
En A arte de voar, a premiada novela gráfica con guión de Antonio Altarriba e debuxos de Kim, faise un repaso, a través da biografía do protagonista, de boa parte do século XX no Estado Español e alén. A dura vida no campo durante a ditadura de Primo de Rivera, as ilusións da II República, o espírito revolucionario no movemento anarquista, a crueldade da guerra civil, o exilio en Francia, a represión do rexime de Vichy, o regreso á gris realidade do franquismo, a chegada da democracia, as renuncias, as frustracións, o fracaso. En definitiva, o decorrer dun século marcado polas tombadelas impredicibles da Historia.
Na parte final do comic o protagonista vive nunha residencia para anciáns. Encontrámonos xa na España postransición e isto se reflicte, ademais de no frenesí sexual dos vellos (un dos personaxes comenta acaídamente que ese exceso de actividade sexual é unha vía para fuxir da morte), no funcionamento interno da propia residencia. A organización desta enxalza formalmente a participación dos internos nos asuntos que lles incuben, e así o pon de manifesto a directora recorrendo, en varias ocasións, ao retrouso «isto é unha democracia». Porén, como rápido poden comprobar o protagonista e mais o seu compinche ex-sindicalista no momento en que se propoñen apañar sinaturas para protestar pola mala calidade da comida, o que formalmente parecía posible, na práctica rebélase impracticable. Toda proposta de reforma choca contra o muro da burocracia, dos poderes establecidos e das restriccións económicas.
Pareceume moi interesante esta comparación dos autores, non por inconsciente menos verosímil, entre a democracia formal dos decadentes Estados asistenciais europeos contemporáneos e a rutina diaria dun centro xeriátrico público (o propio avellentamento da poboación europea non fai senón reforzar a pertinencia da comparación). Unha residencia de zombies entregados a un hedonismo escapista na que toda capacidade de decisión é meramente retórica. A verdadeira cara da fin da historia é un aparcamento para vellos no que o tempo permanece parado, no que xa non sucede nada porque todo está absolutamente pensado para que nada suceda. Neste contexto, a única saída que atopa o protagonista, o único Acontecemento —no sentido que lle dá Alain Badiou a esta palabra— que enxerga é decidir o momento da propia morte. O suicidio.
E porén, a Historia continúa. Coma unha volta de porca máis da crise financeira iniciada en 2007, agora son os Estados —as institucións encargadas de velar porque a soberanía popular sexa respectada— os atacados polos mesmos especuladores que foran subvencionados a eito. Uns Estados afogados polas chamadas «políticas de austeridade» e polas carreiras por baixar impostos das últimas décadas vense agora obrigados a manter os seus servizos sociais a costa dun endebedamento insostible. Tócanos vivir, no noso xeriátrico particular, momentos históricos. Asistimos ao ataque final do capital sobre a democracia (de que outra maneira se poden interpretar senón propostas como a máis recente de Sarkozy, que propuña incorporar á Constitución francesa nada menos que a obriga de controlar o déficit?). O desmantelamento do Estado de benestar nacido tras a Segunda Guerra Mundial é cada vez máis un feito. Se Grecia (en realidade habería que falar do Protectorado de Grecia) foi o primeiro ensaio, as medidas aprobadas polo goberno autosacrificado ao gran capital de Zapatero (o próximo episodio consistirá en que a socialdemocracia española, fiel á súa tradición felipista, se encargue de facerlle á dereita a enésima desregulación do mercado laboral) camiñan na mesma dirección. Se, tal como dicía Marx, un individuo sen autonomía económica non é un individuo libre, un estado sen capacidade para impoñer liñas de economía política deixa de ser un estado soberano (a este respecto non é errada a reflexión que fai o PCP sobre a soberanía real dun Portugal abouxado polos préstamos estranxeiros).
Estamos a ver agora con claridade cal era a razón de ser do proxecto europeo: extirpar aos estados (aos parlamentos, á xente) toda potestade para decidiren sobre a marcha da vida económica (acaso non era tamén o Tratado de Lisboa que a progresía española vendeu coma se fose pouco menos que a Declaración dos dereitos do home e do cidadán, un decálogo sobre o permitido e o prohibido en materia económica?). Este triunfo final do capital sobre a política só ten un aspecto positivo: canda a burbulla financeira e inmobiliaria está estourando tamén o feitizo da burbulla democrática liberal. Ao xeriátrico sáenlle rendixas de máis como para que a Historia non consiga asomar a cabeza por elas. Rematou o idilio do capital coa democracia. Albíscase un futuro no que estes dous conceptos (que en realidade sempre foron antagónicos) poderían camiñar por separado. O momento é, polo tanto, perigoso.
Para nós, usuarios do xeriátrico en descomposición, o Acontecemento —no sentido de Badiou— debería consistir en volver dotar ao concepto de democracia do seu sentido orixinario. Reivindicar o noso dereito a decidir non unicamente sobre asuntos biopolíticos e culturais senón tamén sobre cuestións económicas para evitar esta rendición final da política ante a economía.
Posiblemente, renunciarmos a esta loita, asumirmos a derrota antes de tempo, non conleve, como no caso do protagonista d´A arte de voar, a morte física (ou si). Porén, si parece probable, de non reaccionarmos, que veremos o día en que a nosa existencia como cidadáns se verá cuestionada. Ese día terá lugar un exemplo de libro (de comic) de suicidio político colectivo.

De Armando Fernández Steinko tivera xa a oportunidade de ler un artigo publicado pola revista El viejo topo no que explicaba de xeito moi clariño como a raíz da chamada Transición un grupúsculo de economistas monetaristas próximos ao PSOE comeza a construción do Estado do Benestar —necesario para lexitimar socialmente todo o proceso de continuídade co franquismo— non a partir das rendas vindas do mundo do traballo senón a partir da financiarización da economía. Desde entón e ata o de hoxe, independentemente de quen gobernase, a economía española baseouse na atracción de capital estranxeiro, no afortalamento do sector bancario e na destrución (salvo os que Steinko denomina illotes fordistas) dos sectores vinculados á economía produtiva, foran estes industriais ou agrarios. Esta é a orixe da burbulla inmobiliaria e esta é a razón de que a economía española sexa unha das máis afectadas pola crise mundial. A excepción a esta destrución do tecido produtivo atópase nalgunhas comarcas de Cataluña e, sobre todo, no País Vasco, países ambos que xa dispuñan dun tecido pequeno-empresarial con dinámicas autónomas a respecto do Estado Español desde antes do franquismo e que sempre apoiaron partidos que favorecían as políticas de reforzamento da pequena empresa autóctona.Veño de rematar agora Izquierda y republicanismo. El salto a la refundación, libro escrito polo mesmo Steinko e prologado nada menos que por Julio Anguita. O traballo é realmente interesante. Nel faise unha análise histórica da economía e da política española do pasado século e achégase, na súa parte final, algunhas ideas interesantes para construír un novo «bloque histórico» que aglutine, nun gran movemento republicano, á esquerda política e social de todo o Estado.
Steinko, como en xeral sucede cando desde a esquerda estatal se analiza o fenómeno dos chamados nacionalismos periféricos, centra a súa crítica na suposta crenza apriorística daqueles na existencia do espazo nacional periférico e na naturalización dos respectivos pobos (el fala da concepción ahistórica da nación e a conxelación no tempo da identidade). Compartindo o desatinado de naturalizar e conxelar calquera identidade na historia, ben que cuestionando que isto fose práctica común de todos os movementos soberanistas periféricos (mesturar movementos, partidos e persoas tan diversas nun só conxunto non deixa de ser un abuso simplificador), paréceme que o argumento do autor se refuta a si mesmo cando pon en cuestión a utilización do termo Estado Español —e polo tanto, cando reivindica para a esquerda o termo España— dicindo que: «a suma destes espazos non é un artificio institucional que alguén lles impuxese aos seus habitantes como suxire o concepto de Estado Español. É o marco territorial, institucional e cultural natural [atención á cursiva do propio autor] no que se produciu e se segue a reproducir a socialización de persoas con adscripcións políticas moi distintas». É dicir, Steinko, e en xeral a esquerda española, non deixa de caer no apriorismo da existencia do espazo nacional español na súas análises de partida, un espazo non imposto e que sería o marco de relación natural entre os habitantes deste espazo. Argumento o primeiro que, a nada que se revise un pouco a accidentada historia do Estado Español, cae polo seu propio peso e argumento o segundo que, cando pensamos na desexada relación entre Galiza e Portugal (relación sempre ameazada polo separatismo español do que falaba Castelao), tamén abala.Na detallada análise dos distintos reximes de traballo no Estado Español e os seus comportamentos políticos, Steinko observa no tecido de pequenas industrias de certas comarcas vascas e catalás, a xénese destes dous nacionalismos e o lugar onde a versión esquerdista destes é máis forte e resta máis espazo ao que Steinko denomina A Esquerda:«No norte de Girona e áreas da provincia de Barcelona [...], unha parte dos espazos da esquerda está hoxe ocupada por Esquerra Republicana de Catalunya, que recibe o apoio dos autónomos locais, de non poucos profesionais urbáns vinculados á administración, dunha parte dos traballadores autóctonos das PYMES e do que queda do campesiñado.[…] O interior de Guipúzcoa e Viscaia, e algunhas zonas do norte de Álava e Navarra, están fortemente influídos polo nacionalismo na súa versión máis radical.»E se ben o propio autor recoñece o carácter antineoliberal das políticas implantadas, sobre todo polo PNV, na protección do seu tecido industral autóctono, políticas que fan que sexa moito máis complicada que noutras partes a comprensión do que «é ou non é a esquerda e a dereita neste país de países»; e se ben afirma que «en España unha parte do nacionalismo ten un sesgo político cara a esquerda» e que «nada disto se dá nas rexións ricas de Europa, onde o nacionalismo local é casi enteiramente conservador ou mesmo de ultradereita»; o autor conclúe, finalmente, que o pensamento destes nacionalismos ten como guía a máxima de que «para elevar o nivel de vida das clases populares nacionais non é necesario tocar ás burguesías autóctonas, nin sequera aos burgueses españois. É necesario tocar a España». Punto, dito sexa de paso, no que coíncide, aínda que por camiños diferentes, co discurso centralista de Rosa Díez. Se cadra é por isto que a esquerda estatal non ten problemas en chegar a acordos cos neofranquistas de UPyD para mudar a lei electoral española.É de supoñer que cando Steinko escribe extensamente sobre as contradiccións que observa no nacionalismo vasco e catalán e non, por exemplo, no nacionalismo galego, faino por considerar que rebater aos máis fortes convertirá os seus argumentos en máis incontrovertibles, porén, na miña opinión, que Steinko eluda toda mención ao nacionalismo galego non se debe tanto á irrelevancia deste no contexto do estado, como á enorme relevancia que a existencia da especificidade galega ten para desbaratar algunhas das premisas do propio Steinko. Boa parte dos argumentos de Steinko contra os nacionalismos vasco e catalán (p.e. o seu carácter pequenoburgués) esboróase ante a ausencia dese compoñente na maior parte do nacionalismo galego ou ante datos como que o sindicalismo nacionalista é maioritario na comarca galega máis industrializada. Ademais, a existencia do nacionalismo galego introduce na política española un concepto (o de colonialismo) que podendo ser máis ou menos matizable, penso que en conxunto conforma un dato obxectivo. Este encaixe colonial ou semicolonial de Galiza no conxunto do Estado desafía directamente a suposta naturalidade e neutralidade do concepto España e, polo tanto, desafía a mesma existencia da esquerda española en Galiza. Así, non é de estrañar que a implantación social de EU —polo menos ata a actual deriva do BNG (véxase Ferrol)— sexa na Galiza (non así no País Vasco ou Cataluña) totalmente anecdótica.
A única vez que o nacionalismo galego aparece no libro de Steinko é cando o nomea para falar da dificultade de conxugar os intereses dos traballadores do rexime sete (vellos autónomos rurais) e dos ecoloxistas urbanitas. Steinko di: «nalgunhas localidades púidose superar este afastamento, e os éxitos do BNG en Galiza, que soubo achegar a ambos estremos sociolóxicos, demostran que é posible». Pero semella que o feito de a loita labrega ter na Galiza un carácter tremendamente peculiar, como peculiar é, a respecto de España, a propia distribución da propiedade da terra entre nós, e que este sexa o motivo polo que o mundo labrego galego se puido aliar en moitas ocacións e con naturalidade co ecoloxismo baixo a premisa da defensa común do territorio fronte ás empresas españolas con prácticas claramente coloniais (de eléctricas e nucleares a papeleiras), non lle chega a Steinko como material de análise para sacar algunhas conclusións máis amplas sobre Galiza e sobre o soberanismo galego. A propósito disto, e como pequena separata, dicir que a actuación do BNG no tema de Reganosa, no plano acuícola ou no caso Massó durante o bipartito rachou a capacidade do nacionalismo galego de liderar esta alianza pola defensa da terra entre o ecoloxismo e as clases populares que viven directamente do territorio.
Volvendo ao rego, tampouco a existencia do movemento Nunca Máis, que volveu significar a identificación da cidadanía de todo un país cun movemento ecoloxista debido precisamente á evidencia de que o goberno español trataba a Galiza como se dun protectorado de segunda se tratase e de que o país carecía das mínimas ferramentas materiais necesarias para protexer a súa costa e o modo de vida de milleiros de persoas, provocan no autor do libro ningún comentario de relevancia.
Por último, o feito de que Fernández Steinko, nun momento do libro, diga que Ferrol está, como Vigo, na provincia de Pontevedra, resulta, máis que un dato anecdótico ou un lamentable erro, todo un síntoma do secular, e aínda vixente, descoñecemento e desleixo con que a esquerda española, e a sociedade española en xeral, tratou sempre ao noso país.