12/30/2007

Mito e revolución

Slavoj Zizek, como bo eséxeta de Jacques Lacan, ocúpase en varios dos seus libros da traxedia de Antígona, mito profusamente analizado polo francés. Segundo esta historia, a protagonista desafía a Creonte e a toda a sociedade tebana, desobedecendo a prohibición do rei de enterrar o seu irmán Polinices –considerado traidor á súa patria— dignamente. Malia isto, Antígona –cunha determinación propia da moral kantiana– dá sepultura ao irmán con todos os ritos e honores, obviando as consecuencias que comportará un acto polo que acabará sendo condenada a ser enterrada viva.
Zizek ve neste xesto un potencial revolucionario comparable ao de Lenin cando decidiu tomar o tren que o levaría dende Suíza, atravesando Alemaña, ata a fronteira rusa (este episodio cóntao marabillosamente Stefan Zweig no seu Momentos estelares da humanidade) para, sen ningunha garantía previa de saír victorioso, iniciar a revolución. Na opinión do esloveno este sería un auténtico acto ético por canto non está suxeito a funcionalismo algún. É un acto que por si mesmo crea un estado de cousas novo, algo semellante ao que acontece no xadrez, onde a inserción dunha nova peza cambia por completo, e en certa forma reinicia, a partida. Segundo este razoamento é inútil o discurso que trata sempre de adiar o momento revolucionario coas clásicas desculpas de que aínda non se dan as condicións obxectivas, ou alegando a falta de conciencia das capas sociais chamadas a ser suxeito histórico do cambio. Para Zizek, igual que para Lacan, o Gran Outro (a Historia, a Razón, ou calquera instancia que implique unha orde nos acontecementos) non existe; polo tanto, nunca se poderán prever momentos óptimos para calquera acción.
Recentemente vin dous filmes de resonancias míticas. Por unha parte a recomendable Casandra´s dream de Woody Allen, que demostra que os grandes temas —aqueles que nos interpelan a todos directamente: ambición, amor e morte, mal e ben— seguen a funcionar como na noite dos tempos e onde non só o título, senón a película toda, respira un aire de traxedia grega onde cada acontecemento é presaxio dun desenlace fatal, inevitable e aleccionador. O outro filme de cheiro mítico é Medea de Pasollini. Nesta historia, Medea víngase de Xasón, tras ser abandonada por este (recordemos que grazas a ela o argonauta conseguira o arelado Vélaro de ouro) para casar con Glauca, a filla do rei Creonte. Faino matando os tres fillos en común e regalando a Glauca un manto enmeigado que fará que tanto ela coma o seu pai morran queimados.
O de Medea pareceume tamén un xesto absoluto comparable ao de Antígona; outro acto ético onde a protagonista consegue rachar cunha situación de estatismo e chantaxe collendo polo camiño do medio, isto é, o camiño do inesperado: para bater a Xasón mata os seus propios fillos, é dicir, bátese a si mesma. Unha saída radical e polo tanto irreductible, unha intervención excesiva non estratéxica na realidade que racha de xeito radical as regras de xogo imperantes. É a subversión en estado puro que transcende a lóxica do momento dado a base de non respectar esa lóxica, senón obviala e pasar directamente á acción seguindo a convicción propia. É outro imperativo categórico e revolucionario.
Hai pouco lin Mitos, sueños y misterios (1957) de Mircea Eliade, onde o historiador das relixións romanés formula esta interesante observación: El mito viene definido por su propio modo de ser: no se deja atrapar en tanto que mito más que en la medida en la que «revela» que algo se ha manifestado plenamente, y esta manifestación es a la vez «creadora» y «ejemplar», pues conforma la base tanto de una estructura de la realidad como de un comportamiento humano. Un mito siempre explica que alguna cosa ha «sucedido» realmente, que un acontecimiento ha tenido lugar en el sentido absoluto del término, se trate de la creación del mundo, de la especie animal o vegetal más insignificante, o de una institución. El hecho mismo de «decir» lo que sucede revela cómo se ha realizado la existencia en cuestión (y este «cómo» también vale para el «por qué»). Pues el acto de llegar a existir es, al mismo tiempo, la emergencia de una realidad y el descubrimiento de sus estructuras fundamentales.
Esta capacidade de mostrar acontecementos que tiveron lugar no sentido absoluto do termo e de revelar as verdades que encerran explica —nesta época na que segundo algúns xa non é posible crer nas grandes narracións— por que estas historias ideadas hai tantos séculos, aínda conseguen espertar en nós interese, novas lecturas e reflexións.

12/11/2007

Esferas

No libro Otras inquisiciones, 1952 Jorge Luis Borges escribe un relato titulado La esfera de Pascal que comeza, conseguindo introducirnos de cheo no tema, coa seguinte frase: Quizá la historial universal es la historia de unas cuantas metáforas.
A seguir, Borges fai un repaso á persistencia da metáfora Deus-natureza-mundo como esfera desde os tempos dos gregos, pasando polo medievo até o século XVII do matemático e teólogo Blaise Pascal.
Segundo conta Borges, foi o presocrático Xenófanes o primeiro que, farto dos deuses de rasgos antropomórficos, propuxo que Deus era un con forma de esfera eterna. A finais do século XII, Alain de Lille, retoma a idea sintetizándoa na frase: “Deus é unha esfera intelixible cuxo centro está en todas partes e a circunferencia en ningunha”. Conta Borges como durante 1400 anos a astronomía ptolemaica foi o paradigma polo que se guiaron os homes e como, até a chegada da revolución copernicana, a terra era unha esfera inmóbil en torno da que xiraban nove esferas concéntricas. Tras a ruptura copernicana, Giordano Bruno secularizou a frase de Alain de Lille reformulándoa como segue: “Podemos afirmar con certeza que o universo é todo centro, ou que o centro do universo está en todas partes e a circunferencia en ningunha”. Di Borges que el espacio absoluto que había sido una liberación para o renacentista Bruno, converteuse no pesimista século XVII nun laberinto y un abismo, así, prosegue o arxentino, Pascal sintió el peso incesante del mundo físico, sintió vértigo, miedo y soledad, y los puso en otras palabras: “La naturaleza es una esfera infinita (sostén Borges que no manuscrito orixinal Pascal escribiu esfera espantosa)
cuyo centro está en todas partes y la circunferencia en ninguna”.
Veño de ler En el mundo interior del capital. Para una teoría filosófica de la globalización o último libro de Peter Sloterdijk. Despois de ter publicado varios volumes titulados Esferas I Esferas II e Esferas III, o alemán aborda agora o estudo do que hoxe chamamos globalización. Para Sloterdijk, a descuberta de América (naturalmente isto só puido suceder despois de Copérnico) marca o inicio do proceso globalizador. Así, tras facer o seu propio repaso do concepto de esfera desde a Grecia antiga até os nosos días, Sloterdijk expón a súa principal tese: o proceso globalizador iniciado coas circunnavegacións do planeta por parte de españois e portugueses –o que el chama o unilateralismo europeo– isto é, a capacidade dunha parte do planeta para tomar a iniciativa e impor a súa visión do mundo ao resto dos pobos (a apoteose sería o imperialismo do sXIX) rematou, polo que, ao momento actual, cómpre máis definilo co termo de Era Global acuñado por Martin Albrow. Este mundo sincrónico que Sloterdijk sustancia empregando a metáfora do Pazo de Cristal (o edificio abovedado que impresionou os visitantes da exposición universal de Londres e o mesmísimo Dovstoievski) é o lugar onde a sociedade se converte nun obxecto de exposición ante si mesma; ou dito doutro xeito, o lugar onde o exterior é absorbido por un interior que conforma un recinto esférico pechado, regrado e planificado. A xeralización das telecomunicacións contribuirían a crear un mundo denso –onde o choque é cada vez máis probable– e polo tanto un mundo máis inhibido, onde o global e o local, por mor deste estreitamento do espazo, tenderían a confundirse e onde as accións do terrorismo global, non serían máis que restos ou deshinibicións secundarias imitativas daqueles xestos autenticamente deshinibidos que posuían os mariñeiros dos séculos XV-XVI cando aínda era posible encarar (porque aínda existía) ese exterior ignoto máis alá da liña de horizonte do mar. Xestos baleiros duns terroristas globais que non serían máis que provedores de contidos –eles teñen o monopolio da violencia real no mundo do espectáculo– para os medios de comunicación, nunha sociedade que xa aprendeu a convivir e a aceptar a existencia do terror.
Nesta realidade uterina teorizada por Sloterdijk (tan pesimista coma o século XVII) onde suceden tantas cousas que non sucede nada, sería o capitalismo –substituto de Deus e da natureza– co seu incontrolable desprazamento planetario polos mercados finaceiros, a verdadeira esfera espantosa que abraiaba a Pascal cuxo centro está en todas partes e a circunferencia en ningunha; o labirinto e abismo que provoca vertixe, medo e soidade. Porque, como ben suxire Borges na derradeira frase do relato: Quizá la historia universal es la historia de la diversa entonación de algunas metáforas.