6/30/2007

Palabras

No principio estaba a Palabra
e a palabra estaba onda Deus,
e a palabra era Deus.

Evanxeo de San Xoán.


Nunha escena da película de ciencia ficción Dune -dirixida por David Lynch en 1984- o protagonista, Paul Usul Muad'Dib, ensina aos seus homes unha técnica de combate especialmente destructiva. Diante dun obelisco de pedra, proponlle a un dos seus guerreiros que tente destruila dunha patada, dun puñetazo, etc. Por suposto, non o consegue. Muad´Dib entón, ordéalles que se retiren, conecta unha sorte micrófono que leva arredor do seu pescozo, e, a través doutra máquina que sostén na súa man, emite coa voz unha especie de shaaaa sostido, provocando que o obelisco estoupe ante os ollos impresionados dos soldados. Muad´Dib explícalles aos seus homes: "Isto forma parte do método sobrenatural, algúns pensamentos, teñen certo son que equivale a unha forma, co son e co movemento seredes capaces de paralizar os nervos, de esfrangullar os ósos, de crear imperios, de sofocar ao inimigo ou de rebentar o seu organismo". Noutro momento da escena, un guerreiro que está sostendo o aparello destructor sen reparar en que está funcionando, chama a Muad´Dib polo seu nome, provocando que a parede de enfronte tamén estoupe. Muad´Dib, sorprendido ante este feito reflexiona para sí: "O meu nome é unha palabra que mata".
Entro na web de LibertadDigital, ese think tank da dereita española, e tópome nun apartado, cun suplemento chamado Ideas. Nel fálase -é dicir, defínese, o divino e o humano-, fálase de Richard Dawnkins e da existencia de Deus, do cambio climático, de Giordano Bruno, de Economía, de Crise; todo cun certo espíritu contracorrente, que se pode resumir nesta frase que cita un dos opinantes:
librarse de la basura intelectual recibida es una de las más ímprobas de cuantas tareas se proponga una persona con verdaderas ganas de aprender, e canta razón ten.
Chámame moito a atención esta nova actitude da dereita española, este novo espíritu combativo e rebelde que se ten sustanciado nas manifestacións anti-proceso de paz dos últimos tempos ou nos chamamentos á insubmisión por parte dos Bispos (Cañizares mesmo revelou que a Educación para a Cidadanía é O Mal, así, con maiúsculas); pero tamén me chama a atención, o feito de que estén tentando gañar o combate no máis importante dos escenarios: o escenario das ideas, é dicir, no mundo das palabras.
Paradóxicamente, na actualidade unha das palabras chave para a dereita é a palabra liberdade: liberdade de prensa, liberdade para escoller idioma (aquí hai que encadrar aos demagogos de tangallegocomoelgallego), liberdade para escoller os valores educativos e, por suposto, liberdade de mercado.
En definitiva: a épica do far-west. A liberdade do individuo nómada e autosuficiente fronte ao abafante Estado e á opresiva sociedade. E é que a dereita española xa superou a Primo de Rivera e ás vivendas sociáis, á Sección Feminina e ao isolacionismo: agora o que mandan son as leccións neocóns estadounidenses.
Pero... e a esquerda? Onde está a esquerda neste rearme da dereita? Por que hai a sensación de que a dereita está conseguindo gañar terreo en ámbitos dominados tradicionalmente pola esquerda? Por que están conseguindo crear unha rede de apoio naquilo que Gramsci -un home de esquerdas- definiu coma sociedade civil (Fundación en Defensa de la Nación Española, AVT, Galicia Liberal, Fundación Ágora, etc) sen que dende o outro lado se vexa o mesmo músculo organizativo? E o que é peor, por que se lles está permitindo roubar, deturpar, e prostituir aquelas ideas -liberdade igualdade fraternidade- que son os buques insignia do pensamento de esquerda?
Se a esquerda perde a batalla das palabras, se renuncia á súa tradición, se segue co complexo post-muro de Berlín, permitirá que se establezan discursos alternativos sobre temas nos que tradicionalmente reinaba. Este será o comezo da fin.
Coas palabras pódense construir imperios ou pódense esfrangullar ósos. As palabras son armas de dobre gume, hainas que acariñan, e hainas que rabuñan, pero hai palabras que, según as mans nas que estén, simplemente matan.

6/18/2007

Guións, boleros e cintas de video

No libro entrevista que François Truffaut lle fixo a Alfred Hitchcock, este último conta a anécdota do guionista que só tiña ideas xeniais a altas horas da noite, cando estaba na cama coa luz apagada. Ao amencer, descubría que non lembraba nada do que pensara, de xeito que todas as súas creacións se perdían no esquecemento. Para pór remedio a este contratempo, decidiu colocar un bolígrafo e un papel na mesiña de noite coa fin de anotar as ideas tan pronto como xurdisen da súa cabeza. Unha noite, ocorréuselle algo xenial. Prendeu a luz, colleu o papel, anotou todo, e deitouse de novo coa tranquilidade de saber, que desta vez as súas ideas haberían de permanecer en lugar seguro. Cando por fin espertou, o primeiro que fixo foi coller o papel para ler o que anotara a noite anterior. O que estaba escrito na folla era o seguinte: "Un rapaz coñece a unha rapaza".
Recentemente revisitei dous clásicos do cine: O marido da perruqueira de Patrice Leconte, e La strada de Federico Fellini; e case sen me decatar atopei nas súas personaxes un estraño paralelismo. Eran coma un rostro reflexado nun espello: a mesma figura pero con todas as partes postas do revés.
Antoine, o protagonista da peli de Leconte, móstrasenos coma un home simpático e tenro, Zampanò, o protagonista da peli de Fellini, coma un home rudo e brutal. Gelsomina, a protagonista da peli de Fellini, desprega unha comicidade asexuada, mentras que Mathilde, a protagonista da peli de Laconte, aparece coma o erotismo en estado puro. Antoine, desde neno soubo que quería casar cunha perruqueira. Zampanò, únicamente desexaba estar só. Gelsomina, suplicaba por ser amada. Mathilde, suplicaba por non deixar de ser amada. Antoine fica só e desgrazado pese a amar desmedidamente. Zampanò fica só e desgrazado por non ter sabido amar. Gelsomina morre sen ser amada. Mathilde suicídase pese a non deixar de ser amada.
Din que os mellores boleros de amor, son os que tratan da ruptura, por iso, é probable que o guionista de Hitchcock só tivese un xeito de poder superar en xenialidade a aquela xenialidade que conseguiu salvar grazas á feliz idea de deitarse cun bolígrafo á man.
Acontecería o día en que, ao se levantar pola mañá, lese no papel da mesiña de noite, escrita coa tosca caligrafía que a excitación creativa lle tivese permitido, a seguinte frase:
"Un rapaz perde a unha rapaza".

6/15/2007

Punk

Hai algúns días volvín escoitar na radio unha canción que había tempo que non escoitaba. Tratábase de Me gusta ser un zorra, a versión troglodítica que fixeran Las Vulpes, da xa de por si troglodita I wanna be your dog dos Stooges. Como todo o mundo sabe esta canción pasou á historia porque no ano 1983 Televisión Española a emitiu nun programa musical. A actuación provocou tal escándalo na sociedade da época, que o programa foi retirado, e o xornal ABC adicouse durante semanas a moer o tema. Obviamente, todo isto pasaba nun tempo e nun lugar onde o escándalo ainda era posible.
Vou pola rúa e vexo os valados dunha campaña publicitaria de Beefeater. O leit motiv que empregan é a cidade de Londres. O valado é unha composición onde destacan diversos espazos arquitectónicos londinenses, un rapaz de aspecto brit-pop tocado cun bombín e un paraugas, e, o que máis me chamou a atención, catro carteis do album London Calling, pegados nun muro. O contraste está claro, The Clash, a banda máis vermella do primeiro punk, convertida en icona de marketing: Ou de cando a estética da transgresión axuda a vender.
Di Sloterdijk: "O paradoxo moral do capitalismo é, sobor de todo, a peculiar soportabilidade do insoportable, o confort na desolación, a high life na permanente catástrofe. Hai tempo que dixire aos seus críticos, sobor de todo desde que se puido percatar do fracaso de todas as alternativas iniciadas revolucionariamente". Sobra dicir que, socialmente, o Estado Español dos primeiros oitenta, ainda non era un país capitalista homologado.
Os situacionistas dicían: "O sistema non crea, recupera". Pero nesta recuperación, a idea a integrar baléirase de contido, perdendo parte ou o todo o seu significado. É dicir, o sistema, subvirte. Transforma todo o que toca, en materia inerte. O sistema é unha especie de rei Midas invertido, que muda o ouro en chumbo: onde a aparente solidez devén extrema flexibilidade.
Slavoj Zizek sostén que a consigna hoxe en día é: Goza. Consume, disfruta, aproveita, proba. O esloveno tamén cree que o sistema non pretende ser tomado totalmente en serio. Ao hedonista de hoxe, todo lle está permitido, pero iso si, todo debe ser consumido sen a súa sustancia maligna: toma café, pero sen cafeina, bebe cervexa, pero sen alcol, fornica, pero practicando o sexo seguro, métete en política, pero esquécete da economía.
É dentro desta permisividade controlada onde se nos convida a ser escandaloso sen escándalo, a ser revolucionario sen revolución.
Nunha época na que os donos dunha empresa coma Google, aparecen coma dous rapaces desenfadados que se moven en skate pola súa oficina, ou onde o dono da Virgin, é unha especie de hippie maduro ao que lle encanta voar en globo aerostático, quen encarnaría ao revolucionario? Non sería algo así, coma alguén alonxado de todo comportamento estrafalario e bastante serio? Non estamos nun momento no que o fulano con pelos crespos amarelos podería representar máis acaidamente ao cidadán integrado? Acaso non sería a imaxe dalguén cun aspecto común e carente de artificio, alguén dunha austeridade case gris e para nada choqueiro quen mellor representase ao inimigo do sistema?

6/14/2007

Porcos, patos, e outros bechos

No seu libro O xen egoista, o etólogo Richard Dawnkins fala das EEE (Estratexias Evolutivas Estables). Entre os moitos exemplos tirados de observacións con animais, conta o experimento denominado A Caixa de Skiner. Neste experimento o animal é obrigado a alimentarse únicamente cando consegue accionar unha panca, de tal xeito que a comida é deslizada por unha rampa.
Dous científicos empregaron este método con porcos, pero cunha innovación adicional: A panca atopábase nun extremo e o dispensador de comida no outro, desta forma, o becho tiña que accionar o mecanismo nun lugar e despois desplazarse correndo ata o outro para inxerir a comida. Porén, esta non foi a única innovación destes dous tipos: en lugar de introducir a un só animal na caixa de Skiner, introduciron parellas de porcos, dando así a posibilidade da explotación dun porco polo outro. O porco "escravo" accionaba a panca e corría e o porco "amo" agardaba a que o alimento caese, creando así unha pauta estable.
A observación máis detallada do experimento deparou un paradoxo: as etiquetas "amo" e "escravo" designaban posicións cambiantes: O porco que disfrutaba plácidamente da maioría do alimento comportábase en todos os demáis sentidos coma subordinado e o porco que pasaba todo o traballo e só accedía a unha parte pequena do alimento, era en todas as demáis facetas o dominante.
Dawkins explícanos como este aparente paradoxo encerra unha gran lóxica en aras de conseguir unha relación estable: se o porco que acciona a panca fose o subordinado non sería capaz de desplazar ao outro cando quixese disfrutar da súa pequena parte de comida e tendería a cesar o hábito de premer a panca. Sendo o dominante, só precisa que quede un pouco de comida para seguir atopando motivación. E pola outra banda, o porco nugallán, sempre verá recompensado o seu hábito de deitarse ocioso ante a rampa.
Estamos en tempos de pa(c)tos entre as dúas forzas que sustentan ao goberno da Xunta. Uns pactos que o BNG acolle con cautelas e desconfianzas, bastante xustificadas, tendo en conta o balance que a Fronte obtivo de acordos feitos en anteriores ocasións: traicións, deslealdades, desprezos, e o peor de todo, baixa rendibilidade eleitoral. Nesta nova andaina os nacionalistas semellan querer curarse en saúde, e están a negociar a cara de can -non hai máis que ver o prantón de onte a Orozco- e pondo as cousas todo o claras, e visualizables, que se poida desde un principio.
Pola banda do PSOE, despois de deixar atrás os anos negros nos que pasaron a ser a terceira forza do país, pero sen poder levar a cabo o seu seguinte máximo anhelo, isto é, facer desaparecer do mapa ao BNG, acomódanse, non sen reticencias e dificultades, á realidade inevitable de que para o PP non gobernar en calquera das Caixas de Skinner que son os distintos ámbitos de poder político existentes en Galiza, non chega cun só porco, son imprescindibles dous.
E é que por moito que o Napoleón d´A revolta dos animais -porco tamén el- dixera aquilo de: todos os animais son iguais pero uns son máis iguais que outros, se o que queremos é unha Estratexia Evolutiva Estable no que a pactos se refire, semella que a fórmula: o porco máis nugallán = porco dominante, non ten moito futuro. Probablemente a desexada estabilidade só sexa posible cando as dúas forzas aprendan a tratarse coma o que son: igual de necesarias e polo tanto, igual de relevantes.