8/30/2009

Cidadanía e política galega. Fin do divorcio?



«A palabra político —deixou escrito Voltaire— significaba na súa orixe primitiva, cidadán, e hoxe, grazas á nosa perversidade, deu en significar o que engana aos cidadáns».
Por que esta frase, escrita hai máis de dous séculos e medio, parece ter sido escrita hai cinco minutos? Pensemos.
Sucedeu que tras décadas de hexemonía da dereita a todos os niveis (xa lle chamemos contragolpe, revolución conservadora, posdemocracia, restauración ou dictadura do capital) e despois da delongada parálise da esquerda (coa excepción do na miña opinión estéril agromar das ONG e coa máis fructífera, pero incompleta, invención dos Foros Sociais) baleirouse tanto, e tan intencionadamente de contido a noción do político que mesmo unha formación como o BNG —deseñada no seu momento para actuar como forza transformadora cun perfil anovado, orixinal e operativo en tempos en que case que nada funcionaba á esquerda do social liberalismo— foise deteriorando lentamente ata chegar ao momento de impass no que se atopa na actualidade.
Así, puidemos comprobar como, en sincronía coa arribada ás nosas costas dun buque de guerra cargado cunha nova dereita tan agresiva no represivo, tan ultraliberal no económico e tan inimiga da ilustración no cultural como a que campou nas últimas décadas nos Estados Unidos, a esquerda galega se estancaba, cada vez máis, no mesmo lameiro e ante os mesmos dilemas que case toda a esquerda da Europa. A este respecto, e como proba do dito, lembremos os resultados das últimas eleccións europeas ao longo e largo do continente.

E cales son eses dilemas? Os dilemas son moitos pero, para o que nos interesa neste momento, as principais cuestións sobre as que deberiamos reflexionar son basicamente dúas:
1. Como conseguir que a esquerda social —ese novo suxeito histórico tan heteroxéneo que aínda non se deixa enxergar con nitidez— recupere a ilusión pola política. Ou, por dicilo con Bernard Cassen, como conseguir que a totalidade da esquerda perda o medo a organizarse en tanto que tal para tomar o poder.
2. Que forma ha de ter o artefacto que consiga levar as demandas populares (as de verdade non as creadas e infladas nos medios sistémicos) ás institucións políticas de xeito que non se repitan os erros do pasado. Isto é, de que maneira habería que articular o binomio organización/participación para que ambos os dous polos poidan dar o máximo de si mesmos.
A celebración do Primeiro Foro Social Galego en decembro do 2008 supuxo un pequeno sinal de que, efectivamente, aí fóra había alguén con ganas de enfrontarse a estes e a outros dilemas. Porén, agora xa non basta con reunírmonos para nos coñecer e para saber das nosas respectivas existencias. O que cumpriría neste momento sería unha auténtica treboada de ideas para dar forma —se se estimase viable— a unha organización que puidese devolver á política a dignidade que merece.
O Encontro Irmandiño fixo pública, este mesmo mes de agosto, a súa intención de pór a andar un proceso no que se tente, cando menos, abordar os dous puntos comentados máis arriba co fin de chegar a se converter —en solitario se resulta imposible facelo dentro do BNG— no referente político-social que o país necesita. Para iso convocará a todos os cidadáns merecentes de tal nome e a todos os movementos sociais galegos con algo que dicir ao que denomina unha Rolda de Rebeldía. A afluencia e o interese que mostre esa esquerda social tantas veces orfa dunha proxección política ofrecerá pistas de ata onde se quere (ou se pode) chegar.

Porque non abonda con ir sempre á contra, nin con —como tamén deixou escrito Voltaire— «destruír o infame político que converte o crime en virtude». Saberse capaz de crear alternativas, ter vontade construtiva e estar verdadeiramente disposto a reactivar o valor da confianza, é dicir, da fraternidade, resulta —na mesma medida— necesario.


Artigo publicado o 30/8/09 no suplemento
Altermundo do xornal Galicia-hoxe.

8/29/2009

Dispersións estivais



En tempos en que as únicas viaxes que se podían permitir as masas de galegos do común eran as que ían da casa ao campo, ao mar ou á guerra do Rif, e do porto de Vigo á emigración americana, Sigfried Krakauer escribiu un textiño titulado A viaxe e o baile no que se poden ler intuicións que os habitantes deste periférico país aínda estamos comezando a comprender. Nel o alemán alertaba sobre a aparición do fenómeno da viaxe de masas como busca inútil do novo polo novo e tamén de como, en sincronía co xurdimento desta obsesión polo exótico, se comezaba xa a ter consciencia do escorregadizo de tal categoría.


«[A] relativización do exótico —di Krakauer— vai da man do seu desterro da realidade, polo que tarde ou cedo aqueles con inclinacións románticas hanse ver obrigados a esixir o establecemento de reservas naturais valadas, illados reinos de conto de fadas nos que a xente aínda poida manter a esperanza desas experiencias que hoxe incluso Calcuta parece non poder ofrecer.»


E continuaba:

«Por iso, en termos estritos, a viaxe que está tan de moda, en realidade xa non permite a ninguén saborear a sensación dos lugares estraños; un hotel é igual ao seguinte, e a natureza do fondo resúltalle familiar aos lectores de revistas ilustradas.»

* * * * *

Despois de que a era Fraga nos legara, mediante aquela impagable imaxe turística dunha casiña circundada por un bosque enorme (e naturalmente encantado) de eucaliptos, unha síntese insuperable das dúas almas que se debaten, na Galiza contemporánea, entre seguir a ser a colonia produtora de materias primas que sempre fomos ou o parque temático de conto de fadas que por veces queremos ser; as autoridades actuais, ocupadas como están en abundar na primeira das almas (vexamos se non as diálises á carta que fan as empresas hidroeléctricas ao río Sil e a revisión dos planos eólico e acuícola) teñen que asistir ás queixas (ben que pouco escandalosas) dos hosteleiros preocupados porque a segunda das almas non acaba de levantar cabeza. Din os empresarios do turismo que o índice de ocupación este verán foi bastante baixo e botan a culpa á crise económica.
Eu, pola miña banda, sabedor como son de que o único método no que acreditan as autoridades para medir o número de visitas estivais é o do aumento ou diminución do peso do lixo recollido polos servizos municipais de limpeza, non darei creto a tales laios ata que todos os refugallos sexan convenientemente taxados.

Despois de todo, se ser colonia non funciona, e ser parque temático tampouco, que mellor futuro para o país que transformarse de vez nunha sociedade da información? A diferenza doutros sectores económicos ás sociedades da información non lles importa se o xénero co que traballan é bo ou malo —os ambientes profesionais mesmo acostuman dicir que unha boa nova non é nova. E é que a información é información tanto se anuncia a fin da Segunda Guerra Mundial como se anuncia o peso da merda expulsada polos turistas. Non necesitamos das profecías de Krakauer para saber que nos encontramos ante un sector con futuro.

* * * * *

Cando a merda é información, a información non pode ser máis ca merda. Comprobo, a través de La Voz de Galicia, como o que aparentaba ser un inocente artigo sobre o estado das carreiras universitarias acaba sendo todo un bote de vaselina para que a reforma de Boloña sexa menos dolorosa. O titular principal fala por si só: «Historiadores y filósofos son los titulados con menor salida laboral» o subtitular tamén é ben elocuente: «Los mayores porcentajes de inserción en el mercado de trabajo los registran los ingenieros y los economistas». O resto do traballo deductivo —Por que non eliminar Historia e Filosofía da universidade?— debemos facelo nós mesmos (pero en liberdade, obvio).
Desta volta tócalle a El País. A cantante Paulina Rubio declárase de esquerdas (non comunista «porque no podría vivir en La Habana») pero o titular da reportaxe resalta: «Soy una empresa que escribe canciones».
Poñamos agora en relación a nova de El País coa da Voz de Galicia e teremos un condensado do espírito dos tempos: para conseguirmos a masa de individuos-empresa demandados, o recoñecemento e o status que outorga o sistema universitario debe recaer só naqueles saberes utilizables polas empresas e nunca naqueles saberes susceptibles de xerar crítica ás empresas. Saquemos as humanidades con todo o seu pouso de dignidade cultural das aulas e deixemos para personaxes como Paulina Rubio as migallas comercializables da cultura do entretemento.

* * * * *

Pasados os traumas do socialismo real vemos como a esquerda actual se define cada vez máis por unha serie de valores que nada teñen que ver con aqueles furores industrialistas propios do século XIX e XX. Decrecemento vs. crecemento, austeridade vs. desbalde, lentitude vs. frenesí, aforro vs. consumismo, rigor vs. hedonismo, etc. son algúns dos principios que separan ao que queda de esquerda de todo o resto da sociedade.
Nunha interesante entrevista que publicou Galiza livre, Santiago Alba Rico reflexiona sobre estas e outras cuestións. De toda a conversa quedo con tres ideas:
1. Debemos ser conscientes do deserto do que partimos.
2. Debemos construír desde abaixo e desde o local a idea de comunidade que venza o individualismo rampante. Só entón poderán agromar alternativas.
3. Debemos ser revolucionarios no económico, reformistas (é dicir democráticos) no institucional e —o máis rechamante— conservadores no antropolóxico.

Que os chamados conservadores eran, de todos nós, os que menos conservaban é algo que xa sabiamos. Que padecemos agora unha dereita desacomplexada que vai a por todas é algo que tamén estamos comezando a saber. Pero quen nos ía dicir a nós que despois de todos os despoises iamos ter que botar man do noso «conservadorismo antropolóxico» para pararlles os pés a estes tolos que nos gobernan? Ver para crer.

8/16/2009

Esquerda e Ilustración



Luego cruzó el combés con paso firme, y, acercándose a la guillotina hizo volar la funda alquitranada que la cubría, haciéndola aparecer, por vez primera, desnuda y bien filosa la cuchilla, a la luz del sol. Luciendo todos los distintivos de su Autoridad, inmóvil, pétreo, con la mano derecha apoyada en los montantes de la Máquina, Víctor Hugues se había transformado, repentinamente, en una Alegoría. Con la Libertad, llegaba la primera guillotina al Nuevo Mundo.

El siglo de las luces. Alejo Carpentier, 1962.


Leo unha conversa con Antoni Domènech na que o director da imprescindible Revista Sinpermiso ataca o cerne ideolóxico que nucleou case que todo o pensamento crítico —polo menos no ámbito académico— desde os tempos da Escola de Frankfurt até os nosos días: a identificación entre Ilustración e capitalismo. Domènech embiste con dureza contra o Horkheimer de Dialéctica da ilustración, ao que considera xerme inicial dunha esquerda anti-ilustrada empeñada en confundir ciencia occidental con totalitarismo. Nomes como os de Foucault ou Lacan e outros máis recentes como Žižek ou Agamben son alcumados de antihumanistas (os primeiros) e de estúpidos, postmodernos e antidemocráticos (os segundos).
Domènech, comprometido co republicanismo de raigaña clásica, considera un erro histórico destes intelectuais o feito de teren regalado a tradición democrática e ilustrada ao liberalismo, de aí que se rebele contra toda teleoloxía do tipo: “A guillotina da revolución francesa levaba implícita o horror de Auschwitz”.
Ideas semellantes ás de Domènech atopeinas nun libriño que foi manipulado até o noxo pola dereita mediática madrileña para vilipendiar a por outra parte cuestionable materia de Educación para a cidadanía impulsada polo goberno Zapatero. Refírome a Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho (Carlos Fdez. Liria, Pedro Fdez. Liria, Luis Alegre Zahonero, 2007). Un manual escrito cun estilo ameno e pedagóxico que partindo da Atenas clásica e da revolución francesa explica en que consiste isto da cidadanía, do imperio da lei, da Razón, da democracia, da separación de poderes, do capitalismo, do socialismo, etc.; e que tamén ten tempo para cargar duramente contra a estela da Escola de Frankfurt e a súa teima por atopar “reversos tenebrosos” ou “lados escuros” no proxecto ilustrado. Para os autores do libro a “impostura” da Escola de Frankfurt —“esta gran estafa intelectual do século XX”— sería o medio atopado por moitos intelectuais para adaptarense aos tempos; é dicir: para seguiren gañando cartos comodamente cargando no debe do proxecto ilustrado o que non serían máis que erros imputables ao capitalismo.

* * * * *

Unha das figuras recuperadas por esa nova esquerda “antidemocrática” (penso sobre todo en Agamben, pero tamén se atopan influencias en Žižek) é Carl Schmidt. En Contrarrevolución o resistencia. La teoría política de Carl Schmidt (1888-1985) (Tecnos, 2009), Carmelo Jiménez Segado debulla coa necesaria distancia emocional o periplo vital e intelectual deste xurista filonazi.
A modo de paréntese —e como curiosidades máis ou menos próximas ao noso país— resaltar que co gallo da querencia que o alemán sentía polo réxime franquista, a súa presenza nestas latitudes foi frecuente. Así, en 1947, José Caamaño Martínez leu na Universidade de Santiago de Compostela a primeira tese doutoral do Estado Español sobre Carl Schmidt baixo o título El pensamiento jurídico-político de Carl Schmidt. E por volta do ano 1962 o inefable expresidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne, nomea a Schmidt membro de honra do Instituto de Estudios Políticos que entón presidía, recibíndoo co discurso Carl Schmidt: el hombre y su obra. Pecho a paréntese.
Schmidt dedicouse, canda outros intelectuais de dereitas alemáns, a exercer de ariete contra a feble república de Weimar. Boa parte da súa obra consiste nunha crítica feroz ao sistema democrático. Este antidemocratismo de Schmidt será aproveitado e reelaborado por pensadores de esquerda de finais do século XX e comezos do XXI como os xa referidos e tamén por outros como Chantal Mouffet.
Categorías schmidtiás como a de amigo/inimigo foron recuperadas por uns autores fartos desa outra impostura intelectual denominada "a fin das ideoloxías". Autores dedicados a desenmascarar o falso humanitarismo universalista (debedor da Declaración de dereitos do home e do cidadán da revolución francesa) que aparecía como xustificación de bombardeos e invasións imperialistas. Esta capacidade das democracias liberais para aplacar todo antagonismo real e para empregar a hoxe tan habitual “neolingua” coa que se revisten de nobres ideais as operacións máis indecentes, fora xa intuída por Carl Schmidt (ben que nun contexto e cun obxectivo diferente) a propósito do tratado de Versalles imposto a Alemaña despois da primeira guerra mundial:


«El Pacto de Versalles era, según Schmidt, fiel reflejo de esa polaridad liberal entre pathos ético y cálculo económico. [...] Las reparaciones de guerra, sostenidas e ilimitadas, se oponían a tanto derroche de humanismo. El Tratado era un instrumento jurídico para legitimar nuevas formas de imperialismo económico: el bloqueo de créditos, el embargo de materias primas o el hundimiento de la divisa extranjera se adornaba con un vocabulario esencialmente pacifista que no conocía ya la guerra, sino únicamente ejecuciones, sanciones, expediciones de castigo, pacificaciones, protección de los pactos, política internacional, medidas para garantizar la paz, y que reputaba violencia extraeconómica a cualquier intento de sustraerse al efecto de eses métodos.»

Se ben a maioría das ideas de Schmidt —a súa exaltación do Estado forte, o desprezo polos partidos políticos, a crenza irracional na figura do líder, a teoría dos Grandes espazos— acabarían demostrándose tan perigosas como o propio III Reich, non cabe dúbida de que algunhas relecturas da obra schmidtiá si axudan a clarexar, por moito que nos pese a adscrición ideolóxica do seu autor, o funcionamento das actuais democracias realmente existentes.

* * * * *

Din os autores de Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho, nalgún punto do libro, que a esquerda ven arrastrando, xa desde as formulacións do propio Marx, un erro de vulto: considerar que o Estado de dereito é un elemento Superestructural e polo tanto consubstancial
—léase eliminableao sistema económico capitalista. Os esforzos de moitos intelectuais por afondar nas raíces republicanas gregas, florentinas ou francesas vai encamiñado a superar esa eiva e a atopar novos —ou máis ben vellos— referentes democráticos para unha esquerda á defensiva.
Se cadra é certa a acusación que os Domènech ou os Liria fan contra unha esquerda demasiado ocupada en criticar á democracia e demasiado pouco ocupada en construír a democracia. Ou, se cadra, a cuestión ten máis que ver con a que tipo de democracia nos estamos referindo cando reivindicamos a democracia ou cando criticamos a democracia. Os mesmos autores de Educación para la ciudadanía. Democracia, capitalismo y Estado de derecho citan a coñecida fórmula de Schmidt “Soberano é quen decide sobre o estado de excepción” no capítulo en que repasan o elevado número de presidentes electos nas urnas que foron destituídos por golpes militares cada vez que pretendían lexislar para as clases populares; recoñecendo así que as observacións do alemán non van de todo desencamiñadas cando as aplicamos ás democracias formais hoxe existentes.
En todo caso, e se ben a fórmula “guillotina=Auschwitz” é o leitmotiv da esquerda relativista, eu teño para min que aquela non expresa a verdade do problema. A verdadeira decepción non chegou con Auschwitz ou coa identificación entre Ilustración e capitalismo. A verdadeira decepción tivo lugar
como ben nos recordan os autores do libro sobre Educación para a cidadanía comentado o día de 1968 en que os tanques rusos entraron en Praga. Aí sóubose que o movemento chamado a pór en práctica os ideais ilustrados —o movemento comunista— era incapaz de imaxinarse a si mesmo como un sistema democrático. Así, e en lugar de guillotina= Auschwitz, creo que a ecuación verdadeiramente culpable da incapacidade da esquerda para facer nada máis que crítica debería formularse deste xeito: guillotina= progrom.
O fracaso final da experiencia soviética e as posteriores décadas de restauración conservadora fixeron o resto.

8/04/2009

Reflexións sobre Massó



Pensando un pouco sobre o conflito de Massó, despois da gran manifestación de Cangas o pasado un de agosto, decateime de que nel se reflicten algunhas das eivas e dos retos máis importantes para a esquerda do noso país. A seguir, as reflexións suscitadas:

1. É un feito o abismo aberto entre a clase política de esquerdas e os movementos sociais e capas da poboación próximos a aquela. No caso que nos ocupa (e coa salvedade da ACE) unha corporación de esquerdas —cunha alcaldesa do BNG— négase a actuar, paralizando as obras, contra a privatización dun espazo público que terá como destino a creación dunha área comercial, un porto deportivo e a construción de vivendas destinadas a persoas de alto poder adquisitivo.
2. Cando a esquerda asume ser correa de transmisión dos poderes económicos está contribuíndo á superposición da vontade empresarial sobre a vontade popular expresada nas urnas, pois costa crer que a base social que outorgou o seu voto ao actual goberno cangués tivese entre as súas prioridades unha actuación como a proxectada nos terreos de Massó.
3. Cando a esquerda deixa de facer política para aqueles que a apoiaron e fai política “para todos” amparándose na súa “responsabilidade institucional”, esquece que a razón de ser da política non é xestionar o que existe, senón “tomar partido” para conseguir transformar o estado de cousas.

4. Estar no poder non debería ser o único obxectivo dunha formación de esquerdas. Na oposición tamén se fai política.

5. O endebedamento é unha forma de control político. Cando o sector bancario é quen financia, os partidos políticos perden independencia.

6. A auténtica esquerda non imita, crea. A aceptación por parte dos partidos de esquerda —nomeadamente do BNG— da lóxica da política-espectáculo, conduce a unha necesidade de cartos cada vez maior. Unha esquerda alternativa debería evitar tales modelos e inventar novas formas de comunicación e mesmo de posta en escena na súa participación en comicios electorais. A pedagoxía, tamén na maneira de comunicar, debería ser práctica común da esquerda.

7. Asumir a axenda dos poderes económicos implica asumir tamén todo o seu sistema de lexitimación social en forma de control do aparato mediático e estatal. Ao colaborar nesta lexitimación a esquerda está, ademais de apoiando decisións que son contrarias aos intereses da maioría, cavando a súa propia tumba, toda vez que eses mesmos medios e aparatos do estado acabarán por volverse contra ela (máis aínda se, como a nosa, se trata dunha esquerda soberanista) cando non sexa imprescindible.
8. O conflicto de Massó clarifica o panorama social permitindo visibilizar mellor a existencia de intereses comúns entre capas da poboación antes inconexas. Mariñeiros e mariscadores, pequenos comerciantes, ecoloxistas e cidadanía anónima defensora do espazo público por unha banda; pola outra, a banca, os aparatos do estado e os medios de comunicación. A contradición —ben moderna— no conflito de Massó adquire esta forma: gran capital privatizador vs. toda forma de vida autónoma e sostible.
9. A ecoloxía debería ser unha das ideas máis importantes entre as chamadas a vertebrar calquera proxecto de esquerdas no futuro; a participación cidadá debería ser tamén unha outra idea transversal. Artellar modelos de participación e decisión cidadá que actúen como faros ou correctores da acción política (fóra dos prazos electorais), impedindo a deturpación do mandato popular debería ser prioritario; incluír (aínda con máis ímpeto) o ecoloxismo como principio rector da esquerda, tamén.
10. A esquerda política debería comunicarse coa cidadanía organizada nos movementos sociais. Os movementos sociais deberían recuperar a fe na política. É tan importante comprender que a mera mobilización sen articulación política acaba resultando estéril como ter claro que a esquerda que non se nutre das demandas sociais é unha esquerda morta (de fame).