8/30/2009

Cidadanía e política galega. Fin do divorcio?



«A palabra político —deixou escrito Voltaire— significaba na súa orixe primitiva, cidadán, e hoxe, grazas á nosa perversidade, deu en significar o que engana aos cidadáns».
Por que esta frase, escrita hai máis de dous séculos e medio, parece ter sido escrita hai cinco minutos? Pensemos.
Sucedeu que tras décadas de hexemonía da dereita a todos os niveis (xa lle chamemos contragolpe, revolución conservadora, posdemocracia, restauración ou dictadura do capital) e despois da delongada parálise da esquerda (coa excepción do na miña opinión estéril agromar das ONG e coa máis fructífera, pero incompleta, invención dos Foros Sociais) baleirouse tanto, e tan intencionadamente de contido a noción do político que mesmo unha formación como o BNG —deseñada no seu momento para actuar como forza transformadora cun perfil anovado, orixinal e operativo en tempos en que case que nada funcionaba á esquerda do social liberalismo— foise deteriorando lentamente ata chegar ao momento de impass no que se atopa na actualidade.
Así, puidemos comprobar como, en sincronía coa arribada ás nosas costas dun buque de guerra cargado cunha nova dereita tan agresiva no represivo, tan ultraliberal no económico e tan inimiga da ilustración no cultural como a que campou nas últimas décadas nos Estados Unidos, a esquerda galega se estancaba, cada vez máis, no mesmo lameiro e ante os mesmos dilemas que case toda a esquerda da Europa. A este respecto, e como proba do dito, lembremos os resultados das últimas eleccións europeas ao longo e largo do continente.

E cales son eses dilemas? Os dilemas son moitos pero, para o que nos interesa neste momento, as principais cuestións sobre as que deberiamos reflexionar son basicamente dúas:
1. Como conseguir que a esquerda social —ese novo suxeito histórico tan heteroxéneo que aínda non se deixa enxergar con nitidez— recupere a ilusión pola política. Ou, por dicilo con Bernard Cassen, como conseguir que a totalidade da esquerda perda o medo a organizarse en tanto que tal para tomar o poder.
2. Que forma ha de ter o artefacto que consiga levar as demandas populares (as de verdade non as creadas e infladas nos medios sistémicos) ás institucións políticas de xeito que non se repitan os erros do pasado. Isto é, de que maneira habería que articular o binomio organización/participación para que ambos os dous polos poidan dar o máximo de si mesmos.
A celebración do Primeiro Foro Social Galego en decembro do 2008 supuxo un pequeno sinal de que, efectivamente, aí fóra había alguén con ganas de enfrontarse a estes e a outros dilemas. Porén, agora xa non basta con reunírmonos para nos coñecer e para saber das nosas respectivas existencias. O que cumpriría neste momento sería unha auténtica treboada de ideas para dar forma —se se estimase viable— a unha organización que puidese devolver á política a dignidade que merece.
O Encontro Irmandiño fixo pública, este mesmo mes de agosto, a súa intención de pór a andar un proceso no que se tente, cando menos, abordar os dous puntos comentados máis arriba co fin de chegar a se converter —en solitario se resulta imposible facelo dentro do BNG— no referente político-social que o país necesita. Para iso convocará a todos os cidadáns merecentes de tal nome e a todos os movementos sociais galegos con algo que dicir ao que denomina unha Rolda de Rebeldía. A afluencia e o interese que mostre esa esquerda social tantas veces orfa dunha proxección política ofrecerá pistas de ata onde se quere (ou se pode) chegar.

Porque non abonda con ir sempre á contra, nin con —como tamén deixou escrito Voltaire— «destruír o infame político que converte o crime en virtude». Saberse capaz de crear alternativas, ter vontade construtiva e estar verdadeiramente disposto a reactivar o valor da confianza, é dicir, da fraternidade, resulta —na mesma medida— necesario.


Artigo publicado o 30/8/09 no suplemento
Altermundo do xornal Galicia-hoxe.

Sem comentários: