7/31/2010

Unha exposición


Para os que, coma min, levabamos un tempiño sen irmos a Madrid resultou moi rechamante o novo elemento arquitectónico que cumpre, nesa cidade dispersa e inabarcable, a mesma función metonímica que cumpría o campanario da igrexa da vila de Combray no clásico de Marcel Proust Na procura do tempo perdido e que dota a aquela cidade dalgo parecido a un skyline. Estou a falar do complexo Cuatro Torres Bussiness Area. Todo un símbolo dunha época que asistiu á conversión da dereita española (e non só) ao neoliberalismo e que atopou primeiro nos gobernos de José María Aznar na Moncloa e despois nos de Esperanza Aguirre na Comunidade Autónoma, os alicerces institucionais (co inestimable apoio do Real Madrid galáctico de Florentino Pérez, propietario orixinal dos terreos dubidosamente recalificados nos que se levantan as torres) da España atlantista, recentralizadora e inmobiliaria que crecía anualmente ao 3%, que creaba máis emprego-lixo de toda Europa, que construía máis vivendas en menos tempo e que se endebedaba e destruía territorio como ningún outro lugar do mundo. A mesma España que herdou Zapatero, encantado da vida, ata que a crise económica lle tirou do rostro o estúpido sorriso. Pinchada a burbulla que insuflara optimismo en vea aos que coma Álvarez Cascos pensaban que se os pisos ían tan caros era debido a que os españois podían pagalos, en Madrid quedan, canda un sistema de saúde fortemente privatizado, esas catro torres, coma catro grandes falos erectos e orgullosos, que dotan á poeirenta capital española dunha fasquía que remite á Dallas da serie televisiva de finais dos setenta. Queda tamén a melancólica promesa de Rajoy de que con el no goberno aqueles vellos bos tempos han voltar e a non menos ilusa promesa dese representante da especie híbrida galaico-madrileña chamado Feijoo de que cunha hipotética chegada súa á Moncloa, España volvería ir ben.
E porén, nese Madrid de ministerios e frituras, aínda se atopan pequenos espazos liberados —se ben coma sempre sucede nesa cidade estes están ameazados pola contradición inherente a todo o que cheira a institucional. Un deses espazos foi, para min, a exposición
Principio Potosí con sede no Museo Reina Sofía. Ocórreseme que se os administradores deste museo con nome de raiña acordaron erixir na fachada do mesmo unha réplica da escultura dun republicano coma Alberto Sánchez titulada O pobo español ten un camiño que leva a unha estrela (naturalmente vermella) —escultura que presidiu a entrada ao pavillón da II República na Exposición Universal de París de 1937— e se os mesmos (ou outros) administradores decidiron que a escultura permanecese escoltada pola bandeira dos que acabaron con aquela república, é porque o museo incorpora sen conflitos, na súa propia existencia, a contradición que supón acoller unha exposición tan crítica como Principio Potosí. O que xa non teño tan claro é como resolven os artistas de Principio Potosí a contradición que supón cantar as verdades que cantan nun marco tan mentireiro coma ese. Pero este é outro tema.
Vendo a exposición volvín recordar a revista
Adbusters e o número que dedicaran ao termo acuñado por Nicolás Bourriaud
«altermodernidade». Nun meu post anterior recollía un extracto do libro Altermodern do propio Bourriaud no que este se expresaba a propósito da arte que se estaba a facer nos últimos tempos como segue: «Numerosas prácticas artísticas cotemporáneas indican que estamos ás portas dun salto cara fóra do periodo posmoderno e do (esencialista) modelo multicultural que lle é inherente, un cambio a partir do cal emerxería unha síntese entre modernismo e poscolonialismo. Permítanme, xa que logo, chamar a esta síntese “altermodernismo”.» Malia algúns ataques á Ilustración, en Principio Potosí esta mestura de poscolonialismo e modernismo (encarnado polo regreso a Marx) está moi presente. O fío condutor da exposición é o concepto marxista de acumulación primitiva, o pecado orixinal nunca confesado de todo proceso de acumulación de capital. Un cadro de 1758 do pintor Gaspar Miguel de Berrio da cidade de Potosí —crecida a partir da explotación da inmensa mina de prata— permite deducir a violencia primeira da que nacen, unha e outra vez, todas as desigualdades económicas. A ausencia no lenzo de toda violencia explícita e a reducción dos traballadores forzados a pequenas e informes manchas escuras permite recoñecer, nesta obra pintada pouco tempo antes de que Adam Smith publicase A riqueza das nacións, cales son realmente as mans invisibles que fan funcionar o mercado.
Noutro punto da exposición asistimos a unha reflexión sobre o mito do apóstolo Santiago que merecería ser estudada en todas as escolas galegas neste ano santo Xacobeo. Nela faise patente o estreito vínculo que establece o poder nu, a través da propaganda, con ideoloxías redentoras e salvíficas. Isto é, a necesidade que ten o poder de se revestir con roupas impregnadas de xustiza e/ou misticismo (aquí Alain Badiou diría que o novo apóstolo Santiago do capital é o fetiche Democracia). Neste traballo consideráse o proceso de asunción da figura de Santiago Matamouros polos reis cristiáns como o vencello entre a idea de divinidade e de poder e como o xeito de camuflar os excesos deste baixo o paraugas dun xustificante moral («O modelo Santiago como arquetipo xenocida», dise na exposición), abórdase tamén a creación da idea irreductible de Reconquista e mais a produción da imaxe do Outro musulmán non-humano para concluír que todos estes elementos serán os que conformen o magma ideolóxico que o poder español aplicará primeiro na «descuberta» de América e, moito máis tarde, mediante o golpe mesíanico de 1936 (unha proxección permite ler a frase «cando se utiliza a violencia contra outros pobos tamén se recorre a ela contra o propio»), no contexto do propio Estado Español. Outras das conexións no tempo e no espazo establecidas polos comisarios da exposición —uns comisarios que se na súa retórica aínda son ben posmodernos na práctica están contribuíndo á construcción do que Lyotard chamaba unha gran narración universal (a dos efectos do capitalismo globalizado en todas as partes do mundo) que volve dar a razón a aqueles que, coma Alan Kirby, pensan que a persistencia da terminoloxía posmoderna é máis debida ao enferruxamento ou ao acomodamento da academia que á natureza da produción cultural actual—, outras das conexións, dicía, ilustran como este proceso de deshumanización e de desposesión do Principio Potosí estase a dar hogano no taller mundial chinés coas mancheas de migrantes que abandonan o campo para se converteren na nova clase obreira hiperexplotada de cidades da costa chinesa xenerosas en construcións verticais, tamén nos espectaculares rañaceos levantados en Dubai por traballadores en réxime de semiescravitude ou no San Petersburgo dos oligarcas ultraliberais que, segundo a farsa en forma de ópera proxectada na exposición, devecen por transformar un rañaceos da compañía Gazprom nun novo campanario de Combray que resuma en San Petersburgo, como resumen con eficacia as Cuatro Torres levantadas na Castellana polas mans invisibles dos inmigrantes chegados en aluvión a partir dos anos noventa, as grandes alturas ás que chegou —nos novos Potosís do século XXI— a miseria.

7/23/2010

Grotesque



Leo con interese o diálogo que ven de manter Beatriz Preciado cos lectores de Diagonal. Preciado, como bo/boa pensador/a da liña digamos que foucaltiá/butleriá/queer centra as súas preocupacións nas relacións de poder que se establecen no que chama a «produción da vida» e a «produción do xénero». Todo é cultural, polo tanto, todo é deconstruíble, tamén o xénero e a mesma idea de suxeito e de identidade o son. Como as respostas de Beatriz Preciado me colleron lendo o clásico de Mikhail Bakhtin A cultura popular na Idade Media e no Renacemento. O contexto de François Rabelais, sucumbo á tentación de compartir aquí a idea de que todo este proceso deconstructivo do suxeito e toda esta centralidade da materialidade do corpo inacabado xa se atopaban, segundo a interpretación do ruso, no Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais, isto é, nunha creación literaria do século XVI. Bakhtin describe deste xeito a visión desmitificadora e grotesca da vida que Rabelais recolleu da cultura festeira, antroideira e popular:


«A lóxica artística da imaxe grotesca ignora a superficie do corpo e non se ocupa máis que das prominencias, excrecencias, bultos e orificios, é dicir, unicamente do que fai rebasar os límites do corpo e introduce ao fondo dese corpo. Montañas e abismos, tal é o relevo do corpo grotesco ou, para empregar a linguaxe arquitectónica, torres e subterráneos. Evidentemente, os outros membros, órganos e partes do corpo poden figurar na imaxe grotesca (sobre todo na do corpo despedazado), pero non xogan nese caso máis que o rol de figuras no drama grotesco; o acento nunca está posto nelas (a menos que reempracen algún outro órgano de primeiro plano). En realidade, o corpo individual está totalmente ausente da imaxe grotesca que se pretende lograr, pois esta está formada de ocos e excrecencias que constitúen o novo corpo comezado; en certo sentido, é a pasaxe de dobre saída da vida en perpetua renovación, o vaso inesgotable da morte e da concepción.»

Bakhtin considera que esta visión do corpo dominou durante toda a Europa medieval e foi decisiva na configuración do humanismo renacentista. Pero ve no século XVII o intre histórico en que as cousas mudan curiosamente no mesmo século en que Giovani Arrighi sitúa, en Caos e orde no sistema-mundo moderno, o nacemento do sistema de estados-nación, o nacemento da primeira potencia hexemónica global (Países Baixos) e o nacemento do capitalismo moderno:

«A partir da segunda metade do século XVII —prosegue Bakhtin— [...] prodúcese unha estatización da vida festiva, que pasa a ser unha vida de gala; [...] introdúcese á festa no cotián, é dicir que queda relegada á vida privada, doméstica e familiar. Os antigos privilexios das festas públicas restrínxense cada vez máis. A cosmovisión carnavalesca típica, co seu universalismo, as súas ousadías, o seu carácter utópico e a súa ordenación ao porvir, comenza a se transformar en simple humor festivo.»

Este interese dos poderosos por domesticaren as festas populares alcanza nos nosos días cotas máximas. Do Antroido, a San Xoán pasando pola Matanza, toda festa, antiga ou nova, está suxeita a un apretado corsé de normativas e cauces posibles. A verdadeira ocupación da rúa e os excesos contra a propiedade só son permitidos —véxase as celebracións deportivas— se o celebrado reforza a ideoloxía dominante.

Ao comparar o canon antigo co que agora se impón, di Bakhtin:

«Dentro destes cánones [modernos] o corpo é ante todo algo rigorosamente rematado e perfecto. É, ademais, algo illado, solitario, separado dos demais corpos e pechado. De aí que este canon elimine todo o que induza a pensar nalgo non acabado, todo o relacionado co seu crecemento ou a súa multiplicación: córtanse os brotes e os gromos, bórranse as protuberancias (que teñen a significación de novos vástagos e xemas), tápanse os orificios, faise abstracción do estado perpetuamente imperfecto do corpo e, en xeral, pasan desapercibidos o alumbramento, a concepción e a agonía. A idade preferida é a que está situada o máis lonxe posible do seo materno e da tumba, é dicir, afastada ao máximo dos "limiares" da vida individual.»

Precisamente este corpo afastado dos limiares da vida é o que predomina na ditadura da xuventude da publicidade contemporánea, se ben xa se comeza a percibir que o carácter espectacular do corpo mutante —de Bibi Andersen a Belén Esteban pasando por toda a tecnoloxía da cirurxía plástica— é perfectamente dixerido pola televisión e as campañas de márquetin.
Continúa Bakhtin:

«As regras da linguaxe oficial e literaria orixinadas por este canon, impiden mencionar todo o que concerne á fecundación, o embarazo, o alumbramento, etc., é dicir, todo o que trata do inacabamento e a inadecuación do corpo e da súa vida propiamente íntima. Unha fronteira rigorosa é trazada entón entre a linguaxe familiar e a linguaxe oficial de bo ton

Polo tanto, poderiamos dicir que esta invención do corpo acabado e individual —que ten o seu correlato na invención da separación entre a lingua familiar e a lingua oficial (algo que no caso galego é aínda máis literal pois a separación daqueles dous rexistros se traza máis claramente ao se destinar unha lingua diferente para cada un dos ámbitos)— era necesaria para apuntalar a figura do homo economicus individual e autosuficiente oposto ao Nós que se articulaba na concepción do corpo inacabado e grotesco popular. Un novo home que habería emprender a tarefa de espallar o capitalismo por todo o orbe: primeiro coa hexemonía holandesa, despois coa británica e agora coa estadounidense.
Agora ben, se facemos caso da intepretación de Bakhtin —e do espírito utópico que segundo el se podía percibir na actitude burlesca e degradadora da festa popular e na linguaxe da praza pública na que Rabelais se inspirou— este carácter desmitificador (crítico, en termos ilustrados; deconstructivo, en termos posmodernos) foi un elemento substancial para o proceso de secularización que se iniciaría co Renacemento. Un sucesivo baleiramento do abafante poder da igrexa e do poder feudal que tiñan na ideoloxía mistificadora e antimaterialista o seu sustento intelectual. Non se pode comprender, polo tanto, que o branco dos ataques da liña de pensamento foucaltiá teña sido o legado ilustrado, habida conta de que a Ilustración é herdeira directa do humanismo renacentista, que á súa vez bebera da cultura popular para destronar a reis e papas, para baixar o poder á terra, á xente de carne e óso. Que a burguesía emerxente se aproveitase do discurso humanista na súa loita particular contra os poderes feudais e que en nome daqueles valores promovese novas opresións é algo que só é imputable á burguesía e ao sistema económico que promoveu. Porque... acaso non hai un continuum entre o elemento popular rabelesián que facía unha lectura invertida dos Evanxeos, a canaille san cullote que gozaba coas decapitacións dos aristócratas en 1793, os comunards que prenderon lume ao Paris burgués de 1871 e os obreiros rusos que tomaron o Pazo de Inverno en 1917? Incluso, e partindo de que o revisionismo posmoderno tivo como principal acicate o fracaso do experimento soviético, non está tamén impregnada de risa antroideira popular o libro O Mestre e Margarida de Mikhail Bulgakov malia opor ao opresivo estado burocrático a figura utópica de Cristo? Non é Voland, o enxeñoso Satán que pon coas pernas para arriba á acartonada sociedade soviética da altura, un novo bufón herdeiro directo de Rabelais? E non é unha tentativa loable por parte dos ilustrados primeiro e por parte do marxismo depois pretender transformar aquel espírito utópico informe, que Bakhtin vencellaba á cultura popular, en contidos políticos prácticos e concretos? Este medo á concreción, pois toda concreción entraña o risco de producir novas inxustizas, percíbese na conversa entre Michel Foucault e Noam Chomsky que a Editorial Trifolium ven de editar en formato libro na nosa lingua baixo o título A natureza humana: xustiza versus poder. Na mesma, Chomsky expón a necesidade de dotármonos dun horizonte concreto de valores e de proxectos políticos para poder combater as opresións actuais, mentres que Foucault evade calquera tipo de concreción positiva, calquera visión utópica, para se quedar no paralizante bucle deconstructivo. Se cadra sexa este o motivo de que a crítica posmoderna á Unión Soviética non puidese presentar alternativa ningunha salvo a de aceptar que Rusia —e toda a súa área de influencia— acabase nas mans do neoliberalismo máis salvaxe.
Nun punto do diálgo de Beatriz Preciado cos lectores de Diagonal, aquela di algo do que é difícil disentir:


«A cuestión clave nos movementos queer non é mudar de identidade sexual para poder integrarse na sociedade neoliberal, senón como intervir criticamente nos procesos de produción e reprodución da vida que implican non só distincións de clase, senón tamén de xénero, sexuais, raciais, corporais, etc.»

Agora ben, o que si se lles pode achacar a moitos teóricos posmodernos (entre eles os queer) é que nesa ansia por visibilizar os outros tipos de opresión efectivamente existentes contribuísen a desprestixiar e a identificar como totalitaria a tradición da esquerda ilustrada e marxista e, sobre todo en Europa e EEUU, que xogasen no ámbito da esquerda o mesmo papel que os teóricos da Terceira Vía haberían xogar no da socialdemocracia: isto é, que indirectamente se convertesen nos xustificadores intelectuais da eliminación da economía como materia de debate político.

7/14/2010

Merda



Veño de ler o sinistro fresco que Mike Davis pinta no seu recomendable Planeta de cidades miseria. Un traballo que se achega a aqueles dos que ninguén se ocupa: os residentes nos sectores «hiperdegradados» de
«megacidades e hipercidades globais» (aquelas que pasan dos oito e dos vinte millóns de habitantes respectivamente) como Dacca, Manila, Kinshasa, Calcuta, México DF ou São Paulo. Parentes no tempo como o mesmo Davis suxire da primitiva clase obreira inglesa que ateigaba os inmundos barrios das cidades victorianas e que Engels retratara no seu A situación da clase obreira en Inglaterra (modelo social este, por certo, ao que aspiran aqueles que pretenden roubarnos o Estado do Benestar diante dos fuciños). Irmáns globais desoutros que ata hai nada morrían afogados nas praias andaluzas e canarias ante a mirada bovina dos bañistas e que agora, tras os acordos dos países europeos cos gobernos da África negra e magrebí para a externalización dos controis migratorios (véxase a interesante reportaxe Europa muda de valados sobre o tema no número de xullo da edición en castelán de Le Monde Diplomatique), morren ao sur do Sahara, lonxe da nosa vista.
Do libro de Davis quedo con dúas pinceladas: a primeira, a crítica frontal a propostas —que poderiamos calificar de utopismo neoliberal— como a de Hernando de Soto (da que eu falara aquí hai xa ben tempo) que queren ver na simple emisión de títulos de propiedade sobre os catro plásticos que posúen os excluídos globais e na súa conversión á microempresa (a versión terceiromundista do conto do emprendedor ao que estamos afeitos) a solución a unha marxinación estrutural xerada por un capitalismo que trata a este colectivo inmenso como simple excedente de carne humana non aproveitable; a segunda ten que ver con aquela parte do libro titulada Vivindo entre a merda na que Davis explica con claridade e sen escrúpulos bempensantes a relación daquelas xentes coa omnipresente realidade material dos excrementos. Paréceme que o tema deste epígrafe ilustra e resume como ningún outro as penurias, as humillacións e as inxustizas presentes no resto das facetas vitais desas persoas así como a aplicación ata o absurdo da fórmula máxica da privatización dos bens públicos (mutatis mutandis o que Feijoo pretende facer aquí coa sanidade) como solución universal aos problemas da humanidade.


«Nas áreas hiperdregradadas de Bangalore —di Davis— a cidade escaparate da tecnoloxía avanzada, o "Resplandor da India", as mulleres pobres que non poden pagar para utilizaren as letrinas, deben esperar ao anoitecer para lavárense ou faceren as súas necesidades.[...] A solución á crise sanitaria que propuxeron algunhas eminencias sentadas nos seus cómodos sillóns de Chicago e Boston foi converter a necesidade de defecar nun negocio global. Realmente un dos grandes logros do neoliberalismo que patrocina Washington foi converter os servizos públicos en puntos de recaudación de fondos para pagar a débeda extrema e actualmente os servizos de pago son unha industria florecente nas áreas urbás hiperdegradadas do Terceiro Mundo.»

Malia a oportunidade do tema, non vou falar agora do lixo televisivo. Porén, como non é moi habitual, direi que antonte vin a tele. Ironías do destino ou froito dun programador con bo criterio botaron o filme uruguaio O baño do Papa (Charlone/Fernández, 2007) cuxo argumento sintetizaba, precisamente, os dous aspectos que máis me chamaron a atención do libro de Davis. Así mesmo, o filme puña o dedo na chaga ao abordar algo (o recurso a grandes eventos como creadores de falsas expectativas) que, ao pensarmos na vitoria mundialista da selección española de fútbol (e o suposto beneficio que aquela habería reflectir no PIB) ou na vindeira visita de Ratzinger a Compostela (presentada tamén coma o negocio do século) non só parece afectarlle a eses países que engreidamente alcumamos coma do Terceiro Mundo (exemplo actual é Sudáfrica, a propia sede do mundial, que ten en Johanesburgo outro dos enclaves da miseria retratados por Davis), senón tamén a nós, curmáns pobres de Europa. A película ten lugar en Melo un escangallado poboado próximo á fronteira co Brasil. Ante a perspectiva dunha grande afluencia de forasteiros co gallo da inminente visita do Papa Xoan Paulo II os miserentos habitantes da vila comezan a argallar a maneira de sacaren algún proveito económico. Isto é, comezan a ilusionárense coa posibilidade de se converteren todos en empresarios. Entre eles Beto, un contrabandista de pouca monta que malvive coa súa muller e filla e que se empeñará en levar a cabo o que considera unha idea xenial: investir o pouco que ten en fabricar un váter público de bloques co que facer algo de cartos a costa das necesidades fisiolóxicas das agardadas masas. Por suposto, e lembrando un pouco ao Benvido Mr Marshall de Berlanga, o proxecto desemboca nun estrepitoso fracaso que deixa á familia de Beto e ao resto de Melo aínda un pouco máis pobres do que xa eran. A película é toda ela tan deprimente como a realidade que describe, pero que Beto decida finalmente arrebolarlle unha botella de viño á pantalla do televisor da taberna farto xa de escoitar o marabilloso que fóra para Melo a efímera visita do Papa non deixa de constituír un aceno optimista por parte dos directores.
Con só vinteseis anos Karl Marx escribiu nos seu Manuscritos de economía e filosofía que «a Economía Política non coñece ao traballador parado, ao home de traballo, na medida en que se atopa fóra [da] relación laboral. O pillabán, o sinvergonza, o esmoleiro, o parado, o home de traballo famento, miserable e delincuente son figuras que non existen para ela, senón apenas para outros ollos; para os ollos do médico, do xuíz, do sepultureiro, do alguacil de pobres, etc.; son fantasmas que quedan fóra do seu reino.»
Nesas masas de excluídos dos guetos hiperdegrados, nestes fantasmas de tez morena e pés sucios —versión actual dos parias da terra aos que se refería Marx— descansa, salvo que a avultada bolsa de parados da Europa en crise se convirta en crónica, toda esperanza de rebeldía transformadora.

7/08/2010

España 1 Alemaña 0 (ou viceversa)




Disque onte a seleción española fixo historia ao terse metido na final do campionato mundial de fútbol de Sudáfrica tras unha victoria fronte ao combinado alemán escasa en goles pero folgada en calidade. As xentes da pell de brau da que falara Espriu entregábanse á histeria colectiva acrítica e apaixoadamente así como a un chauvinismo edificado sobre peares de barro ben pouco tempo despois de teren presenciado impasibles como as políticas económicas no Estado Español viraban sumisamente en canto o FMI (isto é EEUU) e o Banco Central Europeo (isto é a «esmagada» Alemaña) acenaban a máis mínima ameaza. Apenas uns días antes do partido, o presidente Zapatero, respondendo á omnipresente obsesión polo déficit e os recortes sociais que desde o ultimatum de Angela Merkel trae de cabeza especialmente ao grupo de países graficamente alcumados de PIGS (Porcos), sentenciaba que España habería «superar o diferencial con Alemaña»; iso sí, Zapatero aclarou —tamén contaxiado pola euforia futboleira— que se estaba a referir ao diferencial de fútbol, non de débeda.
Mentres onte, desde a miña casa, escoitaba o estourido de xúbilo dunhas masas necesitadas de sentírense de cando en vez gañadoras de algo, lembraba un libro de obrigada lectura —Soberanos e intervidos. Estratexias globais, americanos e españois (Joan E. Garcés, 1996)— cuxa existencia coñecín grazas a Xosé Manuel Beiras. No mesmo pódense ler auténticas leccións de historia (Historia con maiúsculas, non esa historia charramangueira e ad hoc dos Píos Moas & cia empeñados en retrotraer a orixe do seu modelo de España case que ao pleistoceno) e sobre o funcionamento da política real (non da política espectáculo da que o fútbol constitúe a máxima sublimación). A seguir reproduzo en extenso unha pasaxe especialmente interesante para comprendermos por que é o capital alemán (un país reconstruído por EEUU tras a fin da segunda guerra mundial para conter á Unión Soviética e base do maior número de efectivos e armamento do páis americano en Europa) quen, por medio da superestrutura da UE, dicta a política do Estado Español e por que é tan fielmente obedecido polas elites políticas e económicas deste recanto do mundo. Así mesmo, sirve para explicármonos novas tan actuais como que o Tribunal de Xustiza da UE declare ilegal a decisión do goberno portugués de impedir a venda do 30% da compañía Vivo á compañía Telefónica argumentando que «Portugal incumpriu as obrigacións que lle incumben en virtude da libre circulación de capitais ao manter en Portugal Telecom dereitos especiais atribuídos en relación con Accións de ouro» (estes
«dereitos especiais» que o tribunal retira a Portugal é o que antigamente se coñecía como Soberanía Nacional); que o Estado Español teña sido, segundo fontes xudiciais, base para voos ilegais da CIA encargados de transportar a cárceres secretas de Europa e África a secuetrados en Afganistán (nova esta que pon en tea de xuízo a soberanía real dun estado que só parece lembrarse de si propio cando a soberanía pretende ser exercida desde instancias territoriais máis pequenas ca súa); ou que desde o PSdG de Breogán (partido, polo que se ve, máis cómodo coa retórica nacionalista romántico-folclórica que coa visión da nación republicana, cívica e soberana) se nos pretenda convencer a estas alturas —a través da súa ideóloga analfabeta en galego Mar Barcón— de que nin o espectáculo do fútbol se utiliza como distracción política, nin o xogo político que propicia o bipartidismo reinante no Estado Español desde a morte de Franco é, en termos debordiáns, un simple espectáculo:


«En abril de 1974, cando Franco se aproximaba ao seu fin biolóxico, no veciño Portugal os capitáns agrupados no Movemento das Forças Armadas (MFA), sen dispararen un tiro, derrotaron unha ditadura de catro décadas. A inesperada revolución, democrática e endóxena, nun país fundador da OTAN alarmou ao resto da Coalición bélica, cuxas estruturas foron mobilizadas para illala e afogala. En especial, con respecto a España —onde decenas de capitáns e comandantes se estaban asociando en 1974 clandestinamente nunha Unión Militar Democrática (UMD) de orientación democratizante e nacional. O secretario de Estado Kissinger mostrábase partidario de aplicar aos portugueses o castigo que sufría Chile desde medio ano antes. Isto espertou preocupación entre os europeos e a propia Coalición bélica, en especial o goberno alemán cuxo Chanceler —Willy Brandt (socialdemócrata)— entendía que "Europa non toleraría un Pinochet". Pois desencadear en Europa unha represión masiva e sanguenta como a que se estaba aplicando sobre un país a fin de contas, visto desde Bonn, do "Terceiro Mundo", tería efectos negativos para a estabilidade do Continente europeo, o que tería sido contraproducente para o principal obxectivo da diplomacia da RFA: lograr a reunificación alemá mediante a aproximación-distensión entre os Bloques do Oeste e Leste europeos, reducindo as causas de confrontación. O goberno de Alemaña Federal ofreceu a Kissinger métodos distintos para reintegrar Portugal na disciplina da Coalición e evitar en España outra revolución democrática: penetrar nos dous Estados Ibéricos a través dos políticos cooptados, financialos e darlles apoio político baixo cobertura de organizacións centradas na propia RFA —as Internacionais Demócrata-Cristía, Socialdemócrata e Liberal. A operación comezou con Mario Soares —exilado en Francia, a quen se elixiu para crear en Bonn un "Partido Socialista de Portugal" en 1973, e retornar ao seu país en 1974 co apoio material dos Gobernos interesados en destruíren o proxecto nacional autónomo do Movemento das Forças Armadas.
O 19 de xullo de 1974, tres meses despois da Revolución portuguesa, Franco aqueixaba unha enfermidade que anunciaba a aproximación da súa fin biolóxica. De inmediato, con toda urxencia, desde o partido no goberno da RFA financiábase a convocatoria en Francia (Suresnes) dun cónclave de mozos escindidos anos antes do tronco do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) —que xuntaba arredor dun milleiro de afiliados dentro de España. Esta fracción, apoiada desde Alemaña e Francia, situou á súa cabeza ao equipo de Felipe González Márquez en Suresnes. Unha campaña de marketing subseguinte introduciría ante a opinión pública nomes ata entón descoñecidos que, a pouco andar (1975-1976), illaron e marxinaron aos militares da Unión Militar Democrática e, en xeral, a quen eran reacios a que en España entraran a CEE e a OTAN sen condicións calquera que fose o custe que iso significara para a súa economía e independencia. Aos convocados a Suresnes díxoselles que eran hóspedes dun acto de solidariedade obreira internacional, algúns mesmo o creron. Simultaneamente os restantes partidos do Parlamento alemán —o Liberal e o Democristián— cooptaban a grupos "homologados" entre quen en España se disputaban as larguezas financeiras alemás. Así, co desembolso duns poucos millóns, Alemaña e Francia melloraron a súa penetración nos engranaxes dun Estado cuxa economía era entón a segunda do mundo en pesca, a onceava en produción industrial, a primeira de Europa en exportacións de froitas e legumes...; EEUU e o conxunto da Coalición bélica apuntalaron o seu dominio estratéxico sobre España ao socaire da súa transición desde unha ditadura ao pluripartidismo, que elevaron a prototipo para América Latina.»