5/03/2008

Nós, os deslocalizados

No ano 1565 comezou a súa singradura o “Galeón de Manila”, tamén coñecido como “Nao de China”. A embarcación unía o porto de Manila, nas Filipinas, co de Acapulco en México. Esta rota comercial fornecía de mercadorías a ambas beiras do pacífico, axudando, deste xeito, a que dúas colonias distantes tomasen contacto sen a mediación da metrópole. Grazas a esta vía marítima as elites mexicanas tiñan acceso a sedas, artesanía, especias ou alfombras provenientes de todo o oriente. Pasado aínda pouco tempo desde que os europeos chegaran por vez primeira a América, o proceso de comercio xeneralizado daba os seus primeiros pasos; o intercambio sistemático de bens e de persoas que, após a repartición do pastel africano e asiático por parte das potencias imperialistas europeas do século XIX, acabaría por dividir o mundo entre un norte opulento e un sur explotado, botaba a andar. Canda a aqueles galeóns españois que sucaban as augas do Pacífico, iniciábase tamén, sen que ningún dos seus tripulantes o sospeitase, o crecemento irresistible do fenómeno que hoxe denominamos globalización.
Disque neste ano 2008 estamos en crise. Todos os indicativos macroeconómicos andan á baixa (os microeconómicos non baixan porque nunca soben) e, un día si e outro tamén, somos bombardeados –para que vaiamos asimilando o que hai– con novas sobre os duros tempos que nos esperan. Tras un longo período de optimismo nas páxinas salmón, onde as loas a unha bonanza económica ficticia na que a xente obtiña emprego precario e dispuña de créditos fáciles non tanto para adquirir unha vivenda como para se someter a unha hipoteca, novas abstraccións enchen os discursos dos de arriba e dos seus tentáculos mediáticos. Nestes novos tempos de cintos axustados, dous conceptos, como dúas sombras á espreita, amargan a existencia das clases populares: a deslocalización e o dumping. Desta volta os mantras entoados non son inocuos. Detrás do léxico utilizado polo capital para explicar a si mesmo as súas miserias hai un sufrimento concreto de persoas concretas. Na nosa terra temos, lamentablemente, exemplos dabondo destes dous cancros, exemplos que coparon os lemas e as preocupacións de varias manifestacións –as do primeiro de maio e a dos produtores de leite– habidas recentemente. Se sobre a empresa mosense Draka pesa a ameaza de peche e de traslado a Marrocos, sobre o sector leiteiro galego hai tempo que pesa a escravitude dunha política de prezos imposible onde o mercado é rebentado unha e outra vez a base de vender leite por debaixo do custo de produción. Deslocalización e dumping, dous novos fetiches conceptuais, dous pecados non confesados que, coma un virus, amplían o seu campo de actuación mutando e redefiníndose. Así, o que comezou coma un procedemento de rastrexo por parte dos empresarios-cazadores de mercados laborais con lexislacións laxas transformouse, pasado o tempo, nunha nova ferramenta do sistema penal dos países “democráticos”. Coa deslocalización das técnicas represivas, os países cunha reputación que manter, comezaron a alugar servizos a outros países menos escrupulosos: alugueiro de vista gorda e instalacións secretas nas que poder aplicar as prácticas máis execrables. Nomear o limbo legal de Guantánamo é nomear soamente a punta do iceberg desta nova deslocalización. Tamén o dumping se replica baixo novas formas. En paralelo ao dumping de mercadorías existe o dumping social, realidade cada vez máis habitual como consecuencia das migracións masivas de cidadáns dos países do sur cara ao norte, ou, coma no caso galego, de traballadores de áreas con menos actividade económica –os traballadores portugueses nas obras do AVE– cara ás zonas máis “competitivas”. O significado de dump é vertedoiro ou montón de lixo e só como lixo moral –por moito que o Tribunal Europeo de Luxemburgo veña de abenzoar esta práctica no caso dos traballadores polacos subcontratados para executar obra pública en Alemaña– se pode considerar o feito de un obreiro portugués traballar na Galiza recibindo salarios de Portugal. Se o dumping de mercadorías serve para tombar os prezos, o dumping social serve para tombar os salarios. Tanto unha como outra estratexia supoñen unha perda de dereitos laborais e unha merma da calidade dos produtos –especialmente preocupante esta última se do que estamos a falar é de alimentos.
“Por un novo modelo económico máis xusto e sustentábel”, velaquí o lema escollido pola CIG para o primeiro de maio. Había tempo que desde un sindicato maioritario non se atacaba o asunto tan de raíz. Os problemas laborais non se arranxan con melloras parciais, é o empeoramento das condicións de vida das persoas o que forma parte da lóxica mesma do sistema neoliberal. Nesta liña, Lidia Senra lembraba recentemente que Vía campesina –a organización á que representa a nivel europeo– está en contra da exportación de produtos básicos, é dicir, Vía campesina está en contra de algo que, desde os tempos da “Nao de China” se encontra no cerne do sistema: a producción de mercadorías destinada non para o consumo local senón para a súa colocación no mercado mundial. Semella que, de vagariño, a esquerda vai abandonando as posicións á defensiva que a caraterizaban nos últimos tempos e que vai adoptando actitudes de crítica global ao sistema económico. Os parches socialdemócratas son cada vez máis inútiles e a necesidade dunha alternativa que poña freo a esta máquina desbocada vaise facendo, pouco a pouco, máis evidente. A crise enerxética e a conseguinte crise alimentaria –o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon, anunciou hai uns días que a fame e as desordes sociais estourarán se non se fai algo para remedialo– fará máis acuciante ca nunca revisar o modelo de crecemento. A taxa Tobin, canda a outras moitas medidas, debería empezar a conformar un novo corpus legal mundial que baixe o ritmo dun planeta extenuado.
Se a “Nao de China”, aquel evocador barco dos libros de historia, sucase aínda as augas do pacífico, xa non se limitaría a mover mercadorías excedentarias dunha parte do globo á outra. A “Nao de China” do século XXI transporta, canda as sedas orientais con destino a Acapulco, sedas mexicanas de baixo custo con destino a Manila; carga, xunto a turistas acomodados de Asia a América e de América a Asia, inxentes cantidades de traballadores filipinos en busca dun posto de traballo precario nas sederías mexicanas. A “Nao de China” dos nosos días, de non facermos algo que o impida, estase a converter, coma a balsa dos náufragos do Medusa que pintara Delacroix, no bote da desesperación, nun emisor de miseria para ámbalas dúas beiras do océano, de todos os océanos.

Sem comentários: