2/11/2009

Narratividade

En Storytelling (Península, 2008), Christian Salmon analiza con espírito crítico o que se vén denominando narrative turn, isto é, o xiro narrativo. Literalmente storytelling significa contar historias, pero o que detalla este libro cheo de casos reais é a aplicación da técnica do storytelling a ámbitos tan diversos como o militar, e. g. o uso de videoxogos narrativos expresamente creados para o adestramento de soldados (digital storytelling); o do marketing, e. g. as campañas que buscan transcender o simple valor da marca para enriquecela asociándoa con estilos de vida (como non pensar na campaña “Vivamos como galegos” que na xerga especializada se consideraría un caso aplicación da local narrative á marca Gadis?); o empresarial, e. g. a “mellora” biográfica do fundador da empresa ou da mesma organización (como non pensar na moi aireada filantropía de Bill Gates ou no misterio creado arredor da figura de Amancio Ortega?); ou o político, e. g. a construción da figura do líder (como non pensar na campaña electoral do PSdG que amosa a Touriño como “O Presidente” carismático que non é?), no tecido de alambicadas tramas cheas de intencionalidade política (como non pensar na teoría da conspiración que tanto xogo deu ao PP tras o atentado do 11-m ou nas incribles fábulas de imposición lingüística tan caras á dereita?) ou xerando historias noticiosas como gancho electoral (como non pensar no vídeo “Eu son Anxo Quintana” onde o líder do BNG aparecía como un Espartaco redivivo?). O carácter vírico das narracións e os bos resultados que produce a apelación ao sentimental en detrimento do racional cando se trata de conseguir a atención das persoas, provoca un abuso do storytelling que conduce á espectacularización e á banalización das emocións así como a unha hiperprodución manipuladora no campo do simbólico.
Danilo Martuccelli e François de Singly, sociólogos da Universidade Lille-III e da Universidade París-Descartes, tamén observaron —na súa achega a El estado del mundo. Anuario económico geopolítico mundial (Akal, 2008)— esta relevancia da narratividade no mundo actual: «Esa vuelta al relato no puede sino intrigar a los sociólogos. ¿Por qué ese método? Dos explicaciones subyacen al fenómeno: la unificación que ofrece la narración frente a la dispersión y a la apariencia de sinsentido de los hechos; la visión del mundo a escala individual, que permite que uno tenga la impresión de dominar (al menos hasta cierto punto) el universo que le rodea. En efecto, tales relatos facilitan a la vez el trabajo de identificación y la comprensión de fenómenos complejos, al permitirnos que cada uno de nosotros nos insertemos en la historia (y hasta de convertirnos en sus protagonistas)».
Pero en realidade isto non é tan novo. En La argumentación hoy. Encuentro entre perspectivas teóricas (Montesinos, 2008), Oswald Ducrot lembra que para a retórica tradicional «la persuasión exige que uno no sólo ofrezca razones, lo que constituiría el logos, sino que además logre desarrollar en el auditorio el verdadero deseo de creer (es decir, el pathos) y además la confianza en el orador, que debe mostrarse como alguien fiable, serio y bienintencionado. El orador, debe, pues, ofrecer en su discurso una imagen favorable de sí mismo, lo que en la retórica clásica se corresponde con el ethos». Vemos polo tanto que o énfase nos elementos menos vinculados coa razón viría formando parte das artes comunicativas desde tempo inmemorial. Porén, o que sostén Oswald Ducrot —e tamén algún outro autor incluído no citado libro— sobre a retórica contemporánea vai alén disto: do que se trata é de cuestionar o «caracter racional de la argumentación discursiva», poñendo mesmo en dúbida «la propia noción de un logos discursivo que se manifiesta a través de cadenas argumentativas», sendo así que «este logos, que se manifiesta por medio de cadenas argumentativas, precisaría, dada su insuficiente eficacia, del concurso de factores irracionales, el ethos y el pathos». De ser certo o que di este profesor da École des Hautes Études en Sciencies Sociales parece lóxico que a narración se erixa neste s. XXI —o mesmo que na antiga Grecia dos grandes mitos— o mellor xeito de contar a experiencia humana.
Danilo Martuccelli e François de Singly sinalan neste sentido que «antes de denunciar los peligros que entraña la seducción de estos relatos, en los que cabe ver la desaparición de todo razonamiento racional, más vale comprender el interés cada vez mayor que suscita. Este troquelado del mundo va de la mano con una evolución de las industrias culturales y está alimentado por la multiplicación de los nuevos soportes de comunicación. También da testimonio de la voluntad individual de comprender el mundo por medio de una trama que les conceda un lugar privilegiado». Na mesma liña deixa Christian Salmon unha porta aberta á esperanza cando aventura que «el auge del storytelling no anuncia obligatoriamente el triunfo de una nueva era orwelliana», se ben advirte de que «a través de la conminación a los relatos lanzada por todas las instancias de poder, asistimos en efecto a la emergencia de un nuevo orden narrativo».
Sexa como for, o que aparece como necesario é pensarmos desde abaixo (e aquí teño que dicir que sigo considerando á maior parte do BNG como integrante deste “abaixo”) a maneira de recuperarmos a voz —a «contranarración» que «desenfoque» as historias do poder; pois por moito que a Razón, o logos, estea do noso lado, non se pode negar que Christian Salmon dá no cravo cando resume o contido do seu libro dicindo unha grande verdade: «El imperio ha confiscado el relato».

Sem comentários: