6/30/2007

Palabras

No principio estaba a Palabra
e a palabra estaba onda Deus,
e a palabra era Deus.

Evanxeo de San Xoán.


Nunha escena da película de ciencia ficción Dune -dirixida por David Lynch en 1984- o protagonista, Paul Usul Muad'Dib, ensina aos seus homes unha técnica de combate especialmente destructiva. Diante dun obelisco de pedra, proponlle a un dos seus guerreiros que tente destruila dunha patada, dun puñetazo, etc. Por suposto, non o consegue. Muad´Dib entón, ordéalles que se retiren, conecta unha sorte micrófono que leva arredor do seu pescozo, e, a través doutra máquina que sostén na súa man, emite coa voz unha especie de shaaaa sostido, provocando que o obelisco estoupe ante os ollos impresionados dos soldados. Muad´Dib explícalles aos seus homes: "Isto forma parte do método sobrenatural, algúns pensamentos, teñen certo son que equivale a unha forma, co son e co movemento seredes capaces de paralizar os nervos, de esfrangullar os ósos, de crear imperios, de sofocar ao inimigo ou de rebentar o seu organismo". Noutro momento da escena, un guerreiro que está sostendo o aparello destructor sen reparar en que está funcionando, chama a Muad´Dib polo seu nome, provocando que a parede de enfronte tamén estoupe. Muad´Dib, sorprendido ante este feito reflexiona para sí: "O meu nome é unha palabra que mata".
Entro na web de LibertadDigital, ese think tank da dereita española, e tópome nun apartado, cun suplemento chamado Ideas. Nel fálase -é dicir, defínese, o divino e o humano-, fálase de Richard Dawnkins e da existencia de Deus, do cambio climático, de Giordano Bruno, de Economía, de Crise; todo cun certo espíritu contracorrente, que se pode resumir nesta frase que cita un dos opinantes:
librarse de la basura intelectual recibida es una de las más ímprobas de cuantas tareas se proponga una persona con verdaderas ganas de aprender, e canta razón ten.
Chámame moito a atención esta nova actitude da dereita española, este novo espíritu combativo e rebelde que se ten sustanciado nas manifestacións anti-proceso de paz dos últimos tempos ou nos chamamentos á insubmisión por parte dos Bispos (Cañizares mesmo revelou que a Educación para a Cidadanía é O Mal, así, con maiúsculas); pero tamén me chama a atención, o feito de que estén tentando gañar o combate no máis importante dos escenarios: o escenario das ideas, é dicir, no mundo das palabras.
Paradóxicamente, na actualidade unha das palabras chave para a dereita é a palabra liberdade: liberdade de prensa, liberdade para escoller idioma (aquí hai que encadrar aos demagogos de tangallegocomoelgallego), liberdade para escoller os valores educativos e, por suposto, liberdade de mercado.
En definitiva: a épica do far-west. A liberdade do individuo nómada e autosuficiente fronte ao abafante Estado e á opresiva sociedade. E é que a dereita española xa superou a Primo de Rivera e ás vivendas sociáis, á Sección Feminina e ao isolacionismo: agora o que mandan son as leccións neocóns estadounidenses.
Pero... e a esquerda? Onde está a esquerda neste rearme da dereita? Por que hai a sensación de que a dereita está conseguindo gañar terreo en ámbitos dominados tradicionalmente pola esquerda? Por que están conseguindo crear unha rede de apoio naquilo que Gramsci -un home de esquerdas- definiu coma sociedade civil (Fundación en Defensa de la Nación Española, AVT, Galicia Liberal, Fundación Ágora, etc) sen que dende o outro lado se vexa o mesmo músculo organizativo? E o que é peor, por que se lles está permitindo roubar, deturpar, e prostituir aquelas ideas -liberdade igualdade fraternidade- que son os buques insignia do pensamento de esquerda?
Se a esquerda perde a batalla das palabras, se renuncia á súa tradición, se segue co complexo post-muro de Berlín, permitirá que se establezan discursos alternativos sobre temas nos que tradicionalmente reinaba. Este será o comezo da fin.
Coas palabras pódense construir imperios ou pódense esfrangullar ósos. As palabras son armas de dobre gume, hainas que acariñan, e hainas que rabuñan, pero hai palabras que, según as mans nas que estén, simplemente matan.

1 comentário:

R. A. disse...

Moi certo. Permítome tamén unha reflexión complementaria: para os que nos consideramos auténticamente liberais ao tempo que progresistas o medo xa está materializado: roubáronnos o termo "liberal". Eu creo no liberalismo como freo mesmo aos excesos democráticos -e se non, que lle pregunten aos dereitos individuais asoballados polas lexislacións antiterroristas-. Creo tamén no mercado libre, pero como o definiu Adam Smith (e outros nesa liña), non como o soñan os neocons da nova onda.
Permítome seguir na mesma liña preguntándome: ¿por qué certos elementos da esquerda seguen a vivir en Babia mentres nos rouban o liberalismo para retorcerlle o significado? Algúns botamos en falla algún Kant que nos asista, algún Habermas, algún Rorty... outros seguen soñando con Fidel Castro. E os de sempre enchen o concepto "liberalismo" de "vivan as caenas".