7/08/2007

Música, ética e fracaso

Non existe o Demo, é Deus cando está borracho
Tom Waits


Björk: Gústame moito a súa música porque vostede da espazo a quen a escoita. Un pode meterse dentro dela e vivir alí. En moita da música feita nos últimos séculos, só se espera dun que se sente e que escoite.
Ärvo Pärt: Se cadra é porque eu necesito espazo para min mesmo, incluso ainda que esté traballando. Penso que o son é un fenómeno moi interesante. Por qué lle gusta tanto á xente, por qué están tan influenciados pola música. Eles non saben cómo de forte é a influenza da música sobre nós. Xa sexa para ben ou para mal. Ti podes matar co son. E podes facer algo totalmente oposto a matar. A distancia entre estes dous puntos é moi grande. E ti és libre, podes escoller. Na arte todo é posible, pero non todo o que se fai é necesario.
Björk: Hai preguntas e respostas. As diferentes voces dentro da súa música. É case coma Pinocho e Pepito Grillo. Pinocho é o humano, sempre cometendo erros, ou doéndose, ou provocando dor aos outros. E Pepito Grillo é máis coma… un consolo para el… como se lle dixese… xa sabe (fai un xesto coa man, como de alguén dando unha lección a outro)
Cre que todo isto está dentro da súa música ou se cadra é algo que eu imaxino?
Ärvo Pärt: Síntome moi feliz de que fale sobre iso. Realmente é así. Este novo estilo consta de dous camiños. Dúas caras. De xeito que nunha liña están os meus pecados e noutra liña está o perdón a eses pecados. Básicamente a música ten dúas voces. Unha é máis complicada e subxectiva, e a outra é moi simple, clara e obxectiva.
Voz en off de Björk: El cre, verdadeiramente, en algo así coma un estado de divinidade. Un lugar de puro éxtase. A maioría da xente consegue chegar a el namorándose con loucura, ou con calquera outra cousa. A súa música non vai sobre como o acadas, ou porqué. É algo universal, é algo para todo o mundo.


Nesa televisión á carta que é Youtube vin o video desta curiosa entrevista entre dous músicos que me encantan e aos que nunca pensei que podería ver conversando. Interesoume especialmente esa idea que comenta Ärvo Pärt dunha música que englobe as dúas caras dunha persoa. A cara do pecado e a cara do perdón. Ou o que é o mesmo a cara do mal e a cara do ben. Ver a este estonio de aspecto tranquilo fíxome recordar os Diarios doutro barbado do norte de Europa: Lev Tolstoi. Neles describía a súa tortuosa e constante busca da vida virtuosa, e tamén os seus constantes fracasos para acadala. Eran chamativas as listaxes de actividades, represións e comportamentos que se autoimpuña e tamén, o que Slavoj Zizek chamaría os seus “reversos obscenos”: as continuas recaidas no alcol, as perdas no xogo, ou os seus escarceos sexuais adúlteros. En definitiva, a galería de pequenas victorias e de grandes derrotas, á que todos nos sometemos neste inestable aramio que separa o correcto do incorrecto, o ben do mal.

1 comentário:

Amando disse...

Felicidades por este espléndido escaparate.