12/30/2007

Mito e revolución

Slavoj Zizek, como bo eséxeta de Jacques Lacan, ocúpase en varios dos seus libros da traxedia de Antígona, mito profusamente analizado polo francés. Segundo esta historia, a protagonista desafía a Creonte e a toda a sociedade tebana, desobedecendo a prohibición do rei de enterrar o seu irmán Polinices –considerado traidor á súa patria— dignamente. Malia isto, Antígona –cunha determinación propia da moral kantiana– dá sepultura ao irmán con todos os ritos e honores, obviando as consecuencias que comportará un acto polo que acabará sendo condenada a ser enterrada viva.
Zizek ve neste xesto un potencial revolucionario comparable ao de Lenin cando decidiu tomar o tren que o levaría dende Suíza, atravesando Alemaña, ata a fronteira rusa (este episodio cóntao marabillosamente Stefan Zweig no seu Momentos estelares da humanidade) para, sen ningunha garantía previa de saír victorioso, iniciar a revolución. Na opinión do esloveno este sería un auténtico acto ético por canto non está suxeito a funcionalismo algún. É un acto que por si mesmo crea un estado de cousas novo, algo semellante ao que acontece no xadrez, onde a inserción dunha nova peza cambia por completo, e en certa forma reinicia, a partida. Segundo este razoamento é inútil o discurso que trata sempre de adiar o momento revolucionario coas clásicas desculpas de que aínda non se dan as condicións obxectivas, ou alegando a falta de conciencia das capas sociais chamadas a ser suxeito histórico do cambio. Para Zizek, igual que para Lacan, o Gran Outro (a Historia, a Razón, ou calquera instancia que implique unha orde nos acontecementos) non existe; polo tanto, nunca se poderán prever momentos óptimos para calquera acción.
Recentemente vin dous filmes de resonancias míticas. Por unha parte a recomendable Casandra´s dream de Woody Allen, que demostra que os grandes temas —aqueles que nos interpelan a todos directamente: ambición, amor e morte, mal e ben— seguen a funcionar como na noite dos tempos e onde non só o título, senón a película toda, respira un aire de traxedia grega onde cada acontecemento é presaxio dun desenlace fatal, inevitable e aleccionador. O outro filme de cheiro mítico é Medea de Pasollini. Nesta historia, Medea víngase de Xasón, tras ser abandonada por este (recordemos que grazas a ela o argonauta conseguira o arelado Vélaro de ouro) para casar con Glauca, a filla do rei Creonte. Faino matando os tres fillos en común e regalando a Glauca un manto enmeigado que fará que tanto ela coma o seu pai morran queimados.
O de Medea pareceume tamén un xesto absoluto comparable ao de Antígona; outro acto ético onde a protagonista consegue rachar cunha situación de estatismo e chantaxe collendo polo camiño do medio, isto é, o camiño do inesperado: para bater a Xasón mata os seus propios fillos, é dicir, bátese a si mesma. Unha saída radical e polo tanto irreductible, unha intervención excesiva non estratéxica na realidade que racha de xeito radical as regras de xogo imperantes. É a subversión en estado puro que transcende a lóxica do momento dado a base de non respectar esa lóxica, senón obviala e pasar directamente á acción seguindo a convicción propia. É outro imperativo categórico e revolucionario.
Hai pouco lin Mitos, sueños y misterios (1957) de Mircea Eliade, onde o historiador das relixións romanés formula esta interesante observación: El mito viene definido por su propio modo de ser: no se deja atrapar en tanto que mito más que en la medida en la que «revela» que algo se ha manifestado plenamente, y esta manifestación es a la vez «creadora» y «ejemplar», pues conforma la base tanto de una estructura de la realidad como de un comportamiento humano. Un mito siempre explica que alguna cosa ha «sucedido» realmente, que un acontecimiento ha tenido lugar en el sentido absoluto del término, se trate de la creación del mundo, de la especie animal o vegetal más insignificante, o de una institución. El hecho mismo de «decir» lo que sucede revela cómo se ha realizado la existencia en cuestión (y este «cómo» también vale para el «por qué»). Pues el acto de llegar a existir es, al mismo tiempo, la emergencia de una realidad y el descubrimiento de sus estructuras fundamentales.
Esta capacidade de mostrar acontecementos que tiveron lugar no sentido absoluto do termo e de revelar as verdades que encerran explica —nesta época na que segundo algúns xa non é posible crer nas grandes narracións— por que estas historias ideadas hai tantos séculos, aínda conseguen espertar en nós interese, novas lecturas e reflexións.

Sem comentários: