2/26/2008

Política ficción

Alfred Hitchcock consideraba que o máis aburrido de crear un filme era a súa rodaxe. Despois do traballo creativo que supuña adaptar ou inventar o guión, gustaba de debuxar en papel a historia completa. Contan os seus achegados que era tal a súa mestría na arte do cinema que podía anticipar todos os detalles. Antes de rodar non só sabía onde se haberían de situar as cámaras, senón que tipo de lente empregaría en cada unha delas, como tomaría cada plano ou onde habería colocar os actores; para o inglés unha película considerábase rematada no momento en que estaba totalmente ideada, polo que o feito da rodaxe en si non era máis que unha actividade mecánica que evitaría con gusto. Os detractores do cinema hitchcokniano soen incidir en que foi precisamente a súa obsesión polo control a causante do acartonamento ou da teatralidade presentes nas súas películas –especialmente nas da última etapa onde o uso de decorados ou de imaxes superpostas resultaban xa un pouco extemporáneas–. Pola súa banda o director sempre se defendeu argumentando que cando facía cine non pretendía imitar a realidade senón contar historias imaxinarias, ficcións que entretivesen ao público e que, a poder ser, lle reportasen inxentes cantidades de cartos.
Onte deron na televisión o agardado debate electoral entre Zapatero e Rajoy. Despois de arduas negociacións por parte dos seus respectivos equipos asesores nas que se preveu absolutamente todo –dende a cor do plató, pasando polo tipo de planos, e incluso a relación exhaustiva dos temas a tratar– sucedeu o que sempre sucede cando se poñen demasiadas expectativas en algo: que decepciona. O debate resultou tan previsible, tan tedioso e tan teledirixido (nunca mellor dito) que o mellor que se pode dicir del era o que Hitchcock dicía das súas películas: todo parecía unha ficción que buscase rendibilidade.
Dicía Marshall MacLuhan que o medio é a mensaxe e nada mellor que esta frase podería definir o que vimos onte. Os líderes políticos non pretendían abraiarnos a base de contrapoñer argumentos en materia de dereitos sociais, expoñer iniciativas novidosas sobre política enerxética, abordar de vez o problema da estrutura do estado ou presentar políticas económicas que verdadeiramente mellorasen a calidade de vida dos espectadores; senón transformarnos –aos cidadáns– niso precisamente, en espectadores. A razón de ser do espectáculo ao que fomos convidados –dous líderes a monologar durante 90 minutos (o mesmo que dura un partido de fútbol)– é a redefinición do que debemos entender por “política” –é dicir, a creación dun novo significado para asociar a este significante–, polo que perder o tempo analizando cada un dos contidos é algo tan parvo coma confundir un iceberg co picouto de xeo que aboia no océano. Así, a nova política deixaría xa de ser a ferramenta a través da cal se resolven os problemas da polis sometendo ao referendo dos cidadáns alternativas diferenciadas, para se converter na interpretación rutineira de dúas sintonías similares empeñadas en parecer desafinadas.
Os haxiógrafos din que Hitchcock desprezaba os actores. Para o xenio británico, estes non eran máis que bonecos que manexaba a pracer. Malia isto, e malia que ninguén pode negar que James Stewart ou Cary Grant brillan nas súas películas por dereito propio, resultaría bastante absurdo gastar ríos de tinta para establecer de xeito unívoco se o Stewart da "Ventana indiscreta" é mellor que o Grant de “Con la muerte en los talones” ou se o Sean Connery de “Marnie la ladrona” é mellor que o Paul Newman de “Topaz”. MacLuhan diría que é a abouxante repetición da pregunta "Quen gañou o debate?" e non a pregunta en si o que hai que tomar en serio. Que é a existencia do bombardeo e non o material de que están feitas as bombas o que nos informa de que o inimigo ten a intención de atordarnos. Non hai onde escoller porque xa escolleron por nós. Quen interpela primeiro leva a vantaxe e quen se deixa interpelar estase a asignar, tanto se quere como se non, o papel de receptor inerte.
É unha mágoa que no debate gañara o bipartidismo e perdese a intelixencia, pois de darmos por bo que o crucial nunha película non son os actores, senón o número de espectadores que mantén pegados á butaca, debemos xulgar a de onte –ou iso din tódolos índices de audiencia– tan exitosa como calquera dos filmes que Hitchock rodou, moi ao seu pesar, na época de maior celebridade. Parabéns.

2/23/2008

Berlín, Pyongyang, Palestina e os precipicios

Por se a estas alturas alguén puxese en dúbida que o cómic posúe unha condición artística de seu, gustaríame comentar brevemente, pola súa vocación case que ensaística, tres libros deste cine para pobres que me foron dados a coñecer grazas ao Curioso impertinente.
O primeiro –Berlín. Ciudad de piedras, Jason Lutes (2001)– describe aquela etapa convulsa da historia alemá que desembocaría na elección de Hitler e posteriormente na Segunda Guerra Mundial: a república de Weimar. Nela vemos por unha banda como as hostilidades cos xudeus ían tomando corpo a través do control das rúas exercido por grupos de mozos nazis e, pola outra, como as masas de traballadores miserentos se debatían entre a saída fascista ou a confianza nun socialismo –no libro inclúese unha homenaxe a Rosa Luxemburgo, fundadora do Partido Comunista Alemán– que aínda vivía a Revolución de Outubro como un polo de atracción irresistible. Fronte a este clima social, a incapacidade do goberno socialdemócrata para evitar o choque de trens e o cinismo dunha intelectualidade consciente dos tempos duros e decadentes que lles tocara vivir.
O segundo dos libros –Pyongyang, Guy Delisle (2004)– conta as andanzas dun debuxante canadiano que por motivos de traballo debe permanecer un tempo en Corea do Norte. No libro preséntasenos unha realidade semellante ao 1984 de George Orwell, onde os “traballos voluntarios”, a adoración a un líder omnipresente e o total illamento do resto do mundo abraian a un protagonista pouco crítico co modo de vida occidental.
Se o nazismo significou o camiño escollido polo capital para cortar de raíz a ameaza emancipadora comunista, o réxime norcoreano supón a excrecencia totalitaria neste século XXI do que comezou como un soño de progreso e de xustiza social e que rematou, tras o reforzamento da figura de Stalin despois da Segunda Guerra Mundial, como un pesadelo opresivo e reaccionario.
Este carácter imprevisible de todo proxecto revolucionario e o risco sempre presente a se converter nunha maquinaria represiva descríbeo perfectamente Ernesto Laclau nunha interesantísima entrevista publicada no último número de Tempos Novos, cando, a propósito dos populismos, comenta: Como dicía Lenin, a política é sempre un camiñar entre dous precipicios. Un deles é o totalitarismo. O outro é a falta completa de proxecto. E entre as dúas cousas non hai unha liña de delimitación clara. Actuar politicamente significa ser un equilibrista, ou un funambulista.
O terceiro libro –Palestina, Joe Sacco (2001)– é, ademais dunha descrición detallada da vida diaria na franxa de Gaza e Cisxordania, unha auténtica lección de historia para calquera que desexe pórse ao día de xeito ameno e rápido, das causas e antecedentes que deron lugar á situación de bloqueo e desesperanza nos territorios palestinos. Igual que en Pyongyang, o propio debuxante asume o papel protagonista. Cun estilo por veces irónico e desapaixonado debulla, por medio dunha morea de entrevistas e encontros con cidadáns palestinos, as orixes do estado de Israel, a progresiva marxinación da poboación árabe, as duras condicións económicas e sociais que esta padece, os reiterados abusos, torturas, detencións irregulares, vexacións... co que acabamos por tomar consciencia de que o que alí sucede é máis parecido ao apartheid sudafricano que a ese slogan no que o estado de Israel se vende como a única sociedade democrática de Oriente Medio. Dito doutro xeito, o que presenciamos é o paradoxo de ver que as vítimas por antonomasia da república de Weimar e do nazismo posterior, son hoxe os verdugos en Palestina, e que a única democracia liberal desa zona do globo é tamén unha excrecencia totalitaria –un abismo– que actúa con impunidade ante unha poboación que non posúe máis que pedras e orgullo.
Visto isto non estraña que, ante a última pregunta da súa entrevista en Tempos Novos –“A quen lle atribúe o horror en Oriente Próximo?”–, Ernesto Laclau se mostre conciso e diáfano: “A Israel, evidentemente”.

2/21/2008

Galicia bífida

Tras dezaseis anos nos que o narcotizante bilingüismo harmónico fraguiano mantivo o conflicto lingüístico en Galiza soterrado baixo un feixe de mornas leis que asegurasen unha morte doce para a nosa lingua, parece que esta estea a acaparar –a maior parte das veces de xeito interesado– un dos eixes do debate político actual. Se nos últimos posts me mostraba optimista ante o que semella un fortalecemento dos movementos de cariz progresista xermolados na sociedade civil, neste quero mencionar a aparición doutros colectivos cidadáns, ao meu xuízo, non tan positivos. Desde hai tempo percíbese na dereita un desexo de crear unha rede de organizacións –vertebradas a través da radio dos bispos– que actúen en consonancia co PP e que digan o que este partido, por motivos institucionais ou por medo a perder o sempre arelado centro político, non se atreve a dicir. Unha destas organizacións é Galicia Bilingüe. Sorprende neste colectivo o feito de ser promovido principalmente por mestres e funcionarios; se nos primeiros a sorpresa é motivada porque ninguén mellor ca eles deberían saber cal é a situación real do galego dentro da sociedade en xeral e na escola en particular (hoxe mesmo a Mesa publicou unha listaxe de centros que a estas alturas aínda non cumpren o decreto de galeguización do ensino), nos segundos, esta hostilidade cara á nosa lingua só pode ser achacada senón ao odio, á preguiza.
Os que desde o centralismo zamouco volven unha e outra vez coa moenda do problema lingüístico acostuman facelo dun xeito cando menos paradoxal. Se por un lado crean a ficción duns supostos falantes de castelán cuxos dereitos son conculcados nunhas autonomías gobernadas por fundamentalistas ultramontanos empeñados en impoñer as linguas rexionais a un castelán case que en perigo de extinción –e non hai máis que escoitar o galego de Touriño para darse de conta de que nada está máis lonxe da realidade–, por outro lado recorren unha e outra vez a ese canto de serea que glosa o próspero futuro que lle agarda ao castelán como lingua internacional –tamén hoxe se falaba nos medios dun estudo onde o español aparecía no posto segundo en canto á importancia como lingua de negocios (pregúntome en qué posto quedaría o chinés ou mesmo o alemán). Non contentos con xogar a este discurso bidireccional, a acción destes grupos alcanza cotas de cinismo insoportables cando botan man dos escritos do Padre Feijoo (supoño que pensarán que con isto conseguen matar ao verdugo coa súa propia machada) para apoiar as súas diatribas contra un galego que a duras penas consegue manterse a flote nesta sociedade da información onde a cantidade de vías para acceder a unha e á outra lingua difire de xeito escandaloso.
Así as cousas, e visto que rebatemos unha e outra vez argumentos que caen polo seu propio peso, cómpre dar resposta de xeito contundente, a aquela pregunta que hai máis de 40 anos se fixo Ernesto Guevara: “Por que hai que loitar polo evidente?”. Porque as serpes nunca morren, só mudan de pel.

2/19/2008

A tiranía do novo

Disque Sony e Toshiba están en guerra (cada vez ten menos sentido falar de guerras entre países e máis de guerras entre empresas) e nesta guerra o que se xoga é quen conseguirá impor o seu formato de vídeo: Blu-ray Disc vs. HD DVD. Mentras se libra a batalla, nós, habitantes do mundo opulento, mantémonos en vilo sen saber se o feixe de DVDs que almacenamos nos andeis, poderán ser visionados dentro duns aniños ou se non encetarán, como lles sucedeu no pasado ás cintas Betamax e aos discos de vinilo, a mesma senda que seguiron os vellos Neandertais: protagonizaren as primeiras pegadas dun camiño posible pero rapidamente abortado ou transformárense en curiosidades históricas para coleccionistas e público especializado. Consciente de que o sistema que padecemos necesita a busca continua da novidade –algo que nos faga investir sen pausa en novos aparellos e que inutilice os xa de por si caducos trebellos que posuímos– lembro algo que lin recentemente en Filosofía del arte moderno, Konrad Paul Liessmann (1999). No libro o autor repasa as diferentes teorías da arte máis actual, dende o decreto de morte expedido por Hegel, pasando pola calella sen saída postmoderna até a interesante proposta de Boris Groys. Segundo este último, a modernidade encamiñouse á “superación de lo antiguo, a la transgresión y al infringimiento de los límites” é dicir, “a lo nuevo”. E segue Liessmann: …así pues, la búsqueda de lo nuevo puede interpretarse también como síntoma y resultado de aquella “intemperie transcendental” del sujeto moderno que ya describiera el joven Georg Lukács. En efecto, bajo las condiciones de una renuncia a verdades fundametales, a certezas últimas y a representaciones objetivas de la realidad, la pregunta por lo nuevo y la pregunta por lo que tiene valor encajan indisociablemente una en otra: “Preguntar por lo nuevo es lo mismo que preguntar por el valor: ¿Por qué tendemos en general a decir, a escribir, a pintar, a componer algo que antes no existía? ¿De dónde procede la fe en el valor de una innovación cultural propia, si ya es sabido de antemano que la verdad sigue siendo inalcanzable? O, preguntando de otro modo: ¿Qué sentido tiene lo nuevo?”. Segundo se extrae das reflexións de Groys comentadas por Liessmann, na época da reproducción en masa só é obxecto artístico aquel que aporta algo novo en relación ao que o autor ruso bautizou como arquivo cultural: a memoria inmensa e imprecisa ou o canon sempre cuestionado, resumo de todo aquilo que algunha vez encarnou unha visión orixinal e única. Aínda que o parecido coa arte só sexa metafórico, tamén é deste xeito que se comporta a economía neoliberal: cando todo o sagrado morreu, o valor das cousas reside máis no seu carácter de novidade que no seu valor de uso.
De volta a casa tras a manifestación que baixo o lema Galiza non se vende percorreu as rúas santiaguesas, debatemos sobre como o sistema capitalista coa súa promesa de riqueza para aquel que destaque consegue manter unha grande tensión competitiva. Preguntabámonos se non era esta tensión competitiva, a que xeraba unha continua invención e procura de descubrimentos que patentar e dos que sacar réditos; cuestionabámonos tamén se a falta de recompensa ao individuo brillante propia de sistemas menos competitivos –inevitable pensar nas extintas economías do socialismo real e na súa incapacidade para adaptarse ás novas industrias da información e á informática– non diminúe as posibilidades de desenvolvemento e de investigación no seo da sociedade. É dicir, se a mera meta de innovar para ben da comunidade ou do estado, non é un incentivo demasiado pouco atractivo para un ser humano ávido de poder e de gloria. Pensei todo isto despois de ver que na manifestación celebrada en Compostela se daban cita múltiples reivindicacións locais e illadas, palabras soltas e en principio inconexas ( Reganosa en Ferrol, macro vertedoiro no Ribeiro, colectivos de afectados por diversas estradas de Noia ou Redondela, a minaría do Courel, o plano acuícola para a costa…) que acababan por formar, mesmo aínda que moitos dos manifestantes non o souberan, todo un discurso facilmente intelixible: este progreso non nos vale, non queremos chegar máis rápido a ningures, non queremos máis industria e os seus refugallos, non queremos uns postos de traballo a este prezo; ou dito de xeito sintético: non queremos este modelo de desenvolvemento capitalista. (Da manifestación tamén se podería sacar outra conclusión: o saudable que é para todos ver a unha parte da sociedade civil galega mostrando músculo e capacidade organizativa e asumindo un papel de vangarda crítica que marque a golpe de decepción o camiño aos partidos políticos –polo menos, a aqueles que estean dispostos a escoitar a esta cidadanía e a facer propias as súas demandas–. Neste sentido, a mani foi un toque de atención en toda regra ao BNG (pois do PSdeG entendo que é parvo esperar nada) e os nacionalistas farían ben en non ver neste movemento unha ameaza, senón un complemento que aguilloe pola esquerda a acción do goberno).
Pero volvendo ao rego do dito na manifestación e do que en realidade se concluía, me pregunto en alto se moitos dos que alí estaban(mos) serían(mos) conscientes das implicacións resultantes de levar a cabo moitas das reivindicacións expresadas. Se como di Slavoj Zizek a propósito de Cuba, o escenario dun país case que paralizado, onde a penas hai coches, onde todo vai máis de vagar, no que a xente se dedica a deambular polas rúas, onde se cobren como se pode as necesidades básicas pero onde non existen os luxos, sería asumido por todos de bo grado. Pódeseme argumentar, que hoxe en día hai alternativas en materia enerxética para podermos levar unha vida razoablemente confortable sen asoballar a ninguén e sen abusar do planeta, e malia non poñelo en dúbida, fago a seguinte reflexión: para escapar á tiranía do novo, non só hai que cambiar o mundo, tamén temos que cambiar os nosos paradigmas e prioridades. O cambio necesario é tan radical, que para que o desenvolvemento sexa sustentable e xusto, nada pode volver ser igual a como é na actualidade. Non son só medidas económicas equitativas ou políticas de contido social as que se precisan, o máis urxente é construírmos os alicerces dunha nova ética, unha nova inversión dos valores nietzscheana que chame malo ao que hoxe é bo e bo ao que hoxe é malo. Porque se xa agora non somos moitos, cantos haberiamos ser na hora verdadeira en que tivesemos que renunciar á nosa colección de DVDs e a outras banalidades a cambio de que desaparecesen do mapa –canda as súas guerras absurdas– todas as Sony e todas as Toshiba? Seriamos suficientes –pregúntome eu– polo menos para encher a praza da Quíntana?