2/27/2010

Imposturas



«Cando un comeza confundindo Capitalismo e Ilustración, nunca máis se reconcilia coa Ilustración –ou reconcíliase avesamente e coa boca pequena, como algúns esquerdistas pasados ao neoliberalismo, hoxe.»

Antoni Domènech



Publicaba hai uns días o diario El País un artigo dun dos seus novos e flamantes colaboradores internacionais: Bernard-Henry Lévy. No mesmo, este gurú da nova dereita francesa de pensamento forte e pasado vermello (semellante a moitos dos seus émulos da prensa madrileñista) recoñecía que metera a zoca ao citar, nun dos seus exitosos ensaios, ao inexistente escritor Jean-Baptiste Botul e ao seu inexistente libro (de título prometedor, cómpre dicilo) A vida sexual de Inmanuel Kant.
Unha vez zanxado este tema, Henry Lévy procedía, no que restaba de artigo, a fustigar ao Novo Partido Anticapitalista francés por ter aceptado como militante a unha moza adobiada con veo; tema que retomaría noutro artigo posterior co gallo da chamada lei anti-burka impulsada polo goberno Sarkozy. Moito daría de si comentar por que precisamente nun momento histórico de crise do neoliberalismo, o xornal El País presta tanta –e non sempre benintencionada– atención a todo o que sone anticapitalista (dos supostos excesos bolivariáns a calquera investigación histórica sobre as atrocidades soviéticas pasando pola insistencia, tamén noutras reportaxes, deste asunto do veo e o NPA). Tamén daría para moito discutir se un partido de esquerdas debe ou non aceptar que unha militante vista veo. Ao meu ver, máis grave que levar veo –prenda cuxo significado pode mudar segundo o momento e o contexto– é a condición de crente islámica da que fai gala a moza en cuestión. Pero o que pretendía eu neste artigo era chamar a atención a un fenómeno que, cando nos atopamos ante personaxes coma Bernard-Henry Lévy, resulta rechamante: a dereita –case que sempre con fins espúreos, case que sempre para deformalo e case que sempre de xeito oportunista– é a única que parece seguir reinvindicando sen complexos (véxase senón a apropiación por parte da ala aguirrista do PP do liberalismo do XIX ou o igualitarismo republicano reenmarcado en ideoloxía antiperiférica polos intelectuais próximos a UPyD) o discurso ilustrado. Iso si, a dereita tampouco ten reparos en usar vías posmodernas cando cre que lle resultan útiles (a este respecto véxase con que tipo de argumentos se cuestionan as evidencias científicas do quecemento global). Ou mesmo en crear experimentos eclécticos como o movemento Tea party, de moda nos EEUU, que ten entre os seus partidarios tanto a reivindicadores da revolución americana –antecedente da francesa– coma do discurso pseudocientífico do deseño intelixente (forma refinada de creacionismo, tamén defendida, por certo, polo novo bispo de Donostia monseñor Munilla).

* * * * *

Do affair Lévy ao affair Sokal. En 1996 a prestixiosa revista de estudos culturais da Universidade de Duke Social Text tirou un artigo co enrevesado título de Transgredir as fronteiras: cara unha hermenéutica transformadora da gravedade cuántica. Alan Sokal, físico e matemático e autor do texto, pretendía demostrar ca súa publicación que no fragor da chamada «guerra das ciencias» todo valía –mesmo un artigo cheo de frases absurdas e de sensentidos– con tal de seguir cuestionando a posibilidade da idea de verdade. Co artigo queríase pór en evidencia, así mesmo, a falta de preparación de moitos dos teóricos posmodernos á hora de empregaren axeitadamente termos e conceptos científicos –como p.e. determinadas conclusións da física cuántica– nos seus ensaios antiilustrados.
A revelación do engano por parte de Sokal causou tal rebumbio que este decidiu publicar un libro titulado Imposturas intelectuais para explicar o por que do seu proceder. Pasado xa bastante tempo desde entón, Sokal volve á carga co libro Alén das imposturas intelectuais. Ciencia, filosofía e cultura para recordar o caso Social Text e para compartir as súas reflexións arredor das implicacións sociais e políticas parellas ao abandono, por parte de certa esquerda académica, dunha visión científica do mundo.

«Actualmente, en moitos ámbitos –dinos Sokal– dáse por suposto que todos os feitos están “construídos socialmente”, as teorías científicas son meros “mitos” ou “narracións”, os debates científicos resólvense mediante a “retórica” e a “formación de coalicións”, e a verdade é sinónimo de acordo intersubxectivo.»

Este clima revolto a respecto do coñecemento científico é debido, segundo o autor, á mestura caótica, nas discusións sobre o tema, de cinco cuestións diferentes:


«1.Ontoloxía: Que obxectos existen no mundo? Cales dos enunciados acerca de ditos obxectos son verdadeiros?
2. Epistemoloxía: Como poden os seres humanos chegar a ter coñecemento de verdades acerca do mundo? Como poden medir o grao de fiabilidade de dito coñecemento?
3. Socioloxía do coñecemento: En que medida as verdades coñecidas (ou cognoscibles) polos humanos pertencentes a unha determinada sociedade están influídas (ou determinadas) por factores sociais, económicos, políticos, culturais e ideolóxicos? Pregunta que vale tamén para os enunciados falsos erroneamente considerados verdadeiros.
4. Ética individual: Que tipo de investigación debería un científico emprender (ou negarse a emprender)?
5. Ética social: Que tipos de investigación debería a sociedade estimular, subvencionar ou financiar con cargo ao erario público (ou, inversamente, desincentivar, gravar fiscalmente ou prohibir)?»

O emprego indiscriminado e cruzado de argumentos sobre cada unha destas cuestións independentes, tería levado, a dicir de Sokal, a unha situación de predominancia do que el chama relativismo cognitivo (relativismo de raíz que cuestiona as dúas primeiras das cinco cuestións: a existencia de obxectos fóra do suxeito e/ou a capacidade do suxeito para coñecer eses obxectos). Así, a renuncia da esquerda académica ao legado da Ilustración acabaría contribuíndo á emerxencia de todo tipo de «pseudociencias» e de «coñecementos locais» que en nada benefician ás clases populares. Fenómenos tan dispares coma o “tertulianismo” (ou a priorización do xornalismo de opinión en detrimento do xornalismo da información nos media), a pedagoxía á carta de movementos coma Galicia Bilingüe, a omnipresenza do pensamento relixioso en toda parte e as súas contínuas interferencias no ámbito político, o auxe das mediciñas “alternativas” coma novos bálsamos de Fierabrás ou a consideración dos problemas sociais coma simples desaxustes da psicoloxía individual, estarían intimamente ligados, entendo eu, a esta abdicación, por parte de certa esquerda, da consideración da ciencia como unha ferramenta útil para o pensamento crítico e a esta cesión gratuíta ao capitalismo da ciencia e das súas capacidades reais para mudar o mundo. Ademais, e como ben explica Sokal no seu libro, con esta actitude dáse soporte teórico a perigosos movementos políticos coma p.e. o nacionalismo hindú, cuxa pretensión de equiparar os Vedas coa tradición científica occidental só pode desembocar en supremacismo (o do pobo ao que foron revelados os Vedas) e atraso social.

* * * * *

Noutro libro que ando a ler estes días –A estética como ideoloxía– Terry Eagleton tamén reflexiona sobre a orixe e as consecuencias desta subxectivización da realidade denunciada por Sokal:

«Que o suxeito individual chegue a ocupar o centro do escenario e interprete de novo o mundo desde si mesmo, é algo que se deduce en boa lóxica da economía e práctica política burguesas. Agora ben, canto máis se reduce o mundo a criterios subxectivos, máis rapidamente comeza este suxeito tan privilexiado a socavar as mesmas condicións obxectivas da súa propia posición de preeminencia. Canto máis extende o suxeito o seu dominio imperial sobre a realidade, máis relativiza ese terreo en función das súas necesidades e desexos. O que provoca que a sustancia do mundo se disolva na materia dos seus propios xuízos. E máis se erosiona deste modo calquera criterio obxectivo que permita medir a significación ou, incluso, a realidade da súa propia experiencia. O suxeito necesita saber que é supremamente valioso, pero non pode alcanzar este coñecemento se o seu propio solipsismo cancelou calquera escala desde a cal poida medirse ese valor.»

Así, para Eagleton, esta renuncia a toda idea de obxectividade acabaría dexenerando en solipsismo burgués e nun afastamento dos problemas reais da xente en favor de alambicadas teorías sen vocación práctica algunha que consideran á realidade un campo de pugna entre estéticas alternativas. Como consecuencia disto prodúcese unha mutación do papel que o intelectual de esquerdas cumpría na sociedade, mutación que acarreará as nefastas consecuencias que se describen, sintética e acaídamente, na cita de Noam Chomsky –recollida por Sokal no prefacio do seu libro– que reproduzo a seguir e coa que quero concluír por ser unha gráfica exposición do que está en xogo:

«Os intelectuais de esquerda tomaban parte activa na viva cultura da clase obreira. Algúns trataban de compensar o caracter de clase das institucións culturais mediante programas de formación para obreiros, ou escribindo libros de ampla difusión sobre matemáticas, ciencia e outros temas destinados ao grande público en xeral. Chama a atención que os seus homólogos da esquerda actual traten con frencuencia de privar aos traballadores desas ferramentas de emancipación, dicíndonos que o "proxecto Ilustrado" está morto, que debemos abandonar as "ilusións" depositadas na ciencia e na racionalidade: mensaxe que alegrará os corazóns dos poderosos, encantados de monopolizar eses instrumentos para o seu propio uso.»

2/23/2010

Gramsci 2x1



En datas ben tempranas, e cunha lucidez admirable, Antonio Gramsci soubo enxergar en que se acabarían convertendo a maior parte das organizacións sindicais. Así, nos seus Escritos políticos de 1922-1926, concretamente no titulado O partido comunista e os sindicatos, escribía:

«O desenvolvemento normal da organización sindical provocou resultados completamente opostos aos previstos polo sindicalismo: os obreiros convertidos en dirixentes sindicais perderon por completo a vocación laboriosa e o espírito de clase, e adquiriron todos os caracteres do funcionario pequenoburgués, intelectualmente nugallán e moralmente corrompido ou fácil de corromper. Canto máis se ampliou o movemento sindical, incorporando a grandes masas, tanto máis se extendeu o "funcionarismo"; a imposibilidade de convocar frecuentemente as asembleas xerais de afiliados impediu o control das masas sobre os xefes; os obreiros mellor retribuídos ou que tiñan outros ingresos aparte do salario formaron un sindicato dentro do sindicato, sostendo aos dirixentes na súa obra de lento acaparamento da organización aos fins dun sector político que despois revelou ser simplemente a coalición de todos os funcionarios sindicais mesmos; estar organizados significou para a maioría dos obreiros non xa participar na vida da propia comunidade a fin de exercer e desenvolver as súas propias dotes intelectuais e morais, senón soamente pagar unha cuota obrigada para gozar de liberdades formais, similares en todo ás liberdades que goza o cidadán no ámbito do estado parlamentario.»

Hoxe, a situación que denunciaba Gramsci resulta un ritual habitual. A cotemporización de UGT e CCOO cun goberno que se vai achegando, a teor das solucións propostas para a crise económica, paseniño ás teses da dereita son ben indicativas –por non falar de opinións como as do ex-secretario xeral de CCOO José María Fidalgo para quen retrasar a idade de xubilación aos 67 anos é algo «de sentido común». A longo prazo, non é descartable que unha esquerda cada vez máis ecoloxista e decrecementista atope motivos renovados de crítica –e mesmo de oposición– ao papel pro-sistema de case que todos os sindicatos.

Para Antonio Gramsci a decadencia sindical habería ser conxurada grazas á convicción firme e consciente do Partido comunista e á súa capacidade para volver encarreirar os acontecementos. Non soubo ver o ilustre sardo –ou máis ben non puido– que a corrupción e a esclerose tamén acabarían por enferruxar á organización política. Substituíndo a palabra «sindical» por «partidaria» e «sindicalismo» por «ciencia política» obteremos, a partir do parágrafo citado, outro fresco ben descriptivo da situación presente.

2/19/2010

Universidade S.L.




«As diversas facultades e escolas, aínda adornadas de ilusións anacrónicas, son transformadas en dispensadores de “cultura xeral” á medida das clases dirixentes, en fábricas de ensino rápido de cadros inferiores e de cadros medios. Lonxe de se oporen a este proceso histórico que subordina directamente un dos últimos sectores relativamente autonomos da vida social ás exixencias do sistema mercantil, os nosos progresistas protestan contra os retrasos e desfalecementos que sofre a súa realización.»


Da miseria no medio estudantil. Internacional situacionista. 1966


Reproduzo a seguir dous extractos pertencentes á introdución dun documento ―Estratexia Universidade 2015. A gobernanza da universidade e as súas entidades de investigación e innovación― que non ten desperdicio:

«Na actual sociedade do coñecemento, ás universidades non só se lles pide que se ocupen de investigar e impartir docencia e de formar os alumnos, senón que tamén se lles exixe cada vez máis que contribúan ao desenvolvemento económico e social do seu contorno, que compitan nun marco internacional con outras institucións e que persigan a excelencia. Ás universidades pídeselles realizar I+D+i e que esta revirta na sociedade a través dunha efectiva transferencia de tecnoloxía ao sistema produtivo, que colaboren con empresas ou creen elas mesmas spin offs, que licencien patentes, que permitan e incentiven a mobilidade dos seus investigadores, etc… Así mesmo, o papel da universidade devén central no desenvolvemento do capital humano, para formar en coñecementos e habilidades aos estudantes, e facilitar a súa inserción no mercado laboral en condicións óptimas, así como para dar resposta ás necesidades das empresas en canto aos requerimentos de traballadores altamente cualificados; e da mesma maneira, o papel que pode desempeñar a universidade resulta clave na formación ao longo da vida, permitindo que a poboación activa no mercado de traballo poida actualizar e renovar coñecementos e adquirir novas aptitudes, ou no incentivo e fomento das actitudes emprendedoras.
[...]
Para afrontar todos estes retos é esencial unha modernización das universidades españolas, dotalas dunha elevada flexibilidade, para poder dar resposta ás exixencias que a sociedade do coñecemento e o contexto internacionalizado actual lles plantexa. E unha das facetas deste cambio e modernización ten que ver co modelo de gobernanza.»

Dicía Goebbels que cando escoitaba a palabra cultura botaba man á pistola. E paradoxalmente, calquera persoa que considere a cultura e o saber coma un patrimonio común e un fin en si mesmo debería sentir a mesma animadversion primaria e instintiva goebbeliá cada vez que aparecen, en certos contextos, palabras coma “modernizacion”, “flexibilidade” ou “gobernanza”. De palabras–calzador como estas (e doutros asaltos semánticos como aquel que identifica “sociedade” con “mundo empresarial”) está inzado este recente documento asinado polo Ministerio de Ciencia e Innovacion, a Fundación Conocimiento y Desarrollo presidida por Ana Botín e a Conferencia de rectores das universidades españolas. O obxectivo: atacar directamente a autonomía universitaria e permitir a entrada da empresa nos seus órganos directores. Velaí Boloña.

2/15/2010

Sucesión de crises



No seu As crises do capitalismo Karl Marx botaba man dun exemplo para explicar como a escisión entre o valor de uso da mercadoría e o seu valor de cambio expresado na forma diñeiro por unha banda e mais a escisión entre o momento da compra da mercadoría e o momento da venda pola outra estaban no cerne da natureza contraditoria do capitalismo:

«Supoñamos –dicía o alemán– que o tecedor venda a súa mercadoría ao comerciante por 1000 libras, pero non en metálico, senón por medio dunha letra de cambio, de tal modo que o diñeiro figura como medio de pago. E que o vendedor, á súa vez, endose a letra ao banqueiro, xa sexa para pagar con ela unha débeda ou para que lla desconte. O agricultor que vende o liño ao fabricante de fíos véndello tamén contra unha letra de cambio, e o mesmo o fabricante de fíos ao tecedor, o fabricante de maquinaria ao tecedor, o produtor de madeira e ferro ao fabricante de maquinaria, etc. Pois ben, se o comerciante non paga a mercadoría, o tecedor non poderá cobrar a letra e producirase un impago en cadea; ningún dos produtores poderá cobrar e non podendo facer efectivo o valor das súas mercadorías, non poderán repoñer a parte correspondente ao capital constante. E terá nacido unha crise.»

Continuando, grosso modo, co exemplo de Marx, supoñamos agora que todas esas letras de cambio foron emitidas en forma de créditos por algúns bancos que á súa vez venderon estas débedas a outros bancos e estes a outros, creando así unha burbulla coa que seguir obtendo plusvalías a partir da circulación dun capital que en realidade nunca se fai efectivo e estaremos ante o panorama que provocou a crise financeira do 2008.
Mais agora, coa asunción por parte dos estados desas débedas lixo xeradas polas entidades privadas grandes-de-máis-para-caer, encontrámonos –segundo explica Xavier Vence nun recente artigo titulado Mercados soberanos, estados vicarios«nunha nova fase da crise». Unha nova fase na que


«As mesmas axencias de rating que toleraron nos últimos anos níveis de débeda exorbitante no sector privado e nas finanzas póñense agora de árbitros para determinar até onde a débeda soberana dun estado pode ser ou non ser tolerada.»

e na que

«Os mercados financeiros acaban determinando as políticas dun xeito absolutamente imperativo –velaí Grecia. [O cal] obriga a asumir os custos dos desaxustes provocados pola voracidade especulativa dos axentes financeiros e impide a adopción de medidas de recuperación ou de protección fronte as consecuencias provocadas polas mesmas.»

Nunha liña semellante á de Vence, e tamén no mesmo xornal, o economista Marc Vidal sostiña que

«Os estímulos que se crearon agora están fabricando unha nova burbulla, que é moi evidente. Dunha maneira moi rápida formouse unha burbulla da débeda pública, difícil de xestionar porque non coñecemos cales son as repercusións a medio e longo prazo, xa que nunca tivemos unha. Ten que ver con que os estados pensan que todo é fabricar diñeiro, un diñeiro que nestes momentos non responde ao valor real das cousas, senón que se está fabricando para que haxa un fluxo que circule sen cesar. Témome que é cuestión de tempo que iso acabe reventando.»

Daniel Bensaïd, pola súa banda, nun artigo titulado Marx e as crises di que

«O salto perigoso do capital dende a forma mercadoría á forma diñeiro pode resultar así mortal. O xerme das crises está pois presente no diñeiro en tanto que valor convertido en autónomo, forma de existencia convertida en autónoma do valor de cambio. Esta autonomía enxendra a ilusión de que o diñeiro poida multiplicarse por partenoxénese, incrementarse no circuito do crédito sen ser fecundado polo seu paso polo proceso de produción.»

E conclúe citando a Marx:

«O intercambio polo intercambio sepárase do intercambio de mercadorías.»

Nesta situación, Vence vaticina que

«Ou se reforma a fondo as regras de xogo dos mercados financeiros, domesticándoos para que estean ao servizo da economía produtiva e da sociedade, ou estaremos sometidos á extorsión deses grandes fondos especulativos.»

Extorsión que, segundo Miren Etxezarreta, xa se estaría a producir no tema das pensións. Así, cando en Público lle preguntan por que Zapatero anunciou o aumento da idade de xubilación, esta catedrática de economía responde:

«Imaxino que o fai para tratar de convencer aos mercados internacionais de que é moi duro.»

E cando lle preguntan por que estala agora o debate das pensi
óns, contesta:

«Para axudar aos plans de pensións privados, que son unha baza fantástica para o capital financeiro, que é o que encarga os informes dramáticos. Para eles é unha entrada de fondos inxente, que teñen asegurados para moitísimos anos. E ademais poden investilos en bolsa coa particularidade de que se perden, perdes ti. Eles, nunca.»

Por outra banda, Daniel Bensaïd adianta, para quen espere que canto peor mellor ou que aquí pode estar o principio da fin que


«Marx non fala xamais dunha “crise final”. Demostra soamente como “a produción capitalista tende sen cesar a sobrepasar as súas barreiras inmanentes”. A cuestión é saber a que prezo, e a costa de quen, poden ser resoltas.[...] A súas crises poden ser inevitables pero non insalvables. A resposta non pertence á crítica da economía política, senon á loita de clases e aos seus actores políticos e sociais.»

Que neste momento a sociedade galega estea a posicionarse no tema das caixas de aforro máis en función de paixóns localistas que de análise da conduta destes organismos durante todos estes anos e de previsión do que poderían representar no futuro para a economía do país, indica que a capacidade de reacción das clases populares ante esta sucesión de despropósitos semella estar, tamén ela, en crise.


2/06/2010

Lecturas da actualidade



Lectura nº 1.

Susan George. O pensamento secuestrado. (2007)

[Ou de por que Obama e ZP rezaron e citaron a biblia no “Almorzo Nacional da Oración” celebrado en Washington.]


«Antonio Gramsci empregaba o termo hexemonía cultural para contrastar o exercicio do poder por medio de métodos tradicionais, ás veces abertamente represivos, cos medios máis sutís de obter o que se desexa. Calquera aspirante a clase dominante debe exercer ambas clases de poder, pero, cómo chegar a ese poder para comezar? Gramsci ofrece a resposta. O odio e a brutalidade son inútiles: para lograr a hexemonía cultural e, polo tanto, un poder político duradeiro, os gobernantes en potencia deben someterse á disciplina da “longa marcha a través das institucións”.
Pode que o camiño que deben percorrer estes marchadores sexa arduo, pero o premio final é a conquista do cinema, dos xornais, da radio e da televisión, das escolas e das universidades, dos tribunais e das igrexas; mesmo da familia e da propia linguaxe. Cando se teñan aseguradas as institucións sociais irán as políticas. [...] A partir deste punto, as institucións políticas sociais e culturais reforzarán mutuamente a influencia sobre a poboación. Co tempo, sen darse de conta sequera, o pobo, coma un peixe que non sabe que nada na auga, terá perdido unha parte importante da súa liberdade de pensamento e de actuación.»
«O actual século estadounidense presenciou o triunfo da dereita porque a dereita xa está infiltrada en grande medida na cultura, ata o punto de que case que non importa que partido político está no poder.»
«A tarefa política para todos os que se opoñen a estas tendencias, sexan ou non estadounidenses, é aprender das leccións da “longa marcha a través das institucións” da dereita estadounidense.»

Lectura nº 2


Eric Hobsbawn. As perspectivas da democracia. Conferencia impartida en Londres o ano 2000.

[Ou de por que as declaraci
óns de Adolfo Domínguez son totalitarias.]

«O ideal da soberanía do mercado non é un complemento da democracia liberal, senón unha alternativa a este sistema. De feito, é unha alternativa a todo tipo de política, xa que nega a necesidade de tomar decisións políticas, que son precisamente decisións relacionadas cos intereses comúns ou de grupo en tanto que intereses distintos da suma de opcións, racionais ou doutra clase, duns individuos dedicados á procura das súas preferencias privadas. [...] En calquera caso, o mencionado ideal sostén que o constante proceso de averiguación que conduce a descubrir que é o que a xente quere, averiguación que proporciona o mercado (canda os estudos de mercado), é necesariamente máis eficaz que o ocasional recurso ao burdo reconto de papeletas electorais. A participación no mercado substitúe a participación en política. O consumidor ocupa o lugar do cidadán. Neste sentido, o señor Fukuyama argumentou que o feito de optar por non votar, como o de preferir comprar nun supermercado en lugar de nun pequeno comercio local, é reflexo de que a poboación realiza unha elección democrática. Os cidadáns desexan a soberanía do consumidor. Non hai dúbida de que así é, pero, é esta preferencia compatible co que se veu considerando un sistema político liberal demócrata?»

Lectura nº 3


Jean Baudrillard. Á sombra das maiorías silenciosas. Cultura e simulacro (1978)

[Ou de por que o nixonián
Anxo Lorenzo é un simulacro de Secretario Xeral de Política Lingüística]

Xa non queda significado social que dea forza a un significante político.
O único referente que funciona aínda é o da maioría silenciosa. Todos os sistemas actuais funcionan sobre esa entidade nebulosa, sobre esa substancia flotante cuxa existencia xa non é social, senón estatística e cuxo único modelo de aparición é a sondaxe.
[...]
As masas xa non son un referente porque xa non son da orde da representación. Non se expresan, sondéaselles. Non se reflicten, sométeselles a test. O referéndum (e os media son un referéndum perpetuo de preguntas/respostas dirixidas) substitúe ao referente político. Agora ben, sondaxes, tests, referéndum, media son dispositivos que non responden xa a unha dimensión representativa senón simulativa.

Lectura
nº 4

León Trotsky. Dos soviets e do partido na revolución proletaria. (1924)

[Ou de por que hai xente no BNG que é incapaz de comprender a Rolda de rebeldía.]


«Calquera partido, aínda o máis revolucionario, elabora inevitablemente o seu conservadorismo orgánico. De non facelo, carecería da estabilidade necesaria. Pero todo é cuestión de graos a este respecto. Nun partido revolucionario debe considerarse a dose necesaria de conservadorismo coa ausencia total de rutina, a flexibilidade de orientación e a audacia práctica. Compróbanse mellor tais calidades nos viraxes históricos. Vimos xa cómo dicía Lenin que, cando sobreviña unha mudanza brusca de situación e, polo tanto, de tarefas, os partidos, aínda os máis revolucionarios, continuaban a miúdo na súa posición anterior, e de aí que se tornaran ou ameazaran tornarse un freo para o desenvolvemento revolucionario.»

2/01/2010

Rolda de rebeldía




O Foro Social Galego e a nova fraternidade
. Así titulei un dos artigos que escribín no 2008 para resaltar o sentimento que se enxergaba entre os membros da «comisión dinamizadora do foro» encargada de recoller o mandato daquela grande asemblea celebrada na Facultade de Historia de Compostela, sentimento que quería ser a filosofía que impregnase o evento todo. Pasados dous anos desde entón, aquel mesmo espírito de fraternidade tan caro á tradición republicana volvía inspirar a outra comisión plural e de funcionamento autónomo ―esta encargada de organizar a Rolda de Rebeldía― impulsada polo Encontro Irmandiño cunha ausencia de sectarismo digna de louvanza.
Se no foro se trataba de reunir aos movementos sociais para facer un exercicio de auto-recoñecemento e reflexión, na Rolda o obxectivo era máis ambicioso. Tratábase de pensar colectivamente sobre as causas do afastamento entre os dous polos da esquerda (o social e o institucional) e sobre as posibles solucións a este divorcio.
Celebrado o acto, e coa satisfacción de ver as expectativas de participación e interese máis que cumpridas, é hora de facer os primeiros balances do que alí se dixo.
Como primeiro punto a salientar, un que fala da madurez desta esquerda insatisfeita e verdadeiramente transformadora: os asistentes xulgaron que a importancia do evento non radicaba só na derradeira das mesas propostas (a dos políticos) senón que as outras mesas (a dos movementos sociais) tamén merecían, e así a obtiveron, o mesmo respecto e interese en forma de copiosa asistencia.
Do moito que se expuxo (imposible glosalo todo) destacaría algunhas ideas que me pareceron especialmente suxestivas pola súa capacidade de mostrarnos de onde vimos, onde estamos e cara onde debemos ir.
Así, e como método para superar os «sectarismos» que denunciaba Xoán Hermida, a reivindicación de Xabier Macías do sentido do humor ―ferramenta utilísima para tomar consciencia do (pouco) que somos e do maximalistas que nos poñemos ás veces nos nosos posicionamentos políticos― pareceume un punto de partida perfecto para construír esta nova esquerda plural que precisamos. Unida a esta vontade de pensar a esquerda como suma de individuos concretos de Macías destacar a intervención de Goretti Sanmartín e a súa reflexión arredor da necesidade de engarzar o individual e o colectivo, a minoría e a maioría, para que unha non anule á outra; así como a súa posta en valor do pensamento feminista que soubo ver, como ningún outro, o papel central da ética persoal na acción colectiva.
En canto aos movementos sociais destacar a reinvindicación por parte de Xosé María García da autonomía dos mesmos e tamén a interesante contraposición de ideas que se produciu entre o mesmo Xosé María García (cando denunciaba a certos políticos que venden fume aos movementos sociais para utilizalos electoralmente) e unha Alba Nogueira que, desde o público, pedía tamén autocrítica a uns movementos sociais incapaces moitas veces de deseñar accións políticas concretas partindo dos principios xerais que postulan.
Entre aqueles que desenvolveron reflexións sobre o momento histórico presente cabe destacar o fincapé de varios intervintes (recordo agora ao representante de Movemento pola Base) na incidencia social que terá, máis cedo do que se pensa, a fin da era das enerxías baratas; ou a lembranza continuada de que a evidencia da mudanza climática fai que o tempo para reaccionarmos corra na nosa contra. Posto que estes novos fenómenos provocarán grandes inxustizas e a ameaza dun novo totalitarismo que leve ao extremo a sensación apuntada por Xosé Manuel Beiras de encontrármonos xa nun grande campo de concentración onde os cidadáns están volvendo a ser tratados coma súbditos, semella de vital importancia incorporar a un programa de esquerdas anovado ideas como a do decrecemento e a da superación do modelo de desenvolvemento industrial por un novo paradigma de civilización.
Tamén en relación co marco en que nos movemos, pero en claves distintas, cómpre salientar a volta de porca que Beiras lle deu ao debate cando, alén de cuestionar a forma partido, pasou a cuestionar a mesma forma do Estado, un Estado que de «Providencia pasou a ser de Penitencia» e que delegou o Poder en superestruturas sen control democrático e en transnacionais privadas. Así mesmo, e outravolta desde o público, Xavier Vence chamou a atención ao momento de recentralización política e económica do Estado Español e de como textos legais como a constitución ou o estatuto de autonomía, que a todas luces nos parecían insuficientes, están sendo socavados e incumpridos por parte dos mesmos centralistas ―e os seus aparatos mediáticos― que os impuxeran.
Xa como parte das posibles liñas de acción, e alén do claro chamado de Mariano Abalo a construír unha nova forza política e da necesidade mencionada por Goretti Sanmartín de revalorizar o político, destacar, a partir da consideración de Manolo Barreiro da política como intercambio de discursos, a posible pertinencia da creación dun
think tank (en palabras do propio Barreiro), ou dun lobby (que diría Xoán Hermida), capaz de producir pensamento estratéxico para a esquerda galega, contradiscurso ao discurso dominante e de exercer presión sobre as forzas políticas existentes. Así mesmo, cumpriría non perder de vista a insistencia de Casal Lodeiro no potencial das novas tecnoloxías e, sobre todo, a sabia recomendación por parte dun intervinte do público, cuxo nome non lembro, de paciencia á hora de pensar que os trocos que pretendemos levar a cabo van ser rápidos.
Esta Rolda, xa que logo, pretendeu dar conta do momento de orfandade da esquerda transformadora galega nun intre en que o capitalismo ven de producir outra das súas crises intrínsecas. Pero non para fustigármonos e resignármonos senón para analizarmos as causas e crearmos as solucións. A Rolda non é máis ca primeira pedra do camiño, unha reunión que, como dixo Mónica Alzate do Foro Galego de Inmigración, era en si mesma «un acto de empoderamento». Outras pedras han vir, pois isto é un proceso, e xuntas contribuirán a trazar un novo camiño transitable.