11/06/2009

Austeridade



O concepto austeridade está moi imbricado nunha sociedade como a nosa que ten na tradición xudeucristiá un dos seus elementos constitutivos. Pola propia xénese do cristianismo –a relixión dos pobres– a falta de ostentación ou o desprendemento material foron considerados valores positivos. Porén se desde o mesmo comezo houbo contradicións entre o discurso e a práctica da igrexa no que ten a ver coa austeridade (a primeira xa cando Cristo ten que botar aos mercaderes do templo), aquelas –por poñer outros exemplos– aflorarían de xeito especialmente incisivo nos debates escolásticos entre benedictinos e franciscanos do s. XIII (lembrar
O nome da rosa) e, xa máis preto de nós no tempo, nas disputas entre o Vaticano e os cregos da Teoloxía da Liberación.
Pensemos uns intres agora no clásico de Max Weber
A ética protestante e o espírito do capitalismo. Este libro desenvolve, cun ar de neutralidade científica, unha das maiores mistificacións nas que se basea o pensamento burgués. A saber: a acumulación de capital non é o produto da violencia exercida por unha clase social sobre outra/s (a acumulación primitiva de capital das enclosures na Inglaterra do s. XVIII), duns países sobre outros (o imperialismo europeo do s. XIX), ou do chamado Occidente fronte ao resto do mundo (a globalización dos mercados nos s. XX e XXI); senón que é o produto dunha ética concreta caracterizada polo puritanismo, o aforro, o amor ao traballo, o ascetismo e, por suposto, a austeridade. Así, Weber integra o substrato cristián que equiparaba austeridade e virtude –aplacando o potencial revolucionario que aquel agochaba– na maquinaria económica capitalista. A esta mistificación hai que unirlle a outra gran mistificación do liberalismo económico: a man invisible do mercado, ou, o mercado como lugar de interacción igualitaria duns axentes económicos á procura do beneficio particular. É a partir deste cóctel ideolóxico que aquel constrúe a estada discursiva na que se sustenta.
Entón, e por resumir, vemos que o pensamento liberal se caracteriza por dous aspectos básicos: 1. Incorporación, ben que retórica, dun ideal ético rigorista no individual (retórico porque debe convivir co necesario hedonismo consumista). 2. Preponderancia do mercado fronte ao labor regulador do Estado no colectivo.
Naturalmente, estes dous principios son puras entelequias ideolóxicas no sentido marxista da «ideoloxía como falsa conciencia»; xa que logo, estas abstraccións ideais están lonxe de poder reflectir axeitadamente a realidade e son máis ben narracións (nas que mesmo se adoptan, por vía cristiá, valores como a pobreza ou a igualdade propios das clases subalternas) que permiten lexitimar o estado de cousas e manter a cohesión social.

Tendo todo o anterior presente, podemos agora entender mellor por que –por exemplo no ámbito da política galega– a palabra austeridade parece non querer significar o mesmo cando un fala desde unha ou outra posición política. Así, cando Feijoo di que o seu será un “goberno austero” rapidamente pensamos que: 1. Semella razoable sospeitar que Feijoo non utilice este termo porque crea na austeridade como modo de vida (ao fin e ao cabo, e a teor da trama Gürtel ou da lea en Caja Madrid, puidemos comprobar como boa parte do seu partido, ao tempo que predicaba a Cidade de Deus agostiniá para os demais, parecía escoller para si a laxa moral de Sodoma e Gomorra) senón porque sabe que as clases populares e medias valoran positivamente este termo. Unhas, acostumadas como están a vivir na austeridade perpetua, porque desexan máis ou menos conscientemente ver chegar o día en que tamén os ricos vivan austeramente. As outras, vítimas da mala conciencia, porque aínda operan baixo a lóxica dun remanente de cristianismo piadoso (e case que sempre hipócrita). 2. O verdadeiro significado do termo austeridade para Feijoo, en coherencia coas súas ideas liberais, é aquel que vai enfocado a adelgazar o sector público (velaí temos como proba á catoliquísima Farjas abrindo as portas do novo hospital de Vigo ao capital privado) e a facer do goberno un mero apéndice da vida económica.
De maneira que a austeridade feijoá ten moito de truco: apela emocionalmente ao desexo de igualdade sempre presente nas clases populares pero faino só para poder meterlles con calzador políticas económicas que, por prescindir do investimento público, e, polo tanto, do caracter redistributivo deste, non producirán máis que desigualdade.
Trátase, en suma, de impor a austeridade forzosa á maioría. E que aquela minoría cuxas festas –Ric Costa
dixit– non rematan nunca, poida seguir gozando, de Sodoma e de Gomorra, como o fixeron sempre.


Artigo escrito orixinalmente para
Tempos Dixital

3 comentários:

Willy S. disse...

pero é que Feijoo é "muy gallego en el sentido peyorativo de la palabra"

AFP disse...

Já o dixo Rosa Díez...

Jim Morrison disse...

Pois, como che dicía en Tempos, non me parece que Max Weber se opoña a Marx. Pero, en realidade, esto que digo é unha proba, porque acabo de facer unha conta en Google.