9/09/2009

A globalización da inmoralidade



Toda a prensa se fixo eco do setenta aniversario do inicio da Segunda Guerra Mundial. A efeméride foi lembrada con non poucos acenos conducentes a igualar nazismo e comunismo, a minusvalorar o papel decisivo do Exército Roxo na derrota de Hitler e a esquecer o compromiso radicalmente antifascista e democrático de todas as forzas progresistas europeas —e aquí debemos incluír o Partido Galeguista dos Bóveda, Castelao ou Vilar Ponte— organizadas desde antes do comezo da guerra mediante a fórmula das Frontes Populares. A celebración dos actos en Polonia, certamente un país abafado a partes iguais por Alemaña e Rusia, pero hogano alumno avantaxado do fundamentalismo relixioso e económico americano, contribuíu de xeito notable a esta deturpación tendente a desmontar toda a lexitimidade histórica que aínda lle puidera quedar á esquerda e a destruír un dos principais fitos que integran a súa memoria.
Nun ámbito e nun lugar distinto, revelouse estes días como o contido da campaña que están a desenvolver os sectores máis resesos da sociedade estadounidense —precisamente aqueles que fan gala da súa falta de ideoloxía— en contra do sistema sanitario público que pretende impulsar a administración Obama (reforma que xulgan colectivizante de máis) , tamén se pode interpretar como un episodio a engadir a esta estela revisionista. Frases como «Hitler tamén socializou a sanidade» son dardos envelenados lanzados sobre o lombo dunha conquista social de valor incalculable aínda non coñecida polo pobo americano.
Máis perto de nós, o irmán ideolóxico daqueles ultras republicanos ianquis, isto é, o PP, hai tempo que ensaia as mesmas estratexias que os seus amigos do outro lado do Atlántico. Cando saíu á luz pública o caso do doutor Montes —médico acusado polo goberno madrileño de aplicar eutanasias ilegais— os argumentos utilizados para desprestixiar a sanidade pública por parte das autoridades que deberían defendela eran coincidentes cos que hoxe utilizan os anti-Obama. Do mesmo xeito que o médico madrileño foi caricaturizado como o «Doutor Morte», os republicanos americanos pretenden vincular a creación dun sistema público de saúde nos Estados Unidos coa instauración de «Comités da Morte» encargados de desenchufar desvalidos anciáns ingresados na rede hospitalaria pública. Que en breve comecemos a escoitar homilías da conselleira Farjas arredor da urxencia de privatizar o Sergas para combater o totalitarismo sanitario é só unha cuestión de tempo.
Por todo o dito ata agora, tampouco non sorprende a campaña revisionista —de nivel doméstico pero con certo cheiro polaco— emprendida polo PP co gallo do último pique-nique-con-chaqueta-de-pana celebrado polos socialistas en León. Desta volta os populares emprendérona co simbolismo do puño en alto, igualando este xesto con aquel outro saúdo á romana tan caro a moitos dos seus militantes (que llo digan senón ao PP coruñés reticente a mudar o rueiro fascista daquela cidade). Esperanza Aguirre, presidenta do goberno que alcumou ao doutor Montes como Doutor Morte e experta, xa que logo, en acuñar frases efectistas que eclipsen ao adversario (ZP anunciou no acto do puño en alto unha suba das pensións) sintetizouno de vez: «El puño en alto es un gesto amenazante de ideologías totalitarias».
O debate do puño en alto aínda non chegou á nosa terra, pero mentres esperamos a que Feijoo o introduza, contentámonos con saber que este país, tradicionalmente pouco asociado á idea de innovación encóntrase hoxe á vangarda no que a manipulación política se refire. Lendo varias reportaxes sobre os manifestantes anti sanidade pública americanos dou cunhas declaracións nas que unha seareira republicana botaba man da «liberdade de escolla individual» —léase liberdade para morrer sen cura— para xustificar a súa oposición ao sistema público de saúde. Case que ao mesmo tempo, a prensa local viguesa, cómoda no seu papel de altofalante da ignominia, publicaba unhas declaracións nas que o sen par López Chaves-Llaves, en liña cos sectores máis resesos da sociedade galega, reivindicaba a liberdade lingüística individual —isto é, a liberdade para ser ignorante— fronte á opresora ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Velaí algúns bos exemplos de globalización da inmoralidade.

2 comentários:

Oscar Mourave disse...

Pois! Mas os Estados Unidos da América há muito legalizaram a morte assistida. Em alguns dos seus estados, o poder pode matar e a escolha de como morrer vai da cadeira eléctrica à injecção química. Concordo contigo sobre o espírito revisionista que hoje se projecta sobre a História pós-Segunda Grande Guerra. Só me pergunto o que é que os professores desta disciplina dizem disso nas salas de aulas.

Com um abraço daqui de Pamplona, a sonhar com a Galiza.

O Fuco disse...

Como ben dis, nos Estados Unidos hai verdadeiras "comisións da morte" pagadas co diñeiro dos contribuíntes desde hai moito tempo e nunca provocaron protestas.
Sobre o dos profesores de historia... Pero aínda hai aulas de historia no sistema educativo posBoloña?

Apertas miñotas poeta!