conduce levantar a prohibición de construír na costa ou permitir que no interior se constrúa de calquera maneira e en calquera lugar? A que conduce incentivar a convivencia desordenada do uso industrial do territorio co seu uso forestal como se está a permitir no tema das minas de lousa do Courel? A que conduce non querer lexislar no tema de Ence para non mudar unha política forestal centrada en exclusiva na produción de pasta de papel? O que sucedeu hoxe en Fornelos de Montes é consecuencia da lei da selva (nunca mellor dito) que os ultraliberais queren levar a todas as facetas da vida. Botar a culpa exclusivamente ao comportamento delictivo duns cantos individuos non soluciona o problema de fondo. Un goberno non está só para reprimir, tamén debe gobernar. As súas decisións e omisións son parte da súa responsabilidade. A cuestión non é se foi o vento ou un erro humano o que levou por diante a vida desas dúas persoas. A cuestión é que todos os veráns centos de persoas como esas teñen que ir a un monte convertido nun inferno. Por que o que vemos todos os veráns non sucede noutros países coa mesma masa forestal que o noso e si en países (véxase Portugal) cunhas condicións tan desastrosas como as nosas? Ese é realmente o cerne do asunto. Agora veremos a Feijóo despregar un discurso ameazador e represivo pero pasado o verán o monte e o territorio continuará sometido á máxima da lei do oeste. Atreverase agora Feijóo a coller a mangueira?

8/11/2010

Unha época interesante



Apuntaba Noam Chomsky, nun artigo titulado Ecos de Vietnam na guerra de Afganistan, que «non é de estrañar que as autoridades de EEUU estean preocupadas porque o apoio popular á guerra en Afganistan se erosione aínda máis». O intelectual mencionaba un informe da CIA desvelado por Wikileaks no que se aconsellaba «disimular as mensaxes» para «impedir, ou polo menos conter, unha reacción negativa» por parte da xente, tanto máis canto que foi o «perfil baixo» desa guerra o que permitiu que Alemaña e Francia se mantivesen no terceiro e cuarto posto en número de tropas malia a oposición ao envío das mesmas por un 80% das súas respectivas opinións públicas. «Este informe —proseguía Chomsky— debe lembrarnos que os estados teñen un inimigo interno: a súa propia poboación». E continuaba: «as sociedades democráticas non dependen da forza senón da propaganda, manipulando o consenso mediante unha ilusión necesaria e unha sobresimplificación emocionalmente poderosa».
Un exemplo paradigmático desa «ilusión necesaria» e desa «sobresimplificación emocionalmente poderosa» foi a portada publicada recentemente polo semanario
Time baixo o títular Que pasa se marchamos de Afganistán? na cal aparecía o retrato dunha muller afgana á que os taliban lle mutilaran o narís posando ao xeito daquel outro clásico retrato de muller afgana que noutrora fora portada da National Geographic. O debate, unha tendenciosa invitación a pensar sobre a conveniencia da guerra naquel país asiático (con chantaxe emocional incluída a conta da pésima situación das mulleres no mesmo) veu provocado pola filtración por parte do analista de intelixencia Bradley Manning á mesma páxina Wikileaks da que falaba Chomsky dun feixe de papeis secretos cheos de información comprometida para a coalición liderada polos EEUU. Tan axiña como saltou a nova da publicación dunha parte dos papeis postos en circulación por este rapaz de 22 anos farto das matanzas e os abusos en Afganistán, o diario El País (epítome do patético papel que xoga a prensa hoxe en día) publicou unha crónica na que se calificaba a Manning de fanfarrón. Semanas despois, cando o asunto volveu cobrar relevancia, o mesmo xornal volveu á carga cunha melodramática biografía de Manning —«En aquellas interminables jornadas, rodeado por otros soldados, un calor de 43 grados y tormentas de arena, en una batalla que no sentía como suya, descubrió en su interior el desapego que sentía hacia su país y sus guerras. No tenía una relación especialmente cercana con su padre, bla, bla, bla»— no canto de dedicar os seus esforzos a difundir o sinistro contido daqueles informes. Pero cal é o motivo de que El País preferise, a respecto deste asunto Manning, que ficásemos mirando para o dedo en lugar de mirar para aquilo que o dedo sinalaba? Se cadra tratábase de evitar que ese inimigo interno do goberno español, a súa propia poboación, reaccionase ante esta guerra de Afganistán como o fixo ante a anterior guerra do Irak: esixindo que se saquen as tropas españolas daquel territorio.

Fiel ao seu compromiso cunha «historia irrespectuosa para cos gobernos e respectuosa cos movementos de resistencia do pobo», Howard Zinn escribiu a súa A people´s History of the United States: 1492 to present (traducida para o español como La otra histora de los Estados Unidos). Na mesma, Zinn axuda a comprender por que os ecos dos que falaba Chomsky entre Afganistán e Vietnam son algo máis que imaxinacións. Así, os paralelismos entre o caso Bradley Manning e o caso Daniel Ellsberg, na guerra de Vietnam, son evidentes:

«Ellsberg fóra oficial da mariña e traballaba para a corporación RAND, a cal levaba a cabo investigacións especiais para o goberno dos EEUU. Ellsberg axudara a escribir a historia da Guerra de Vietnam para o departamento de Defensa, e logo decidiu facer público un documento clasificado, coa axuda do seu amigo Anthony Russo, un antigo home da corporación RAND. Ambos se coñeceran en Saigón onde lles afectaron de tal maneira as diferentes experiencias que tiveron como testemuñas directas da guerra que sentiran grande indignación polo que estaba a facer EEUU coa xente de Vietnam.
Ellsberg e Russo pasaron noite tras noite, hora tras hora, na axencia publicitaria dun amigo facendo copias das 7000 páxinas do documento. Despois Ellsberg entregou copias a varios congresistas e ao New York Times. En xuño de 1971 o Times comezou a imprimir as seleccións do que chegou a ser coñecido como os Pentagon Papers.»

Os Pentagon Papers foron decisivos para que finalmente Henry Kissinger acabase asinando o acordo de paz con Hanoi (causa, por certo, de que lle concedesen un premio nóbel da paz tan cínico como o concedido a Obama). A diferenza entre o caso Ellsberg e o caso Manning descansa na maior implicación da prensa actual no control e a dosificación da información. Desde que os gobernos das democracias liberais comprobaron en Vietnam o novo papel activo que podían xogar as cidadanías dos seus propios países, gañar a batalla da comunicación resulta tan importante coma vencer na fronte.

Segundo razoa Giovanni Arrighi en O longo século XX toda potencia hexemónica —fosen os Países Baixos a partir do século XVII, Inglaterra a partir do século XVIII ou os EEUU a partir do século XX— basea o seu poder tanto na pura dominación coma nunha sorte de gramsciano «liderado intelectual e moral». Co final da II Guerra Mundial e os acordos de Bretton Woods comeza a nova orde mundial norteamericana. As bombas de Hiroshima e Nagasaki —das que tan orgulloso se mostraba hai pouco na prensa o piloto do B-52 que as lanzou— mostraron cales haberían ser as novas ferramentas de pura dominación mentres que a Carta das Nacións Unidas indicarían cales haberían ser as novas ferramentas de liderado moral. Semella que Arrighi concorda coa afirmación de Howard Zinn de que «Vietnam foi a primeira gran derrota do imperio global americano despois da II Guerra Mundial». Para o italiano o comezo da crise da hexemonía norteamericana ten lugar entre 1968 e 1973 por tres vías: militar en Vietnam, económica coa fin do sistema de Bretton Woods e o comezo da financiarización e ideolóxica co cansanzo do anticomunismo da guerra fría. Se cadra é por iso que George Bush pai —un neoliberal que gozaba coa nova belle epoque dos EEUU dos oitenta e noventa tan semellante á belle epoque da tamén financiarizada economía inglesa de finais do século XIX e principios do XX— preocupado en exclusiva polos efectos da derrota militar en Vietnam mostrou tanta presa en afirmar, cando saíu victorioso da primeira guerra do Golfo vendo a súa popularidade intacta, que «o espectro de Vietnam foi enterrado para sempre nas areas do deserto da península árabe». A estratexia da guerra lóstrego fora deseñada para evitar calquera oposión entre a poboación estadounidense. Un ataque rápido e contundente combinado cun control absoluto das imaxes que emitía a televisión permitiron que aquela guerra a penas pasase factura. Mais cando tempo despois, George Bush fillo volveu atacar o Irak, unha gran mobilización nunca vista na historia tivo lugar en todo o mundo. Outra nova proba de que a hexemonía estadounidense se apoiaba cada vez máis na dominación e cada vez menos no liderado moral. O estourido da crise financeira de 2007 nos países do centro do sistema parece estar a darlle a razón a Giovanni Arrighi. En Caos e orde no sistema-mundo moderno, un libro escrito antes da crise canda Beverly J. Silver, sostén que a do presente é unha etapa de «caos sistémico», similar a outras etapas históricas de transición entre hexemonías (por exemplo o paso da hexemonía británica, coa súa correspondente etapa de financiarización a partir de 1870, á hexemonía estadounidense). Unha etapa que ademais apresenta a peculiaridade de que a potencia declinante retén un poderío militar sen parangón mentres que os recursos financeiros e as novas posibilidades de acumulación de capital se atopan xa, segundo Arrighi, no que se perfila como posible novo centro hexemónico: o leste de Asia, especialmente a China.

Días antes de ter declarado aquilo de que á Wikileaks habería que facerlle unha estatua, Fidel Castro falou para a Asamblea Nacional do Poder Popular de Cuba sobre o risco dunha eventual guerra entre Israel-EEUU e Irán. Nun momento do seu discurso, e tras confiar en que Obama non se enleará nesta nova guerra, o histórico líder cubano adiantou as consecuencias que a mesma podería acarrexar ben para o mantemento da hexemonía estadounidense, ben para a propia existencia do mundo todo:

«A orde actual establecida no planeta non poderá perdurar e inevitablemente será derrubada de imediato. As chamadas divisas convertibles perderán o seu valor como instrumento do sistema que impuxo aos pobos unha cota de riquezas, de suor e sacrifícios sen límites. Novas formas de distribución dos bens e servizos, educación e dirección dos procesos sociais xurdirán pacificamente, porén se a guerra estourase, a orde social vixente desaparecerá abruptamente e o prezo sería infinitamente maior.»

Á luz das palabras de Castro cobran nova relevancia reflexións como as que fixera Immanuel Wallestein no xornal La Jornada en xuño deste ano. No artigo titulado De novo Irán e Corea do Norte o perigo de levar as cousas ao límite, Wallerstein lembraba a intención dos EEUU de impediren que tanto Irán coma Corea do Norte acadasen a arma atómica. Wallerstein , para quen a imprevisibilidade e o perigo dos EEUU facíaos comparables a un tigre acurralado, escribía:

«Quen será o primero en pestanexar? Non creo que ningunha das nacións de primeira liña queira, de feito, unha guerra. Hai moito que perder para calquera deles. Porén a decisión real non está en mans de ningún destes actores senón do goberno chinés. China é quen leva a man. Que tipo de resolución apoiarán os chineses en calquera dos dous casos? É obvio que a China quere que todos se calmen, e manter a calma. O problema é que levar as cousas ao límite pode ser un xogo perigroso cando o mundo —a súa xeopolítica e a súa economía— está tan caótico e volátil. Poderían ocorrer accidentes. Algún oficial militar, nalgunha parte, co dedo no percursor pode cometer algún erro —accidental ou deliberadamente.»

E remataba Wallerstein dicindo:

«Vivimos unha época interesante.»

Quen o dubida? O risco de que a hexemonía norteamericana poida rematar como comezou —co recurso á arma nuclerar— semella ter aumentado non poucos graos. Seremos quen de facer algo nós, os inimigos internos de todos os gobernos, para evitar o desastre?