10/21/2009

Berlusconismo, fase superior do fascismo



Di Arno J. Mayer nun artigo sobre a crise financeira que aparece no número cinco da revista Sin permiso: «Culpar ao desastre das hipotecas subprime nos EEUU do esboroamento financeiro e económico global de 2008 é como imputar o estourido da Primeira Guerra Mundial ao asasinato do Arquiduque Fernando». E prosegue: «En ambos casos un discreto acontecemento foi a faísca que prendeu unha grande conflagración. Pero a mecha xa estaba alí». Cambiándomos o que deba ser cambiado, esta afortunada metáfora de Arno J. Mayer podería ser igualmente aplicada á relación entre o fenómeno Berlusconi e o desprestixio da política. De tal xeito que culpar a Berlusconi de provocar o desprestixio da política é como confundir o síntoma coa enfermidade.

Agora ben, non sendo o síntoma o mesmo ca enfermidade, aquel si desvela ou fai lexible a esta, de aí que o berlusconismo sexa, nestes momentos, o mellor manual de instruccións para saber cara onde pode continuar o devalo dunha actividade que, para o mundo da Grecia clásica que a pariu, encarnaba o chanzo máis alto da dignidade e da virtude social.

Para me axudar na tarefa de achegarme ao "mundo-Berlusconi" boto man dun artigo publicado no Le Monde Diplomatique deste mes que, na miña opinión, merece ser lido con atención. Firmado por Carlo Galli. O seu título é: Berlusconi y la teoría del “todo vale”.
No mesmo, o autor sostén que a perceptible decadencia –en Italia– dun piar fundamental da república como é o antifascismo orixina a decadencia do «sentido cívico» na sociedade daquela península (unha idea que comparte con Antonio Elorza a xulgar por un outro artigo da súa autoría que hoxe mesmo publica El País). Á súa vez, prosegue Galli, este decaemento do antifascismo viría sendo provocado pola preponderancia, desde os anos oitenta do século XX, da economía sobre o «valor regulador da política e do dereito». Un sistema económico que se presenta como ideoloxicamente liberal pero que é, de facto, corporativista e clientelar. Produtor dunha paisaxe na que a inseguridade é o estado natural dun corpo social que «percebe cada vez menos a necesidade de ter normas de convivencia». Este caldo de cultivo acaba conformando o que Galli denomina o «amoral familiar», o mecanismo social que promociona a excepción particular fronte o sentido do dereito universal e cuxa personificación estaría representada polo pícaro ou o astuto que sabe moverse (ou que fantasea coa idea de saber moverse) para sacar partido das desigualdades. Así, tamén segundo Galli, e en consoancia coa atinada visión de Andrea Camilleri sobre unha Italia na que triunfou a moral do vespino («o vespino vai por prohibido e ninguén di nada; atravesa en vermello e ninguén di nada, sobe á beirarrúa e ninguén di nada, os italianos miran ao vespino e pensan: A virxe! que bonito sería ser ese vespino e non cumprir regra ningunha!
»), a crise actual xa non sería só económica, social e política, senón tamén, e sobre todo, unha crise moral propiciada pola «morte da confianza».
É con este panorama como pano de fondo que emerxe a personaxe Berlusconi –e a estela do berlusconismo– como nova maneira de entender a política. En palabras de Galli: «Berlusconi conseguiu encarnar a “Rebelión das masas” provocada pola fin do sistema de partidos da primeira república [...] aproveitou ao seu favor a rebelión contra a política, contra a cultura e contra as elites que marcou os noventa e que segue vixente». Importante isto último: a idea de rebelión, como tantas outras ideas antano vinculadas á esquerda, son hoxe patrimonio –convintemente terxiversadas– da dereita.
Entre as características desta nova dereita berlusconiana, Galli debulla as seguintes:
- Mistura dun «populismo plebiscitario» cun grande «poder mediático.»
- Emprego masivo dunha «retórica e culturas cínicas e anti-institucionais.»
- Concepción da delegación non como o resultado dun procedemento racional, senón como «unha representación simbólica, persoal e plebiscitaria, grazas á cal, o pobo recoñece a súa propia autoridade no corpo místico do xefe.»
- Práctica dunha «política autoritaria e carismática allea ao antifascismo.»
- Falso liberalismo confirmado polos «reiterados ataques contra a liberdade de prensa e a televisión, o abandono de toda noción laica en política (privilexios económicos á igrexa e respecto ás directivas en materia de bioética e biopolítica), ausencia de escrúpulo na excitación da xenofobia e dos medos sociais.»
- «Paso do poder dos partidos ao poder das persoas, ou dunha persoa, e do “arco constitucional” a unha política de división vertical do país en dous bloques opostos ata nas súas antropoloxías.»
- Repetición constante da lóxica amigo/inimigo que «permite forxar unha unidade simbólica nun país onde deliberadamente se mantén a fragmentación e as desigualdades económicas.»
- Práctica dun laissez faire que «consiste en deixar que cada grupo de poder ou de interese conserve os seus privilexios e busque incrementalos en detrimento dos grupos máis débiles e, máis xeralmente, da dimensión colectiva da cohabitación nacional.»
- Transformación da lei universal da República na anomalía e saturación da vida pública «con lóxicas e prácticas privadas» que representan «a forza da súa posición e a razón do consenso do que goza.»

Dunha vista rápida aos rasgos apuntados por Galli logo nos decatamos de que as ideas desta dereita de moralidade feble foron recollidas con grande dedicación, na nosa contorna, principalmente polo PP, tamén por UPyD, en boa medida polo PSOE e dalgún xeito máis ou menos tanxencial por case que todos os partidos. A seguir debullarei un pouco como, e por medio de quen, foi gañando terreo esta forma deturpada de entender a política que emporca todo o que se pon por diante como se de brea se tratase:

1. O PP español, e especialmente o PP galego, están aplicando con grande fidelidade a tríada que Galli denomina «populismo plebiscitario» + «poder mediático» + «retóricas e culturas cínicas e antiinstitucionais». Exemplos: A enquisa do galego, a deslexitimación das Galescolas, os ataques á sanidade pública, as suspicacias contra o sistema xudicial ante a corrupción do Gürtel, o «amamos a lingua galega pero non a Lei de Normalización» do noso querido conselleiro de educación, etc.
2. Se ben non se pode poñer no haber de todos os partidos a práctica dunha concepción da delegación non como o resultado dun procedemento racional senón como «unha representación simbólica, persoal e plebiscitaria grazas á cal o pobo recoñece a súa propia autoridade no corpo místico do xefe», nin tampouco se pode acusar a todos (si ao PP aznarita, esperancista, campsiano e feijoniano) en igual grao dunha «política autoritaria e carismática allea ao antifascismo», si é certo que a política espectáculo propicia que en todas as casas, aínda que de maneira desigual, prime a hipertrofia do líder carismático. Demais está dicir que esta personalización da política, por veces insoportable, ten os seus precedentes inmediatos nos diferentes cultos ao líder propios de réximes fascistas e/ ou autoritarios.
3. Sobre o bloque «falso liberalismo» (conectado ao laissez faire en favor dos diferentes grupos de poder)/ «ataques á liberdade de prensa»/ «abandono da noción laica da política», as responsabilidades repártense de maneira desigual: por unha parte temos o falso liberalismo dun PP que, ademais de empregar prácticas clientelares “primitivas” ao estilo Baltar, tamén practica o clientelismo de gomina e garabata como estamos a ver no que toca á trama Gürtel; por outra parte os reiterados ataques á liberdade de prensa efectuados tanto polo PP como polo PSOE en forma de peche de diarios como o Egunkaria ou en forma de suculentas subvencións aos xornalistas amigos como todos sabemos que se fai, na nosa terra, sobre todo coa prensa escrita; e por último, isto especialmente imputable ao PP (se ben o PSOE tampouco é quen de desligarse de todo da sombra da igrexa), un pregamento á Igrexa Católica en materia de moralidade completamente escandaloso e do cal a última manifestación antiaborto celebrada en Madrid representa un bo exemplo.
4. O paso do poder dos políticos ao “poder das persoas” é a principal baza á que xoga UPyD. Este falso cidadanismo, esta pretendida inocencia apolítica (especialmente sangrante cando quen lidera ese partido leva décadas en política), é a cara máis vangardista do novo fascismo. Detrás desta actitude virxinal agóchase a perigosa mensaxe de que a política –isto é, a posta en liza de distintas visións e de distintos intereses– é algo que cómpre eliminar. Pero que queda cando eliminamos a política entendida como actividade digna e necesaria? O inhóspito mundo da economía no que só os máis fortes, os máis ricos, teñen algunha opción de impor o seu criterio. Neste sentido, resulta sintomático que ninguén poida dicir claramente cal é o programa económico de UPyD.
5. A seguir, o que Galli denomina «división vertical do país en dous bloques opostos ata nas súas antropoloxías». Fenómeno que no estado español, Galiza incluída, está sendo máis e máis evidente. A cidadanía está a dividirse profundamente. As opinións políticas da xente non só se aliñan, dun xeito cada vez máis claro, coas dúas grandes maneiras de entender a xestión do público, senón tamén coas dúas grandes maneiras de entender a vida toda, desde o nacemento á morte, desde a sexualidade á educación, desde a igualdade á liberdade. Esta ruptura ética abismal, que algún sociólogos como Fermín Bouza xa detectaron na maneira en que se está a polarizar o voto e a autoubicación ideolóxica da xente, pode levar, en condicións de agravamento económico, a consecuencias imprevisibles.

6. Como consecuencia do anterior acentúase o recurso á lóxica do amigo/inimigo para aglutinar nun mesmo bando a persoas cuxos intereses deberían ser obxectivamente opostos. Unha lóxica que se en Italia adopta a forma de comunista/non comunista, no estado español recorre á fórmula nacionalista/ non nacionalista. Aquí é pertinente o apunte que fai Elorza no seu artigo de hoxe en El País: o binomio amigo/inimigo insírenos de cheo na lóxica do grande crítico da democracia de Weimar, democracia truncada finalmente polo ascenso hitleriano, Carl Schmidt. Algo que corrobora o carácter fascista desta nova maneira de entender a política.
7. Por último, e por concluír con estas reflexións a partir das ideas de Galli, dicir, por unha banda, que pronto veremos, cando a trama Gürtel sexa totalmente investigada (tamén veremos ata onde se investiga), se esta violación da lei universal en favor de «lóxicas e prácticas privadas» callou definitivamente nos diferentes ámbitos de poder políticos e xudiciais. Por dicilo doutro xeito, teremos unha nova oportunidade de comprobar ata onde é creíble a existencia da separación de poderes. Así mesmo, e pola outra banda, comprobaremos, a partir do comportamento da xente en vindeiros comicios electorais, se tamén aquí é maioritaria a moral do vespino camilleriana, e se xa chegamos ou non ao punto no que, cando a inmensa maioría das persoas ve unha destas motiños a troupelear polas beirarrúas, o que exclama é: A virxe! que bonito sería ser ese vespino e non cumprir regra ningunha!

6 comentários:

AFP disse...

O título é genial, mira ti que nom ceivei um riso cúmplice lembrando-me do bom do Lénine.
Efectivamente o Berslusconi é um produto e que para nada desgosta ao sistema, a contrário, é um modelo. A análise que fas é completamente acertada e nom poderia concordar mais contigo.

Umha forte aperta irmandinha

O Fuco disse...

Hoxe en Público Toni Negri tamén opina sobre "Berlusconistán": http://www.publico.es/culturas/262780/capitalismo/sadico/berlusconistan

Unknown disse...

Comecei a avançar aqui a minha opinião sobre este impressionante trabalho. Mas achei que dava mesmo para espalhar a sua importância também fora do espaço dos comentários. Deixo a ligação para quem quiser:

http://aconjuradosnescios.blogspot.com/2009/10/berlusconismo-fase-superior-do-fascismo.html

Obrigado por ajudar a refletir.

Unknown disse...

Carlos Carnicero também fala sobre o desprestígio da política. Não é que seja um comentarista de que goste especialmente, mas pode ser interessante contrastar as causas que cada qual oferece.

http://www.xornal.com/opinions/2009/10/22/Opinion/acelerado-desprestigio-politica/2009102217324143889.html

Um abraço.

Willy S. disse...

Impresionante análise.

E o peor do berlusconismo é un pode percebir que o seu programa está aínda sin rematar de realizarse. Da a impresión de que os febles mecanismos de contención da república italiana non van a aguantar moito máis a tensión extrema que está a facer il cavalieri sobre todas as cordas do entramado democrático. Penso que o paso seguinte será un estado de excepción camuflado ou explícito. Berlusconi xa fixo un par de ensaios sacando ao exército á rúa polo tema dos inmigrantes, así que non sorprendería demasiado algo polo estilo.

O Fuco disse...

Certamente que non sorprendería. Italia leva anos vivindo estados de excepción: Nápoles inundado de lixo polo desleixo político e os intereses da mafia, un presidente que se escorrega continuamente dos dedos da xustiza, leis draconianas e racistas contra a inmigración... Berlusconi xa anunciou que será o próximo: borrar todo rastro da separación de poderes. Tendo da súa parte o executivo, o lexislativo e o mediático, só lle falta por controlar o xudicial.